mércores, 27 de abril de 2016
A pel de Cristo
Para escritores da escola do supervendas internacional, a primeira liña dun relato debe ser impactante. Segundo ese método, eu debera comezar escribindo que coñecín a Cristo. Así, sen máis.
Porque o coñecín. Sendo moi neno, na ala infantil dun hospital hoxe inexistente, tiven por compañeiro de cuarto durante un tempo que me pareceu terriblemente longo a un neno louro e fraco chamado Cristo. Se algo sei lembrar del é a diferencia notable do grosor das nosas peles. Na miña casa xogabamos ó brilé con botellas de lixivia baleiras por un prado adiante e había que liquidar a paus as ratas do faiado, de pelame espeluxada, grisalla coma a cinza. Cristo non levaba nada ben que os outros nenos miraramos filmes de gánsters (estabamos moi afeitos ós tres rombos prohibitivos para audiencias infantís) no televisor do hospital pola noite: acababa debaixo da cadeira en posición fetal coas mans nos oídos para non oír o ratatatatá das metralletas Thompson atronar as rúas de Chicago. Ás veces dáme por pensar que terá sido del. Imaxínoo coidando daquela nai súa que o trataba coma se fora de vidro, ou dirixindo algunha multinacional. Si, vale. Non é orixinal. Era por facer o gracioso.
Logo coñecería outros Cristos: nenos ós que lles está vedado o tacto do pelo dun can por parte de proxenitores histéricos ou lectores de demasiadas revistas, ata que eles mesmos rexeitan a idea con pavor. Nenos que medraban temerosos de case todo, non foran facer unha rascadela no xeonllo. Coma se esa distancia de verdade os fora salvar do malo que tivera que vir. Sei que, para moita xente, esta é a era da (hiper)sensibilidade. Para esta xente, o medo non é á trabadela que un can lle poida dar ós seus fillos, senón ó machirulo, ó “insolidario”, ó violento. Entenden coma unha actitude distante cara eles que se lles diga que teñen forza dabondo para poder con calquera pena que se lles presente, co tempo e sen ansiolíticos. Pretenden, por contra, que os metan na cama e os tapen para non colleren frío, como Cristo e máis eu colleramos. Están expostos a que mesmo os dentes dun pequinés sexan capaces de ferilos de morte.
mércores, 20 de abril de 2016
A empatía dos paiolos
Eu facía o sexto curso da antiga E.X.B., penso. El repetía varias veces xa. Era un paiolo d'A Garaballa, un barrio das aforas da cidade coñecido pola súa elevada porcentaxe de residentes de mala morte. Case sempre vestía un xersei de la e uns vaqueiros elásticos de cor violeta, horrendos de por si e máis aínda co seu corpo de balea metido dentro. Aparte de paiolo, era un dos sete ou outro matóns do colexio ós que consideraba inimigos persoais meus. Debido á desvantaxe numérica moi evidente, cada vez que me facían algunha, eu tiña que apandar con ela e vía. Pésima estratexia sería sacar os puños. Eu era bastante parvo a esa idade, coma calquera neno, mais tanto xa non.
Un día vin a ocasión de lle devolver ó paiolo algo do que levaba el repartido na miña persoa. Nunha clase de plástica que se trasladou a unha aula diferente da habitual, aproveitei para lle coller o sitio que deixara reservado. Sóubeno en canto me sentei, porque mo dixeron os que ocupaban as outras cadeiras, con cara de can. Pouco tardei en decidir ficar. Por algunha razón, coidei que libraría ben daquela, malia a ausencia de garantías neste sentido: a clase remataría coma todas, e había unha porta de saída que ningún profesor controlaba xamais. Non é ningún segredo que non se consideran pagados para tal cometido.
O mangallón alporizouse todo cando atopou o sitio collido, e quixo chegar ás mans. Acabou expulsado pola profesora. O máis chamativo de todo non foi iso, ata certo punto predicible. Foi que o resto dos que sentaban á mesa, moitos deles amigos meus, viraron na miña contra. Pasaron a me tratar coma a un intruso abominable. Para cando botei contas e souben que, como moito, daría podido con tres dos oito matóns que me agardarían fóra, xa eles me deixaran ben avisado disto cunha actitude que lindaba cunha satisfacción sinistra.
Eu non o comprendín entón, nada. Só sabía que tería que correr, e tal foi o que fixen ó final da clase, non ben un dos meus ex amigos avisou a berros ó paiolo de que eu estaba saíndo pola porta. E corrín, madía levei. Aínda cargando cunha carteira de escolar das de antes (é dicir, varios quilos de libros e libretas), non me deron alcanzado. Voei coma a bolsa de plástico de American Beauty, pero sen tanta gracia e a máis velocidade.
Como digo, todo aquilo desconcertoume terriblemente. Naquel momento, non me decatei de que estaba a vivir un anticipo do futuro. Hai a quen lle custa comprender que un acusado de corrupción sexa ovacionado por unha multitude á súa entrada ós xulgados (acusado, non convicto; pero se non hai razón para condenalo antes do xuízo, tampouco para levalo á cadeira da raíña). "Se vistes un traxe, tes boa fachada e sabes falar, a xente cre o que sexa", dicía Criswell a Ed Wood no filme de Tim Burton. Criswell, coma Wood, existiu na vida real: foi aquel vedoiro improbable tan aplaudido na televisión ianqui dos anos 50-60 por dicir cousas coma que nos anos 70 habería colonias terrícolas en Marte. Que acontecera naquela aula? Pois que o paiolo, ó seu xeito, era Criswell, e eu non.
Volvería ver, moitos anos despois, a este paiolo. Vestía un traxe de barrendeiro e xa era do meu tamaño. Xa vedes o lado positivo do asunto: que nada dura para sempre, e menos a empatía dos paiolos.
martes, 12 de abril de 2016
As imaxes ideais (fóra cos nostálxicos cursis)
Foto: Ben Kerckx
En The Naked Jungle (en España, "Cuando ruge la marabunta"), hai entre o máis interesante do filme unha escena na que Eleanor Parker descubre que a hostilidade do seu marido por poderes, un Charlton Heston obsesionado con nunca ceder á debilidade, se debe á súa teima en intentar atopar nela algún defecto. Christopher Leiningen, que así se chama el, botou media vida na selva coa lama ata os xeonllos, erguendo unha plantación de cacao a golpe de vergallo sen apenas ter con quen falar na súa lingua (ata o punto de case esquecela). Tal vez por isto, desconfía das imaxes ideais. Nese sentido, eu compréndoo, malia que o motivo del fora outro. O defecto que sospeita nesa descoñecida escollida por seu irmán e enviada por un río tropical arriba é o de ter sido antes muller doutro home, algo que, por dignidade mal entendida, el non atura.
Onte en El Progreso falaba Isidro Novo do tempo no que tratou a Carlos Oroza, o defunto poeta, pintor e non sei que mais cousas. O retrato que del facía non difería moito do de calquera suplemento dominical: home alegre, mais de carácter complicado, pobre en cartos, máis rico nesa vida social que da rendemento económico para subsistir e, sobre todo, un sedutor, esa figura idolatrada por nostálxicos cursis. Oroza disque era efectivo en tal mester ata o extremo de ser quen engaiolar unha camareira comparándoa con Tetis. Mérito ten. Mais unha razón pola que non envexo a quen é hábil na sedución aparece na parte referente ás relacións sentimentais (moi sentimentais) do poeta: breves as máis delas e cheas de zapatos de muller voando en dirección á súa cabeza. Non entendo que sexa de loar quen, por moito que “gañe” algo nada doado de gañar, e con frecuencia con máis fume ca lume, non sexa quen de conservalo despois. Niso, moitos sedutores son coma Leiningen, só que este soubo recapacitar a tempo. E Eleanor ficou.
mércores, 6 de abril de 2016
O que pensará o deserto
A Jack Arnold prestáballe, desde os seus tempos de westerns, traballar nos desertos do sur dos Estados Unidos. Alí tirou proveito das súas posibilidades estéticas, considerables para un orzamento bastante reducido. Filmou Tarantula, que seguía o camiño aberto pouco antes por Gordon Douglas con Them! (en España “La humanidad en peligro”, cunha dobraxe de comezos dos 60 que era un encanto; mesmo Alfredo Landa tiña un papeliño). Foron dous exemplos tanto de ciencia-ficción belicista nada sofisticada coma, e creo que pesou máis, de aporte sustancial de maxia ás vidas cotiás de moita xente.
Tamén Sam Shepard gusta destes lugares. No cinema, non hai máis ca ver París, Texas (para quen lle interese, o DVD de Filmax, ese con Nastassia Kinski con xersei frouxo de angora fucsia na capa, trae audio en galego, sen especificalo na caixa). E na literatura, xa en Crónicas de motel ou en Cruzando el paraíso se nota o po das estradas que el mesmo botaba meses a percorrer polo país adiante, escribindo hoxe desde Fredericksburg, mañá desde Homestead Valley. Fai parecer atractivo algo tan tremendamente desolador e fatigoso como é a viaxe permanente.
No deserto non abundan as estruturas complicadas, agás, se acaso, no de Nazca, no Perú, coas súas figuras debuxadas na area para contemplación desde as alturas por parte de humanos ou quen sabe o que, se atendemos ó criterio de Cuarto Milenio. Malia que algún fora antes océano, e malia que albergue máis vida da que aparenta, aí está, elemental. Paciente, escoita as diatribas dos artistas que presumen de que canto máis complexo é algo, máis esperta o seu interese. E non se sabe o que pensará, porque mantén conxelado o sorriso amable e non di nada.
martes, 29 de marzo de 2016
Sobre o libro como elemento decorativo
Para Javier Cercas é falso que os escritores en castelán vivan mal en Cataluña. Explica que viven non censurados (contra o que, segundo el, se viñera afirmando), mais si marxinados, lonxe do poder e da oficialidade. E que está ben así, pois esa é a posición natural de todo escritor. Que o preocupante sería o contrario.
Linlle todo isto nun artigo de prensa recente cando xa levaba eu un tempo a notar unha novidade desconcertante: nos escaparates de certa cadea de tendas de roupa da cidade apareceron aquí e aló, á beira dos manequíns, pequenas moreas de libros. Supervendas de quiosco, de xente coma Danielle Steele, colocados para dar impresión de espontaneidade, coma se os bonecos estiveran a ler neles e os pousaran alí de calquera maneira. O conxunto pareceume de ciencia-ficción, ou algo que puidera ter aparecido nun filme de Stanley Kubrick.
O único fallo da montaxe é que os libros están todos pechados e sen sinal de uso visible. Aínda que tampouco difire tanto da realidade.
Case ó tempo que Cercas amosaba o seu alivio por non ser ninguén na súa terra e da miña percepción deste fenómeno de estética comercial, Eduardo Mendoza dicía que lle importa un carallo que a xente lea ou non lea, porque case todo o que se publica hoxe é unha morralla. Concordo co fondo da mensaxe ata chegar á coma. Dáme vergonza allea a proclamación das bondades da lectura, por esaxeradas. Ningún libro vai arranxar o que a natureza ou anos de dexeneración fixeron. José María Aznar non pasou, que se saiba, da páxina 20 de Cien años de soledad. Se a clase política é un reflexo da propia sociedade, pois procede dela, non vexo por que deba ser diferente coa literatura.
Unha narración ou un poema non son coma un medicamento para os síntomas da gripe: nin o seu efecto é único, nin van mellorar ó lector, nin lle van pagar as facturas. Un libro ten moito de decorativo, sen influencia verdadeira nas circunstancias dunha persoa, igual que (e non sei se en consecuencia) o escritor adoita ser o que di Cercas, un marxinal. Mais a meirande parte dos que compran libros sen lelos interpretan que o elemento decorativo está fóra, cando en realidade está dentro.
martes, 22 de marzo de 2016
Cando os nazarenos parecen manequíns
Foto: James De Mers
O meu barbeiro opina de que o que acontece no descenso do Cristo Vivinte de Castro Urdiales é un tormento real. Eu tratei de advertirlle que, polo que sei, é máis unha dramatización ca outra cousa, mais el teimou en que algúns dos cristos remataban na UCI logo dos vergallazos e a crucifixión con cravos, todo supostamente auténtico. Véndoo tan convencido, loei a devoción do suposto martirizado. Sen darlle creto, tampouco sería de estrañar que fose certo. É esta terra sufrinte e sentida ata extremos inimaxinables segundo para que cousas. E a cada punto máis. Non vou repetir o que xa dixen moitas veces. Ou si: a máis influencia da tecnoloxía na sociedade actual, maior avance do fundamentalismo emocional.
Por se estabades pensando niso, direi que o único exemplo non é a paixón pola Semana Santa. Hai por aquí unha chea de xente que escoita estas dúas palabras cun suspiro de desdén, mais inflámase cando sabe, poño por caso recente, da cadea de atentados en Bruxelas desta mesma mañá. E non se debe isto á pena polos mortos. Manifestan un loito moderado por estes bruxeleses, comedido por enriba de todo, que podería traducirse, en expresión moi da miña casa, coma que a eses pariunos unha cocha. A súa ardentía viría motivada, en troques, pola situación dos refuxiados que chegan de Siria ou de (disque) algúns “campos de concentración” en Turquía, por careceren da mesma cobertura mediática. Se chegaran a ter noticia das atrocidades semellantes a aquelas polas que se doen que acontecen no mundo a cada momento, padecerían unha depresión vitalicia ou terían metido unha de dous canos na boca e pulsado o gatillo.
En canto a sentimento, á beira destes denunciadores da parcialidade informativa, calquera nazareno é un manequín. Piden, penso eu, un imposible: que todo morto doia igual. Non podo ter verdadeiro dó nin de bruxeleses nin de sirios, pois nin entre uns nin entre outros hai persoas ás que coñeza e estime, que eu saiba. O que sei é que teñen en común algo: merecen toda axuda posible, pois case ningún deles escolleu o seu destino. Algo distinto é a arroutada. Lembro que, coa chegada dos primeiros refuxiados, o Ministro do Interior español advertiu que cumpría vixiar para que non se infiltraran xihadistas no medio deles. Para entendérmonos: non que houbera que pechar as portas, senón cachear ós que pasaban por elas. Pareceume tal idea unha excepción nel, por sensata. En cambio, menos produtor de telerrealidade, recibiu insultos de todo tipo.
Esa ardentía é garrafón do peor: do que embrutece (malia que se procure o contrario). E dáse bastante, por mentira que pareza, entre quen presume xustamente de aspirar a unha visión clara do panorama. Estou por pensar que o meu barbeiro está no certo. E que hai moitos bos pasionarios da Semana Santa en potencia que ignoran selo.
martes, 15 de marzo de 2016
Formas de cruzar un paso de peóns
Foto: Jay Mantri
O outro día crucei un paso de peóns do xeito no que adoito facelo: mirando sempre na dirección da que proceden os coches. É algo moi aconsellable en cidades claramente vendidas ó tránsito rodado, coma Lugo, por moito que se pretenda disimular con zonas peonís máis ornamentais ca outra cousa. Moitos condutores, perante esta rendición, semellan perder a percepción imprescindible do vehículo coma potencial máquina de matar. O pé déixase ir sobre o pedal do acelerador igual que un paseante sen présa xustificada remata camiñando lixeiro: sen unha razón, pois rara vez a hai para bulir, nin no coche de gasolina nin no de San Fernando, nun lugar no que apenas hai que facer. Mais velaí a diferencia: o que no camiñante é só arruinar un tranquilo paseo, no condutor é o instinto que xera dano grave ou morte. Á mañá seguinte sae a noticia en El Progreso, coa habitual nota de sorpresa pola elevada cifra de atropelos por habitante deste recuncho. E despois do martes virá o mércores.
Dicía que cruzaba eu o paso, e facíao bastante afastado cara o lado esquerdo (delación do inconsciente, tal vez), pendente da velocidade coa que se aproximaban os logos automobilísticos á miña anatomía. Ó acadar a media altura, mirei á fronte e case dei de fociños con outro peón. Esquecera a inercia lucense, que é escoller a opción máis molesta posible para o outro e en ocasións mesmo tamén para un. Aquí, á vista dunha persoa distraída pola banda esquerda, e malia dispoñer das tres cuartas partes do espazo, consiste en interpoñerse no seu camiño. O fulano olloume ó pasar cun 55% de estrañeza e un 45% de crítica, coma se fora eu o que teimara en tirar polo camiño torto. E desde o seu punto de vista, o maioritario, así era.
Historias coma esta poden axudar a comprender como un país pode levar meses sen goberno estable logo dunhas eleccións sen impugnación de resultado, e tamén que, contra o que supoñen unha mestura de pedantería seudointelectual ensombrecedora do xuízo e valores neoliberais de emprendemento, ás veces a vía máis sinxela é a mellor para todos. Pero SÓ ás veces. Sexo e arte aparte.
luns, 7 de marzo de 2016
O mal mal
Presenta Julia Navarro un libro sobre o mal e fala de Adolf Hitler ou Pol Pot. Aparenta crer o que di, mais cómpre ter presente que un autor supervendas vese forzado a ceibar máis dunha simpleza como estratexia de mercadotecnia. Cousas así dicíaas eu hai quince ou vinte anos, non por iso: por candidez. Aínda que o meu entusiasmo polas entrevistas de prensa non medrou e non me esforzo en resultar enxeñoso e menos aínda erudito (érache boa esa), entendín neste tempo que hai unha diferencia entre a maldade e a megalomanía ou a loucura, e que as dúas últimas non implican por norma a primeira. Establecer esa relación implicaría volver ó concepto inquisitorial: fogueira no sitio de tratamento.
Eu non vexo necesariamente maldade en individuos que levan ata o extremo unha convicción, por insensibles que sexan á dor e morte que poidan producir polo camiño. Coidan estar a facer o correcto, ó custo que sexa preciso, e diría que poñen por diante na súa orde de prioridades este obxectivo antes có seu proveito. Trátase desa puxanza emocional que gañaría unhas eleccións en época ruín; e xa sucedeu. Evidentemente, este comportamento merece os barrotes dunha cela para evitar estragos. Pero o que é maldade, vexo máis nun empresario que contrata en negro ou nun funcionario que denega un subsidio por preguiza de mover papeis.
O mal non está aí, penso. Se hai que procurar un símil actual, está nesas situacións nas que se lle fai a vida imposible a alguén ata que o fan ir dar á consulta dun psicólogo ou ó peitoril da ventá dun décimo. No comportamento dos acosadores non hai un interese material nin a busca da consecución dun logro que se coide grandioso ou finalmente beneficioso para aqueles ós que en principio se prexudica. Sinxelamente, se outra xente atopa o pracer en gastar preservativos ou en devorar bolsas de aperitivos industriais, eles atópano na destrución. O mal non require insensibilidade, senón todo o contrario.
Pero a Julia Navarro seguramente non lle é allea a efectividade de dicir que o mal é distante. A comodidade é un ben escaso e o engano é motor de progreso e noites de moito chunda chunda.
martes, 1 de marzo de 2016
A putada inevitable da non compracencia
Infórmome por Diego Manrique de que Chrissie Hynde, a cantante dos Pretenders, vén de tirar autobiografía. Non puiden lela, así que vaia por diante que me guío polos comentarios do xornalista. Podería ela falar de moitas cousas, como é corrente que fagan as figuras do rock hoxe, ás veces con máis candor ca sentido, pero opta por falar do que coñece (sinxelo e case sempre efectivo consello para un escritor, por certo). Pinta a súa mocidade dun xeito que tal vez non guste a moitos mitificadores da chamada época da contracultura. Por unha banda, está a súa teima en censurar o uso das drogas, que neste caso é un pouco coma querer asociar o xogo de Neymar co antigo respecto británico polo contrincante. Pola outra, a idea que se desprende das súas descricións de tipos humanos: que aquilo era un fervedoiro de cretinos con pene e de cretinas con vaxina. Mesmo se culpa dunha violación que padeceu a mans duns motarras en Ohio, por temeraria. Imaxino (se a houbera) a unha "ídola" do rock actual (se houbera rock nas radiofórmulas) facendo o mesmo ca ela de aquí a 30 ou 40 anos. O resultado sería menos biografía ca panexírico de vivos e mortos centrado en raza ou sexo, absolutamente acrítico coa idem ou co idem que defendería. Algo semellante ó que fan no cinema algunhas actrices ou Idris Elba e máis Spike Lee no tema das porcentaxes de representación.
A señora, que fai 65 anos pero nunca é tarde, non pretende compracer, antes ben, se cadra todo o contrario. Pode ser unha estratexia de amortización do anticipo editorial, non digo que non. E malia iso, sigue demostrando que hai actos tan desagradables coma necesarios. Coma cagar de campo, se se quere.
Quen escolle non ser compracente escolle o camiño da chuvia a caldeiros sen paraugas, porque a esixencia social, familiar, laboral, etcétera é a compracencia, mal entendida en ocasións coma coherencia. (Só na convivencia de parella se fai, con moderación, a excepción non escrita, a xeito de contraveleno para a rutina). Quen recunca na non compracencia fai con frecuencia o oposto ó que se espera que faga. Perigo. É máis un impulso ca unha actitude. Sabendo que a un lle pode custar caro, e ó tempo que non podería ser doutra maneira. Os non compracentes fican dobremente a mercede da sorte.
martes, 23 de febreiro de 2016
Coma pacifistas con botas militares
Se digo que non é nada que un non saiba, é porque o comprobo a diario. Facede a proba, se queredes. Abonda con saír á rúa cun libro na man con certa frecuencia. Debe resultar ben visible: unha edición de peto pasaría desapercibida. Facede coma min estes días, que cargo cunha en tapa dura (das poucas das que dispoño) de Valdemar que deixan pequena a meirande medida de peto coñecida. Cabe con moita estreiteza no peto do meu chaquetón de mariñeiro, mais a dificultade de introducilo alí obrígame moitas veces a poñelo debaixo do brazo.
