xoves, 18 de agosto de 2016

Afumar a dinamita


No medio dun itinerario que sigo case a diario, fun dar a outra mañá cunha zona acordoada pola policía. A fita de plástico branca e azul acoutaba un tramo de acera duns poucos metros, entre un asilo de anciáns e a fileira sen oco de coches estacionados que pode verse en case toda rúa lucense. A razón estaba no chan, cuberta cunha manta da cor da canela. O sangue corría pola canle dos sumidoiros. A un lado estaba un policía teso e impertérrito. Á outra había dous bancos, un a cada lado da fita. Os dous estaban ocupados, cada un por unha muller que imitaba o aceno do policía. Parei uns segundos a observar a estampa. Semellaba algo propio dun programa de cámara oculta. As mulleres non amosaban emoción ningunha. Limitábanse a mirar á fronte con aire ausente, coma pensando nas súas cousas. Pensei que, se tiveran a man cadanseu xogo de calceta, poñeríanse a tecer.
Aquí é moi común que a xente asista ás meirandes atrocidades coa ollada no ceo, á procura de nubes que agoiren chuvia, calculando se debe pendurar a roupa a secar ou non en función do que vexa. Por moito que, polo demais, amosen ser persoas tremendamente sentidas en todo o que é a teoría e, pode parecer mentira, cando o mal xa está feito (por eles mesmos, por causalo ou consentilo). Estes días, non hai quen presencie un incendio á porta da súa casa sen mover un músculo. Rillará o demo neles a laiarse da falta de medios das brigadas forestais. Mais hai pouco probablemente depositaron a súa papeleta na urna coa indiferencia de quen se pon a fumar nun almacén cheo de dinamita, ben por ignorancia do que esta é, ben por convencemento de que o proceso de afumado mellora o produto, coma se fora un xamón.
A sensibilidade aquí ten o GPS avariado. Xorde coma unha labarada por motivos tan relevantes coma unha cor que non gusta ou un sorriso de máis ou de menos. Semella darse unha sobreestimación das cousas pequenas. Que nos morra alguén diante ou lle arda a casa ó veciño sonche temas rutineiros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario