Foto: Petr Kratochvil |
Pasa
da medianoite e está mirando unha película e decátase de que as
pálpebras comezan a baixar soas. Xa non lembra cando foi a última
vez que lle pasou. Normalmente, hora e media despois aínda non ten
nada de sono. Podería ir mercar o pan ou o xornal, ou baixar o lixo,
pero como tal pretensión é absurda a semellante hora, da voltas na
cama, súa e non bate co oco ata pasadas outras dúas horas. É
curioso como o corpo non asenta no leito. Á volta dun par de
minutos, a posición xa resulta incómoda. Sempre parece que agora si
que vai durmir. Ó final, para iso terá que cambiar varias veces de
lado. Ten ido ó médico a que lle receite algo; o único que lle
dixo é que dera “un paseo relaxante” tódolos días. Só iso.
E
hoxe, por insólito que pareza, está adormecendo a unha hora á que
moita xente adormece. Con moito coidado, érguese do sofá coutando
calquera aceno impaciente. Acenos que non aparecen, de momento. Apaga
o televisor e, moi de vagar, diríxese ó seu cuarto. Aínda máis de
vagar, aparta as sabas e métese entre elas e mailo colchón. Prende
a radio pequena e coloca os auriculares nas orellas. Que cousa, tanta
precaución nos seus movementos para algo tan simple coma irse
deitar; por un momento tenlle gracia, sen chegar a sentir o ridículo.
Respira collendo e ceibando moito aire, de xeito contido. Nada de
acenos bruscos. Ós dez ou quince minutos, calcula, xa non é quen de
prestar atención ás voces que discuten sobre asuntos que ou ben son
insignificantes, ou ben non teñen solución. Apaga a radio, quita os
auriculares, déitase de lado e pecha os ollos.
O
habitual é acordar ás 4 ou 5, tardar outra hora longa máis en
volver prender no sono, e acordar de novo ás sete ou oito. Non é
que importe moito. Ninguén lle vai reñer por chegar tarde a un
traballo que hai anos que perdeu ou non atopa. Acorda agora e mira o
reloxo: as 10 da mañá. Si, as dez.
Entón ve que vai ser un día excepcional. Hoxe non vai andar toda a
mañá coa canseira ó carrelo, os ollos doridos e un lixeiro mareo.
E que ten que aproveitalo. Ten que facer todo o que os máis dos días
non ten forzas para facer. Hai que pensalo con calma antes de
erguerse. É moi probable que esta noite lle dea á normalidade por
volver.
Ningún comentario:
Publicar un comentario