mércores, 6 de abril de 2016

O que pensará o deserto


A Jack Arnold prestáballe, desde os seus tempos de westerns, traballar nos desertos do sur dos Estados Unidos. Alí tirou proveito das súas posibilidades estéticas, considerables para un orzamento bastante reducido. Filmou Tarantula, que seguía o camiño aberto pouco antes por Gordon Douglas con Them! (en España “La humanidad en peligro”, cunha dobraxe de comezos dos 60 que era un encanto; mesmo Alfredo Landa tiña un papeliño). Foron dous exemplos tanto de ciencia-ficción belicista nada sofisticada coma, e creo que pesou máis, de aporte sustancial de maxia ás vidas cotiás de moita xente.
Tamén Sam Shepard gusta destes lugares. No cinema, non hai máis ca ver París, Texas (para quen lle interese, o DVD de Filmax, ese con Nastassia Kinski con xersei frouxo de angora fucsia na capa, trae audio en galego, sen especificalo na caixa). E na literatura, xa en Crónicas de motel ou en Cruzando el paraíso se nota o po das estradas que el mesmo botaba meses a percorrer polo país adiante, escribindo hoxe desde Fredericksburg, mañá desde Homestead Valley. Fai parecer atractivo algo tan tremendamente desolador e fatigoso como é a viaxe permanente.
No deserto non abundan as estruturas complicadas, agás, se acaso, no de Nazca, no Perú, coas súas figuras debuxadas na area para contemplación desde as alturas por parte de humanos ou quen sabe o que, se atendemos ó criterio de Cuarto Milenio. Malia que algún fora antes océano, e malia que albergue máis vida da que aparenta, aí está, elemental. Paciente, escoita as diatribas dos artistas que presumen de que canto máis complexo é algo, máis esperta o seu interese. E non se sabe o que pensará, porque mantén conxelado o sorriso amable e non di nada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario