mércores, 1 de xuño de 2016

A urxencia do bañista


Disque hai un concelleiro en Barcelona de costumes excepcionais. Josep Garganté chegou o outro día a un pleno vestindo bañador. É unha das súas particularidades máis inocuas, se se pensa que lle ten dito a algún sindicalista ó seu xuízo pouco ardoroso na reivindicación que "sabía onde vivía"; quen coñeza o terreo amosará unha miga de comprensión. É definido por algúns coñecidos coma "bipolar" en sentido non literal: o seu temperamento cambiante pasa da caricia á labazada en función do día que teña.
Detalles coma o do bañador sempre me deron que pensar. É máis ou menos adiviñable a intención do protagonista, pero algo que adoita pasar desapercibido é o que significa o feito da realización dese acto: unha ausencia total de vergonza, dito sen reprobación, ou ben unha enorme resistencia mental. Se esta fose motivada por algo distinto da irreflexividade, obrigado sería recoñecerlle certo mérito. Algunhas nais, antes, aconsellaban a súas fillas saír da casa coa roupa ben limpa por se as atropela un coche. Do mesmo xeito, e sen desexarllo en absoluto, daría unha estraña estampa unha persoa vestida cun bañador sacada a ombros do pleno dun concello polo persoal sanitario logo de padecer algún tipo de indisposición, por exemplo: ou ter morto alí mesmo. Cando coidamos estar a perseguir unha boa causa, ou só facer o que é mellor, non reparamos nas voltas que pode dar o azar, nos camiños nos que podemos rematar. Sacrificamos a dignidade, ou ben cargamos a tumba aberta porque ignoramos o que tal cousa é. Dito sen acritude. Con certa turbación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario