luns, 31 de agosto de 2015

Se o leite fora negro



Foto: George Hodan

Para este vindeiro xoves 3 hai programada festa en Lugo cidade. A idea é rodear a muralla de tractores. Paréceme imaxe moito máis acaida ó lucense cás correspondentes a outras ocorrencias, coma pendurar de pedras bimilenarias libros metidos en bolsas de plástico. Ogallá teña éxito a tractorada. Indicativo disto sería que a noticia rematara á beira desoutra iniciativa rotundamente galega de arrasar en San Cristovo de Cea unha mámoa de 6000 anos de antigüidade e poñer no seu sitio unha mesa de formigón para comer o churrasco. Tal desfeita chegou á prensa internacional.
Pois si, a tractorada ten que saír ben. Porque moita xente aquí non semella consciente do que os prezos do leite en orixe supoñen para un lugar coma Galicia. Serán os responsables de organizar Feiras de Abril, touradas e estafas ós turistas no sector hostaleiro, digo eu. Os demais sabemos que se se paga unha esmola ó dono da vaca, coma se en Andalucía sae mala colleita das oliveiras, a cousa estache negra.
E falando de negro: só cando se derramou o chapapote se deu aquí unha reacción popular que traspasou os límites do folleto fotocopiado escrito en reintegrado para ser algo frecuente mesmo nos pubs. Había conciencia de que fora iso, unha burla negra. O que nunca houbo foi un Nunca Máis branco, nin o hai, nin se ve traza de que vaia habelo. Non sei dicir por que. De intelectual non teño nada; como artista, conxecturo que a paisaxe pode influenciar o entusiasmo. As máis das explotacións leiteiras están no interior, carentes do encanto do salitre na cara e as ondas a bater en número máxico. Eu que sei. O único que teño claro é que o leite non é negro, non xera enerxía en combustión dentro dun tanque, non abonda para mercar moitos equipos de fútbol. Só da alimento. Unha irrelevancia, cago no carallo.

martes, 25 de agosto de 2015

Distintas formas do medo a un maremoto


Foto: somebodystolemythunder.blogspot.com

Moita xente relacionará a imaxe de feo elegante de Fernando Rey coa parte do cinema español que os críticos máis necesitados de comer fibra no almorzo non se avergonzan de amosar ás visitas. Mais o papel que lle valeu, no franquismo esmorecente, un cartel de corpo enteiro do alto da fachada de certo edificio de Madrid foi o dun fillo de puta con clase: o narcotraficante francés Alain Charnier, en French Connection, de William Friedkin. Neste filme dáse unha contraposición de caracteres moi interesante entre os dous protagonistas, Charnier e mailo seu inimigo de dentes apertados, o policía neoiorquino Jimmy “Popeye” Doyle, de presencia tan de taberna irlandesa coma o actor que o interpreta, Gene Hackman. Charnier viaxa a Nova York para xestionar a entrega dun cargamento de heroína que partiu do porto de Marsella. Aparecen axentes encubertos respirándolle na caluga desde case o mesmo momento da chegada. Un deles é Doyle. Mirando as maneiras repousadas coas que Charnier se desfai del polas rúas adiante, e sobre todo a humillación á que o somete nun vagón de metro ateigado, percíbese que Doyle é arroutado, máis ben estúpido e da unha sensación permanente de torpeza e incomodidade. Charnier, arteiro e calculador, nunca ten necesidade nin de engurrar a súa roupa de boutique fina. Doyle remata correndo en van tras do vagón que se distancia, tirando con carraxe coas luvas e o sombreiro no chan da estación, mentres Charnier se despide movendo cara el con burla os dedos dunha man á outra banda do vidro.
E malia iso, o narcotraficante confesará despois ó seu home de confianza que atopa a Doyle o máis perigoso dos seus perseguidores. A intelixencia teme á forza bruta como o enxeñeiro teme que un maremoto lle leve por diante o seu dique. Se deixamos aparte o aspecto moral do asunto, é o que sempre ocorreu entre o rapaz con gafas e mailo matón que catea todo menos relixión e ximnasia no patio colexio; con frecuencia, o matón pode presumir de máis popularidade. Tampouco é distinto do que publican os xornais na sección de política nacional/internacional. O novo método é apelar á exaltación, ignorando argumentos baseados na análise das entrañas da máquina. Se ben non se pode dicir que os practicantes dese método sexan matóns (de feito, opóñense a forzas moi poderosas, mesmo tiránicas), a súa baza fundamental, o candor, é a mesma. Sorprende que se manifesten pouco ou nada relixiosos.
Non é reflexión insidiosa. Digo todo isto porque case ninguén semella decatarse de que non inventaron a pólvora mollada. Esta forza bruta existía. A diferencia é que antes era empregada, en distintas formas, polos que agora padecen as súas consecuencias: antes adoptaba a forma tanto de de chamadas á unidade dos descamisados e chaquetas de pana coma de boinas e birretes. E era igualmente temida por aqueles de mellor miolo, insulsos a ollos do pobo por ser de sorriso pouco convincente e conversa inintelixible, que xusto son os que agora a empregan.

mércores, 19 de agosto de 2015

A tarxeta VIP



Foto: John Kovacich

A adaptación cinematográfica que fixo Claude Chabrol a mediados dos 70 de Nada, aquela novela de J. P. Manchette sobre a fazaña toliña dun grupo anarquista de secuestrar ó embaixador estadounidense en París e desafiar a todo un Estado, era algo distinta da novela. Non é raro á hora de converter unha novela en filme: a xente coma Manuel Gutiérrez Aragón mesmo lles irrita a esixencia de fidelidade ó orixinal nestas transicións. Non o ven tanto unha mudanza de formato coma unha reinterpretación.
O curioso no caso de Nada, e máis sendo cousa de Chabrol, é que a violencia explícita da novela aparecera rebaixada. Nunha escena das primeiras da metraxe, Treuffais, ese profesor universitario consternado porque os seus alumnos vistan zapatos caros, recibe na súa casa a visita dun vendedor de revistas da Asociación de Estudantes Bretóns. Treuffais non lle deixa ceibar o discurso estándar, tíralle co feixe de revistas no chan e péchalle a porta nos fuciños. Na novela, aparte do anterior, mallaba no fulano e mandábao a couces escaleiras abaixo.
A novela foi no seu tempo moi popular, malia estes detalles que para directores, guionistas ou produtores poidan resultar inaceptables. Ás veces hai (ou debera haber) que tomarse licencias, que se comprenden (ou debera comprender) e que non prexudican en absoluto a mensaxe. Tratar de rebaixar esta intensidade para restarlle todo risco potencial de incomodar adoita dar como resultado algo que fica a medio camiño de todo e asentado en nada, que é coma os tomates de invernadoiro, que se venden coma tomates e semellan tomates, sen saber a tomate. Algo falso coma un peso sevillano.
Nunca lle vin interese a repetir o que moitos outros din, como non sexa por saber expresalo mellor. Cómpre procurar dicir aquilo que normalmente non se di. Cómpre sacar esa especie de tarxeta VIP. Se hai quen vai rulando escaleiras abaixo a couces, hai que dicir que alguén vai rulando escaleiras abaixo a couces, sen temor a que ninguén peche os ollos por mor da repelencia. Porque é mellorar o presente, e porque talvez o que rula agradeza que reparen nel.
Tal acontece en moitos aspectos da vida. Tamén na literatura.

luns, 10 de agosto de 2015

A terceira clase



Son dous, sentados a unha mesa de plástico co estampado dunha marca de cervexa, na terraza dun bar de Garabolos dese nos que aínda á comecartos non lle fai compaña unha máquina de apostas deportivas. Parecen dúas réplicas (unha en feminino) do Manu Chao noventeiro sen gorro andino de la. Alternativos comedidos, digamos. Se xulgamos só polo aspecto, en Madrid ou Barcelona terían moitas probabilidades de acadaren acta de concelleiros.
A cara externa que un ofrece ó mundo disque non é só un produto da influencia das modas: sería un medio de identificación, un sinal de adscrición a un grupo, que o resto da manda toma en serio á hora de xulgar a unha persoa, sobre todo a un descoñecido. Sucede moito que un é a ollos de outros a imaxe que proxecta.
Malia todo, eu non lle dou importancia a estas cousas. Á marxe de inxusto, atopo o método pouco fiable. É válido para o reino animal e para o dos fungos: as cores vivas na pel das ras que súan veleno e no exterior deses cogomelos que che poden dar una boa dor de barriga ou algo peor son algo inequívoco. O ser humano é moito máis complexo ca iso, en troques. Quen dixo aquilo de que hai tres clases de homes: quen un coida ser, quen os demais coidan que é e quen de verdade é? Unha vez, estando a banda irlandesa U2 en Nova York, un dos seus membros (non sei se Larry Mullen Jr.) saíu dar unha volta. Ó volver, contou, sorprendido, que recibira varias propostas de sexo homosexual. “Como carallo non habían querer facerche as beiras se andas por Nova York cun abrigo longo de coiro negro?”, respondéronlle.
Aparte, para vestir armadura cómpre estar certo de ser cabaleiro. É unha dúbida que sempre me deixa esa xente que segue unha liña estética moi marcada: inflexible. Semellan moi seguros de ser a terceira clase de homes: os que de verdade son. E se non o foran? Se só coidaran selo, e obraran en consecuencia, cales serían as dos seus actos, e se as lembrarían como se lembra un erro terrible de xuventude. Boto outra ollada ó dúo de estilo Manu noventas light, que non imaxinará, entre chupadas desleixadas ós cigarros, o que estou a pensar.

martes, 4 de agosto de 2015

A realidade na gaiola


Foto: Karen Arnold

Vai aló o sétimo capítulo da segunda tempada de True Detective e o que a define ós meus ollos non é a trama ensarillada ata límites como pouco arriscados (por se fora pouco, os personaxes falan coma se o espectador estivera xa ó tanto de todo), nin que os tres protagonistas “bos” teñan máis problemas na cabeciña cá suma dos pacientes dun psiquiatra especializado en artistas nun ano enteiro, nin que sexa unha serie máis estereotipada do que moitos poidan pensar. Non. Unha das cousas das que me congratulo mirándoa é de non ser o tradutor que terá que adaptar os diálogos para unha dobraxe ou subtitulado. Á marxe da diversidade de argots técnicos e termos coloquiais por demais, co que un queda é con que mal se lles entende un carallo.
O meu coñecemento do inglés tenme dado para seguir no esencial moitos filmes en tal idioma, das décadas dos 40 ós 60, ianquis sobre todo, que carecen de subtítulos ou audio en idioma oficial aquí. Moitos destes filmes era de temática igualmente negra; aí remataba o parecido. A comparación entre liñas pronunciadas non á perfección, si con claridade na voz e certo coidado na dicción, e unha especie de rumor indistinto a abrollar de entre os beizos de Colin Farrell é coma estar no fondo do Atlántico ou no medio do Gobi. Se o seu personaxe me chegara a preguntar a que hora abren os bancos, teríalle respondido que non fumo.
É algo premeditado, entendo. Trátase de que un tipo maltratado pola vida fale na pantalla como falaría na realidade. Nada novo. Unha idea que empezou a ser popular hai 40 anos: que a ficción debe equivaler en todo o posible á realidade. É un xeito fino de lle dicir ó espectador que leva unha vida insustancial. Non se lles ocorreu que a ficción está para presentar a realidade libre de moitas das súas imperfeccións. Que nela non importa que un policía corrupto, alcólico e con gusto ocasional pola cocaína fale de xeito comprensible. Que debe facelo, de feito. A realidade, en tanto non se poida usar a súa fereza para o ben común (e isto non se vai lograr mediante a perversión de coidala un divertimento que non pode afectarnos), é mellor que fique na súa gaiola.