Alí o levaba cando me crucei cunha muller e dúas raparigas, nai e fillas, é de supoñer. Logo de eu pasar, unha das cativas, tal vez coidando non ser oída, comentou algo do que captei a palabra “intelectual”, tocada por certa sorna.
Deixemos aparte unha confusión estética probable: comentaba Woody Allen que moitos o coidaban un erudito polo seu aspecto, sen saberen que gusta de cousas coma os partidos de béisbol. Pódese pensar que a intención da rapariga era esa tan mundana da burla inxenua. Eu máis ben me inclino a pensar que ela, coma moita xente por aquí, non concibe, por norma, que unha persoa leve enriba un libro para lelo, senón a xeito de atributo para a construción da propia imaxe, un pouco coma os pacifistas que gastan botas militares ou moitos políticos e o seu uso da palabra “diálogo”.
Pero eu nunca o sabería explicar coma Julio Anguita.
luns, 15 de febreiro de 2016
As leas d'A Familia
Foto: Picography
Non son unha persoa familiar. Non asisto a vodas nin funerais, nin fago chamadas por mor de festividades (esas chamadas cun ton de voz xovial, moi diferente do que se emprega non ben se colga o teléfono), nin me meto nas súas leas, nin falo ben nin mal de xan nin de pericán. Fágoo, entre outras razóns, para que, en caso de que algunha ovella se volva negra, non me veñan pedir a min responsabilidades nin atribuír culpas que non teño, soamente por ser parente de. É irracional tal forma de razoar, desde logo, pero xeneralizada por aquí. Se teu pai era un mangante ou túa tía unha lercha, ti, como mínimo, malia non ter volvido por un nin por outra, has de ser un malnacido. Pódeseme chamar irresponsable, non é delito facelo. Eu, aceptar, non o acepto. A familia materna ou paterna é cousa que nunca se pide: simplemente vén, de xeito inevitable, coma os temporais. Nada teño que ver con Esperanza Aguirre, por exemplo, que si puido escoller, e escolleu. Tiña na casa un fedor a cadáver que non había quen parara en quilómetros á redonda, mais dimite deixando claro que non tiña nariz, ou sinusite crónica, non sei. Ela é, coma moitos concursos de televisión ou coma o termo “casta” referido á políticos con moito trienio, unha copia. Hai unha historia que coido xa moi coñecida: Logo haberá vinte anos, entrara ó despacho de Manuel Fraga certo político daquela noviño coa carta de dimisión na man. Oíra cousas que daquela poñían medo, polas que a xente aínda dimitía. O petrucio debeu calar un intre antes de lle preguntar se sabía por que a un dos seus alcaldes do sur de Pontevedra lle chamaban O Lixeiro. O dimisionario non debeu sabelo. “Polo lixeiro que corre diante da Garda Civil”. Era contrabandista. Imaxino a placidez coa que lle espetou aquilo ó novato, o viu marchar por onde viñera cunha confusión doutra clase na cabeza e botou unha cabezada no butacón de coiro. Non dimitiu, claro. E gañou eleccións autonómicas coma se tal. El, coma ela, non quixo meter as mans na fosa séptica anegada. A diferencia foi que, polo menos, non simulou unha dignidade da que carecía. Escolleu á súa familia entre o peor de cada casa sen perder o orgullo. O que xa teñen os dous en común, e do que libro eu na miña nula relación familiar, é que quen apanda coas consecuencias desa decisión non son eles.
luns, 8 de febreiro de 2016
Todos botados ó monte
“¡Los cómicos en mi casa!”, rosmaba indignado o Marqués de Leguineche (Luis Escobar) en La Escopeta Nacional mentres naquela cea chea de arribistas se facía a presentación en sociedade dunha pendanga de alto standing con aspiracións de actriz (Bárbara Rey). Era evidente que o Marqués vivía no pasado: aqueles cómicos xa non eran estes cómicos. Das súas palabras deducíase que os actores non eran xente de ben.
Lembrei esta escena cando lin que unha compañía de teatro de monicreques representou unha función en Madrid, logo doutra en Granada sen repercusión, e acabou condenada á cadea. A obriña, titulada La bruja y Don Cristobal, contiña entre outras cousas o aforcamento dun xuíz, o acoitelamento dun policía, o dunha embarazada e a violación dunha monxa e “posterior agresión” cun crucifixo. Contra o que é frecuente, non era para nenos, tal e como deixaran avisado; o que xa non sei é se indicaron claramente que era para adultos. O argumento de máis peso para levalos ó xulgado tería sido o final, onde se amosaba un cartel cun xogo de palabras loando simultaneamente a Al-Qaeda e a ETA.
Esta reacción xudicial histérica, sumadas ás de máis dun político, pola conta que lles tiña e coa axuda da súa predisposición para o desatino, valeu para omitir, ou comentar coa lingua moi pequena, o que me parece o detalle principal do asunto: que a tal función de monicreques, austeridade aparte, case deixaría quedar as do Grand Gignol (que non eran de bonecos malia o nome) coma anuncios de suavizante.
Eu estaba a cincocentos quilómetros e descoñezo o libreto, así que me absteño de tirar conclusións sobre a intención final dos seus autores. Outra xente si buliu a facelo, tal vez con máis coñecemento do asunto. Para eles, os responsables de Títeres desde Abajo son combatentes contra o poder reaccionario. Algúns opinan que a obra é “pouco adecuada”, para decontado engadir, cun acaloramento que intúo, que tamén o son as touradas, coma se iso a dignificara. Deben entender que non hai máis xeito de facer ver o desagradable que é comer coma unha fera ca convidando a tódolos non expertos na materia a destripar unha vaca e meterlle o dente ás entrañas fumegantes. Co cal, de paso, anulan a teórica superioridade moral ou intelectual que puideran terse atribuído e, sinxelamente, bótanse ó mesmo monte no que os seus rivais están xa a cazar. E en casa de lobos, fai coma todos.
martes, 2 de febreiro de 2016
O que non conta
Falei máis dunha vez desa (moita) xente tan pouco atenta que a súa ignorancia ou inconsciencia fai gañar eleccións a partidos podres de corrupción ata a raíz ou millóns a produtores de telerrealidade ou autores de libros que non son libros ou youtubers sen area de sal; non sei cal das alternativas será peor. Esta xente adopta unha posición extrema: a de non querer saber nada en absoluto.
De igual maneira, hai quen adopta xusto a oposta. Esoutro día lin nun xornal unha crítica de certa serie televisiva. Pasei liñas agardando ler o que finalmente lin: a denuncia insistente de numerosos cabos soltos na trama. A queixa principal consistían en que os guionistas foran espallando polo camiño do espectador un regueiro de migallas que non levaban a ningures. A impresión xeral, se un se fiaba por esta crítica, é que toda calidade da serie quedaba escurecida por esta inconsistencia argumental. O concepto que a autora semellaba ter dunha serie televisiva,e quen di tal di unha novela, dado o trato que se da hoxe a moita ficción audiovisual por entregas, cimentábase nunha estrutura perfectamente construída, sen fisuras. Diríase que máis nada importa tanto: nin o traballo dos actores, nin os diálogos, nin a escenografía. A función principal deste produto con data de caducidade moi próxima sería, pois, armar sen fallo tódalas pezas do crebacabezas para que fique no medio un camiño que conduza, sen desvíos improdutivos, a saber se o asasino foi ou non o mordomo. Unha vez determinado o anterior, perdería o máis do seu interese.
É razoable pensar así se un se mete no pelello do dono de HBO. Mais, desde que as series xa non son analizadas coma tal, senón coma obras de arte, paréceme un xeito algo simple de ver a cuestión. A exactitude da trama dunha historia non é o que move a volver a ela, polo menos no meu caso. É todo o demais. O que, aparentemente, non conta.
martes, 26 de xaneiro de 2016
A mesura non mola
Foto: James DeMers
A mesura non mola. É calidade dos que nunca ghastarán pista. Eternos amigos ou pagafantas: as nenas só queren divertirse, xa o dixo Cindi Lauper. Aínda peor: se hoxe adoptas unha posición equidistante, é moi doado que te acaben comparando con alguén coma Mario Vargas Llosa.
A evolución intelectual da humanidade guapa consiste en que alguén coma Vladimir Putin, unha sorte de Napoleón báltico con tendencia a obviar o fedor e as coiteladas que se suceden no cuarto traseiro da propia casa, remate a rentes da santidade para moitos opinadores da porta de Brandeburgo para acó simplemente porque lle foi disputar un coteno de terra no Mar Negro a un grupo de ultras vestidos de traxe. Falando de ultras, temos aquí ó Jimmy. Alén da xusta esixencia de xustiza, foi case proposta por moitos a súa autovía de antecedentes penais para o Nobel da Paz póstumo porque os que o mataron gustaban de mazar ó seareiro inimigo e a quen os mirara revirado con barras de aceiro e do corte de pelo de estilo francés, aquí de recruta de cuartel. Non é escusa que o nivel de tal premio teña baixado bastante.
Algunhas veces, a ignorancia anda tras destas quenturas de cabeza. É a que move a Sean Penn a querer facer crer, e non sei se a crer el mesmo, que o que publicou en Rolling Stone era unha entrevista e non unha carta de amor dunha adolescente enfebrecida a unha estrela do rock que usa unha motoserra por guitarra. Mais o común, paréceme, é que se renuncie ó esforzo que supón saber con quen se dan as mans. Sabelo podería levar á indecisión, e con ela á parálise, algo moi temido. Cousa rara, cando de delegar noutros as intencións de cambiar o mundo é un acto pasivo.
martes, 19 de xaneiro de 2016
A resposta de Kurosawa
Foto: akirakurosawa.info
Teño un coñecido que me resulta de conversa incómoda. Unhas veces, o problema é a súa teima en facer brincadeiras de todo, e cando digo todo é todo, a partir de cada palabra que se lle dirixe. Obviamente, así é imposible falar de nada de proveito; estrañaríame que alguén, fóra dos seus íntimos, o lograra. E nas poucas ocasións nas que se pon “serio”, é a súa curiosidade incisiva e incesante o elemento disuasorio. Se, por exemplo, lle recomendo algún filme, pregunta e pregunta: por que nesta escena tal personaxe fai isto, se nestoutra escena a acción tiña que ser así e non asá, que significa o final... Como sucede cos nenos a certa idade, acaba por atafegar a un. É unha das diferencias elementais entre a infancia e a idade adulta: que o adulto acepta que hai cousas que son porque deben ser.
O meu gusto non entende de esquemas, como creo que tampouco o de moita xente. Por que se gusta de certa pasaxe dun libro ou da arquitectura particular de certas casas dunha rúa non é algo que se poida explicar cumpridamente. De feito, o intento non é raro que conduza á pomposidade ou ó ridículo. Non hai máis ca ver as teorías con tanta solemnidade expostas acerca do goce na práctica do sexo ata hoxe. Ou o tratamento do erotismo no cinema ou na literatura, case sempre motivo de vergoña allea.
De maneira que a miña reacción adoita ser a vaguidade: unha frase a medio rematar, un encollemento de ombreiros ou, se tiro pola franqueza, un “non podía ser doutro xeito”. Non se nota demasiado: encúbreo a impaciencia do meu coñecido. Se fora máis proclive a escoitar, supoño que lle contaría eu aquela anécdota sobre Akira Kurosawa. A propósito de Rashomon, moitos preguntáronlle polo seu significado. Talmente, sen máis, que se di axiña. El respondeu que non o sabía, e que non todo tiña por que quedar claro. (Non sei se lles tería interesado trasladar a cuestión a Ryunosuke Akutagawa, e é pena, porque o filme adapta con bastante fidelidade o libro.) Comprendo que haxa quen considere a Kurosawa un incompetente intelectual. Así e todo, eu prefiro esta honestidade a unha grandilocuencia non de todo comprensible que, por que non, pode ben ser fume. Ademais, con frecuencia a incógnita é o único que non arruína un final.
luns, 11 de xaneiro de 2016
Con Valle-Inclán viviamos mellor
Alguén coma Valle Inclán, se algo tiña dereito a se permitir, eran trasnadas. A vida de quen apenas sabe facer máis nada ca escribir debera levar aparellada unha licencia para a brincadeira de cando menos seis horas diarias, porque se non só resta o suicidio. Tamén digo que, por moito que a supervivencia sempre fora cousa complicada para xente tan pouco pragmática, teño a impresión de que esta especie atopaba noutro tempo máis probabilidade de chegar á vellez sen sufrir de inanición ca hoxe. Non sei precisar cando a letra foi perdendo atractivo en favor do ratio de rendibilidade. Tal vez, en España, fora nos anos oitenta, cando tantos mozos co título universitario a estrear daban en se peitear coma Mario Conde. O caso é que desconfío da aparente fascinación por ese mundo idealizado de lapelas de libros supervendas con foto sorrinte que enche talleres de “creación literaria”. Ningún escritor espertará tanto interese pola súa simple condición de tal na clase media-alta que se lle permita durmir nun sofá alleo canto tempo queira ou se lle enchufe de articulista de xeito que poida pagar o alugueiro sen ter que manchar as mans nun polígono industrial. Paréceme que a profesión hoxe considerada máis “cool” vén sendo a de economista. Coma se entre a parte da poboación coa vida máis ou menos resolta tivera sucedido un despertar brusco, deses de acordar boca abaixo na friaxe do piso que é a realidade. Tal vez porque a certeza de que esa vida estea resolta sexa moito menor do que sería noutro tempo.
luns, 4 de xaneiro de 2016
Neurose sen cancelas
Foto: Peter Griffin
Non sei se foi a tarde de Noiteboa ou de Noitevella cando volvín atopar na rúa unha antiga compañeira de curso. Os nosos encontros son moi especiais: cruzámonos na rúa, paramos un segundo, ela di, con présa, sen deixar de sorrir e sen traza de verdade, “Non podo falar, que chego tarde” e sigue andando a paso lixeiro. Aquel non foi distinto. Desta fun eu o primeiro en sorrir, por inercia. “Xa o sabes, verdade?”, díxome ela. E todo foi igual polo demais. Sempre me intrigou esta cortesía, bastante habitual, polo menos nesta cidade. Aínda preferíndoa á súa ausencia (que a persoa coñecida mude de acera ó me ver, que tamén acontece ás veces), atópoa bastante inútil. Para o caso, porque eu tampouco amosei intención de retela. Pensei que, se as cousas foran doutro xeito nas relacións sociais, a ela non lle importaría parar un pouco, nin a min. Uns minutos de parola na rúa non son algo tan transcendente nin penoso, por moito que nos poida aburrir, que non se poida facer a concesión á urbanidade. Esa sería a verdadeira cortesía.
Pero as cousas non son doutro xeito nas relacións sociais. Un dos meirandes (e estrañamente populares) desatinos que teño oído sobre a chamada violencia de xénero é que se trata dun complot do sexo masculino para erradicar da terra o feminino, evocando unha moi improbable alianza nacional ou mundial de varóns homicidas contra a muller non sometida, ó estilo do Daesh (organización de orixe e intereses ben dubidosos) contra todo canto sexa haram (das minisaias e o alcol para arriba). Paréceme mentira que a ninguén se lle ocorra unha razón máis obvia para todo isto: que moita xente atopa hoxe máis dificultade para aturar a outra da que poderían atopar décadas ou séculos atrás. Que a neurose a cada punto atopa as cancelas de peor calidade. Que a sensación permanente, tan deste tempiño pueril, de non ter un intre que perder ou (peor) de estar a perdelos continuamente é coma a xeada negra para calquera tipo de convivencia humana. Fai á persoa sentirse autorizada a pasar por enriba de todo con tal de conservar ese tempo para si mesma, cando o trato dun ser humano con outro con frecuencia implica a perda, ou a cesión del.
