Malia que
afirma ser británico, é de aquí, de Lugo, coma min. Botou un tempo
en Londres, máis nada. Quen non o coñeza ben podería caer coma un
bendito no engano, iso si. Fala un inglés case perfecto. Só se lle
coñece a orixe polos erres moi marcados. Teriades que oílo recitar
letras de David Bowie.
Aínda
que o de engano non é exacto. Sería atribuírlle unha maldade da
que carece ou que, cando menos, eu non percibo cando se define a si
mesmo coma forasteiro. Coido que esa definición obedece a que el se
sente de fóra, de verdade, de corazón.
Desde
logo, distinto á meirande parte dos de aquí que coñezo abofé que
é. Ten unha presenza transcendente. Non digo que sexa carismático
nin nada diso; ó contrario, fállalle a empatía: case nunca semella
verdadeiro ó sorrir. Non, o que quero dicir é que, cando un está
con el, nota que o menor detalle importa. Faicho sentir con cada
aceno, aportando un toque de cor fundamental no que, doutra forma,
resultaría anódino. Con el, a escena máis cotiá pode ter un
encanto particular (coma tódolos encantos). Agora, ollo: hai que
saber captalo. Se vas de normal con el, á expectativa,
agardando que te entreteña sen máis, haste aburrir a morrer. Debes
poñer da túa parte.
Falamos,
e quéixase con frecuencia do aprehensiva que é a xente aquí. De
que con eles haxa que andar todo o tempo coma carretando ovos por
unha corda de equilibrista. "Cando me poñen esas caras, nunca sei que é o que fixen mal". Di que iso non lle acontecía en Londres.
Que alá era chistoso ó seu xeito (a falta de conexión emocional co
interlocutor, o seu sentido do humor é enxeñoso ata lindar co
salvaxe) e non pasaba nada, e que desde que chegou aquí foi virando
ós poucos retraído e calado, por mor desa sensación de incomodar
que o domina cando trata de facer vida social. Cre que a xente nunca
capta de que está a falar (entende de case todo; a expresión
“cultura xeral” fica pequena no seu caso), nin comprenden que non
o faga moi alto (podería: ten voz de barítono) coma eles, e que
lles da mala espiña o seu comedimento; el é afable, e aquí lévase
máis o falangueiro. Cóntame que alá tivo once mozas en catro anos,
“feo como son, pobre coma as arañas, sen carné de conducir, nin
coche, nin saber bailar, nin darlle ó peteiro, sendo un fulano
bastante común”. Aquí, en cambio, hai xa outros tantos que deixou
de intentalo. Di que as poucas que erguen a ollada dos seus whatsapp
para miralo á cara no bus urbano o fan sentirse “cuberto de
mocos”.
“I'd
like to come back”, murmura algunha vez, con ansia, sobre todo se
bebeu. “I wanna come back”. E aí xa si que é cento por cento
londiniense, para min.
Ningún comentario:
Publicar un comentario