xoves, 29 de agosto de 2013

A cita

A porta abriuse amodo. Polo eco do son, a el pareceulle estar no corredor dun búnker subterráneo, e non no dun bloque de pisos das aforas da cidade, ás nove da noite dun venres caloroso de setembro.
-Ola, amor -dixo ela, quedamente. Dubidou. Finalmente, adiantouse, ergueuse nas puntas dos seus zapatos negros de tacón alto e, vacilante, rozoulle os beizos cos seus. O mesmo que fixo coas mans: rozar apenas os seus ombreiros.
Ela levaríalle uns quince anos; aparentaba corenta e poucos. Viñéranse vendo a diario durante as últimas dúas semanas, sempre na intersección das mesmas rúas, sempre á mesma hora. Dous seres rutineiros que se observaran unha vez ó día durante eses quince e, logo da última ollada, nese mesmo día quince, dixéranse á fin unha palabra. E non para falar do tempo.
-Quérome deitar contigo -dixéralle ela.
-Coido que eu tamén me quero deitar contigo -dixéralle el.
Eran conscientes do aberrante do seu comportamento, obviamente. Aquilo non se facía así. Primeiro tiñan que falarse dos seus días tristeiros, das súas familias, das súas mascotas, das súas contas de Facebook que non acababan de sumar seguidores, dos seus fracasos laborais, dos seus espertares bos e malos, das súas opinións políticas, do telelixo que seguían sen nunca confesalo, dos amigos que ningún dos dous terían, seguramente... Entre outras etapas regulamentarias. O proceso debía durar varios meses de citas máis ben discretas, por mor da diferencia de idade, incluíndo varias saídas de fin de semana a praias, montes ou centros comerciais doutras cidades máis glamurosas.
Pois ben, eles, á marxe de rutineiros, eran seres claramente necesitados. Botaran tempo analizando o que a outra persoa desprendía en cada aceno, no xeito de mirar todo ou na maneira de sentar nunha parada de autobús. Pequenos detalles moi reveladores.
Así que obviaron o protocolo. Quedaron en vérense aquela mesma noite, na casa dela, sen paso intermedio.
E alí estaban. Ela dubidou outro pouco e apartouse para que el entrara no seu piso. O sitio era pequeno e moi limpo, amoblado por Ikea sen parecelo. Non había á vista o menor intento de ostentación. Ela indicou cara o fondo do corredor.
-Non, gracias -dixo el, antes de ela dicirlle nada, con voz vibrante.
O dormitorio tiña cama individual. Ela soltoulle a man logo de guialo ata alí e, sen máis, comezou a quitar o vestido de gasa negra pola cabeza. Tiña un corpo de aspecto acolledor, por imperfecto. El indicoulle o que tomou pola porta do baño.
-Non, gracias -respondeu ela, antes de el poder dicir nada, coa mesma voz vibrante, algo amortecida a través da tea.
El detívoa poñéndolle as mans nas cadeiras, para que o vestido non subira.
-Como fixeches iso?
Ela foi recompoñendo a roupa, moi lentamente. Cando o vestido se lle retirou da cabeza, el viu, fixos nos seus, un par de ollos dunha cor verde reptiliana, coas pupilas estreitas coma fírgoas.
-Tal vez son un pouco máis diferente do que pensabas.
El ficou paralizado. Cousa duns segundos. Decontado recobrou a expresión esperta. Sorriu, triste. Antes de que ela puidera facer nada, el quitou de debaixo da cazadora un coitelo de estraña feitura, de folla curvada en tres puntos, e chantoullo no peito dunha soa estocada, firme e precisa.
Ela abriu a boca. O ferrete vermello saíu disparado dela. Por dous centímetros non tocou co seu extremo bífido o nariz del, antes de caer, pendurando fláccido dos seus beizos, como caeu ela de seguido, sen emitir son ningún.
-Sempre me pasou igual -murmurou el-. Nunca tiven sorte cos encontros casuais.
Anicouse e retirou o coitelo do cadáver do monstro. Limpou a folla ensanguentada no vestido.
-Eu cunha noxenta ollos verdes? -engadiu-. Nin morto.
Pestanexou unha vez e amosou os seus verdadeiros: vermellos, coa mesma pupila-fírgoa negra. O ferrete que pasou polos beizos semellaba un pemento coa punta deformada no sinal da vitoria.

luns, 26 de agosto de 2013

Os que se teñen por moito

Relato sen relación ningunha coas
primeiras obras de Suso de Toro


Ai, ese? Ou sexa, que ese fulano paréceche a ti que ten a cabeza moi ben amoblada? Pois deixa... Non ho, deixa, que che hei contar unha cousa que me pasou hai pouco con el. Para que saibas como lle traballa a chencha. Ti deixa, que xa...
Estabamos falando, coma se nada, coma sempre. E nestas, vai o demo da norueguesa (xa a coñeces, a tipa esa que vai moi de intelectual, que nin que fora a raíña de Roma, coma se lle deramos noxo) e dálle por preguntar conachadas de política. Non entendía a paifoca como é que disque aquí aturamos tanto ós gobernantes. Mira ti. Pois vai este fulano, que sempre está alí nun cornello, coma un moucho, sen dicir nada, que é máis triste ca unha funeraria, e dille: “Non preguntes. Aquí a xente é alérxica ó racional.” Así lle dixo. E botouse a falar coma se tivera un tapón na boca e llo acabaran de quitar. Nunca tanto o vira falar. Que aquí votamos a quen nos afoga, ou non votamos e despois queixámonos, que se con tal que haxa churrasco e sardiñas asadas e a festa da empanada, nos da igual que nos pechen as bibliotecas, que aquí o teatro e o cinema están mortos e non pasa nada (a min o teatro, nin frío nin calor, xa me coñeces, mais eu fun o outro día ós cines do centro comercial e moi mortos non están), en cambio cando querían descender ó Celta polo tema aquel dos avais, para iso si que se mobilizou a cidadanía (dixo así, “cidadanía”, como moqueándose, o jicho), que aquí a quen espremen no traballo por catro patacos, no sitio de ir ó sindicato le o Marca e dálle ó JB, que temos unha sanidade que pon en lista de espera de meses a pacientes a rentes da morte pero aquí aparecen cartas nos xornais loando o simpáticos que son os mesmos médicos que se conforman con esa precariedade (ata fala mal, “precariedade”, que iso soamente se usa no tema laboral), que os empresarios son os únicos que libran da queima cando son os responsables dun vinte e tantos por cen de paro xuvenil, por quereren que nazan os mozos xa aprendidos e por montaren empresas para que outros traballen por eles mentres andan de jarana, que se...
Vaia, se cho conto todo non acabamos hoxe... E seica se teñen por moito. Ademais, véñenche así, coma dicíndoche que son máis ca ti. Que cona... Eu iso non llo aturei, eh? Moi educadamente, xa me coñeces, púxenlle as peras a cartos. Ti que tes? Repugnante, carallo, que es un repugnante... Non ho, non llo dixen así... Díxenlle: E se me gusta a verbena, que? E se non quero que me lembren o mal que está todo para que non se me atragoen o café e mailos churros e prefiro falar cos amigos de fútbol, que? E se me gusta ir polas noites a lo loco, que? Eu non son un lorcho coma ti, hostia, con esa cara de non ter catado muller na vida. E non, empresa non teño, pero se a tivera, poñendo os meus cartiños, que os teus non, había querer xente con experiencia, ou que? Unha cousa é ser empresario e outra ter unha ONG, ou que? Non vou pagar un soldo e máis facer eu o traballo, ou que? E votar, eu non voto, que tanto me ten xan coma seu irmán, todos fan igual. E aínda que non vote, que? Non teño dereito a queixarme, ou? A ver, que? Que tes?
Non, home, non llo dixen así... Termei do xenio, e caro me custou. O que lle dixen é que non teño a súa soberbia. Axoteina traballando toda a vida, no sitio de ter o cu quentiño na universidade, coma outros. El ben entendeu.

xoves, 22 de agosto de 2013

Forza contra os inimigos do zen

A situación é esta: 30 graos ó sol. A terraza está nuns soportais e conta cunha sorte de microclima: neste momento, nin frío, nin calor. Un café xeado e un libro de relatos de fantasmas. Nunca tivo moita idea de que pode ser iso da actitude zen. Segundo o que se conta dela, non acha que un ser humano poida ser capaz de tal cousa a non ser lobotomía mediante. O único que sabe é que durante o día non foi quen de atopar xamais unha postura cómoda e na cabeza lle bulen mil e tres imbecilidades. Cada vez que trata de pensar en algo coherente para neutralizalas, resulta que as imbecilidades se multiplican por sete.
Na mesa do lado hai catro individuos de corenta e tantos-cincuenta e moitos. Todos levan polos ou camisas desas a raias tipo executivo desgravatado e todos falan de “proxectos” a entregar en tres días, de enredos no Catastro, de que o Concello non debera poñer problemas. El pregúntanse quen cona poden ser, de onde virían. Parécenlle unha anomalía. Algo insólito.
Non amosan o ton un tanto estresado que sería previsible, en troques. Están coma de carallada. Hai tempo que algún prendeu o cigarro. O fume chégalle a el dereitiño ós fociños; non lle ole moi distinto do das queimas nos montes. A manga esquerda da camisa vaille ficando cuberta de partículas de cinza que arrastra o ventiño maino. 
Cando sae a camareira, os dos proxectos póñense de brincadeira con ela. El cruza os dedos da man dereita e pensa: “Por favor, non”. Agarda. Repite o desexo. “Ai, como te colla soa...”, remata por dicirlle un á moza. El descruza os dedos. Saíulle furada.
O libro pasou a formar parte da decoración da mesa. Os dos proxectos non intentan nin baixar un pouquiño a voz. E nin sequera falan de nada, mais a boca non a pechan, e a lingua non para. El empezou a apertar os dentes. Agora pecha o libro e, con toda a intención, déixao caer con forza e aceno de desgusto na mesa. Non os mira. Coida percibir que baixaron lixeiramente o volume. Murmuran algo. Capta a palabra “subnormal”. “Non home, discapacitado”, di outro. “Non, que insultas ós da ORA”, di un terceiro. Non comprende el a santo de que vén isto último, nin nada do que din nin fan. E o café con xeo é auga tinguida de amarelo. Pero el obrígase a facer un esforzo. Volve a cabeza cara o outro lado, cara os outeiros. Pensa en alguén que non sospeita nada do que el pensa e no que faría con ela debaixo dun daqueles carballos, amodiño. E, igual de amodiño, vaise obrando o prodixio da calma.

mércores, 21 de agosto de 2013

Ola si

Mateino porque non sabía escribir nin ola”. Tal explicou sobre H. P.Lovecraft, nun capítulo de Sobrenatural, certo demo que fora convocado polo escritor e mailo seu círculo de temerarios a xogar con lume. Lembrei isto por dúas razóns. Por unha banda, Agustín Fernández Paz lembraba estes días a data do pasamento do escritor. Por outra, hai pouco que rematei de ler unhacolección de colaboracións do de Providence con outros escritores afeccionados. A edición é a castelá de Caralt, do ano 78. O que máis me sorprendeu foi o prólogo. Nunca topara con tal manifestación de aversión por parte dun tradutor, Antonio Prometeo Moyá, cara o autor dos textos que (é de supoñer) se lle encomendaran traducir. Hai incluso alusións despectivas á (seica) escasa capacidade amatoria de Lovecraft. Pouco máis ou menos, a visión da literatura del que Moyá ofrece é (ía ser diplomático, pero vai d'aí) a dunha morea de bosta de moi limitado interese refregada contra un papel.
Entendo que o prologuista e tradutor pretendía resultar desmitificador. Alude á consideración de cuasexenio das letras universais que de Lovecraft tiñan algúns entendidos de certo prestixio. Achábaa esaxerada. Concordo. Pero el resultaba tan extremista coma eles: do extremo xustamente oposto. Se cadra porque para Moyá todo era literatura, sen distincións: se é negro sobre branco, equis. Coma tantos críticos. Non se lle ocorría pensar algo tan sinxelo e verdadeiro coma que Lovecraft era un autor de pulp caralludo. E si que sabía escribir ola. Punto.
Fai falta nisto das letras alguén coma o que foi Roger Ebert no cine. Tamén diría que fai falta nisto das letras algo coma o que foi o pulp, pero antes de entrar en profundidade na cuestión, vestirei o chaleco antibalas.

luns, 19 de agosto de 2013

O tolo

Sería na rúa San Marcos, non lembro se antes ou despois de que levaran por diante os xardíns e o cubriran todo de pedra ruín. Ía eu cara Santo Domingo e vino vir cara min entre a xente. De primeiras, non me decatei. Vestía non coma se fora a un voda, pero pouco lle faltaba: traxe, gravata, cabelo escaso peiteado con fixador e o bigotiño da cor da cinza moi ben perfilado. De non ir falando só, teríao confundido con calquera notario ou avogado dos que por alí terían despacho.
Dixen falar; máis ca iso, berraba só. Non captei moito do seu discurso, que xa chegara encetado ó alcance dos meus oídos. Apenas entendín que “antes non tiñamos nada diso e viviamos igual”. Sen saber o que sería “iso”, deille a razón. Coidei notar que me devolvía o sorriso cómplice.
Volvería velo aínda outras veces. Unha vez, levaba na man unha cinta de casete negra, que axitaba no aire coma un árbitro un cartón vermello. Segundo pregoaba, contiña “toda a historia” en detalle.
Aparte de inspirar unha certa simpatía, aquel home, xunto con algúns autores compulsivos de cartas ó director dos xornais, ben podería ser a imaxe do futuro de quen hoxe era observador da súa loucura, e non por ser este último un caso patolóxico, senón porque noto que a cada punto máis potes ferven e o que hai dentro semella interesar a cada punto menos ó veciño.

venres, 16 de agosto de 2013

O último día (Parte 4, final)

* * *

(En plano fondo, murmurios de xente, con eco, coma se fora o interior dun edificio de corredores e salas amplas e baleiras.
En plano medio, pasos de tres persoas, resoltos os de dúas delas, remisos os da outra, por un corredor de teitos altos, con ese mesmo eco.
En plano medio, despechan unha pechadura e ábrese unha porta pesada, metálica, e pasos das tres persoas atravesándoa)

POLICÍA: (home, ton grave, trinta, trinta e cinco anos) Podes marchar, Xaquín. Este Solitario non parece capaz de moitas trasnadas. Quedo eu, de momento. A ver se dou chegado para a segunda parte. Se non, xa me contarás se lle zoscaron moito ó Cristiano... Vaite, ho, veña!

(En plano medio, péchase a porta)

POLICÍA: Déixote só aquí dentro ata que veña o xefe. Ben ves que me fío de ti. Iso si, non soñes: es reincidente de anos, e con outros tres atracos na mesma mañá, para rematar de arranxalo. E total, por catro cadelas... Dáme que desta non libras. (Cinco segundos de silencio) Non dis nada? (Dous segundos de silencio. Con aire pensativo) Parece mentira. Fuches atracar cunha pistola detonadora. Estourou a pólvora, deuvos un susto ós dous ó tempo e caestes redondos. El morreu. Ti non fixeches morte ningunha, claro, e sen embargo semellas un morto. Na inopia. Coma noutro mundo, talmente. Amigo, desta superácheste... En fin, ata máis ver.

(En plano medio, tres pasos e péchase a porta desde fóra, con chave)

(En primeiro plano, suspiro fondo, tremente)

VOZ 2: Quen cho ía dicir, eh, Serxio? Non sabes como foi, nin se esta estraña consciencia durará. Non sabes nada. Agás que, salvo milagre, xa non notarás a choiva a través dos zapatos nuns cantos abriles. Que, nesta nova vida, tempo ha de pasar antes de que volva chover por ti. E que, cando volva facelo, nin paraugas terás.

(Sintonía: Danger, dentro da banda sonora de Cannabis, de Serge Gainsbourg, ou algún instrumental semellante. 30 segundos e fundido)


mércores, 14 de agosto de 2013

O último día (Parte 3)

Voz 2: Lisca ti tamén, burricán. Aquí pasa algo.
Home: (Voz grave, dura, uns 50 anos, alterado) Quietos! De aquí non sae nin cristo! Quieto todo cristo! Quietos, dixen!
Voz 2: A boas horas, Tejero. Aló vai o raposo coa pita na boca. E ti aquí, paspán. Que che dixen?
Home: Nena, nin te movas! Dámo todo! Pono aquí dentro. E caladiños, estamos? Todos caladiños coma na misa.
Caixeira: Non podo abrir a caixa. Apertura retardada.
Home: Inventa o que sexa, pero ábrea! Veña, que levo présa! Abre, que te mato!
Caixeira: E que quere que lle faga? O director saíu tomar o café. Alí ten o interventor, pechado no despacho. Igual sabe abrila. Se quere, leve isto...
Home: Ti quieto, dixen!... Os cartos, onde están?! Non esa merda, os cartos, os cartos! Non serán eses todos os que hai? Non me queiras poñer por parvo! Abre aí o dispensador! Abre, que te mato!... Que fiques quieto, che digo!

(En plano medio, soa un teléfono. Tres tons)

HOME: Cólleo... Cólleo, dixen! Ou coidas que non te vin antes? Dilles que a alarma soou por simpatía. Sim-pa-tí-a. Se falas máis, de aquí saes en caixa de piñeiro.
SERXIO/VOZ 1: Tarde. Se é que ese home do despacho non chamou xa á policía, farano os de seguridade ou calquera dos clientes que fuxiron.
HOME: Que cales!... Ti, atende a chamada! Xa sabes o que has dicir.
CAIXEIRA: Si... Non... Non, aquí non pasou nada... Non... Non sei, había ser a de prácticas, sen querer... Que si, todo ben... Non, nada... Adeus.
VOZ 2: Malpocado, documentaríase mirando filmes de atracos... Mira para el: non sabe se vaia axotar ó interventor do seu tobo ou vixiar á caixeira... O caso é que desta atinou. Mais aquí rematará a súa sorte.
HOME: Moi ben. Agora abres o dispensador e dásme os cartos, marcho, e aquí paz e despois gloria.
Voz 2: Xa que quedaches, de perdidos ó río. Non o ves? Ese mesmo podería facerche un favor. Faino... “Coma se fora tan doado”.
SERXIO/VOZ 1: Coma se fora tan doado.
Caixeira: Serxio, que fas? Afástate. Non fagas o parvo.
Voz 2: Fagamos o parvo. Vai cara el. Aí está.
Home: Ti faime caso a min, nena! A min!... E ti, non che dixen que quieto?! Estás xordo ou naciches idiota?! Atrás! Aí, contra esa parede! Queres ir para a cova antes de tempo!? Atrás!
CAIXEIRA: Pero Serxio, a ti viute o demo? Quieto! Vaite para atrás!
HOME: Non oes?! E ceiba o canón! Mira que non respondo!
VOZ 2: Pois non respondas.
SERXIO/VOZ 1: Pois non respondas.
Caixeira: Serxio, abonda! Pero que che pasa?
HOME: Que te furo! Óesme?

(En plano medio, soa o teléfono)

HOME: DESCOLGA ISO.

(Deixa de soar o teléfono)

Voz 2: Pois fúrame. Pero mira ben o que fas. Apunta aquí. E non falles.
SERXIO/VOZ 1: Pois fúrame. Pero mira ben o que fas. Apunta aquí. E non falles.

(En plano medio, son de teclear nun ordenador.
En plano medio, son dunha tapa de metal e de manipulación de billetes.
En plano medio, son de moitas moedas caendo nunha bolsa de plástico)

HOME: Que andas argallando aí?!
Caixeira: Mire, teña todo o troco. E xa abrín o dispensador. Non hai máis ca isto. O interventor quizais lle saiba abrir a caixa. Pode levalo todo. Pero non lle faga caso. Por favor llo pido, déixeo marchar!
HOME: Cala o peteiro! TODO O MUNDO CALADO. Aquí faise o que digo eu, estamos?! O QUE DIGO EU. E ti, non me movas o canón! Céibao! Céibao que non respondo!
VOZ 2: Se de certo es o que dis ser, ladra menos e traba máis.
SERXIO/VOZ 1: Se de certo es o que dis ser, ladra menos e traba máis.
HOME: Pero estás tolo?! Non me quentes máis o xenio, que fago unha morte!
CAIXEIRA: Non turres por el!

(En plano medio, son de labazadas suaves nas meixelas)

HOME: Que me quites esa pouta da cara, hostia! E ceiba o canón, non cho volvo dicir!
VOZ 2: A ver se tes o que hai que ter, vacaloura.
SERXIO/VOZ 1: A ver se tes o que hai que ter, vacaloura.
HOME: (Repentinamente calmo) Por que me miras desa maneira? Non me mires así. Non me mires así.
CAIXEIRA: Serxio, abonda! Xa!
VOZ 2: Veña, machiño. Fai algo revolucionario.
SERXIO/VOZ 1: Veña, machiño. Fai algo re...

(En primeiro plano, encadeados, detonación e grito histérico da caixeira)


martes, 13 de agosto de 2013

O último día (Parte 2)

* * *
(En plano fondo, murmurios de xente. En plano medio, un asubío metálico. É o sinal desde as xanelas do banco para dar a vez ó seguinte cliente)

Caixeira: (Voz de ton medio, xovial, uns trinta anos) Ola, Serxio! Que, onte foi boa, eh?
SERXIO/VOZ 1: A que?
Caixeira: A que non foi mala... (Risas) A foliada, home. Con esas olleiras de desenterrado, loces igualiño cá min un domingo pola mañá.
SERXIO/VOZ 1: Seguro que a ti aínda che acaían os domingos pos-insomnio.
Caixeira: Ai si, ho! Coñécese que nunca me viches acabada de saír da cama e sen lavar.
SERXIO/VOZ 1: (Poñendo unha énfase especial, case soletreando) Se tal ocorrera... Aínda pagaba por velo.
Caixeira: (Risiña comedida) Imos deixalo aí, crocodilo... A ver logo, canto vai ser hoxe?
Serxio: Vinte, e ben me chegan.
Voz 2: Como? Se mañá xa non estarás aquí. Para que tanto aforrar coma unha vella?
Caixeira: E que tal circula ese currículo? Mandáchelo onde che dixen? Alí eu penso que te collían, malo será.
SERXIO/VOZ 1: Tal vez ti teñas máis habilidade cá min para explicarlle a calquera selector de persoal un oco en branco no teu historial de cinco anos. É algo que te fai “sospeitoso”.
CAIXEIRA: Home, desde que estoupou a burbulla inmobiliaria, haiche moito sospeitoso por aí adiante.
SERXIO/VOZ 1: Eu xa o era antes.
Caixeira: Pois proba algo distinto... Unha sinatura por aquí... Mira a ver poñendo copas. Ou de animador de despedidas de solteira. Ten moita demanda, dígocho eu. (Risas)
SERXIO/VOZ 1: Como acabe eu de “boy”, significará que algo cheira a podre en Dinamarca.
Caixeira: (cunha lene vacilación) Que dramático... Hala, aí che vai. E volve cando queiras. Isto cada vez está máis aburrido. Moito boto en falta ese teu humor entre tanta gravata.
Voz 2: Xa, ruliña, e as vacas van en avioneta...
SERXIO/VOZ 1: Eu dramático e ti falsa. Moi ben disimulas o moito que me odias.

(En plano medio, asubío metálico de cambio de vez)

Caixeira: (pensativa) Por que sempre me tes que dicir o mesmo?

(En plano medio, murmurios intensos da xente, pasos apresurados)

CAIXEIRA: E a estes que lles deu? Saen escopeteados. Nin que acabara o diaño de botar un peido aquí.
SERXIO/VOZ 1: Témome que ese barbudo con lentes de sol que acaba de entrar teña algo que ver.

luns, 12 de agosto de 2013

O último día (Peza de teatro radiofónico. Parte 1)

(Sintonía: Danger, dentro da banda sonora de Cannabis, de Serge Gainsbourg, ou algún instrumental semellante. 30 segundos e fundido)

(Plano medio: Son dun portal pechándose. Plano fondo: Son de tráfico.)

SERXIO/VOZ 1: (Masculina, ton medio, lixeiramente baixo, 35-40 anos) En fin, rapaz. Encetamos travesía polo deserto, un día máis.
Voz 2: (Exactamente a mesma, pero máis enérxica, con efecto caverna. De aquí en adiante, sempre levará tal efecto, ó ser unha voz interior) Un máis non: o último.
SERXIO/VOZ 1: Certo... Mais, desta será a definitiva?
Voz 2: É que o dubidas? Hai só unhas horas estaba decidido. En firme.
SERXIO/VOZ 1: Hai só unhas horas estaba esperto, cos ollos coma pratos fixos no teito. Por iso estou agora coma se me pasara un elefante por enriba dos ósos.
Voz 2: Non me virás con que o que se pensa de noite non vale? Lembras o acordado? Sen escusas.
SERXIO/VOZ 1: Non sei... Deixa andar. Quero ver en que para todo isto. Quizais hoxe sexa diferente.
Voz 2: “Diferente”... Como vexas. Pero vai ser o conto de sempre, ben o sabes. É inútil adiar o inevitable.

* * *

(Plano medio, son de pasos sobre o pavimento. Plano fondo, son de tráfico e murmurios de xente.)

SERXIO/VOZ 1: É curioso. Nunca cheguei a comprender a estas criaturas.
Voz 2: Criaturas? Nin que foran venusianos.
SERXIO/VOZ 1: Serano eles ou sereino eu, mais o caso é que... Viches ese que vén de pasar pola miña beira? Non hai nin un mes que rematamos xuntos unha noite de troula ás sete da mañá cantando “Apaga o candil, Maruxa”. Acórdaste?
Voz 2: Coma se fora onte. E iso estráñache?
SERXIO/VOZ 1: Home, polo menos podía adicarme un deses saúdos desleixados co queixelo. Non lle pedía máis.
VOZ 2: Vaia se llo pedías!
SERXIO/VOZ 1: Touché. E que lle queres? Son un ser humano convencional.
VOZ 2: Non tan convencional.
SERXIO/VOZ 1: Necesitado de certa vida social, así e todo. Non encaixo ben eses... cambios repentinos de humor.
Voz 2: Se queres chamarlle algo, di desmemoria.
SERXIO/VOZ 1: A iso me refiro. Aquí os amigos axiña deixan de ser amigos. E, por se fora pouco, sucede así, da noite para a mañá. Coma por arte dunha maxia desagradable.
Voz 2: Pasa de todo. En especial das mentalidades pechadas. Isto é moi pequeno, e non hai mar, nin moito sol. Todo son montañas arredor e neuras no val. Dato comprobado: a provincia vai á cabeza da comunidade en enfermidades mentais.
SERXIO/VOZ 1: Pois por que nunca marchamos a outro sitio?
Voz 2: Por covardía ou por inutilidade. Escolle a que máis rabia che dea.
SERXIO/VOZ 1: E xa non ten remedio.
Voz 2: Non o ten, non. Selaches a túa condenación un pouco máis cada día que botabas da porta para fóra, con cada un destes paseos desganados por estas rúas tristeiras, con cada tarde perdida nos bares, con cada regreso á casa algo antes do anoitecer.
SERXIO/VOZ 1: Que poético... E que outra cousa podía facer?
Voz 2: Tamén é verdade. Non naciches para ir facer as Américas cunha maleta. Naciches para millonario filántropo a botar a vida a seguir rutas espirituais polo Oriente.
SERXIO/VOZ 1: Ti segue coa sorna, que é o teu.
Voz 2: Sorna ningunha. Hai quen sae ó mundo para turrar do arado ó sol do mediodía, e quen o fai para compoñer á sombra versos bucólicos sobre a vida rural. Éche así.
SERXIO/VOZ 1: Coma Virxilio e mailos seus criados durante a colleita.
Voz 2: Boa analoxía.
SERXIO/VOZ 1: E, non me digas máis, eu son un Virxilio.
Voz 2: Sen dúbida. O malo é que saíches por onde non debías. É tan frecuente coma a choiva que cae de arriba abaixo. Non hai que lle facer. Non o penses.
SERXIO/VOZ 1: Para ti é doado de dicir. Non notas a auga a través dos zapatos furados en pleno abril.

venres, 9 de agosto de 2013

Posteridade

Tardei un tempo en decatarme. Nunca reparara naquelas medias esferas de cor negro brillante alí empoleiradas, na unión entre o alto da parede e mailo teito. Cando estás nun pub, non é o lugar ó que máis miras; eu non, vaia. Achei curioso o detalle. E é que, ata daquela, case sempre me poñía a tiro do ollo de cristal, e case nunca facía nada do que me poidera avergoñar, aparte de levar anos de cliente habitual e que o camareiro nin me coñecera o nome.
Non ben o souben, empecei a poñerme xustamente alí, acender o meu netbook medio escangallado e meter no Google as procuras de porno máis escatolóxicas que se me ocorrían. Con case total seguridade, o ángulo de visión da cámara permitíalle captar a imaxe da pantalla, despois de rexistrar a da miña faciana ó chegar. (A curiosidade e o Moe que levo dentro a partes iguais fixéronme gardar algúns dos resultados da procura. Conclusión: a calidade do audiovisual pornográfico actual é preocupante, polo menos no tocante á interpretación dramática. Ollar languidamente ó teito apoiada nun cóbado mentres se está a ter supostamente a meirande experiencia sexual da vida é algo que non me acaba de cadrar.)
Todo o anterior foi, obviamente, un impulso. É moi improbable que os donos ou camareiros destes locais boten man dos vídeos das cámaras se non é por un caso de forza maior. Tal vez só busque, como é o meu costume incómodo, tocar susceptibilidades para saber a que me ater no trato con xente que se me antolla hermética. Ou me suceda que, como nunca me chamaron para aparecer en programa televisivo ningún, intente facer o que debe ser o máis aproximado a tal cousa. Ou que, dalgunha maneira, desexe pasar á posteridade, temporal e en branco e negro, mais posteridade. Ultimamente, o oficio de escritor tampouco é moi distinto, que digamos.


mércores, 7 de agosto de 2013

Collóns: a carne resiste

Nalgún tempo, coidaba un que a tecnoloxía e maila civilización moderna poderían deshumanizar ó ser humano. Erro.
Primeiro: Abride outra páxina no voso navegador e entrade en Facebook e Twitter. En moitas contas dáse o proceso seguinte: 1. Arroutada. 2. Trending topic. 3. Comentario borrado ou aviso: “A miña conta foi hackeada”. Estes tres pasos repítense coa frecuencia coa que da voltas a roupa dentro dunha lavadora. É un círculo indestrutible. Inexorable.
Segundo: Por abreviar, irei á actualidade. Poderase pensar que en Baralla hai moita drogha. Que, coma en Año Mariano, unha patrulla da Garda Civil comandada por un tipo que lle imita a Manuel Manquiña queimou alí unha leira de marihuana daquela maneira e o fume fixo o resto. Pero que eu saiba, nada disto. O conto foi que certo alcalde vilego debeu erguer da mesa con cinco quilos de churrasco e quince litros de viño da casa entre o peito e as costas pensando nos mortos da guerra que, segundo el, teñen ben merecido tal final. A min nunca me pasa nada semellante ó xantar. É tema de reflexión ben estraño para a sobremesa.
Pero tanto un exemplo coma o outro indican algo: collóns. Hai que ter collóns para atreverse a facer algo así. Hai que enviar á propia intelixencia ó purgatorio por uns intres e, si, ser humanos (viscerais) ata rozar o atávico. Se existira unha palabra técnica para denominalo, quizais valera “hiperhumanos”. Así que non: a máquina non da podido coa carne.


luns, 5 de agosto de 2013

O forasteiro

Malia que afirma ser británico, é de aquí, de Lugo, coma min. Botou un tempo en Londres, máis nada. Quen non o coñeza ben podería caer coma un bendito no engano, iso si. Fala un inglés case perfecto. Só se lle coñece a orixe polos erres moi marcados. Teriades que oílo recitar letras de David Bowie.
Aínda que o de engano non é exacto. Sería atribuírlle unha maldade da que carece ou que, cando menos, eu non percibo cando se define a si mesmo coma forasteiro. Coido que esa definición obedece a que el se sente de fóra, de verdade, de corazón.
Desde logo, distinto á meirande parte dos de aquí que coñezo abofé que é. Ten unha presenza transcendente. Non digo que sexa carismático nin nada diso; ó contrario, fállalle a empatía: case nunca semella verdadeiro ó sorrir. Non, o que quero dicir é que, cando un está con el, nota que o menor detalle importa. Faicho sentir con cada aceno, aportando un toque de cor fundamental no que, doutra forma, resultaría anódino. Con el, a escena máis cotiá pode ter un encanto particular (coma tódolos encantos). Agora, ollo: hai que saber captalo. Se vas de normal con el, á expectativa, agardando que te entreteña sen máis, haste aburrir a morrer. Debes poñer da túa parte.
Falamos, e quéixase con frecuencia do aprehensiva que é a xente aquí. De que con eles haxa que andar todo o tempo coma carretando ovos por unha corda de equilibrista. "Cando me poñen esas caras, nunca sei que é o que fixen mal". Di que iso non lle acontecía en Londres. Que alá era chistoso ó seu xeito (a falta de conexión emocional co interlocutor, o seu sentido do humor é enxeñoso ata lindar co salvaxe) e non pasaba nada, e que desde que chegou aquí foi virando ós poucos retraído e calado, por mor desa sensación de incomodar que o domina cando trata de facer vida social. Cre que a xente nunca capta de que está a falar (entende de case todo; a expresión “cultura xeral” fica pequena no seu caso), nin comprenden que non o faga moi alto (podería: ten voz de barítono) coma eles, e que lles da mala espiña o seu comedimento; el é afable, e aquí lévase máis o falangueiro. Cóntame que alá tivo once mozas en catro anos, “feo como son, pobre coma as arañas, sen carné de conducir, nin coche, nin saber bailar, nin darlle ó peteiro, sendo un fulano bastante común”. Aquí, en cambio, hai xa outros tantos que deixou de intentalo. Di que as poucas que erguen a ollada dos seus whatsapp para miralo á cara no bus urbano o fan sentirse “cuberto de mocos”.
“I'd like to come back”, murmura algunha vez, con ansia, sobre todo se bebeu. “I wanna come back”. E aí xa si que é cento por cento londiniense, para min.


venres, 2 de agosto de 2013

Milagres

Seu fillo tiña corenta e cinco anos e a súa idea de diversión era unha maratón de capítulos de Smallville. Os pais observábano con tenrura, ó comezo. Chegaran a coidar que o neno lles saíra nena, con tanto protagonista con club de fans feminino en póster, salvapantallas e material promocional variado. De entre os personaxes das series que el seguía, á nai tíñanlle o seu aquel os irmáns Winchester, os cazadores de monstros de Sobrenatural, tan riquiños e formais de aspecto eles, sen guedellas nin tatuaxes, orfos de nai e cun pai (case sempre) ausente. Riquiños e pobriños ó tempo.
Iso fora antes de decatarse de que pasaban os anos e o neno seguía sen moza e sen traballo, e con amigos ós que lles levaba vintecinco anos e bebían Trina con galletas de arroz. Entón comezaron a inquietarse.
Como non sabían a quen lle habían consultar o caso, preguntáronlle a un veciño que traballaba de psicólogo no centro de saúde. El explicoulles que a querenza do rapaz por un mundo de superheroes e poderes e feitos fantásticos era a súa maneira de fuxir dunha vida cotiá que se lle facía dura, á que non lle atopaba chiste e na que non vía sitio para el. Díxolles que era algo moito máis frecuente do que puidera parecerlles, e non soamente propio de xente nova.
Nin pai nin pai pasaran da EXB, así que non comprenderon nada. No sitio de seguir profundando na cuestión, foron á igrexa rezarlle a un grupo de individuos capaces, disque, de transgredir as normas da natureza e o destino se lles daba a teima para que foran falar co ser todopoderoso do que eran vehículo para que seu fillo recobrara o sentidiño.


