Foto: Kecia O' Sullivan |
O
froiteiro semella amolado. Será por un mal espertar ou porque esa
ama de casa axustadísima ó estereotipo (gorda e lareta) non deixa
de darlle ó maquinillo dos díxome díxomes. Polo que sexa: está
claramente amolado nesta media mañá de día laborable entre dous
festivos.
Na
froitaría hai dous clientes, a lareta e o home calado. Este home
calado é novo aínda, non chegará ós corenta. Leva tódolos días
do inverno vestindo a mesma cazadora barata raída, a mesma bufanda
negra e as mesmas botas de coiro moi engurrado do inverno pasado. Non
cobra ó mes máis cós pouco máis de 400 euros para desempregados
de longa duración. Vai arranxando con iso, o pouco que resta da
indemnización polo do ERE e mailos xantares na casa dos pais, que
non comprenden por que non volve, ó tempo que son conscientes de que
tampouco a suma das súas pensións, descontados os gastos, había
alcanzar para mantelo a el mais ó fillo casado e ós dous netos.
Cando a ama de casa lareta marcha e retorna o silencio e lle chega a
el a vez, pide o mesmo de case sempre:
-200
gramos de lentellas.
O
froiteiro colle a pequena pa prateada, afúndea na caixa forrada de
plástico e verte a presada noutra bolsa de plástico, que pesa na
báscula. Marca 350 gramos. Algo máis amolado ca antes, quita unhas
poucas lentellas da presada coa pa. 330 gramos. Fai aceno de pechar a
bolsa.
-Con
200 abondábame, pero é igual –di o home.
O
froiteiro cabecea con brusquidade, murmurando non se oe o que. Nunca
mira para el. Volve quitar da presada outras poucas lentellas, e
outras poucas. Pesa: 230 gramos.
-Quito
de aquí tamén ou que? –rosma, despectivo-. É que con isto é moi
difícil atinar.
O
home sorrí.
-Non
–di, estalicando o “o” con paciencia.
O
froiteiro ignórao e aínda quita outras poucas lentellas, desta sen
a pa, coa man, sen xeito. Ata que a báscula marca 200 gramos xustos.
O
home, sen deixar de sorrir, pide unha cebola, dúas cenorias e unha
cabeza de allo. Máis nada. Ó pagar, sobra un céntimo dos 1,50
euros entregados. O froiteiro déixao caer, máis ca pousalo, no
mostrador. En todo este tempo nunca perdeu ese aceno xoto, de
reiterado reproche cara o seu cliente. E este, en todo este tempo, o
que nunca perdeu foi o sorriso divertido.
-Quede
con el –dille ó froiteiro. E semella, polo lene tremor na voz, que
o sorriso estivo nun tris de virar en gargallada contida.
Ningún comentario:
Publicar un comentario