luns, 1 de agosto de 2016

Fóra as hemerotecas da vida


Pensa un de cando en vez no que dixo e fixo hai dez ou quince anos e é coma pensar nas ocorrencias que se poden ter durante unha noite de insomnio: tolemias e absurdos que á luz do día se desbotan con incredulidade. Lembro que as miñas opinións eran moito máis simples, moito máis poderoso o meu lado impulsivo (ata a franca temeridade mesmo), moito máis lixeiro o uso que lle daba a palabras coma anarquía ou modernidade e decididamente máis cursi a miña forma de falar de cousas coma o amor ou a liberdade; das miñas dedicatorias de libros nin falo. Non me identifico con case ningunha daquelas ideas. Arrepíntome de moitos daqueles actos. Se alguén os resucitara e mos puxera diante, agora ou algún día, é pouco o que tería autoridade para facer: aquela persoa non é esta, hai moito tempo que non. Non sei se son mellor, pero si moi diferente. Supoño que me limitaría a avergonzarme e sorrir con certa condescendencia á vista das “probas do delito”. Máis nada.
Igual que digo que me arrepinto de moito do feito daquela, pois desconfianza merece quen nunca se arrepinte de nada, digo tamén que, ó tempo, foi un paso fundamental para chegar ó eu presente. Non comparto esa manía actual do abuso das hemerotecas, masivo por mor da internet: fulano di algo e decontado alguén lle afea o comentario cunha imaxe ou un texto de hai anos no que ese mesmo fulano di xustamente o contrario. Se ben en ocasións está xustificado (penso, como non, en política institucional), enténdoa unha agresividade xeralmente innecesaria e sen sentido. Ningunha persoa é a mesma á volta de dez anos, teño lido non sei onde, e sospeito que é verdade. O cambio de mentalidade é propio dunha mente humana; moi estraño sería o contrario. É natural e mesmo terapéutico. Con frecuencia, cómpre realizar as ideas primitivas para se liberar delas. Deixalas atrás mentres se está a tempo, como a serpe deixa a camisa vella logo da muda de pel. Se non, fican latentes aí dentro, a risco de abrollar nun momento que adoita ser o menos oportuno. Con ese cemento se constrúe a traxedia humana.

Ningún comentario:

Publicar un comentario