luns, 26 de agosto de 2013

Os que se teñen por moito

Relato sen relación ningunha coas
primeiras obras de Suso de Toro


Ai, ese? Ou sexa, que ese fulano paréceche a ti que ten a cabeza moi ben amoblada? Pois deixa... Non ho, deixa, que che hei contar unha cousa que me pasou hai pouco con el. Para que saibas como lle traballa a chencha. Ti deixa, que xa...
Estabamos falando, coma se nada, coma sempre. E nestas, vai o demo da norueguesa (xa a coñeces, a tipa esa que vai moi de intelectual, que nin que fora a raíña de Roma, coma se lle deramos noxo) e dálle por preguntar conachadas de política. Non entendía a paifoca como é que disque aquí aturamos tanto ós gobernantes. Mira ti. Pois vai este fulano, que sempre está alí nun cornello, coma un moucho, sen dicir nada, que é máis triste ca unha funeraria, e dille: “Non preguntes. Aquí a xente é alérxica ó racional.” Así lle dixo. E botouse a falar coma se tivera un tapón na boca e llo acabaran de quitar. Nunca tanto o vira falar. Que aquí votamos a quen nos afoga, ou non votamos e despois queixámonos, que se con tal que haxa churrasco e sardiñas asadas e a festa da empanada, nos da igual que nos pechen as bibliotecas, que aquí o teatro e o cinema están mortos e non pasa nada (a min o teatro, nin frío nin calor, xa me coñeces, mais eu fun o outro día ós cines do centro comercial e moi mortos non están), en cambio cando querían descender ó Celta polo tema aquel dos avais, para iso si que se mobilizou a cidadanía (dixo así, “cidadanía”, como moqueándose, o jicho), que aquí a quen espremen no traballo por catro patacos, no sitio de ir ó sindicato le o Marca e dálle ó JB, que temos unha sanidade que pon en lista de espera de meses a pacientes a rentes da morte pero aquí aparecen cartas nos xornais loando o simpáticos que son os mesmos médicos que se conforman con esa precariedade (ata fala mal, “precariedade”, que iso soamente se usa no tema laboral), que os empresarios son os únicos que libran da queima cando son os responsables dun vinte e tantos por cen de paro xuvenil, por quereren que nazan os mozos xa aprendidos e por montaren empresas para que outros traballen por eles mentres andan de jarana, que se...
Vaia, se cho conto todo non acabamos hoxe... E seica se teñen por moito. Ademais, véñenche así, coma dicíndoche que son máis ca ti. Que cona... Eu iso non llo aturei, eh? Moi educadamente, xa me coñeces, púxenlle as peras a cartos. Ti que tes? Repugnante, carallo, que es un repugnante... Non ho, non llo dixen así... Díxenlle: E se me gusta a verbena, que? E se non quero que me lembren o mal que está todo para que non se me atragoen o café e mailos churros e prefiro falar cos amigos de fútbol, que? E se me gusta ir polas noites a lo loco, que? Eu non son un lorcho coma ti, hostia, con esa cara de non ter catado muller na vida. E non, empresa non teño, pero se a tivera, poñendo os meus cartiños, que os teus non, había querer xente con experiencia, ou que? Unha cousa é ser empresario e outra ter unha ONG, ou que? Non vou pagar un soldo e máis facer eu o traballo, ou que? E votar, eu non voto, que tanto me ten xan coma seu irmán, todos fan igual. E aínda que non vote, que? Non teño dereito a queixarme, ou? A ver, que? Que tes?
Non, home, non llo dixen así... Termei do xenio, e caro me custou. O que lle dixen é que non teño a súa soberbia. Axoteina traballando toda a vida, no sitio de ter o cu quentiño na universidade, coma outros. El ben entendeu.

Ningún comentario:

Publicar un comentario