mércores, 31 de agosto de 2016

Maneiras de huno


Leo unha entrevista cunha autodenominada crítica de cinema “online”. As súas respostas están cheas de "(risas)" e palabras coma “review”. Afirma que as súas críticas lle valen cualificativos coma “feminazi”, por acedas e provocadoras. Disque van dirixidas ó que ela chama “machirulazos” ou algo semellante: eses homes que, segundo ela, se negan a ver Girls (di tal coma se fora esa serie de visionado obrigatorio) e lle chaman gorda nas respostas ós seus vídeos. Considero isto un xesto de honestidade: afirma abertamente que a súa é unha batalla de xénero. Claro que, e aquí veñen as dúbidas moi razoables, tamén di que El Gran Lebowski é “machirulazo”, e que a critica para lles dar nos nefres ós idem. Para min e para calquera cun coñecemento mínimo deste filme é calquera cousa agás iso, e nunca unha obra mestra, tampouco. Non alcanzo a comprender de onde tira conclusións tan incomprensibles. É o seu un criterio que da moito que pensar. Acaso pode o candor coa eficiencia.
O caso desta activista metida a crítica de cinema é o de moitos outros activistas noutras causas hoxe, máis ou menos xustas. Querendo combater ós bárbaros, adoptan as maneiras dos hunos. Malos tiempos para la lírica, ou como queira dicirse. Será que eu son dos que non engurran o nariz cando nos filmes de acción os bos fan brincadeiras durante os tiroteos, pero boto en falta certa humanidade nesta xente. Humanidade no mellor sentido da palabra. Non fan doadamente concesión ó humor; acaso á burla, que non é igual. Cando sucede isto, non é tampouco meirande a súa facilidade para tirar faíscas de agudeza. Dan a impresión de ser apenas lectores da sección de Politoloxía e espectadores da escola de Costa Gavras; que non é que estea mal, carallo, pero hai moito mundo alén; Xogo de tronos vale ben para quen guste dela, tan certo coma que na falta de elevadas pretensións e na claridade de ideas doutras menos apreciadas reside moitas veces un encanto que dá a vida. Polo demais, todo é solemnidade. Solemnidade teimuda, mesmo para pedir unha cervexa e un bocadillo nunha barra de barrio, e unha vehemencia de bandeira ó vento. E a razón da que se enchen procede da fe cega, coma a desas persoas convencidas de que un estado de ánimo positivo facilita a cura dunha enfermidade. Cando se lles aclara que isto xamais foi demostrado e que a melloría, de se dar, procedería da mellor disposición do doente para tomar a medicación, abanean a testa con furia e negan coa ollada perdida. Como o feito non se axusta ó seu gusto, non é feito.
En varias series actuais se trata a dificultade de combater monstros sen acabar sendo monstros. O argumento de combater pobres de espírito sen acabar sendo tal non é moi televisivo, digo eu.

Ningún comentario:

Publicar un comentario