Aquela
tarde foi unha das poucas que pillei as portas abertas antes das sete
da tarde. Aínda que máis ben semellaba que nin tiveran tempo de
pechar. Chegábanlles as olleiras ó papo, víanse vasos enriba das
mesas e panos de mesa de papel envurullados polo chan adiante. Caro
lles custou atoparme unha cunca limpa para o café.
Serviumo
a camareira e púxose a darme parola. Muller aberta; moi distante a
súa actitude, en todo caso, da común do gremio logo da quenda
nocturna. Na mesma barra, a un par de tallos, había un fulano cunha
camisola da selección española e uns ollos que brillaban coma o
vidro de botella á luz dunha candea. Foi un dos poucos momentos da
miña existencia lucense nos que tiven que poñerme en garda nun
local de hostalería. O fulano fitábame cunha curiosidade animal,
botando a cabeza cara adiante, non sei se ameazador. Algo me quería.
Vino a piques de saltar do tallo. De chegar a termarlle da ollada un
par de segundos máis, agarrábase a hostias comigo. Optei por
ignoralo, ata que marchou.
Quizais
por esta experiencia violenta, do que falei coa moza pouco lembro.
Apenas unha comparación embarazosa.
Polo que
me contou, era filla dun médico bastante coñecido na cidade. Achei
ó intre que ela, por moita tenrura coa que falara del, facía vida
por un camiño moi distinto ó seu, tal vez ó que el preferiría.
Isto é algo netamente subxectivo, unha impresión, advirto. Tampouco
preguntei para confirmala.
O caso é
que, nunha destas, a moza foi e díxome que eu lle lembraba moito a
el. A seu pai. Deixoumo caer, sen máis.
Do
sucedido aquela tarde, hai dúas cousas que sigo sen ter claras:
Unha: que cona faría alí alguén coma o fulano da camisola
vermella, aparte de deixar a conta a deber e armar baralla (seica
fixera ámbalas dúas cousas a noite pasada).
Dúas:
se a comparación dela debera eu interpretala en clave de consulta de
sexoloxía (segundo algúns especialistas
na materia, a muller en xeral tende a escoller como parella ó home o
máis semellante posible ó seu proxenitor) ou de volve por aquí
cando traias o corpo cuberto de tatuaxes charramangueiras e a cara de
mazarme o corpo enteiro se empezamos a discutir por mor da cocaína.
E iso que eu nin sequera viñera ligar.
Nunca
puiden saír de dúbidas. A última vez que a vin ía dentro dun bus
urbano, dicíndome adeus coa man, non coma se me coñecera, senón
con ese afecto que ás veces pasa por verdadeiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario