mércores, 8 de xuño de 2016
Aroma de churros no Edén
Foto: Lode Van De Velde
Unha das particularidades de ser un escritor na sombra é que ninguén o chame a un para formar parte do xurado dun premio. Se ben tampouco teño présa ningunha por que tal cousa suceda, tamén digo que me intriga un tanto o que tal debe supoñer. O que debe pasar pola cabeza de algúns membros de xurados para tomar as decisións que toman.
Aquí por Lugo anda moita xente alporizada pola mesma razón de sempre a estas alturas de ano. O cartel do San Froilán, esas festas que me forzarían ó exilio en Burkina Faso durante a primeira quincena de outubro se iso fora posible, volve ser algo que seica non representa a esencia da festividade. A min paréceme que o deste ano si que a representa: é un "collage" moi semellante ó escaparate dun bazar chinés. Entre isto e a mediana da Avenida de Ramón Ferreiro invadida de subsaharianos vendedores de bolsos baratos e o aire de aroma a fritura de churro existe un paralelismo innegable para quen o queira ver.
Si concordo cos que opinan que o deseño é mellorable. Podería pensarse que se escolleu a mellor obra do certame, de non ser porque hai participantes que afirman ter presentado mellores carteis. Aínda sendo como é este un xuízo subxectivo, acredito nel: a miña experiencia nos máis dos premios literarios ós que mandei o produto dos meus nervios faime pensar que é prudente dar a certeza do mesmo por moi probable.
E disto vou dar ó enigma: que pode suceder nun xurado que mova ós seus membros a complicar ata o indicible o que, de primeiras, se presentaba coma unha solución máis sinxela? Os fallos de moitos que avaliaron obras miñas téñenme deixado, por comparación coa premiada, estupefacto, incapaz de comprender os mecanismos dos seus caletres nunha situación que mal se podería cualificar de límite, nin sequera de moi transcendente.
Os xurados son, nestas ocasións, un bo exemplo da tendencia humana. Abundan no mundo
os especialistas na creación gratuíta de sarillos desesperantes a partir de problemas solucionables mediante a flexión do dedo maimiño da man dereita. Se se lles pregunta por que fan o que fan, dispóñase un a advertir unha actitude esquiva, un aceno preguiceiro ou un silencio teimudo. Se se lles insiste, aparecerá o escándalo perante o que entenden unha actitude inhumana. Segundo a súa política, tirar polo camiño máis práctico e menos traumático sería propio de autómatas. Diría un que lle dan a razón a ese Deus enfastiado da súa propia creación que se ve con certa frecuencia na cultura popular: criaturas nacidas para ceder á Serpe. Para o caso, encher o Edén de churrerías e boureo de barraca.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario