luns, 14 de decembro de 2015

Pedro Sánchez e o rebumbio


Foto: Shayna Michaels

Teríame gustado ser actor de dobraxe. Poñer voz a outros, profesión tan menosprezada coma meritoria. Non sei se teño certas aptitudes; son consciente, cada vez que vexo un filme español actual, de que, en comparación, non son malo como voz estándar non teatral. Invalídame, en cambio, unha carencia definitiva: nacín co timbre baixo. Cústame facerme oír, con moita frecuencia, nas situacións máis convencionais. O problema vese acrecentado nun país onde o ton medio é elevado en decibelios. Diría que, de tan alto como se fala, se afai o propio oído a tal volume ata o punto de que toda mensaxe a volume inferior (audible así e todo) resulta dura de escoitar. Din moitas linguas lucenses que as patronais do San Froilán esmorecen lentamente desde que ós donos das tómbolas lle privou o Concello de poñer a música en modo rebentatímpanos. Non se sabe se a idea, nestes lugares do rebumbio, é destacar a voz que os fai felices ou amortecer a que lles fala do que non queren oír.
Por iso non me estrañei do cambio de rexistro de Pedro Sánchez, candidato socialista ó Goberno de España, durante un mítin recente, non sei se na Coruña. Tal cambio consistiu en pregoar o seu discurso con aceno case furioso e voz desgarrada, áspera de forzala, cando el se viña caracterizando ata entón por unha sobriedade burocrática, moi acorde co seu aspecto. A outros, polo que lin, si que lles estrañou. Interpretaron desesperación e/ou desnorte nese cambio. Para min, limitouse a botar man do recurso que deixara sen explotar: a pose de camisa rachada. Neste país, se se fai ben, que tampouco é doado, é imán de empatías e votos, con independencia do que se diga. É remedio antigo: disque o éxito de moitos grupos de rock de vocalista ouveador, sobre todo en directo, reside na reminiscencia prehistórica do líder tribal a indicar o camiño cos seus urros. E neste país, polo visto, o tempo efectivo transcorreu moito menos ca noutros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario