Foto: Karen Arnold |
Hai
tempo, eu coidaba ser o que se chama unha boa persoa. Alguén que,
malia a barreira da introversión e da querenza por intereses pouco
populares, unicamente desexaba, no fondo, ser coma os demais, estar
cos demais, comportarse coma os demais, vivir e morrer canda os
demais; nunca só.
Pero
non. Coido que saín de pelica brava. Polo menos, recoñezo que ás
veces me gusta resultar sinistro. Asustar á xente que me rodea con
certo ton sombrío; con fatalismo exacerbado; con humor negrísimo.
Cando topo con coñecidos e me preguntan que como estou, respóndolles
que un pouco máis preto da ruína. Se me preguntan que tal me foi,
respóndolles que sigo sendo o mesmo inútil de toda a vida.
Non
adoitan gustar de tales respostas. Disimúlano intentando mudar de
tema. Coidan que se trata de autocompaixón. É comprensible. Non sei
como serían neste aspecto outras épocas, mais a actual abunda, tal
vez por mor do desamparo e como reacción contra o desalento, en
ilusión doada. É o tempo perfecto para trasladar esa tradición tan
ianqui dos predicadores a estes lares. Non hai garantía de nada, e
crese, sinxelamente, na primeira luz que nos din que existe, malia
que non se demostre tal existencia. Crese porque hai que crer.
Despois
de todo, penso que o que intento, ó resultar “desagradable” desa
maneira, é facer ver que os deuses, entendendo deus como ser
todopoderoso e inmortal, se nalgún sitio están, non é aquí
abaixo. Que somos o que somos, e que debemos ser conscientes disto,
como primeiro paso se queremos intentar quitar medio corpo da beira
do precipicio.
Mais,
como os tempos son os que son e non outros, e precisamente por ser un
de caste humana e non divina, e non poder obrar, xa que logo, o que é
practicamente imposible, cúmprese unha vez e outra o prognóstico do
meu fracaso. Grande é o Club da Fe Desesperada, pequenos os meus
poderes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario