xoves, 30 de xuño de 2016

O humor de Emilia


A actriz que interpreta a Danaerys Targaryen en “Juego de Tronos”, Emilia Clarke, non coincide co modelo de beleza feminina actual. O seu corpo é baixo (metro sesenta, como moito) e as súas formas tenden á curva pronunciada e non á esvelteza. Malia que, aparentemente, isto debera supoñerlle unha desvantaxe no mundo do espectáculo, nunca moi espiritual que se diga, os donos do capital adoitan tratar de tirarlle partido da única forma que se lles ocorre ás súas cabeciñas. Comentaba quen traballou con ela que a viron avanzar por corredores de estudios aprisionada nun vestido tan cinguido que mal lle deixaba moverse con mínima soltura. O que lles chamou a atención foi a súa actitude. Ía facendo chanza tanto da situación coma da súa propia figura, probablemente en equilibrio deficiente sobre uns tacóns de 10 centímetros.
Ten un mérito inmenso tal punto de vista da vida. Presumo que a xente coa que topaba lle seguía a corrente: que ría con ela. No mundo anglosaxón, pode ser, non sei. Aquí abaixo é moito máis difícil. Se o fixera, Emilia vería, por contra, un desfile de facianas de expresión estrañada. “E logo a burra esta? Vai apertada coma unha sardiña na lata, a piques de ir de fuciños ó chan a cada paso, e aínda ri.” As máis caritativas turraríanlle por unha manga e murmuraríanlle á orella que a cousa non era para chacota, como se ela, inocente, non se tivera decatado. As máis dignísimas-furibundas, que non se rebaixara a ridiculizar o seu propio corpo.
Aquí, as máis das veces, non se entende o que é o sentido do humor. Confúndese coa alegría ou coa simpatía, cousas ben diferentes.
De feito, o humor (“humorismo”, termo para ensaios) está emparentado co tráxico. O seu rédito lle tirou Charles Chaplin, por exemplo, que facía rir ás gargalladas ós espectadores véndose obrigado a comer, na súa miseria, unha bota fervida a falta sequera dunha codia de pan duro. Os mellores humoristas que teña eu visto moi raramente sorrían. O meirande inimigo do humor é o exceso de amor propio.
Outra variedade de falso humor, moi popular hoxe, sobre todo en redes “sociais”, é a inversa: a que practica esa xente que está todo o tempo de brincadeira (sobre o non considerado politicamente correcto, polo común; os temas sacros, nin tocalos). Non é raro que, por baixo dese pelello, carezan de calquera forma de sentido do humor. Abonda con analizar as súas brincadeiras e poñérllelas diante. A pouco que teñan un mal día, por efecto da contrariedade saltarán á gorxa dun. Son as criaturas máis doídas de todo e por todo motivo que haxa. Consello: con elas, arrenégote demo.
Porque o humor, aínda procedendo dela, non se deixa vencer pola traxedia. Todo o contrario: funciona a xeito de blindaxe contra esta. Ó individuo con humor, coma Emilia Clarke, a traxedia bótalle por enriba caldeiros de carne crúa. El limítase a asalos ó espeto e comelos con cachelos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario