martes, 22 de decembro de 2015

O pelello do veciño. Post electoral do ano


Foto: Ken Kistler

Escribir sobre un proceso electoral implica, coma escribir, en xeral, unha dificultade: a de dicir algo que non se teña dito xa. Certo que, ficando no ámbito galego, e especialmente no lucense-ourensán, as posibilidades multiplícanse. Os taxistas que afirman votar ó Partido Popular por considerárense empresarios (coma se isto significara algo, e sen decatarse, supoño, de que as simpatías de tal partido nese sentido tiran máis cara a banda de Amancio Ortega ou Florentino Pérez) case semellan sensatos a carón dos septuaxenarios que votan guiados pola influencia poderosa do costume ou, malia que o actual rostro do cartel non lles diga nada, e que mesmo lles pareza o fulano un señorito sen sangue, por respecto á memoria do Patriarca. Estes, coido eu, son máis numerosos ca esoutros que simplemente temen a suposta loucura das cabezas novas, que tamén ignoran o detalle esencial de que hoxe o absolutismo é imposible, porque a política se basea en medir cada paso dado, e porque todo paso é observado desde máis dun despacho, máis preto ou máis lonxe.
A min, do acto de votar, interésame máis outro aspecto, do que coido que case ninguén é consciente nin antes, nin durante, nin despois de levalo a cabo. Pregúntome se, tanto os que votan para que nada cambie, como os que o fan para que cambien algunhas cousas, como os que pretenden que todo cambie, verán que a súa decisión pode condicionar a vida do veciño durante catro anos, ou máis; hai xa causadas desfeitas que tardarán moito máis ca iso en arranxarse. Imaxino que non: só se quere saber o que pasa na casa do lado se se sospeita que estean a falar mal dun alí.
Para min, o acto de votar entraña tanto perigo coma disparar unha arma. Estou por pensar que sería preciso crear un carné tamén para iso. Tarefa imposible de tan complexa, por descontado. E difícil sería, de tódolos xeitos, afastar das urnas a eses taxistas e septuaxenarios empurrados pola fe cega e o único dó do propio pelello.

Ningún comentario:

Publicar un comentario