xoves, 8 de setembro de 2016
O engado dos malos tempos
Foto: George Hodan
Digo eu que facerse vello implica, entre outras cousas, unha meirande facilidade para aceptar os tópicos, esas referencias sociais das que moita xente se vale para non acabar nun manicomio, a falta de capacidade de observación e ausencia de aprehensión perante o que non se coñece: o que se di unha mente aberta. Neste sentido, malia as entradas cada vez máis evidentes no meu cabelo e que non me chisten nada os “youtubers”, sigo sendo novo. A alusión a un tópico coma algo fiable provócame desde irritación imperceptible ata ganas de practicar no interlocutor algún finisher de loita libre, en especial o martinete.
Mais hai un ó que cada vez me sinto máis inclinado a dar validez: o do galego e maila escaleira. Tal chiste indica a xeral insondabilidade do pensamento a esta banda dos Ancares, e estou por crer que, en moitos casos, é certeiro. Dáse ultimamente o tránsito de manifestantes en contra da política nos prezos do leite. Entre a anterior tractorada e a recente orocesión de vacas guiadas polo adival por nenos en torno a unha muralla de 1.700 anos aproximadamente, resulta que houbo unhas eleccións, e que o partido gañador, coma sempre desde que o deseño do seu logo era máis retro, gañou gracias ó voto rural. Non sei de explicación satisfactoria ningunha para o acontecido, como non sexa a desta bipolaridade ideolóxica. En cristián: que nos laiamos de ter que dar sempre vinte voltas á mazá para estacionar pero logo, aínda podendo, non collemos o bus porque é de pobres. Arde o monte, van as granxas á ruína, a medicina privada pasa gradualmente de luxo a destino inevitable e emígrase porque aquí somos moi de ver mundo. Pero a aposta sigue a ser polo engado que, supoño, deben ter os malos tempos.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario