martes, 26 de xullo de 2016

O misterio das axendas do pánico


Foto: Lynn Greyling

En certa praza está a darse un fenómeno singular estes días. Nos bancos do pequeno parque que ocupa a súa parte central e nas mesas da terraza dun chamado “café lounge” próximo, vense de cando en vez, abandonadas, axendas comerciais desas encadernadas en espiral e tapa dura, todas idénticas, co mesmo logo ben visible. Datan dos anos 95-96, segundo a capa; polo demais, non aparentan uso. Ninguén sabe quen as deixa alí. Só deron en aparecer, sen máis, dun día para outro.
Esta mañá contei tres noutros tantos bancos do parque ó pasar. Nun deles había un señor sentado, completamente inmóbil, coa axenda distanciada nuns 30 centímetros da súa persoa, coma para deixar claro que lle era allea. Onte, a camareira do “café lounge” non daba creto: outras tres apañara das mesas. Pousounas na barra coa reticencia coa que se terma de tres peixes podres antes de botalos ó lixo. Antes, fóralles tirando cadansúa foto co móbil. Chamou decontado á xefa, a ver que se facía con elas. Estaba intranquila. Non era a primeira vez, seique. A cousa, afirmou, dáballe mala espiña. O camareiro da quenda seguinte coincidiu nesta impresión, grave. Eu boteille a man a unha e folleeina brevemente. Era o que era: unha axenda de había 20 anos, do trinque, sen unha soa anotación nas páxinas que mirei. O Daesh reivindica a posteriori, non envía avisos previos por estes medios.
Non fixen aceno incrédulo ningún. Deixou de sorprenderme que moita xente colla aprehensión a algo moi familiar. Pois desta pode tratarse de a) un comercial que procura tirarlle rédito a material obsoleto dun xeito pouco ortodoxo, ou b) a teima inofensiva dun enfermo mental calquera dos moitos que pululan por Lugo desde a ocorrencia de Felipe González de peche masivo de sanatorios aló polos 80.
Pero non. É o tempo no que os artigos de prensa sobre maltratadores entolecidos ou asasinos en serie definan ó detido/abatido/suicidado coma “unha persoa aparentemente normal”. Tampouco creo que a culpa sexa do xornalismo de segunda. Quen pretenda sementar o terror nunha sociedade, estea máis ou menos civilizada, pode empregar un recurso eficaz: o instinto gregario. Empezo a pensar que quen se atemoriza á vista dunha axenda comercial atrasada, aí no fondo, o que persigue é a normalidade. Igual que hai vinte anos ou algo máis a normalidade era gustar daquela canción reggae de Inner Circle que levaba un “a-la-la-la-la-lom-lom-li-lom-lom-lom” no refrán, hoxe a normalidade é que non che chegue a camisa ó corpo, polo motivo que sexa. Ten que haber un como hai unha canción do verán.
Eu deime conta con total claridade unha tarde calorosa de xullo, hai ben tempo. A muller que camiñaba diante miña pola rúa botou case a correr ó notar que eu levaba un pedazo camiñando detrás (non correndo tras) dela. Non reparou en que a rúa era das máis concorridas daquela parte da cidade, e que eran as catro da tarde, e que tal vez eu só levaba o seu mesmo camiño. Non, claro. Así sería unha persoa infrecuente e illada: non tería medo sen razón. Sería coma un raparigo que non lle ve o chiste ó Pokemon Go: só coma unha araña que teceu a tea onde non hai tránsito de moscas.

mércores, 20 de xullo de 2016

A menos de 3 millóns de anos luz


Ultimamente sigo bastantes series televisivas á vez. Época estraña esta: hoxe, no ciclo profesional dos actores anglosaxóns, é a televisión a que pode garantirlles pasaporte para o cinema e non ó contrario, como sempre fora desde que coinciden no tempo os formatos. A explicación está en dous cambios: a meirande ambición na produción das series, inversamente proporcional ó grao de creatividade dos guionistas de Hollywood, e a meirande esixencia dos máis dos espectadores; diría que o segundo é consecuencia do primeiro, sen estar certo.
Interésome polo fenómeno pola razón primeira, mais non comparto en absoluto o fervor de moitos (chamémoslles) seriófilos. Eu miro series coma The Strain ou Outcast; eles só falan das que eloxia xente coma Carlos Boyero. Informándome de próximas estreas ou proxectos, ingreso en páxinas especializadas e non podo evitar ler os seus comentarios a pé de ficha técnico-artística. Cando son laudatorios, lembran no pegañento a calquera novela de Federico Moccia; cando son críticos (máis frecuentemente se a temática se afasta do xénero realista), abrolla deles o fel. E sempre, sempre, os percorre a tensión histérica. Semella que consideran unha serie televisiva (que non sexa Modern family ou similar) algo ben máis elevado do que é: basicamente, un medio de entretemento de masas.
O cúmulo deste certo fundamentalismo deuse cando algúns seriófilos nacionais, dado o panorama político institucional, chegaron case a esixir a políticos reais o estudo profundo da serie dinamarquesa Borgen, a xeito de deberes para alumnos castigados. A súa solemnidade era inequívoca. Non soaba a brincadeira, non: de verdade pretendían que gobernaran un país ou deseñaran un programa electoral en función do que se vía alí. Quizais o fixeran a falta de poder facer máis, pois non haberá tempo no que o acceso a case todo sexa teoricamente tan franco coma practicamente inalcanzable no tocante ó importante. Ou quizais porque, na súa fe, unha serie de televisión debe ser unha versión mellorada da realidade, que é coma querer que os trens cheguen á hora que sempre nos veña mellor.
E nesa carraxe coa que poñen a parir unha serie só por carecer da xenialidade precisa para merecer o gasto do seu tempo reside unha verdade esencial: entenden que todo goce ha de ser glorioso ou non ser. Nunca se achegarán, pois, a menos de 3 millóns de anos luz diso que chaman felicidade, se tal cousa existe e non é como dixo aqueloutro: "sei que na vida hai bos momentos; de aí non paso".