mércores, 31 de xullo de 2013

Estrañas semellanzas

Estaba eu no Babel, un pub que hoxe xa non existe, na rúa San Roque. Hai poucos anos disto. Era un sitio deses de aire cultural, con escenario para concertos de grupos pouco coñecidos e sesión dominical de cinema que chaman “clásico”.
Aquela tarde foi unha das poucas que pillei as portas abertas antes das sete da tarde. Aínda que máis ben semellaba que nin tiveran tempo de pechar. Chegábanlles as olleiras ó papo, víanse vasos enriba das mesas e panos de mesa de papel envurullados polo chan adiante. Caro lles custou atoparme unha cunca limpa para o café.
Serviumo a camareira e púxose a darme parola. Muller aberta; moi distante a súa actitude, en todo caso, da común do gremio logo da quenda nocturna. Na mesma barra, a un par de tallos, había un fulano cunha camisola da selección española e uns ollos que brillaban coma o vidro de botella á luz dunha candea. Foi un dos poucos momentos da miña existencia lucense nos que tiven que poñerme en garda nun local de hostalería. O fulano fitábame cunha curiosidade animal, botando a cabeza cara adiante, non sei se ameazador. Algo me quería. Vino a piques de saltar do tallo. De chegar a termarlle da ollada un par de segundos máis, agarrábase a hostias comigo. Optei por ignoralo, ata que marchou.
Quizais por esta experiencia violenta, do que falei coa moza pouco lembro. Apenas unha comparación embarazosa.
Polo que me contou, era filla dun médico bastante coñecido na cidade. Achei ó intre que ela, por moita tenrura coa que falara del, facía vida por un camiño moi distinto ó seu, tal vez ó que el preferiría. Isto é algo netamente subxectivo, unha impresión, advirto. Tampouco preguntei para confirmala.
O caso é que, nunha destas, a moza foi e díxome que eu lle lembraba moito a el. A seu pai. Deixoumo caer, sen máis.
Do sucedido aquela tarde, hai dúas cousas que sigo sen ter claras: Unha: que cona faría alí alguén coma o fulano da camisola vermella, aparte de deixar a conta a deber e armar baralla (seica fixera ámbalas dúas cousas a noite pasada).
Dúas: se a comparación dela debera eu interpretala en clave de consulta de sexoloxía (segundo algúns especialistas na materia, a muller en xeral tende a escoller como parella ó home o máis semellante posible ó seu proxenitor) ou de volve por aquí cando traias o corpo cuberto de tatuaxes charramangueiras e a cara de mazarme o corpo enteiro se empezamos a discutir por mor da cocaína. E iso que eu nin sequera viñera ligar.
Nunca puiden saír de dúbidas. A última vez que a vin ía dentro dun bus urbano, dicíndome adeus coa man, non coma se me coñecera, senón con ese afecto que ás veces pasa por verdadeiro.

luns, 29 de xullo de 2013

Rebelión calada

Ela acorda no cuarto ás escuras. Non, ás escuras non está. Fíltrase o luar polas fírgoas da persiana. As raias azuis sobre fondo negro contra a parede non percorren unha superficie completamente plana: revelan unha figura, enfronte mesmo da cama.
-Dona Anne Rice? -pregunta a figura, cunha voz coma o rumor do motor dun reactor.
A ela acaba de xeárselle o peito. Decátase moi ben de quen lle está a falar. Asinte amodiño.
Non se aprecia movemento na figura. A súa faciana, moito máis clara có resto do corpo, é coma a pedra tallada.
-Non teño intención de causarlle mal ningún. Sabe quen son, verdade?
-Cada gota de sangue do meu corpo premeu o botón da alarma ó primeiro sinal de consciencia -di ela, igual de amodo.
Calan os dous.
-Que desexa? -engade ela.
A figura avanza uns pasos, rodea a cama e párase diante dela. É un home duns dous metros de estatura, moi delgado e máis esbrancuxado, de ollos moi negros co branco moi vermello. Viste coma unha mala imitación de Neo, de Matrix. Ela non é quen coutar un aceno perplexo.
-Se se está a preguntar pola miña indumentaria, señora -adiviña el-, direille que só trato de me mimetizar co entorno.
-E coida que cun chaquetón de coiro negro de corpo enteiro e ese peiteado oleoso estilo gótico comercial ha pasar desapercibido? Recoméndolle que onde vexa un arco da vella fuxa se non desexa recibir certas proposicións que se lle antollarán desagradables.
El compón un aceno incómodo e outro impaciente, este último cun movemento elegante da súa man longa, de dedos moi finos, un deles adornado cun anel negro con selo prateado.
-Veño para algo ben máis importante.
Achégase un pouco máis. Ela sente aumentar o frío ó intre. O seu anterior atrevemento produciuse a distancia, claro. Arrastra o corpo cara a outra beira do leito e cóbrese co cobertor. Aparentemente, el non repara no detalle. Mira ó baleiro uns segundos e comeza:
-Os da miña especie, se quere chamarlle así, fomos dignas criaturas hai un tempo. Temidas. Misteriosas. Vostedes, os que escribiron sobre nós, vostedes, insignificancias diúrnas, retratáronnos conforme ó noso carácter extraordinario, alén do mundano. Concédollelo e non me doen prendas. Desde aquel irlandés puteiro ata vostede mesma, aínda que algunhas das súas novelas, señora, non acaben de convencerme... Se cadra eran outros tempos...
-Permíteme un inciso?
El atende.
-Veu aquí para laiarse de que alguén lle arruinou o prestixio de criatura noitébrega? Se non é moito preguntar.
El fita nela do xeito en que sabe facelo. Lémbralle por que estaba aterrorizada antes de formular aquela impertinencia.
-Non é vostede moi educada, pero dáselle ben a economía no discurso. Moi ben: leva razón. Veño transmitir a queixa... e demandar a solución.
Calan os dous.
-Que quere de min?
El senta na cama, na beira que ela deixou libre. Co peso, o colchón afunde cun lene triscar da madeira do somier. Os seus ollos semellan dúas esferas de metal negro e brillante.
-Dille algo o nome de Stefanía Meier?
-Stephenie Meyer?
-Supoño. O meu inglés, en fin... Refírome á escritora deses... folletos tan populares entre o sangue mozo de medio universo.
-A mesma.
-Que opinión ten dela?
Ela non contesta ó momento.
-Coido que o que sabe facer o fai ben.
Tódolos músculos debaixo da pel coma a fariña semellan saltar a un tempo. Aperta os dentes e ergue o beizo superior.
-Pero o que fai non está ben -asubía, con ira contida, entre os cairos.
Ela obsérvao en silencio. Por se acaso, recúa outro pouco, ata que a esquina da mesiña de noite se lle crava no comezo das costas.
-O que fai non está ben -repite el, máis calmo-. O que fai está moi mal! Que escarnio! Que parodia! Que demo cre esa muller? Os que voan na noite namoriscados de raparigas panocas frustradas polo toque de queda imposto por seus panocos pais? Os que voan na noite pensando en formar unha familia con casa e xardín? Os que voan na noite procreando? Os que voan na noite sexualmente excitados? A atracción que nós sentimos é moi distinta, carafio... Se isto -bateu unha palmada na entreperna- leva setecentos anos máis morto cás cantigas de amor cortés, por De...!
Tapa nun alustre a boca coa lapela da chaqueta. Érguese da cama e pasea polo cuarto arriba e abaixo, coas mans entrelazadas ás costas. Ela pestanexa moitas veces seguidas, nerviosa.
-E por que lle importa tanto o que ninguén escriba sobre os que son coma vostede? -di ela.
El detense, de cara á parede.
-Antonte, nunha aldea balcánica, un coñecido meu quixo alimentarse dunha mociña desas que usan aparello de teléfono móvil...
-Agora chámanlles smartphones...
-O que sexa. O caso é que este coñecido, que ten un aspecto moi xuvenil, quixo alimentarse dela, e vai a moi filla de cura e non lle espeta: Que, andan as hormonas a ferver, eh? A frase ten moita graza en serbio, debera tela oído... Que lle parece?
-Non sabía que a febre chegara tan lonxe.
-Demasiado lonxe.
El fai unha pausa.
-Poderá indicarme como chegar a ela?
-A Stephenie Meyer? Ignoraba que precisara da miña axuda para iso. Ata min chegou sen dificultade, polo visto -engade ela, mordaz.
-No seu caso foi doado. Vostede non o usa.
-O que?
El, retorcido, murmura algo inaudible para nós.
-Non me diga? -exclama ela, abraiada.
-Dígolle.
-E iso failles mal e o allo non? Anda de chanza?
-Eu xamais ando de chanza.
Ela medita un pouco a cuestión. Logo abre un caixón da mesiña e tira un bloc de notas e máis un bolígrafo. Escribe algo nunha folla e entrégallo.
-Cando está aí de seguro que non o usa.
El examina a nota con aire crítico, gárdaa ben dobrada no peto da chaqueta de coiro e agradece con solemnidade.
-Por que me axuda?
-Que pensa facerlle? -inquire ela.
El míraa outra vez daquela maneira.
-De momento, falar máis nada.
Xa está saíndo pola ventá mentres responde.
-Saberá que xa existen imitadoras da Meyer, e que presumiblemente seguirán a aumentar en número.
-Daquela, teño por diante un traballo arduo coma mil segas.
A última palabra abrolla amortecida da néboa da cor da cinza na que o home se converteu no ar.
Ela agarda uns minutos, érguese, pecha a ventá e volve á cama. Xa non vai frío no cuarto.
“Dentro de nada acordarei convencida de que isto non foi real”, pensa, “mais si de que, malia que si o fose, o que levo escrito é pura fantasía”.


sábado, 27 de xullo de 2013

Feitos cotiáns da morte

1

-Pois isto é todo o que hai -repite a dependenta, cada vez menos maternal e máis impaciente.
El tanto pode ter dezaseis anos coma vintenove. Viste coma un adolescente das series de televisión de Disney, malia ter o seu físico ben pouco en común cos máis deles. Alto e desgairado, cara de leite fervido, expresión máis ben paiola, falar confuso, coma de permanente medio espertar, a sensación que con máis frecuencia provoca na xente é a de incomodidade, e en segundo posto, irritación.
Suspira, move os beizos apertados a un lado e ó outro, dubidoso. Examina por tódolos lados o cinto de coiro da cor da lama, con fibela e pasador imitación bronce. Logo bota unha ollada panorámica polo colgador de onde o colleu.
-É que non é exactamente o que buscaba.
Ela entende a frase por intuición. É a terceira vez que a oe nos últimos cinco minutos.
-Pois é todo o que hai agora mesmo -desta consegue dicilo cun ton suave.
El volve, pousón, ó colgador dos cintos e pégalle outro repaso á ringleira deles pendurados na barra metálica.
“Pero este homiño levaría unha martelada na chencha?”, pensa ela.
El míraa, logo mira os cintos, e a ela de novo. Coma se agardara algo. Ela pensa que, despois de todo, igual vai facer unha venda. Colle o cinto descartado.
-Mira, eu penso que este che vale perfectamente.
-Pero ten que ser resistente -apón el.
-E logo non cho parece?
El dálle á cabeza, mainamente.
Ela terma do cinto polos dous extremos e turra tres veces con certa forza. Confía en que el non saiba como soa ese coiro sintético que greta ás dúas semanas de uso e remata por rachar ás cinco.
-Buscaba algo de pel ben dura. Algo sólido. É imprescindible.
E cala, fitando nela dese xeito que a muller acha odioso.
-Ben ves que só me queda este -engade ela. Decidiu empregar o discurso infalible-. O resto, vendinos todos. E sen queixa. Tes aquí cinto para anos e anos -repite o aceno de turrar da tea-. Anos e anos...
El achégase á mesa na que quedaron os cinco cintos polos que preguntou. Olla á dependenta unha vez máis, encóllese de ombreiros e di:
-Vale.
Das palabras que leva pronunciadas, é a única que sae nidia.
Ela, máis por alivio ca por gratitude, manda de volta ó inferno ós demos que invocara mentalmente para que o rillaran vivo. Mentres lle cobra, mesmo o observa co cariño ó que é acredor un ser manipulable, sen vontade. Ó seu ego resúltalle reconfortante.
-Está segura que resistirá? -aínda insiste el.
-Que si, podes ir tranquilo. Hai cinto para anos.
El amosa un sorriso estraño.
“Parvo”, sentencia ela, devolvéndolle o seu, comercial estándar.

2

Nun paso de cebra, agardando que abra o semáforo. O home mal afeitado, vestido cun chaleco acolchado cotroso, pantalóns de camuflaxe e botas de trekking, percorre de arriba abaixo coa ollada ó noso mozo, que está á súa beira. Fai revisión para si: ¿Ben vestido? Ben, tampouco con luxo. ¿Nótase que vai ó barbeiro con frecuencia? Si. ¿Detalles que indiquen o que pode levar enriba? A bolsa da tenda de roupa: non merca en baratillos. ¿Cara? De estrinxido, e de deixarse enredar. Forza: É un espantallo. Hora e lugar: Xa escureceu, vai un frío de carallo e imos cara o casco antigo: poucas testemuñas, seguramente. Valoración global da conveniencia dun asalto: 9 sobre 10.
En canto se acende o moneco verde, arrímase ben a el e camiña á súa par.
-Boas noites.
-Boas.
-Eu son da Limia, coñeces o sitio?
-Polas patacas.
-Si, as patacas... Cheguei onte e ando buscando traballo, pero non me aparece nada. Esta é a cuarta cidade na que o intento esta semana.
-Mala escolla fixo vostede.
Ó home cústalle oír o que di o mozo, que polo demais non o trata con hostilidade.
-É que preciso coller un autocar, pero non me alcanzan os cartos.
-Non é raro.
Entraron no casco vello.
-E pensei que igual lle sobraba algo.
O mozo vai calado, inexpresivo, mirando á fronte.
-Que quere que lle faga? Hoxe aínda non comín, e durmín aí neses xardíns -indica co polgar cara atrás-. Estiven aforrando para o autocar. Quero probar a ver na Coruña. E iso, que non me chega. Se tivera por aí uns euros...
Collen por unha canella á dereita da catedral, mal iluminada en amarelo coma todas alí. Síntese de lonxe o balbordo da zona de pubs. Detense o mozo, e canda el o home.
-De verdade que llo agradecería. Por caridade.
O mozo mira para el de esguello. Esboza un sorriso estraño.
-Faríame un favor moi grande.
O mozo bota man amodo á carteira e tira un billete de cinco. O home, de ollos áxiles pola experiencia, non distingue ningún máis no compartimento. Debérao ter suposto. A bolsa da tenda de roupa vai chea: niso se converteron o resto dos cartos. Acepta os cinco euros coa man dereita, disimulando a contrariedade por tras dunha rea de bendicións ocas. Dentro do peto do chaleco, a outra man, suada, aminora a presión sobre a navalla de resorte. Non paga a pena.
“Mamalón con sorte”, sentencia o home, conforme o mozo se distancia canella abaixo, cara o balbordo.

3

Agora temos ó noso mozo recostado só no alto dunha pila de tres palés pintados de dourado, coroados de coxíns de falso veludo, dando sorbos aforradores a unha cervexa mexicana.
Desde a outra punta da sala, elas mírano consultar o seu Casio de bazar por terceira vez en media hora. Son seis, fisicamente opostas a el: ningunha sobe do metro sesenta e cinguen a carne mol en blusas elásticas e mallas. As súas caras teñen en común o detalle dunha sombra de ollos excesiva. Viñeron para unha noite de amigas. Logo de hora e media de conversa desenfreada acerca de case todo o imaxinable dentro dun nivel cultural tipo Luar, decatáronse do pouco que tiñan que contarse e comezaron procurando un pasatempo discreto. Son desas mozas que miran pasar á xente desde as terrazas dos bares e, se ven ó lonxe un fulano que lles parece fraco e malfeito en camiseta sen mangas (ou sexa, pretendendo ser musculoso e ben feito), bérranlle obscenidades e escarállanse de risa. Como chamarían demasiado a atención de poñérense a facer iso aquí, dentro do pub, conténtase co escarnio de lingua pequena.
-Mira outra vez o reloxo, mira -di unha-. A ver se ás dúas en punto chega a Cinsenta na carroza.
-Pero dáselle ben -opina outra-. Vese que entende de facer o ligón. Reparade na postura. Talmente o morenazo do anuncio de Calvin Klein.
-No branco dos ollos -di unha terceira.
-Do que? -pregunta a segunda á primeira.
-O dos calzóns, xa sabes. O da tableta de chocolate -e pasa dous dedos polo abdome, de arriba abaixo.
-Seguro...
-Que si! Mira como se pon, medio de lado, aí, estilazo, coas pernas separadas, marcando paquete...
-Paquetiño, será.
Escachan todas a rir.
Unha delas acaba de verse cos azos precisos para atreverse a cruzar a liña:
-Gua-pooooo!
Berra a media voz, non obstante.
-¡Queremos un hijo tuyo! -secúndaa outra, a maior volume. De contado, tapa a boca coa man e arroiba toda. E é que un par de tipos que sentan preto do mozo ó que miran volveron a cabeza na dirección do berro. O resto das mozas ollan á parede, para disimular que non dan coutado as gargalladas.
O mozo non da a impresión de ter oído nada. Algo del que lles ten moita gracia é a certa sombra de preocupación que hai nese aire de estar na inopia. Elas interprétana coma temor a unha ameaza mixta formada polos factores mulleres-vida nocturna-primeira experiencia sexual.
Unha delas dálle cun cóbado a outra. Ten a lingua entre os dentes e cara de pillabana.
-Vai alí.
-Que?
-Vaille alí. Pregúntalle se está só.
-Toleaches...
-Ti vai
-Que non!
-Si, que quero ver como fai!
-E por que non vas ti?
As outras apoian a petición da primeira batendo palmas na mesa. As súas consumicións abanéanse a cada golpe; seu mérito ten, porque todas toman cócteles extravagantes en copa de balón. Ela dubida. Mira ó mozo. Curva os beizos cara abaixo e acena coa cabeza que non, espantada. As outras empúrranlle con xeitiño e arréanlle couces sen forza por debaixo da mesa. Repíteno todo cada vez que ela nega. Hai unanimidade. A candidata nega unha vez máis. Recibe, por resposta, un belisco teimudo nunha coxa que ó cabo lle axuda a erguerse de mellor gana.
O mozo segue ó seu, coa ollada fixa no parqué de verniz raiado por tantos zapatos de tacón e a atención nas catacumbas romanas que debe haber moito máis abaixo.
As mozas observan a escena. A elixida chega diante del, dille algo e indícalle os coxíns. El asente, ela senta e ponse a falar. Non ben abre a boca, el sorrí con algo semellante á sorna, érguese e abandona a sala.
As cinco observadoras ficaron apampadas. A elixida, apampada en grao superior. De volta na mesa coas amigas, explica o sucedido:
-Cando lle digo que estou soa e lle pido que me convide, pois non vai e non me di: “Desculpa, non teño tempo para chanzas”.
Silencio valorativo.
-Virxe –sentencia unha das observadoras. Ninguén a contradí.

4

Catro da mañá pasadas, noutra rúa do casco vello. Catro ou cinco marxinais a baduar calquera cousa pasan a tombos e estrelan con estrondo un par de botellas de cervexa de litro contra as lastras. O mozo déixaos ir, sae dun portal e entra no que está xusto enfronte.
A única folla está espalancada. Dentro non hai luz. O mozo, con axuda da de fóra, le as tarxetas das caixas do correo de lata toda crocada. Sobe polas escaleiras ata o segundo dos tres andares.
Toca o timbre. Agarda. Está nun corredor estreito, encalado nunha cor branca sucia da humidade. Pon as costas contra a parede, coa cabeza baixa. Ten unha man oculta dentro da zamarra. Oe achegarse alguén ó outro lado da porta. Non ben nota como despechan, bótase contra a folla e mételle un empurrón. Sen pausa, pecha a porta e zorrégalle ó home que está no chan a medio erguer unha forte xostregada co cinto da cor da lama. Como lle deu coa fibela, o sangue abrolla da meixela aberta.
O home senta no chan de baldosas brancas e negras alternas, estilo taboleiro de xadrez. Terá corenta ou corenta e cinco anos e os vicios pintados na faciana esbrancuxada. A súa casa é diminuta, con aspecto de datar dos anos vinte. Todo se ve desgastado. Ole a cama desfeita. Mira ó mozo, que segue co seu aire apapahostiado. Pasa a man polo chándal negro, moi usado. En aparencia, non fai outra cousa. Nin que lle dera igual. O sangue acadou os cañotos de barba cana por ese lado.
-Asasino -sentencia, seguro.
O mozo non lle quita ollo. Como agardando algo. Cando o home da a volta de súpeto e bota a man á naveta do moble do recibidor co espello escachado, sorrí dun xeito estraño e bótaselle ó pescozo. Nun alustre, xa lle ten colocado o cinto arredor. Cruza os brazos; os músculos ténsanse coma cables de aceiro. E empeza a turrar.
O home, a forza de espasmos, braceos e couces, céibase varias veces da presión. O malo é que o fai sen apenas aire. Dese xeito, o mozo repite a operación ata resultar efectivo, ó quinto intento.
Retira o cinto e palpa as partes mancadas do corpo. Acordará con negróns. Para facer algo semellante sen tanto risco, á primeira, precisaría outros tres ou catro compañeiros, mais el sempre traballou só. Mesmo a compaña para estas tarefas se consegue por medio da vida social, no seu caso máis ca escasa.
Abandonou a casa, o casco vello e dirixiuse ó río. No medio da ponte, quitou o cinto da cor da lama dos pantalóns. Pasou con coidado os dedos pola súa superficie. Parou á metade da súa lonxitude. Os seus índice, corazón e polgar percorreron a rachadela no coiro barato. Riu baixiño, chimpouno á corrente e seguiu camiñando devagar, cara as luces da outra banda.