mércores, 20 de abril de 2016

A empatía dos paiolos


Eu facía o sexto curso da antiga E.X.B., penso. El repetía varias veces xa. Era un paiolo d'A Garaballa, un barrio das aforas da cidade coñecido pola súa elevada porcentaxe de residentes de mala morte. Case sempre vestía un xersei de la e uns vaqueiros elásticos de cor violeta, horrendos de por si e máis aínda co seu corpo de balea metido dentro. Aparte de paiolo, era un dos sete ou outro matóns do colexio ós que consideraba inimigos persoais meus. Debido á desvantaxe numérica moi evidente, cada vez que me facían algunha, eu tiña que apandar con ela e vía. Pésima estratexia sería sacar os puños. Eu era bastante parvo a esa idade, coma calquera neno, mais tanto xa non.
Un día vin a ocasión de lle devolver ó paiolo algo do que levaba el repartido na miña persoa. Nunha clase de plástica que se trasladou a unha aula diferente da habitual, aproveitei para lle coller o sitio que deixara reservado. Sóubeno en canto me sentei, porque mo dixeron os que ocupaban as outras cadeiras, con cara de can. Pouco tardei en decidir ficar. Por algunha razón, coidei que libraría ben daquela, malia a ausencia de garantías neste sentido: a clase remataría coma todas, e había unha porta de saída que ningún profesor controlaba xamais. Non é ningún segredo que non se consideran pagados para tal cometido.
O mangallón alporizouse todo cando atopou o sitio collido, e quixo chegar ás mans. Acabou expulsado pola profesora. O máis chamativo de todo non foi iso, ata certo punto predicible. Foi que o resto dos que sentaban á mesa, moitos deles amigos meus, viraron na miña contra. Pasaron a me tratar coma a un intruso abominable. Para cando botei contas e souben que, como moito, daría podido con tres dos oito matóns que me agardarían fóra, xa eles me deixaran ben avisado disto cunha actitude que lindaba cunha satisfacción sinistra.
Eu non o comprendín entón, nada. Só sabía que tería que correr, e tal foi o que fixen ó final da clase, non ben un dos meus ex amigos avisou a berros ó paiolo de que eu estaba saíndo pola porta. E corrín, madía levei. Aínda cargando cunha carteira de escolar das de antes (é dicir, varios quilos de libros e libretas), non me deron alcanzado. Voei coma a bolsa de plástico de American Beauty, pero sen tanta gracia e a máis velocidade.
Como digo, todo aquilo desconcertoume terriblemente. Naquel momento, non me decatei de que estaba a vivir un anticipo do futuro. Hai a quen lle custa comprender que un acusado de corrupción sexa ovacionado por unha multitude á súa entrada ós xulgados (acusado, non convicto; pero se non hai razón para condenalo antes do xuízo, tampouco para levalo á cadeira da raíña). "Se vistes un traxe, tes boa fachada e sabes falar, a xente cre o que sexa", dicía Criswell a Ed Wood no filme de Tim Burton. Criswell, coma Wood, existiu na vida real: foi aquel vedoiro improbable tan aplaudido na televisión ianqui dos anos 50-60 por dicir cousas coma que nos anos 70 habería colonias terrícolas en Marte. Que acontecera naquela aula? Pois que o paiolo, ó seu xeito, era Criswell, e eu non.
Volvería ver, moitos anos despois, a este paiolo. Vestía un traxe de barrendeiro e xa era do meu tamaño. Xa vedes o lado positivo do asunto: que nada dura para sempre, e menos a empatía dos paiolos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario