martes, 29 de marzo de 2016

Sobre o libro como elemento decorativo


Foto: ArtsyBee

Para Javier Cercas é falso que os escritores en castelán vivan mal en Cataluña. Explica que viven non censurados (contra o que, segundo el, se viñera afirmando), mais si marxinados, lonxe do poder e da oficialidade. E que está ben así, pois esa é a posición natural de todo escritor. Que o preocupante sería o contrario.
Linlle todo isto nun artigo de prensa recente cando xa levaba eu un tempo a notar unha novidade desconcertante: nos escaparates de certa cadea de tendas de roupa da cidade apareceron aquí e aló, á beira dos manequíns, pequenas moreas de libros. Supervendas de quiosco, de xente coma Danielle Steele, colocados para dar impresión de espontaneidade, coma se os bonecos estiveran a ler neles e os pousaran alí de calquera maneira. O conxunto pareceume de ciencia-ficción, ou algo que puidera ter aparecido nun filme de Stanley Kubrick.
O único fallo da montaxe é que os libros están todos pechados e sen sinal de uso visible. Aínda que tampouco difire tanto da realidade.
Case ó tempo que Cercas amosaba o seu alivio por non ser ninguén na súa terra e da miña percepción deste fenómeno de estética comercial, Eduardo Mendoza dicía que lle importa un carallo que a xente lea ou non lea, porque case todo o que se publica hoxe é unha morralla. Concordo co fondo da mensaxe ata chegar á coma. Dáme vergonza allea a proclamación das bondades da lectura, por esaxeradas. Ningún libro vai arranxar o que a natureza ou anos de dexeneración fixeron. José María Aznar non pasou, que se saiba, da páxina 20 de Cien años de soledad. Se  a clase política é un reflexo da propia sociedade, pois procede dela, non vexo por que deba ser diferente coa literatura.
Unha narración ou un poema non son coma un medicamento para os síntomas da gripe: nin o seu efecto é único, nin van mellorar ó lector, nin lle van pagar as facturas. Un libro ten moito de decorativo, sen influencia verdadeira nas circunstancias dunha persoa, igual que (e non sei se en consecuencia) o escritor adoita ser o que di Cercas, un marxinal. Mais a meirande parte dos que compran libros sen lelos interpretan que o elemento decorativo está fóra, cando en realidade está dentro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario