luns, 20 de xuño de 2016

Inconsciencia do incendio


Cutter's Way, en España “El camino de Cutter”, é un filme dos primeiros 80 baseado na novela da década anterior de Richard Thornburg, que tiña por tema un dos máis suxestivos da historia contemporánea: a fin da ilusión hippie. Nunha escena, Jeff Bridges déitase coa muller do seu mellor amigo, un mutilado de guerra violento e tolambrón. Ela, Lisa Eichhorn, explícalle que moitas veces acorda no medio da noite e pregúntase se hai algo que lle importe, aínda que sexa un pouco. Máis nada. El entende á primeira. Logo contaralle ó seu amigo, John Heard, que a súa muller está moi deprimida: moito. Pode que fose certo. Ela, desde logo aparentábao. Co que a muller non contaba foi con que ó resto do mundo si lle importara ela. Seu home e máis seu amante andaban a chantaxear, sen medir os riscos de tal acción, a un ricacho con gusto por violar e asasinar mociñas nas canellas escuras. A casa de Lisa foi incendiada a mesma noite na que estivo con Jeff, con ela durmida dentro. Algo antes, el, ignorante do que sucedería, fixera o que toda persoa adúltera que se prece: vestira os pantalóns e marchara, malia ter prometido o contrario.
O mundo actual, mediaticamente falando, é un fervedoiro de escándalos, intrigas, conspiracións e perigos. Tanto é así que dá a impresión de que os mais dos seus habitantes, polo menos os do hemisferio norte, sobrealimentados neste sentido, deixáronse caer na cadeira e desabotoaron o cinto, co bandullo ó aire, incapaces de facer máis nada ca se apegar á banalidade. Un conspiranoico diría que Os Que Moven Os Fíos lográrono: a saturación acadou o cerebro. Pero sería inxusto: había moito que non se vía, por parte dunha minoría moi notoria, semellante capacidade de manifestación, por case calquera motivo. O malo do asunto é o seu criterio dubidoso á hora tanto de elevar ó Ceo coma de condenar ó inferno, pois non se lles coñece termo medio.
Pouco importa, tamén, dado que esoutra maioría demasiado mantida é a que decide case todo. E lembran un pouco á sufrida esposa interpretada por Lisa Eickhorn: o seu desinterese cara o que os rodea non é recíproco. Claro que nunca se dan por informados: son de dixestión interminable. E de pel coma o granito: xa pode arder a casa con eles dentro, que non fan nin amago de abotoar o cinto. E apágase o lume e alí seguen, na mesma posición.

Ningún comentario:

Publicar un comentario