Foto: Piotr Siedlecki |
De
cantas levo visto nesta cidade, é a persoa máis claramente distinta
ás demais.
Mirando
este home camiñar, o primeiro impulso dun é procurar coa ollada as
cámaras. É coma se, en todo momento, estivera a intervir na
filmación dunha película. E non é que sea un individuo
estrafalario, nin deses que van pola rúa falando sós a berros, non.
A súa indumentaria, estilo ou costumes non chaman a atención; nin
leva o cabelo en trenzas, nin as barbas longas, nin parece saído
dunha tenda esnob de moda home, nin do fondo fedorento do peor bar de
calquera barrio vello. Mais a súa distinción bate en ti coma unha
refoleada de vento nun temporal, e non hai que lle facer. Cada aceno
seu, aínda que estea recollendo o cambio ó mercar o xornal, resulta
significativo. En oposición á inexpresividade da meirande parte da
xente na vida cotiá, a súa faciana sempre amosa un aceno nidio, moi
distinguible, polo común amigablemente irónico. Cando fala, mesmo
se é para agradecer cando lle poñen un café, pronuncia cada frase
dun xeito especial. Ningunha das súas palabras chega a resultar no
ton vulgar, sabida. E, sen imitar en absoluto o seu comportamento o
de calquera marxinal narcotizado, en todo repara cunha pausa e
curiosidade insólitas en persoas chamadas normais.
Polo
que me contan del, a súa vida social é case nula. Non se lle
coñecen amigos, vive só, fai un pouco o mesmo tódolos días. Os
que o tratan considérano un fulano algo estraño. Non deben saber
como reaccionar diante da súa maneira de desenvolverse. Velaí o
conflito na diferencia de conceptos do que é unha existencia: a
consciencia entusiasta dun fronte á inconsciencia conforme do resto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario