Foto: Erica Brunt |
Dirás
o que queiras. Que o orgasmo é a sensación máis pracenteira que un
ser humano poida coñecer. Ou que o é o amor. Ou a da liberdade tan
prometedora cando metes o boleto na máquina e a pantalla di que che
tocaron cinco millóns. Ou a derivada de experimentar con certas
drogas. Mesmo a de morrer (isto, naturalmente, só pode ser unha
conxectura) en paz, sen arrepentirte de nada, ou ben logo de
arrepentirte de todo e saberte perdoado.
Dirás
o que queiras, que delito non é. Mais describireiche unha situación,
e de seguro
que me entenderás:
Levas
unha hora á friaxe da peor das noites invernizas, vestido de verán
e mal abrigado nun portal dunha rúa absolutamente deserta. Sen
transporte, sen cartos dabondo para un taxi e sen un amigo que te
veña recoller. Vives a 50 quilómetros e dóenche tódolos ósos.
Cando parece que xa non hai esperanza, que perdiches tódalas túas
oportunidades, de súpeto, ves chegar o teu autobús. Esa sensación
de ter a parada moi preto, de que darás estado nela en tempo, é moi
pracenteira. Pero máis o é a tranquilidade cando se abre a porta,
entras, pagas e sentas. Con présa ó comezo, moi devagar despois. E
notas que o autobús está quente por dentro, por mor da calor
doutros viaxeiros ata hai pouco tamén desesperados no seu abandono.
E o condutor arrinca. Velaí o sinal: xa non tes que levar máis ó
seu límite a túa resistencia. Os teus problemas ficaron atrás. Á
fin, podes descansar: estás salvado. Esa, e non outra, é a
sensación máis pracenteira de todas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario