mércores, 14 de agosto de 2013

O último día (Parte 3)

Voz 2: Lisca ti tamén, burricán. Aquí pasa algo.
Home: (Voz grave, dura, uns 50 anos, alterado) Quietos! De aquí non sae nin cristo! Quieto todo cristo! Quietos, dixen!
Voz 2: A boas horas, Tejero. Aló vai o raposo coa pita na boca. E ti aquí, paspán. Que che dixen?
Home: Nena, nin te movas! Dámo todo! Pono aquí dentro. E caladiños, estamos? Todos caladiños coma na misa.
Caixeira: Non podo abrir a caixa. Apertura retardada.
Home: Inventa o que sexa, pero ábrea! Veña, que levo présa! Abre, que te mato!
Caixeira: E que quere que lle faga? O director saíu tomar o café. Alí ten o interventor, pechado no despacho. Igual sabe abrila. Se quere, leve isto...
Home: Ti quieto, dixen!... Os cartos, onde están?! Non esa merda, os cartos, os cartos! Non serán eses todos os que hai? Non me queiras poñer por parvo! Abre aí o dispensador! Abre, que te mato!... Que fiques quieto, che digo!

(En plano medio, soa un teléfono. Tres tons)

HOME: Cólleo... Cólleo, dixen! Ou coidas que non te vin antes? Dilles que a alarma soou por simpatía. Sim-pa-tí-a. Se falas máis, de aquí saes en caixa de piñeiro.
SERXIO/VOZ 1: Tarde. Se é que ese home do despacho non chamou xa á policía, farano os de seguridade ou calquera dos clientes que fuxiron.
HOME: Que cales!... Ti, atende a chamada! Xa sabes o que has dicir.
CAIXEIRA: Si... Non... Non, aquí non pasou nada... Non... Non sei, había ser a de prácticas, sen querer... Que si, todo ben... Non, nada... Adeus.
VOZ 2: Malpocado, documentaríase mirando filmes de atracos... Mira para el: non sabe se vaia axotar ó interventor do seu tobo ou vixiar á caixeira... O caso é que desta atinou. Mais aquí rematará a súa sorte.
HOME: Moi ben. Agora abres o dispensador e dásme os cartos, marcho, e aquí paz e despois gloria.
Voz 2: Xa que quedaches, de perdidos ó río. Non o ves? Ese mesmo podería facerche un favor. Faino... “Coma se fora tan doado”.
SERXIO/VOZ 1: Coma se fora tan doado.
Caixeira: Serxio, que fas? Afástate. Non fagas o parvo.
Voz 2: Fagamos o parvo. Vai cara el. Aí está.
Home: Ti faime caso a min, nena! A min!... E ti, non che dixen que quieto?! Estás xordo ou naciches idiota?! Atrás! Aí, contra esa parede! Queres ir para a cova antes de tempo!? Atrás!
CAIXEIRA: Pero Serxio, a ti viute o demo? Quieto! Vaite para atrás!
HOME: Non oes?! E ceiba o canón! Mira que non respondo!
VOZ 2: Pois non respondas.
SERXIO/VOZ 1: Pois non respondas.
Caixeira: Serxio, abonda! Pero que che pasa?
HOME: Que te furo! Óesme?

(En plano medio, soa o teléfono)

HOME: DESCOLGA ISO.

(Deixa de soar o teléfono)

Voz 2: Pois fúrame. Pero mira ben o que fas. Apunta aquí. E non falles.
SERXIO/VOZ 1: Pois fúrame. Pero mira ben o que fas. Apunta aquí. E non falles.

(En plano medio, son de teclear nun ordenador.
En plano medio, son dunha tapa de metal e de manipulación de billetes.
En plano medio, son de moitas moedas caendo nunha bolsa de plástico)

HOME: Que andas argallando aí?!
Caixeira: Mire, teña todo o troco. E xa abrín o dispensador. Non hai máis ca isto. O interventor quizais lle saiba abrir a caixa. Pode levalo todo. Pero non lle faga caso. Por favor llo pido, déixeo marchar!
HOME: Cala o peteiro! TODO O MUNDO CALADO. Aquí faise o que digo eu, estamos?! O QUE DIGO EU. E ti, non me movas o canón! Céibao! Céibao que non respondo!
VOZ 2: Se de certo es o que dis ser, ladra menos e traba máis.
SERXIO/VOZ 1: Se de certo es o que dis ser, ladra menos e traba máis.
HOME: Pero estás tolo?! Non me quentes máis o xenio, que fago unha morte!
CAIXEIRA: Non turres por el!

(En plano medio, son de labazadas suaves nas meixelas)

HOME: Que me quites esa pouta da cara, hostia! E ceiba o canón, non cho volvo dicir!
VOZ 2: A ver se tes o que hai que ter, vacaloura.
SERXIO/VOZ 1: A ver se tes o que hai que ter, vacaloura.
HOME: (Repentinamente calmo) Por que me miras desa maneira? Non me mires así. Non me mires así.
CAIXEIRA: Serxio, abonda! Xa!
VOZ 2: Veña, machiño. Fai algo revolucionario.
SERXIO/VOZ 1: Veña, machiño. Fai algo re...

(En primeiro plano, encadeados, detonación e grito histérico da caixeira)


Ningún comentario:

Publicar un comentario