mércores, 13 de xullo de 2016

O grosor si importa


Foto: George Hodan

Non sei que escritor anglosaxón famoso polos seus supervendas confesou ter quedado un algo desencantado o día que soubo por que os seus primeiros libros non se vendían. Eran de pouco paxinado, de narrativa definida pola síntese. Estaba bastante orgulloso deles. Polo menos, ata que falou do asunto cunha amiga súa. Esta amiga díxolle que, se ela se tomaba a molestia de ir a unha libraría, era para algo “que pagara a pena”, segundo o seu concepto de consistencia: un libro voluminoso. Para comprar unha cousiña de cento e poucas páxinas do groso dun dedo, non lle compensaba a viaxe. O escritor interpretou, polo visto, este comportamento particular como algo estandarizado e pasou a escribir ladrillos ben amenos de 500 páxinas. Vendéronse coma o papel hixiénico en Venezuela.
Pensei nestas cousas dando unha volta o outro día polas casetas da Feira do Libro Antigo e de Ocasión (máis do segundo ca do primeiro), na Praza Maior. Cada ano dura menos a volta porque cada ano se perde nas casetas máis espazo para libros (máis transcendentes ou menos, pero) interesantes e difíciles de atopar en favor de espazo para novelas famosas de aspecto e contido vulgar, tal vez regaladas cos xornais, descartadas unha vez concluído o seu período de vixencia na mesa de noite dos propietarios: logo dunha única lectura. Moitos son estrutural e documentalmente notables, carentes en cambio do elemento superfluo que move a novas visitas: o detalle.
Estas feiras son, ou tal me parece, unha especie de cemiterio dos gustos lectores máis estendidos. Dos produtos das viaxes á libraría de milleiros de amigas de escritores supervendas. Son ós libros o que as listas do desemprego á humanidade, agás porque no caso dos primeiros, o criterio de descarte é polo común moito máis certeiro.
Alégrame non atopar apenas nesas casetas libros opostos ó concepto de supervendas segundo a teoría do noso autor anglosaxón: pouco paxinado e moito traballo do detalle. Pode ser, tamén hai que dicilo, porque xa de primeira man non se vendían. Pero é un feito diferencial respecto ás leis do desemprego: o habitual é que o mercado (e a palabra é sen dúbida axeitada: carne) prefira cantidade e brillo fato no sitio de calidade e sabia discreción.

xoves, 7 de xullo de 2016

Un ollo de vidro (ameazador)


Foto: Alex Borland

Unha vez, hai xa anos, comprei unha cámara dixital sinxela de 8 megapíxeles e botei a andar á procura de imaxes que xustificaran o seu uso. Aínda a conservo, canda as fotos que fixen. Todas amosan natureza morta, máis curiosa ca outra cousa. Estimo que o motivo de que así fose contén un 40% de escaseza de vida social e un 60% de decoro.
Leo estes días que “Quimi” Portet, o ex de El Último de la Fila, denunciou (é dicir, propuxo para linchamento) no Twitter a un camareiro porque este non soubo o que era un “café amb llet”. O camareiro entendía o galego, por selo, o castelán, o inglés, o francés... mais non o catalán, nin o valenciano. Así llo fixo saber a Portet, que debeu intuir nesas palabras un grao de insidia merecedor da súa ira, porque se non non se explica a súa reacción en persoa cabal: botou a man ó móbil, que ben podería levar pendurado ó cinto dentro dunha canana, apertou o gatillo da pantalla táctil e subiuno todo á nube dos tronos. De novo a reminiscencia do Oeste: teñen máis gracia os carteis que se ven nos filmes do xénero pendurados nunha parede de táboas, co retrato robot do falcatrueiro entre o grande WANTED e a recompensa en miles de dólares; o do Indio (Gian Maria Volonté) en “La muerte tenía un precio”, de Leone, represéntao a el botando unha gargallada.
Nunca pode un estar certo do que faría no lugar doutro nunha situación determinada. Penso que, neste caso de indignación ata onde sei esaxerada, e tal vez tamén noutros cualificables de verdadeiramente graves, eu sería incapaz de ameazar a un ser vivo intelixente cun ollo de vidro. Paréceme algo francamente groseiro, dun absurdo vulgar, do que non ten gracia. Se a situación o requirise, usaría o teléfono para marcar o 091, ou interviría cos puños de non quedar máis remedio. Pero iso non. Entre outras cousas, supón darlle a razón a esa xente de mediana idade que bota o día a laiarse de que antes o mundo era mellor. De que antes a xente usaba as cámaras para retratar naturezas mortas que, por artisticamente risibles que foran, non deixaban en evidencia ó fotógrafo.