![]() |
Foto: Ron MZR |
Nunca
comprendín por que en certas cancións se fala de ingresar na noite
coma se fora algo triste. A noite é o meu entorno natural. Non
podería existir de día. Non, polo menos, desde que cambiei.
Antes
era un ser humano coma tantos outros, preocupado por pagar as miñas
facturas, por que a miña muller non fora deixarme ou por se un
condutor non daba freado a tempo mentres eu cruzaba un paso de cebra.
Daquela, eu estaba plenamente exposto á adversidade. Era fráxil.
Desde
que aconteceu o accidente, alá na fundición, a miña vida deu unha
viraxe decisiva no seu rumbo, pois non hai viraxe máis decisiva ca
coller un camiño a ningures. Enterraron o meu cadáver desfeito. O
que ficou foi a sombra.
Ninguén se decatou. Non, non son fantasma, nin personaxe de conto
fantástico decimonónico. Son un novo eu, que non chegou a ver ceo
nin inferno. Que ficou aquí para observalo todo e a todos. Non podo
revelar como, mais sei que a miña misión e avaliar o comportamento
de cada ser humano no meu radio de acción e decidir o seu destino
cando chegue a súa hora. Son o máis semellante a Deus que eses
crentes terán xamais preto: tamén os xulgo e tampouco os escoito.
A
cor esaxeradamente escura da miña aparencia impídeme facerme
visible de día, a non ser en lugares solitarios, onde nada hai que
ver. Así que a miña diversión comeza ó solpor. Na era tecnolóxica
dos ollos de vidro das cámaras de seguridade, os deste atento
observador da actividade humana son obra de artesanía inmemorial.
Ningún comentario:
Publicar un comentario