martes, 17 de setembro de 2013

(In)consciencias (e 2)

Foto: George Hodan
Logo da necesaria crónica troiana anterior, ó gran: Para que un produto cultural poida ser rendible, é imprescindible a existencia dun público suficiente, en número e en “hábito consumidor” (poño comiñas porque soa como soa), capaz de asumir esa oferta. É dicir: para que creador, editor e distribuidor dese produto poidan verse retribuídos como lles corresponde e, xa que logo, siga a traballar a maquinaria, ten que haber quen faga o gasto. A cuestión é se ese público existe. Eu dubido que así sexa.
Un consumidor de cultura (se queren usarse palabras tan pouco inspiradas) a ese nivel terá que ser alguén coas necesidades básicas cubertas e un excedente importante na carteira para que estean ó seu alcance os prezos habituais no sector, que baixos non adoitan ser. Por forza, tería que pertencer á clase media-alta. Tendo en conta que falamos de España e Galicia, igual o rango de poboación que encaixe nesta descrición non é moi amplo, non nos enganemos. O estándar son salarios ou pensións raquíticas ou subsidios de 400 euros e mercar marca branca e de rebaixas. Con semellante panorama, demandar un investimento con certa continuidade en produto cultural sen máis é ocorrencia ben desafortunada. E os que quedan capaces de responder a tal demanda, témome que sexan demasiado poucos.
Matando xa o conto: O produto cultural demanda un grupo consumidor numeroso e poderoso. A meirande parte da poboación aquí non pode selo; só trata de sobrevivir. A pregunta é: Por causa de quen ou de que? Pódense dar moitas respostas, pero dificilmente “Os piratas culturais” sexa unha válida, por moito que non estea mal a xeito de brincadeira. Pénsese onde nos levan calquera das válidas, por que terreos, cara onde apuntan. Pénsese con calma nisto, e logo, a poder ser, actúese.

(In)consciencias (1)

Foto: Vera Kratochvil
Non entendo por que se critica tanto a quen algunha vez fala sen saber. Por exemplo, todo erro procede, penso eu, de actuar sen saber ou sen ser consciente no momento do acto. Se a xente non se trabucara nunca, o mundo sería tan aburrido que habería suicidios en masa.
Dito isto, acho que hai certos temas acerca dos que se opina demasiado sen ter unha visión dabondo ampla dos mesmos, e isto xa é perigoso. É o caso da chamada piratería cultural. Cada pouco tempo, algún artista culpa publicamente a estes “piratas” de que caian as vendas e de que, en consecuencia, pechen editoras, produtoras ou discográficas e de que os propios artistas non dean cobrado polo que fan. Ben. Respecto a isto, certas puntualizacións:
1. Hai quen opina que a cultura debe ser gratuíta. En base a esta idea, irreprochable ó meu ver, o que fai esa xente é copiar e distribuír de balde produtos culturais, algo distinto, pois estes últimos xa teñen un custo de fabricación (onde se inclúe o pago ó autor) que cómpre amortizar e a maiores, o fabricante ha de tirar beneficios para seguir fabricando; xa que logo, o produto cultural xamais pode ser de libre e gratuíta distribución. Xamais. Estes distribuidores amantes da cultura o que fan é o contrario, desvalorizala. Fan que sexa vista como algo polo que non merece a pena pagar. Algo sen valor. Eu mesmo teño recibido máis dunha vez o consello de ofrecer a miña narrativa de balde e punto, porque “diso é moi difícil vivir”. Grolo de lixivia para un dos poucos narradores actuais en galego a tempo completo, que eu saiba.
2. Afondando un pouco no concepto “pirata cultural”: Hai quen entende por tal o individuo que, valéndose de produtos roubados ou copiados ilegalmente, tira un beneficio. Non teño acceso ás contas de propietario ningún de web de descargas, por exemplo, así que nada podo asegurar. Mais tampouco dubido da existencia deses individuos e, se é certo que así obran, hai que pararlles os pés máis cedo ca tarde. Iso por unha banda. Pola outra, hai outros tipos de piratas, que non o serían no sentido mercantil da palabra, pois limítanse a compartir algo da súa propiedade ou obtido de outros, sen ganancia (material). Algúns mesmo rescatan do sobrado libros, música ou filmes case desaparecidos, que a industria ben non coñece ou ben non ten interese en comercializar. Teño descargadas rarezas fílmicas que, de non ser porque alguén fixo o esforzo desinteresado de unir a unha imaxe un audio dunha vella edición en VHS (non é doado, ollo), non habería xeito de atopar por ningures en idioma para min comprensible ou en ningún idioma. Igualmente, abundan en internet subtítulos creados de oído por internautas, e en moitas ocasións tamén as súas traducións a outros idiomas, todo sen retribución ningunha, por axudar e compartir. E non é raro que os autores tanto desas mesturas improvisadas coma deses subtítulos rematen recoñecendo a súa obra en edicións comerciais lanzadas posteriormente por distribuidores sen ética ningunha. Teño mercadas edicións en DVD co audio malamente audible, a sinopse da contracapa sospeitosamente semellante á dun post dun foro anterior en anos, ou subtítulos demasiado erróneos para seren obra dun profesional.
Na vindeira entrega, imos ó gran.

luns, 16 de setembro de 2013

Inutilidades

Foto: Andrea Schafthuizen
Estaban todos sentados a unha mesa tomando café, no descanso de trinta minutos dunha clase dun curso de formación para desempregados. Xente de entre vintepoucos e corenta e tantos anos. Naquel momento, falaban da súa formación, universitaria nos máis dos casos, do que eran capaces de facer e do que lles gustaría ter feito.
Un deles, cando lle preguntaron que estudara e o que lle gustaba, sorriu e dixo:
-Ah, eu só son un inútil de letras...
Díxoo, ó meu ver, cun desenfado moi obvio no ton. Mais o resto dos presentes na mesa non semellou captar aquel chispazo de sentido de humor. Decontado se puxeron a gabar, cunha intención igualmente evidente de darlle ánimos, as habilidades que del coñecían: que se era moi traballador, que se era moi intelixente, que se entendía moito disto ou do outro. Un deles, mesmo gabou o seu costume de ler o xornal a diario.
El, mentres, limitábase a sorrir e elevar a ollada cara o teito. Paciencia.
Aquel grupo de gabadores non se pararía a pensar que os meirandes desastres da historia da humanidade foron causados, con case total probabilidade, por individuos que se tomaban a si mesmos moi en serio.

venres, 13 de setembro de 2013

Peixes na rede

Foto: Piotr Siedlecki
Aqueloutro día falaba eu do falaz de afirmar que, por norma, a tecnoloxía deshumaniza ó ser humano. Pois ocorréseme hoxe aínda outro exemplo.
A miña conta de Twitter é a primeira que teño. Ata hai algo menos dun mes, só sabía ler tuits célebres, sen ter idea do funcionamento interno do bicho. Desde que entrei nas súas tripas, teño notado, á marxe do cumprimento de certos tópicos, comportamentos que, ó meu ver, demostran unha vez máis o erróneo de coidar que, como lin nun tuit, sería a primeira vez que un paxaro meta un humano nunha gaiola.
Diso nada. Non por norma. De feito, hai moito tuiteiro a evidenciar a súa condición humana. Non é raro ver como, nunha das conversas que alí se tecen con frecuencia, aparece de repente un terceiro (ou cuarto, ou quinto) para dar a súa opinión, e como, sen ter el dito nada ofensivo ou banal, é directamente ignorado, nun silencio que se diría entre desconcertado e incómodo do resto de participantes. Semellan querer dicir: “Quen es ti para vires así? Coñecémonos? Temos xantado xuntos?”. O paso seguinte adoita ser proseguir a conversa omitindo nas respostas o nome do espontáneo. Compárese o anterior coa vida "analóxica". Probade a entrar nun bar ou nun pub, escoitar, quedarvos cunha das conversas que se mesturan no ambiente, ir á mesa onde esta sucede e metervos nesa conversa, sen acritude, por puro interese. O previsible é que á intromisión siga unha pausa desagradable. Despois, se acaso, algún dos da mesa adicarávos un par de palabras desganadas, por pura cortesía; tampouco vos estrañe que, sinxelamente, se volvan todos cara outro lado e sigan falando entre eles.
Isto pode ser comprensible, de non ser porque o Twitter non é un local de copas.  Semella que eses tuiteiros que de tal maneira reaccionan, revolvéndose coma os peixes na nasa (educadamente) perante unha tentativa de iniciar comunicación por parte dun espontáneo, non teñan moi claro o concepto de rede social. E que é iso? Pois, nin máis nin menos, un sitio onde meterse en conversas alleas e falar con persoas ás que non se coñece de nada é algo perfectamente natural. (Outra cousa é recibir ou proferir ameazas de morte, por descontado.) Nas relacións persoais na rede, na forma en que alí se coñece a xente, o habitual é xustamente o que non adoita selo na vida analóxica, "real". Se fose doutro xeito, para que empregalas? Velaí a diferencia fundamental. É ou non é?

mércores, 11 de setembro de 2013

A morte en coiro

Foto: Petr Kratochvil
Están este fulano e máis súa nai falando na cociña. Díxome-díxomes familiares. O fulano ten corenta e moitos e case nunca sae da casa. Non se fía dos bancos nin da xente. Desde que perdeu o emprego, engordou 15 ou 20 quilos lambetada vai e lambetada vén, só mira faladoiros de política das canles privadas (encántalle Intereconomía) e, cando o chama por teléfono algún coñecido, finxe non estar. Pois o caso é que semella facerlle moita gracia algo que dixeron sobre un antigo compañeiro da construción hai pouco.
“Xa oíches”, dille á nai, que atende sen dicir nada, talmente un obxecto decorativo de 70 anos. “Disque Xan de Tal está aborrecido da vida. Así me dixo o outro día Paco de Cal que lle dixera cando se atoparon nun bar: 'Eu o que quero é morrer dunha vez. Vou canso de vivir'.” Repite todo isto remedando unha voz bruta e queixosa a un tempo. E escarállase coa risa outra vez.
Volve repetir a frase, máis ou menos coas mesmas palabras e ton, e volta a escarallarse. Así leva varios minutos, veña e dálle. O bandullo bríncalle coma un saco de plástico cheo de unto. Debe resultarlle ridículo que alguén tan real diga algo tan de melodrama. Por moito que Xan de Tal leve anos a tratamento con antidepresivos, desde que a muller pedira a separación, segundo ela por ir “farta dun burro que só vale para traballar”. E este fulano, nada. Coma se estivera a imaxinar á morte en coiro.
Hai moito que eu aquí non paso de convidado, así que me limito a observalo cun moderado aire crítico. El non semella decatarse. Ou si, pero fai burla da miña expresión severa. Non se lle remata a corda. Segue e segue, repetindo palabras e risadas. “Eu o que quero é morrer dunha vez. Vou canso de vivir”. Palabras e risadas, palabras e risadas.

luns, 9 de setembro de 2013

A miraxe do ruído

Foto: Lilla Frerichs
Vai a noite avanzada e os pubs e as discotecas e os bares de rock duro e menos duro e os cafés concerto (que algún queda) vanse enchendo ós poucos de individuos que afirman quereren vivir sen as ataduras propias dos horarios pactados e do finximento que supón axustarse ó protocolo diúrno. Eles non o expresan así. A meirande parte desta xente non é moi orixinal que digamos, e só explica, con preguiza, que vai divertirse, tomarlle unha, estar con amigos. Os máis sofisticados, que van “descargar”.
Dan a impresión de que as noites de fin de semana son o acontecemento (semanal) das súas vidas. O que fan o resto do día e dos días non é que lles dea frío nin calor; se hai que facelo, faise. A noite é a súa ilusión verdadeira. Hai un aire innegable de grandiosidade na expresión desa ansia. Esta noite e tódalas que poidan, realmente semellan crerse por enriba do ben e do mal, máis aló de toda coita ou dúbida. Indestrutibles. Polo menos ata iso das seis ou sete da mañá.
Se te deixas caer por onde soa o ruído, veralos alí. As feras que gardaban dentro de si de luns a venres rabuñan coas gadoupas, amontoadas coma coellos e enchoupadas en suor, entre as catro paredes entre as que ficaron confinadas nada máis saíren esfameadas, coidando que fóra agardaba a liberdade. É o que os máis vellos do lugar chaman a miraxe do ruído.

xoves, 5 de setembro de 2013

A sensación máis pracenteira

Foto: Erica Brunt
Dirás o que queiras. Que o orgasmo é a sensación máis pracenteira que un ser humano poida coñecer. Ou que o é o amor. Ou a da liberdade tan prometedora cando metes o boleto na máquina e a pantalla di que che tocaron cinco millóns. Ou a derivada de experimentar con certas drogas. Mesmo a de morrer (isto, naturalmente, só pode ser unha conxectura) en paz, sen arrepentirte de nada, ou ben logo de arrepentirte de todo e saberte perdoado.
Dirás o que queiras, que delito non é. Mais describireiche unha situación, e de seguro 
que me entenderás:
Levas unha hora á friaxe da peor das noites invernizas, vestido de verán e mal abrigado nun portal dunha rúa absolutamente deserta. Sen transporte, sen cartos dabondo para un taxi e sen un amigo que te veña recoller. Vives a 50 quilómetros e dóenche tódolos ósos. Cando parece que xa non hai esperanza, que perdiches tódalas túas oportunidades, de súpeto, ves chegar o teu autobús. Esa sensación de ter a parada moi preto, de que darás estado nela en tempo, é moi pracenteira. Pero máis o é a tranquilidade cando se abre a porta, entras, pagas e sentas. Con présa ó comezo, moi devagar despois. E notas que o autobús está quente por dentro, por mor da calor doutros viaxeiros ata hai pouco tamén desesperados no seu abandono. E o condutor arrinca. Velaí o sinal: xa non tes que levar máis ó seu límite a túa resistencia. Os teus problemas ficaron atrás. Á fin, podes descansar: estás salvado. Esa, e non outra, é a sensación máis pracenteira de todas.

luns, 2 de setembro de 2013

Sorte nunca máis

Unha vez faláronme dun home que seica era practicamente inmune á carraxe. Podía un dicirlle o que quixera, que el mantiña a calma e todo, mesmo aldraxes desas ceibadas con bala, o aturaba cun sorriso paciente. Sen embargo, humano como era, algún punto feble había ter. E si. O seu era un insulto que, polo menos desde que teño uso de razón, nunca pasou de moda para a poboación adulta de trinta anos para arriba: fracasado. Se alguén se atrevía a espetarlle tal cualificativo, valíalle máis quitarse decontado da súa vista, porque o home cegábase e, sendo de temperamento moi vivo, ben podía non medir ben a propia forza.
Hai outra palabra que un pode verter nos oídos de moita xente neste recanto se o que se desexa é ofender de xeito eficaz. A palabra é a do título: sorte. Se se lle di a alguén que na vida tivo algo de sorte, é case seguro que lle cambiará a cara, e non para ben. Xa a propia expresión “Na vida tiveches sorte” soa insidiosa, ferinte. Sen embargo, para min non ten por que levar aparellada esta connotación. Ó revés: en si mesma, atópoa completamente natural. Creo que a sorte garda calquera encrucillada, e é decisiva no camiño que un remata por tomar. A compaña máis ou menos sentimental, os amigos que se coñeceron ou a traxectoria profesional dunha persoa dependen moito do azar, que determinou que un estivera alí naquel momento e naquel lugar. De ter estado noutro momento ou noutro lugar, a vida desa persoa sería mellor ou peor, pero por enriba de todo distinta.
A máis da xente neste recanto non semella comprender o anterior. Ou non o acepta. Se a unha persoa á que lle están indo ben as cousas se lle di que algo de sorte tivo, pouco tarda en ceibar o amor propio das súas cadeas. (Un amor propio adoecido abofé que é algo de tódolos días por aquí, onde a xente adoita ser moi riseira en festas, romarías e celebracións especiais, mais rara vez ri de si mesma; falta coñecemento ou atrevemento.) Argumenta que o que acadou, acadouno por méritos propios, por dar o callo, por matarse. E que, iso que quede ben claro, porque valía. Que sorte, un carallo. Ou, se anda dun humor inmellorable dentro do posible, que non cre na sorte, senón na sementeira. Respecto a isto, un par de incisos. Primeiro inciso: Para a sementeira non abonda con ter gana de dar o callo, nin sequera con ter a semente: tamén hai que ter leira onde sementar, algo que non sempre se atopa. Diríase que as persoas partidarias da vida-sementeira non valoran isto último, coma se esa leira lles fora debida ou algo así. Segundo inciso: Estas persoas, reaccionando de xeito tan emocional, semellan coidar que a mención do papel fundamental da sorte na existencia implica a negación do esforzo, valía e capacidade do individuo. Semellan crer que o que se está a afirmar é que a sorte o é todo (?). E semellan crer que, con mercar un o boleto, xa ten que tocarlle a lotería. A min dificilmente se me tería ocorrido interpretación tan fantasiosa, e trabucada. O que quero dicir cando afirmo que a sorte ten un peso definitivo, é que para ter algunha probabilidade de que che toque a lotería tes que mercar o boleto, é obvio, pero que, por moito que o merques, iso non implica necesariamente que che vaia saír premiado. Non se pide que un animal comprenda estes razoamentos, pero si sería esixible que o fixera un ser humano.
Sería bo que a xente fora consciente desta influencia. No Sergas habíano agradecer. Moito se aforraría en ansiolíticos. Habería moitos menos “fracasados”. Certas neuroses, traducidas en malleiras á lexítima (a incitación á ambición e a obriga do triunfo seguen a afectar maioritariamente ó sexo masculino), queimas do monte ou lanzamento de obxectos diversos desde as bancadas dos estadios nunca se darían. Claro que no seo do gremio de fabricantes de bebidas alcohólicas había caer tan ben o cambio coma un grolo de chumbo fundido, pero tampouco hai plan perfecto, digo eu.

xoves, 29 de agosto de 2013

A cita

A porta abriuse amodo. Polo eco do son, a el pareceulle estar no corredor dun búnker subterráneo, e non no dun bloque de pisos das aforas da cidade, ás nove da noite dun venres caloroso de setembro.
-Ola, amor -dixo ela, quedamente. Dubidou. Finalmente, adiantouse, ergueuse nas puntas dos seus zapatos negros de tacón alto e, vacilante, rozoulle os beizos cos seus. O mesmo que fixo coas mans: rozar apenas os seus ombreiros.
Ela levaríalle uns quince anos; aparentaba corenta e poucos. Viñéranse vendo a diario durante as últimas dúas semanas, sempre na intersección das mesmas rúas, sempre á mesma hora. Dous seres rutineiros que se observaran unha vez ó día durante eses quince e, logo da última ollada, nese mesmo día quince, dixéranse á fin unha palabra. E non para falar do tempo.
-Quérome deitar contigo -dixéralle ela.
-Coido que eu tamén me quero deitar contigo -dixéralle el.
Eran conscientes do aberrante do seu comportamento, obviamente. Aquilo non se facía así. Primeiro tiñan que falarse dos seus días tristeiros, das súas familias, das súas mascotas, das súas contas de Facebook que non acababan de sumar seguidores, dos seus fracasos laborais, dos seus espertares bos e malos, das súas opinións políticas, do telelixo que seguían sen nunca confesalo, dos amigos que ningún dos dous terían, seguramente... Entre outras etapas regulamentarias. O proceso debía durar varios meses de citas máis ben discretas, por mor da diferencia de idade, incluíndo varias saídas de fin de semana a praias, montes ou centros comerciais doutras cidades máis glamurosas.
Pois ben, eles, á marxe de rutineiros, eran seres claramente necesitados. Botaran tempo analizando o que a outra persoa desprendía en cada aceno, no xeito de mirar todo ou na maneira de sentar nunha parada de autobús. Pequenos detalles moi reveladores.
Así que obviaron o protocolo. Quedaron en vérense aquela mesma noite, na casa dela, sen paso intermedio.
E alí estaban. Ela dubidou outro pouco e apartouse para que el entrara no seu piso. O sitio era pequeno e moi limpo, amoblado por Ikea sen parecelo. Non había á vista o menor intento de ostentación. Ela indicou cara o fondo do corredor.
-Non, gracias -dixo el, antes de ela dicirlle nada, con voz vibrante.
O dormitorio tiña cama individual. Ela soltoulle a man logo de guialo ata alí e, sen máis, comezou a quitar o vestido de gasa negra pola cabeza. Tiña un corpo de aspecto acolledor, por imperfecto. El indicoulle o que tomou pola porta do baño.
-Non, gracias -respondeu ela, antes de el poder dicir nada, coa mesma voz vibrante, algo amortecida a través da tea.
El detívoa poñéndolle as mans nas cadeiras, para que o vestido non subira.
-Como fixeches iso?
Ela foi recompoñendo a roupa, moi lentamente. Cando o vestido se lle retirou da cabeza, el viu, fixos nos seus, un par de ollos dunha cor verde reptiliana, coas pupilas estreitas coma fírgoas.
-Tal vez son un pouco máis diferente do que pensabas.
El ficou paralizado. Cousa duns segundos. Decontado recobrou a expresión esperta. Sorriu, triste. Antes de que ela puidera facer nada, el quitou de debaixo da cazadora un coitelo de estraña feitura, de folla curvada en tres puntos, e chantoullo no peito dunha soa estocada, firme e precisa.
Ela abriu a boca. O ferrete vermello saíu disparado dela. Por dous centímetros non tocou co seu extremo bífido o nariz del, antes de caer, pendurando fláccido dos seus beizos, como caeu ela de seguido, sen emitir son ningún.
-Sempre me pasou igual -murmurou el-. Nunca tiven sorte cos encontros casuais.
Anicouse e retirou o coitelo do cadáver do monstro. Limpou a folla ensanguentada no vestido.
-Eu cunha noxenta ollos verdes? -engadiu-. Nin morto.
Pestanexou unha vez e amosou os seus verdadeiros: vermellos, coa mesma pupila-fírgoa negra. O ferrete que pasou polos beizos semellaba un pemento coa punta deformada no sinal da vitoria.

luns, 26 de agosto de 2013

Os que se teñen por moito

Relato sen relación ningunha coas
primeiras obras de Suso de Toro


Ai, ese? Ou sexa, que ese fulano paréceche a ti que ten a cabeza moi ben amoblada? Pois deixa... Non ho, deixa, que che hei contar unha cousa que me pasou hai pouco con el. Para que saibas como lle traballa a chencha. Ti deixa, que xa...
Estabamos falando, coma se nada, coma sempre. E nestas, vai o demo da norueguesa (xa a coñeces, a tipa esa que vai moi de intelectual, que nin que fora a raíña de Roma, coma se lle deramos noxo) e dálle por preguntar conachadas de política. Non entendía a paifoca como é que disque aquí aturamos tanto ós gobernantes. Mira ti. Pois vai este fulano, que sempre está alí nun cornello, coma un moucho, sen dicir nada, que é máis triste ca unha funeraria, e dille: “Non preguntes. Aquí a xente é alérxica ó racional.” Así lle dixo. E botouse a falar coma se tivera un tapón na boca e llo acabaran de quitar. Nunca tanto o vira falar. Que aquí votamos a quen nos afoga, ou non votamos e despois queixámonos, que se con tal que haxa churrasco e sardiñas asadas e a festa da empanada, nos da igual que nos pechen as bibliotecas, que aquí o teatro e o cinema están mortos e non pasa nada (a min o teatro, nin frío nin calor, xa me coñeces, mais eu fun o outro día ós cines do centro comercial e moi mortos non están), en cambio cando querían descender ó Celta polo tema aquel dos avais, para iso si que se mobilizou a cidadanía (dixo así, “cidadanía”, como moqueándose, o jicho), que aquí a quen espremen no traballo por catro patacos, no sitio de ir ó sindicato le o Marca e dálle ó JB, que temos unha sanidade que pon en lista de espera de meses a pacientes a rentes da morte pero aquí aparecen cartas nos xornais loando o simpáticos que son os mesmos médicos que se conforman con esa precariedade (ata fala mal, “precariedade”, que iso soamente se usa no tema laboral), que os empresarios son os únicos que libran da queima cando son os responsables dun vinte e tantos por cen de paro xuvenil, por quereren que nazan os mozos xa aprendidos e por montaren empresas para que outros traballen por eles mentres andan de jarana, que se...
Vaia, se cho conto todo non acabamos hoxe... E seica se teñen por moito. Ademais, véñenche así, coma dicíndoche que son máis ca ti. Que cona... Eu iso non llo aturei, eh? Moi educadamente, xa me coñeces, púxenlle as peras a cartos. Ti que tes? Repugnante, carallo, que es un repugnante... Non ho, non llo dixen así... Díxenlle: E se me gusta a verbena, que? E se non quero que me lembren o mal que está todo para que non se me atragoen o café e mailos churros e prefiro falar cos amigos de fútbol, que? E se me gusta ir polas noites a lo loco, que? Eu non son un lorcho coma ti, hostia, con esa cara de non ter catado muller na vida. E non, empresa non teño, pero se a tivera, poñendo os meus cartiños, que os teus non, había querer xente con experiencia, ou que? Unha cousa é ser empresario e outra ter unha ONG, ou que? Non vou pagar un soldo e máis facer eu o traballo, ou que? E votar, eu non voto, que tanto me ten xan coma seu irmán, todos fan igual. E aínda que non vote, que? Non teño dereito a queixarme, ou? A ver, que? Que tes?
Non, home, non llo dixen así... Termei do xenio, e caro me custou. O que lle dixen é que non teño a súa soberbia. Axoteina traballando toda a vida, no sitio de ter o cu quentiño na universidade, coma outros. El ben entendeu.

xoves, 22 de agosto de 2013

Forza contra os inimigos do zen

A situación é esta: 30 graos ó sol. A terraza está nuns soportais e conta cunha sorte de microclima: neste momento, nin frío, nin calor. Un café xeado e un libro de relatos de fantasmas. Nunca tivo moita idea de que pode ser iso da actitude zen. Segundo o que se conta dela, non acha que un ser humano poida ser capaz de tal cousa a non ser lobotomía mediante. O único que sabe é que durante o día non foi quen de atopar xamais unha postura cómoda e na cabeza lle bulen mil e tres imbecilidades. Cada vez que trata de pensar en algo coherente para neutralizalas, resulta que as imbecilidades se multiplican por sete.
Na mesa do lado hai catro individuos de corenta e tantos-cincuenta e moitos. Todos levan polos ou camisas desas a raias tipo executivo desgravatado e todos falan de “proxectos” a entregar en tres días, de enredos no Catastro, de que o Concello non debera poñer problemas. El pregúntanse quen cona poden ser, de onde virían. Parécenlle unha anomalía. Algo insólito.
Non amosan o ton un tanto estresado que sería previsible, en troques. Están coma de carallada. Hai tempo que algún prendeu o cigarro. O fume chégalle a el dereitiño ós fociños; non lle ole moi distinto do das queimas nos montes. A manga esquerda da camisa vaille ficando cuberta de partículas de cinza que arrastra o ventiño maino. 
Cando sae a camareira, os dos proxectos póñense de brincadeira con ela. El cruza os dedos da man dereita e pensa: “Por favor, non”. Agarda. Repite o desexo. “Ai, como te colla soa...”, remata por dicirlle un á moza. El descruza os dedos. Saíulle furada.
O libro pasou a formar parte da decoración da mesa. Os dos proxectos non intentan nin baixar un pouquiño a voz. E nin sequera falan de nada, mais a boca non a pechan, e a lingua non para. El empezou a apertar os dentes. Agora pecha o libro e, con toda a intención, déixao caer con forza e aceno de desgusto na mesa. Non os mira. Coida percibir que baixaron lixeiramente o volume. Murmuran algo. Capta a palabra “subnormal”. “Non home, discapacitado”, di outro. “Non, que insultas ós da ORA”, di un terceiro. Non comprende el a santo de que vén isto último, nin nada do que din nin fan. E o café con xeo é auga tinguida de amarelo. Pero el obrígase a facer un esforzo. Volve a cabeza cara o outro lado, cara os outeiros. Pensa en alguén que non sospeita nada do que el pensa e no que faría con ela debaixo dun daqueles carballos, amodiño. E, igual de amodiño, vaise obrando o prodixio da calma.

mércores, 21 de agosto de 2013

Ola si

“Mateino porque non sabía escribir nin ola”. Tal explicou sobre H. P.Lovecraft, nun capítulo de Sobrenatural, certo demo que fora convocado polo escritor e mailo seu círculo de temerarios a xogar con lume. Lembrei isto por dúas razóns. Por unha banda, Agustín Fernández Paz lembraba estes días a data do pasamento do escritor. Por outra, hai pouco que rematei de ler unhacolección de colaboracións do de Providence con outros escritores afeccionados. A edición é a castelá de Caralt, do ano 78. O que máis me sorprendeu foi o prólogo. Nunca topara con tal manifestación de aversión por parte dun tradutor, Antonio Prometeo Moyá, cara o autor dos textos que (é de supoñer) se lle encomendaran traducir. Hai incluso alusións despectivas á (seica) escasa capacidade amatoria de Lovecraft. Pouco máis ou menos, a visión da literatura del que Moyá ofrece é (ía ser diplomático, pero vai d'aí) a dunha morea de bosta de moi limitado interese refregada contra un papel.
Entendo que o prologuista e tradutor pretendía resultar desmitificador. Alude á consideración de cuasexenio das letras universais que de Lovecraft tiñan algúns entendidos de certo prestixio. Achábaa esaxerada. Concordo. Pero el resultaba tan extremista coma eles: do extremo xustamente oposto. Se cadra porque para Moyá todo era literatura, sen distincións: se é negro sobre branco, equis. Coma tantos críticos. Non se lle ocorría pensar algo tan sinxelo e verdadeiro coma que Lovecraft era un autor de pulp caralludo. E si que sabía escribir ola. Punto.
Fai falta nisto das letras alguén coma o que foi Roger Ebert no cine. Tamén diría que fai falta nisto das letras algo coma o que foi o pulp, pero antes de entrar en profundidade na cuestión, vestirei o chaleco antibalas.

luns, 19 de agosto de 2013

O tolo

Sería na rúa San Marcos, non lembro se antes ou despois de que levaran por diante os xardíns e o cubriran todo de pedra ruín. Ía eu cara Santo Domingo e vino vir cara min entre a xente. De primeiras, non me decatei. Vestía non coma se fora a un voda, pero pouco lle faltaba: traxe, gravata, cabelo escaso peiteado con fixador e o bigotiño da cor da cinza moi ben perfilado. De non ir falando só, teríao confundido con calquera notario ou avogado dos que por alí terían despacho.
Dixen falar; máis ca iso, berraba só. Non captei moito do seu discurso, que xa chegara encetado ó alcance dos meus oídos. Apenas entendín que “antes non tiñamos nada diso e viviamos igual”. Sen saber o que sería “iso”, deille a razón. Coidei notar que me devolvía o sorriso cómplice.
Volvería velo aínda outras veces. Unha vez, levaba na man unha cinta de casete negra, que axitaba no aire coma un árbitro un cartón vermello. Segundo pregoaba, contiña “toda a historia” en detalle.
Aparte de inspirar unha certa simpatía, aquel home, xunto con algúns autores compulsivos de cartas ó director dos xornais, ben podería ser a imaxe do futuro de quen hoxe era observador da súa loucura, e non por ser este último un caso patolóxico, senón porque noto que a cada punto máis potes ferven e o que hai dentro semella interesar a cada punto menos ó veciño.

venres, 16 de agosto de 2013

O último día (Parte 4, final)

* * *

(En plano fondo, murmurios de xente, con eco, coma se fora o interior dun edificio de corredores e salas amplas e baleiras.
En plano medio, pasos de tres persoas, resoltos os de dúas delas, remisos os da outra, por un corredor de teitos altos, con ese mesmo eco.
En plano medio, despechan unha pechadura e ábrese unha porta pesada, metálica, e pasos das tres persoas atravesándoa)

POLICÍA: (home, ton grave, trinta, trinta e cinco anos) Podes marchar, Xaquín. Este Solitario non parece capaz de moitas trasnadas. Quedo eu, de momento. A ver se dou chegado para a segunda parte. Se non, xa me contarás se lle zoscaron moito ó Cristiano... Vaite, ho, veña!

(En plano medio, péchase a porta)

POLICÍA: Déixote só aquí dentro ata que veña o xefe. Ben ves que me fío de ti. Iso si, non soñes: es reincidente de anos, e con outros tres atracos na mesma mañá, para rematar de arranxalo. E total, por catro cadelas... Dáme que desta non libras. (Cinco segundos de silencio) Non dis nada? (Dous segundos de silencio. Con aire pensativo) Parece mentira. Fuches atracar cunha pistola detonadora. Estourou a pólvora, deuvos un susto ós dous ó tempo e caestes redondos. El morreu. Ti non fixeches morte ningunha, claro, e sen embargo semellas un morto. Na inopia. Coma noutro mundo, talmente. Amigo, desta superácheste... En fin, ata máis ver.

(En plano medio, tres pasos e péchase a porta desde fóra, con chave)

(En primeiro plano, suspiro fondo, tremente)

VOZ 2: Quen cho ía dicir, eh, Serxio? Non sabes como foi, nin se esta estraña consciencia durará. Non sabes nada. Agás que, salvo milagre, xa non notarás a choiva a través dos zapatos nuns cantos abriles. Que, nesta nova vida, tempo ha de pasar antes de que volva chover por ti. E que, cando volva facelo, nin paraugas terás.

(Sintonía: Danger, dentro da banda sonora de Cannabis, de Serge Gainsbourg, ou algún instrumental semellante. 30 segundos e fundido)


mércores, 14 de agosto de 2013

O último día (Parte 3)

Voz 2: Lisca ti tamén, burricán. Aquí pasa algo.
Home: (Voz grave, dura, uns 50 anos, alterado) Quietos! De aquí non sae nin cristo! Quieto todo cristo! Quietos, dixen!
Voz 2: A boas horas, Tejero. Aló vai o raposo coa pita na boca. E ti aquí, paspán. Que che dixen?
Home: Nena, nin te movas! Dámo todo! Pono aquí dentro. E caladiños, estamos? Todos caladiños coma na misa.
Caixeira: Non podo abrir a caixa. Apertura retardada.
Home: Inventa o que sexa, pero ábrea! Veña, que levo présa! Abre, que te mato!
Caixeira: E que quere que lle faga? O director saíu tomar o café. Alí ten o interventor, pechado no despacho. Igual sabe abrila. Se quere, leve isto...
Home: Ti quieto, dixen!... Os cartos, onde están?! Non esa merda, os cartos, os cartos! Non serán eses todos os que hai? Non me queiras poñer por parvo! Abre aí o dispensador! Abre, que te mato!... Que fiques quieto, che digo!

(En plano medio, soa un teléfono. Tres tons)

HOME: Cólleo... Cólleo, dixen! Ou coidas que non te vin antes? Dilles que a alarma soou por simpatía. Sim-pa-tí-a. Se falas máis, de aquí saes en caixa de piñeiro.
SERXIO/VOZ 1: Tarde. Se é que ese home do despacho non chamou xa á policía, farano os de seguridade ou calquera dos clientes que fuxiron.
HOME: Que cales!... Ti, atende a chamada! Xa sabes o que has dicir.
CAIXEIRA: Si... Non... Non, aquí non pasou nada... Non... Non sei, había ser a de prácticas, sen querer... Que si, todo ben... Non, nada... Adeus.
VOZ 2: Malpocado, documentaríase mirando filmes de atracos... Mira para el: non sabe se vaia axotar ó interventor do seu tobo ou vixiar á caixeira... O caso é que desta atinou. Mais aquí rematará a súa sorte.
HOME: Moi ben. Agora abres o dispensador e dásme os cartos, marcho, e aquí paz e despois gloria.
Voz 2: Xa que quedaches, de perdidos ó río. Non o ves? Ese mesmo podería facerche un favor. Faino... “Coma se fora tan doado”.
SERXIO/VOZ 1: Coma se fora tan doado.
Caixeira: Serxio, que fas? Afástate. Non fagas o parvo.
Voz 2: Fagamos o parvo. Vai cara el. Aí está.
Home: Ti faime caso a min, nena! A min!... E ti, non che dixen que quieto?! Estás xordo ou naciches idiota?! Atrás! Aí, contra esa parede! Queres ir para a cova antes de tempo!? Atrás!
CAIXEIRA: Pero Serxio, a ti viute o demo? Quieto! Vaite para atrás!
HOME: Non oes?! E ceiba o canón! Mira que non respondo!
VOZ 2: Pois non respondas.
SERXIO/VOZ 1: Pois non respondas.
Caixeira: Serxio, abonda! Pero que che pasa?
HOME: Que te furo! Óesme?

(En plano medio, soa o teléfono)

HOME: DESCOLGA ISO.

(Deixa de soar o teléfono)

Voz 2: Pois fúrame. Pero mira ben o que fas. Apunta aquí. E non falles.
SERXIO/VOZ 1: Pois fúrame. Pero mira ben o que fas. Apunta aquí. E non falles.

(En plano medio, son de teclear nun ordenador.
En plano medio, son dunha tapa de metal e de manipulación de billetes.
En plano medio, son de moitas moedas caendo nunha bolsa de plástico)

HOME: Que andas argallando aí?!
Caixeira: Mire, teña todo o troco. E xa abrín o dispensador. Non hai máis ca isto. O interventor quizais lle saiba abrir a caixa. Pode levalo todo. Pero non lle faga caso. Por favor llo pido, déixeo marchar!
HOME: Cala o peteiro! TODO O MUNDO CALADO. Aquí faise o que digo eu, estamos?! O QUE DIGO EU. E ti, non me movas o canón! Céibao! Céibao que non respondo!
VOZ 2: Se de certo es o que dis ser, ladra menos e traba máis.
SERXIO/VOZ 1: Se de certo es o que dis ser, ladra menos e traba máis.
HOME: Pero estás tolo?! Non me quentes máis o xenio, que fago unha morte!
CAIXEIRA: Non turres por el!

(En plano medio, son de labazadas suaves nas meixelas)

HOME: Que me quites esa pouta da cara, hostia! E ceiba o canón, non cho volvo dicir!
VOZ 2: A ver se tes o que hai que ter, vacaloura.
SERXIO/VOZ 1: A ver se tes o que hai que ter, vacaloura.
HOME: (Repentinamente calmo) Por que me miras desa maneira? Non me mires así. Non me mires así.
CAIXEIRA: Serxio, abonda! Xa!
VOZ 2: Veña, machiño. Fai algo revolucionario.
SERXIO/VOZ 1: Veña, machiño. Fai algo re...

(En primeiro plano, encadeados, detonación e grito histérico da caixeira)


martes, 13 de agosto de 2013

O último día (Parte 2)

* * *
(En plano fondo, murmurios de xente. En plano medio, un asubío metálico. É o sinal desde as xanelas do banco para dar a vez ó seguinte cliente)

Caixeira: (Voz de ton medio, xovial, uns trinta anos) Ola, Serxio! Que, onte foi boa, eh?
SERXIO/VOZ 1: A que?
Caixeira: A que non foi mala... (Risas) A foliada, home. Con esas olleiras de desenterrado, loces igualiño cá min un domingo pola mañá.
SERXIO/VOZ 1: Seguro que a ti aínda che acaían os domingos pos-insomnio.
Caixeira: Ai si, ho! Coñécese que nunca me viches acabada de saír da cama e sen lavar.
SERXIO/VOZ 1: (Poñendo unha énfase especial, case soletreando) Se tal ocorrera... Aínda pagaba por velo.
Caixeira: (Risiña comedida) Imos deixalo aí, crocodilo... A ver logo, canto vai ser hoxe?
Serxio: Vinte, e ben me chegan.
Voz 2: Como? Se mañá xa non estarás aquí. Para que tanto aforrar coma unha vella?
Caixeira: E que tal circula ese currículo? Mandáchelo onde che dixen? Alí eu penso que te collían, malo será.
SERXIO/VOZ 1: Tal vez ti teñas máis habilidade cá min para explicarlle a calquera selector de persoal un oco en branco no teu historial de cinco anos. É algo que te fai “sospeitoso”.
CAIXEIRA: Home, desde que estoupou a burbulla inmobiliaria, haiche moito sospeitoso por aí adiante.
SERXIO/VOZ 1: Eu xa o era antes.
Caixeira: Pois proba algo distinto... Unha sinatura por aquí... Mira a ver poñendo copas. Ou de animador de despedidas de solteira. Ten moita demanda, dígocho eu. (Risas)
SERXIO/VOZ 1: Como acabe eu de “boy”, significará que algo cheira a podre en Dinamarca.
Caixeira: (cunha lene vacilación) Que dramático... Hala, aí che vai. E volve cando queiras. Isto cada vez está máis aburrido. Moito boto en falta ese teu humor entre tanta gravata.
Voz 2: Xa, ruliña, e as vacas van en avioneta...
SERXIO/VOZ 1: Eu dramático e ti falsa. Moi ben disimulas o moito que me odias.

(En plano medio, asubío metálico de cambio de vez)

Caixeira: (pensativa) Por que sempre me tes que dicir o mesmo?

(En plano medio, murmurios intensos da xente, pasos apresurados)

CAIXEIRA: E a estes que lles deu? Saen escopeteados. Nin que acabara o diaño de botar un peido aquí.
SERXIO/VOZ 1: Témome que ese barbudo con lentes de sol que acaba de entrar teña algo que ver.

luns, 12 de agosto de 2013

O último día (Peza de teatro radiofónico. Parte 1)

(Sintonía: Danger, dentro da banda sonora de Cannabis, de Serge Gainsbourg, ou algún instrumental semellante. 30 segundos e fundido)

(Plano medio: Son dun portal pechándose. Plano fondo: Son de tráfico.)

SERXIO/VOZ 1: (Masculina, ton medio, lixeiramente baixo, 35-40 anos) En fin, rapaz. Encetamos travesía polo deserto, un día máis.
Voz 2: (Exactamente a mesma, pero máis enérxica, con efecto caverna. De aquí en adiante, sempre levará tal efecto, ó ser unha voz interior) Un máis non: o último.
SERXIO/VOZ 1: Certo... Mais, desta será a definitiva?
Voz 2: É que o dubidas? Hai só unhas horas estaba decidido. En firme.
SERXIO/VOZ 1: Hai só unhas horas estaba esperto, cos ollos coma pratos fixos no teito. Por iso estou agora coma se me pasara un elefante por enriba dos ósos.
Voz 2: Non me virás con que o que se pensa de noite non vale? Lembras o acordado? Sen escusas.
SERXIO/VOZ 1: Non sei... Deixa andar. Quero ver en que para todo isto. Quizais hoxe sexa diferente.
Voz 2: “Diferente”... Como vexas. Pero vai ser o conto de sempre, ben o sabes. É inútil adiar o inevitable.

* * *

(Plano medio, son de pasos sobre o pavimento. Plano fondo, son de tráfico e murmurios de xente.)

SERXIO/VOZ 1: É curioso. Nunca cheguei a comprender a estas criaturas.
Voz 2: Criaturas? Nin que foran venusianos.
SERXIO/VOZ 1: Serano eles ou sereino eu, mais o caso é que... Viches ese que vén de pasar pola miña beira? Non hai nin un mes que rematamos xuntos unha noite de troula ás sete da mañá cantando “Apaga o candil, Maruxa”. Acórdaste?
Voz 2: Coma se fora onte. E iso estráñache?
SERXIO/VOZ 1: Home, polo menos podía adicarme un deses saúdos desleixados co queixelo. Non lle pedía máis.
VOZ 2: Vaia se llo pedías!
SERXIO/VOZ 1: Touché. E que lle queres? Son un ser humano convencional.
VOZ 2: Non tan convencional.
SERXIO/VOZ 1: Necesitado de certa vida social, así e todo. Non encaixo ben eses... cambios repentinos de humor.
Voz 2: Se queres chamarlle algo, di desmemoria.
SERXIO/VOZ 1: A iso me refiro. Aquí os amigos axiña deixan de ser amigos. E, por se fora pouco, sucede así, da noite para a mañá. Coma por arte dunha maxia desagradable.
Voz 2: Pasa de todo. En especial das mentalidades pechadas. Isto é moi pequeno, e non hai mar, nin moito sol. Todo son montañas arredor e neuras no val. Dato comprobado: a provincia vai á cabeza da comunidade en enfermidades mentais.
SERXIO/VOZ 1: Pois por que nunca marchamos a outro sitio?
Voz 2: Por covardía ou por inutilidade. Escolle a que máis rabia che dea.
SERXIO/VOZ 1: E xa non ten remedio.
Voz 2: Non o ten, non. Selaches a túa condenación un pouco máis cada día que botabas da porta para fóra, con cada un destes paseos desganados por estas rúas tristeiras, con cada tarde perdida nos bares, con cada regreso á casa algo antes do anoitecer.
SERXIO/VOZ 1: Que poético... E que outra cousa podía facer?
Voz 2: Tamén é verdade. Non naciches para ir facer as Américas cunha maleta. Naciches para millonario filántropo a botar a vida a seguir rutas espirituais polo Oriente.
SERXIO/VOZ 1: Ti segue coa sorna, que é o teu.
Voz 2: Sorna ningunha. Hai quen sae ó mundo para turrar do arado ó sol do mediodía, e quen o fai para compoñer á sombra versos bucólicos sobre a vida rural. Éche así.
SERXIO/VOZ 1: Coma Virxilio e mailos seus criados durante a colleita.
Voz 2: Boa analoxía.
SERXIO/VOZ 1: E, non me digas máis, eu son un Virxilio.
Voz 2: Sen dúbida. O malo é que saíches por onde non debías. É tan frecuente coma a choiva que cae de arriba abaixo. Non hai que lle facer. Non o penses.
SERXIO/VOZ 1: Para ti é doado de dicir. Non notas a auga a través dos zapatos furados en pleno abril.

venres, 9 de agosto de 2013

Posteridade

Tardei un tempo en decatarme. Nunca reparara naquelas medias esferas de cor negro brillante alí empoleiradas, na unión entre o alto da parede e mailo teito. Cando estás nun pub, non é o lugar ó que máis miras; eu non, vaia. Achei curioso o detalle. E é que, ata daquela, case sempre me poñía a tiro do ollo de cristal, e case nunca facía nada do que me poidera avergoñar, aparte de levar anos de cliente habitual e que o camareiro nin me coñecera o nome.
Non ben o souben, empecei a poñerme xustamente alí, acender o meu netbook medio escangallado e meter no Google as procuras de porno máis escatolóxicas que se me ocorrían. Con case total seguridade, o ángulo de visión da cámara permitíalle captar a imaxe da pantalla, despois de rexistrar a da miña faciana ó chegar. (A curiosidade e o Moe que levo dentro a partes iguais fixéronme gardar algúns dos resultados da procura. Conclusión: a calidade do audiovisual pornográfico actual é preocupante, polo menos no tocante á interpretación dramática. Ollar languidamente ó teito apoiada nun cóbado mentres se está a ter supostamente a meirande experiencia sexual da vida é algo que non me acaba de cadrar.)
Todo o anterior foi, obviamente, un impulso. É moi improbable que os donos ou camareiros destes locais boten man dos vídeos das cámaras se non é por un caso de forza maior. Tal vez só busque, como é o meu costume incómodo, tocar susceptibilidades para saber a que me ater no trato con xente que se me antolla hermética. Ou me suceda que, como nunca me chamaron para aparecer en programa televisivo ningún, intente facer o que debe ser o máis aproximado a tal cousa. Ou que, dalgunha maneira, desexe pasar á posteridade, temporal e en branco e negro, mais posteridade. Ultimamente, o oficio de escritor tampouco é moi distinto, que digamos.


mércores, 7 de agosto de 2013

Collóns: a carne resiste

Nalgún tempo, coidaba un que a tecnoloxía e maila civilización moderna poderían deshumanizar ó ser humano. Erro.
Primeiro: Abride outra páxina no voso navegador e entrade en Facebook e Twitter. En moitas contas dáse o proceso seguinte: 1. Arroutada. 2. Trending topic. 3. Comentario borrado ou aviso: “A miña conta foi hackeada”. Estes tres pasos repítense coa frecuencia coa que da voltas a roupa dentro dunha lavadora. É un círculo indestrutible. Inexorable.
Segundo: Por abreviar, irei á actualidade. Poderase pensar que en Baralla hai moita drogha. Que, coma en Año Mariano, unha patrulla da Garda Civil comandada por un tipo que lle imita a Manuel Manquiña queimou alí unha leira de marihuana daquela maneira e o fume fixo o resto. Pero que eu saiba, nada disto. O conto foi que certo alcalde vilego debeu erguer da mesa con cinco quilos de churrasco e quince litros de viño da casa entre o peito e as costas pensando nos mortos da guerra que, segundo el, teñen ben merecido tal final. A min nunca me pasa nada semellante ó xantar. É tema de reflexión ben estraño para a sobremesa.
Pero tanto un exemplo coma o outro indican algo: collóns. Hai que ter collóns para atreverse a facer algo así. Hai que enviar á propia intelixencia ó purgatorio por uns intres e, si, ser humanos (viscerais) ata rozar o atávico. Se existira unha palabra técnica para denominalo, quizais valera “hiperhumanos”. Así que non: a máquina non da podido coa carne.


luns, 5 de agosto de 2013

O forasteiro

Malia que afirma ser británico, é de aquí, de Lugo, coma min. Botou un tempo en Londres, máis nada. Quen non o coñeza ben podería caer coma un bendito no engano, iso si. Fala un inglés case perfecto. Só se lle coñece a orixe polos erres moi marcados. Teriades que oílo recitar letras de David Bowie.
Aínda que o de engano non é exacto. Sería atribuírlle unha maldade da que carece ou que, cando menos, eu non percibo cando se define a si mesmo coma forasteiro. Coido que esa definición obedece a que el se sente de fóra, de verdade, de corazón.
Desde logo, distinto á meirande parte dos de aquí que coñezo abofé que é. Ten unha presenza transcendente. Non digo que sexa carismático nin nada diso; ó contrario, fállalle a empatía: case nunca semella verdadeiro ó sorrir. Non, o que quero dicir é que, cando un está con el, nota que o menor detalle importa. Faicho sentir con cada aceno, aportando un toque de cor fundamental no que, doutra forma, resultaría anódino. Con el, a escena máis cotiá pode ter un encanto particular (coma tódolos encantos). Agora, ollo: hai que saber captalo. Se vas de normal con el, á expectativa, agardando que te entreteña sen máis, haste aburrir a morrer. Debes poñer da túa parte.
Falamos, e quéixase con frecuencia do aprehensiva que é a xente aquí. De que con eles haxa que andar todo o tempo coma carretando ovos por unha corda de equilibrista. "Cando me poñen esas caras, nunca sei que é o que fixen mal". Di que iso non lle acontecía en Londres. Que alá era chistoso ó seu xeito (a falta de conexión emocional co interlocutor, o seu sentido do humor é enxeñoso ata lindar co salvaxe) e non pasaba nada, e que desde que chegou aquí foi virando ós poucos retraído e calado, por mor desa sensación de incomodar que o domina cando trata de facer vida social. Cre que a xente nunca capta de que está a falar (entende de case todo; a expresión “cultura xeral” fica pequena no seu caso), nin comprenden que non o faga moi alto (podería: ten voz de barítono) coma eles, e que lles da mala espiña o seu comedimento; el é afable, e aquí lévase máis o falangueiro. Cóntame que alá tivo once mozas en catro anos, “feo como son, pobre coma as arañas, sen carné de conducir, nin coche, nin saber bailar, nin darlle ó peteiro, sendo un fulano bastante común”. Aquí, en cambio, hai xa outros tantos que deixou de intentalo. Di que as poucas que erguen a ollada dos seus whatsapp para miralo á cara no bus urbano o fan sentirse “cuberto de mocos”.
“I'd like to come back”, murmura algunha vez, con ansia, sobre todo se bebeu. “I wanna come back”. E aí xa si que é cento por cento londiniense, para min.


venres, 2 de agosto de 2013

Milagres

Seu fillo tiña corenta e cinco anos e a súa idea de diversión era unha maratón de capítulos de Smallville. Os pais observábano con tenrura, ó comezo. Chegaran a coidar que o neno lles saíra nena, con tanto protagonista con club de fans feminino en póster, salvapantallas e material promocional variado. De entre os personaxes das series que el seguía, á nai tíñanlle o seu aquel os irmáns Winchester, os cazadores de monstros de Sobrenatural, tan riquiños e formais de aspecto eles, sen guedellas nin tatuaxes, orfos de nai e cun pai (case sempre) ausente. Riquiños e pobriños ó tempo.
Iso fora antes de decatarse de que pasaban os anos e o neno seguía sen moza e sen traballo, e con amigos ós que lles levaba vintecinco anos e bebían Trina con galletas de arroz. Entón comezaron a inquietarse.
Como non sabían a quen lle habían consultar o caso, preguntáronlle a un veciño que traballaba de psicólogo no centro de saúde. El explicoulles que a querenza do rapaz por un mundo de superheroes e poderes e feitos fantásticos era a súa maneira de fuxir dunha vida cotiá que se lle facía dura, á que non lle atopaba chiste e na que non vía sitio para el. Díxolles que era algo moito máis frecuente do que puidera parecerlles, e non soamente propio de xente nova.
Nin pai nin pai pasaran da EXB, así que non comprenderon nada. No sitio de seguir profundando na cuestión, foron á igrexa rezarlle a un grupo de individuos capaces, disque, de transgredir as normas da natureza e o destino se lles daba a teima para que foran falar co ser todopoderoso do que eran vehículo para que seu fillo recobrara o sentidiño.