xoves, 31 de decembro de 2015
Mensaxe multiusos Nadal/Noitevella/Aninovo. Ler baixo a propia responsabilidade
Foto: George Hodan
A sala do HULA na que instalaron o acelerador de radioterapia, polo que puiden ver no xornal, é branca e sen ornamento, agás por un detalle: unha paisaxe da Ribeira Sacra en panorámica, ocupando toda a parede contra a que se atopa o aparello. Probablemente a puxeron alí a propósito. Será o que vexa un paciente antes ou despois de se someter a radiación. Paréceme unha inxenuidade pensar que unha fotografía enorme dun río entre altos outeiros verdes ó sol poida aliviar o sufrimento que provoca o cancro. Mais eu non teño cancro. De feito, non dubido que poida funcionar. Tampouco o partido que goberna España, que decidiu poñer unhas eleccións xerais a 20 de decembro, cando demasiados votantes estarían a pensar no prezo do marisco, na reserva de mesa nun restaurante ou no modelo de tablet axeitado para un cativo de seis anos, pero non na importancia da súa decisión á hora de escoller papeleta. É máis: estráñame que non escollera un día de fins de decembro para anunciar algún dos seus moitos recortes orzamentarios ou a Lei de Seguridade Cidadá. Conxecturo que o contemplou e non logrou cadrar datas. O Nadal é esa época do ano na que máis doadamente se comunga con rodas de muíño. Porque unha xuntanza familiar ó estilo europeo meridional é unha moa das que precisaban dous burros para ser movidas. E o caso é que a xente é abnegada. Poucos haberá que rexeiten pasar por semellante proba de forza, por moito que se laien antes ou despois de ter que facelo cada ano. Nos últimos días do ano 2015, mantéñense as servidumes. Proclámase a liberdade individual para facer ou pensar case todo como signo de modernidade, agás no que respecta a costumes de hai séculos, ou milenios. Custa renunciar ó grolo acedo, tal vez porque iso representa renunciar tamén á sobremesa que rebaixa ese mal sabor.
martes, 22 de decembro de 2015
O pelello do veciño. Post electoral do ano
Foto: Ken Kistler
Escribir sobre un proceso electoral implica, coma escribir, en xeral, unha dificultade: a de dicir algo que non se teña dito xa. Certo que, ficando no ámbito galego, e especialmente no lucense-ourensán, as posibilidades multiplícanse. Os taxistas que afirman votar ó Partido Popular por considerárense empresarios (coma se isto significara algo, e sen decatarse, supoño, de que as simpatías de tal partido nese sentido tiran máis cara a banda de Amancio Ortega ou Florentino Pérez) case semellan sensatos a carón dos septuaxenarios que votan guiados pola influencia poderosa do costume ou, malia que o actual rostro do cartel non lles diga nada, e que mesmo lles pareza o fulano un señorito sen sangue, por respecto á memoria do Patriarca. Estes, coido eu, son máis numerosos ca esoutros que simplemente temen a suposta loucura das cabezas novas, que tamén ignoran o detalle esencial de que hoxe o absolutismo é imposible, porque a política se basea en medir cada paso dado, e porque todo paso é observado desde máis dun despacho, máis preto ou máis lonxe.
A min, do acto de votar, interésame máis outro aspecto, do que coido que case ninguén é consciente nin antes, nin durante, nin despois de levalo a cabo. Pregúntome se, tanto os que votan para que nada cambie, como os que o fan para que cambien algunhas cousas, como os que pretenden que todo cambie, verán que a súa decisión pode condicionar a vida do veciño durante catro anos, ou máis; hai xa causadas desfeitas que tardarán moito máis ca iso en arranxarse. Imaxino que non: só se quere saber o que pasa na casa do lado se se sospeita que estean a falar mal dun alí.
Para min, o acto de votar entraña tanto perigo coma disparar unha arma. Estou por pensar que sería preciso crear un carné tamén para iso. Tarefa imposible de tan complexa, por descontado. E difícil sería, de tódolos xeitos, afastar das urnas a eses taxistas e septuaxenarios empurrados pola fe cega e o único dó do propio pelello.
luns, 14 de decembro de 2015
Pedro Sánchez e o rebumbio
Foto: Shayna Michaels
Teríame gustado ser actor de dobraxe. Poñer voz a outros, profesión tan menosprezada coma meritoria. Non sei se teño certas aptitudes; son consciente, cada vez que vexo un filme español actual, de que, en comparación, non son malo como voz estándar non teatral. Invalídame, en cambio, unha carencia definitiva: nacín co timbre baixo. Cústame facerme oír, con moita frecuencia, nas situacións máis convencionais. O problema vese acrecentado nun país onde o ton medio é elevado en decibelios. Diría que, de tan alto como se fala, se afai o propio oído a tal volume ata o punto de que toda mensaxe a volume inferior (audible así e todo) resulta dura de escoitar. Din moitas linguas lucenses que as patronais do San Froilán esmorecen lentamente desde que ós donos das tómbolas lle privou o Concello de poñer a música en modo rebentatímpanos. Non se sabe se a idea, nestes lugares do rebumbio, é destacar a voz que os fai felices ou amortecer a que lles fala do que non queren oír.
Por iso non me estrañei do cambio de rexistro de Pedro Sánchez, candidato socialista ó Goberno de España, durante un mítin recente, non sei se na Coruña. Tal cambio consistiu en pregoar o seu discurso con aceno case furioso e voz desgarrada, áspera de forzala, cando el se viña caracterizando ata entón por unha sobriedade burocrática, moi acorde co seu aspecto. A outros, polo que lin, si que lles estrañou. Interpretaron desesperación e/ou desnorte nese cambio. Para min, limitouse a botar man do recurso que deixara sen explotar: a pose de camisa rachada. Neste país, se se fai ben, que tampouco é doado, é imán de empatías e votos, con independencia do que se diga. É remedio antigo: disque o éxito de moitos grupos de rock de vocalista ouveador, sobre todo en directo, reside na reminiscencia prehistórica do líder tribal a indicar o camiño cos seus urros. E neste país, polo visto, o tempo efectivo transcorreu moito menos ca noutros.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)


