martes, 28 de xullo de 2015

A tenacidade das formigas con ás


Foto: Vera Kratochvil

Por moitas flores que lles boten a Eduardo Punset e máis a Lucía Extebarría por proclamar cun ton de loa palpable que o ser humano é por enriba de todo emocional, e só potencialmente cerebral, non me darían convencido, se fora eu o destinatario da mensaxe. Penso nisto a estas alturas de mes, estrañado porque no respiradoiro da fachada que da á terraza correspondente ó piso superior non se formou o niño de formigas con ás de tódolos veráns, sen falta, cunha puntualidade inquietante, cando aperta o bochorno. E é que os proselitistas do emocional son coma esas formigas aladas: teimudos e perseverantes, semellan ter desaparecido, pero ca! No buraco que deixou un xorden outros corenta. Coma elas, saes tomar o fresco e cáenche de súpeto entre os cabelos e escorregan pescozo abaixo.
Esta ideoloxía medra conforme se suceden os cambios tecnolóxicos. Segundo o concepto de futuro predominante hai décadas, é coma dicir que máis vizosas medran as patacas canto máis areosa a terra. Pero así é: a maior interacción (“interacción”) coas máquinas, maior involución da persoa; nas  redes sociais isto é MOI evidente, por certo.
Porque vindicar o emocional como emblema da humanidade, asociando o cerebral á frialdade da máquina, é un paradoxo. O que diferencia ó humano do animal é xustamente o uso que fai do seu cerebro. No momento no que deixou (deixa) de facelo, déronse (danse) sucesos tan chistosos coma o Terceiro Reich, a segregación racial, terrorismos, inxustizas varias, a negación do efect invernadoiro ou a queima de mendigos en habitáculos de caixeiros automáticos ou que un condutor entre nun túnel eevidentemente máis baixo có autobús que guía só porque o GPS llo indique. Ningunha desas iniciativas se apoiou en argumento lóxico, senón en arroutadas máis ou menos prolongadas no tempo. Se os seus autores fixeran prevalecer o miolo, xamais o farían. Non habería razón: verían que eran tolemias, atropelos dos dereitos humanos, bestialidade, en suma. Os animais non teñen leis (si xerarquías, que non é o mesmo) nin dó.
 Aínda poden vir as formigas aladas este ano, malia que o dubido. Son menos tenaces ca Punset, menos ca Exteberría. Menos ca vós? Espero que non. Nesas cabeciñas minúsculas, todo o que pode caber é iso: tenacidade.

martes, 21 de xullo de 2015

A boa xente



Foto: Peter Griffin

Dicía Berta Vias Mahou esta fin de semana en El País que é frecuente que se tome ás boas persoas por idiotas. Ela falaba de escoller parella; manifestábase moi satisfeita de ter casado cun home bo, e estrañáballe que, cando á xente casada se lle preguntaba polos motivos que o fixeran, ninguén indicase como calidade da súa parella a bondade.
A min paréceme algo aplicable a calquera outro tipo de relación persoal. As boas persoas son un exemplo notable de resistencia. Xamais están de moda, se son homes teñen moito máis difícil resultaren atractivos antes dos 50 anos e espertan desconfianza no tocante ás súas probabilidades de alcanzar un porvir, sequera unha meta importante.
Tamén quen vaia sorrindo pola rúa pode dar por case seguro que quedará coma un paspán, aínda que aí eu introduzo un matiz que acho definitivo: non é que toda persoa que sorría quede de tal perante calquera, senón só a ollos de quen nese momento non atopa motivos para sorrir. A alegría só semella estúpida cando non a compartimos.
Volvendo ó asunto, e por contra, aquí o preferido para case calquera cometido sempre foi o fillo de puta. Lémbrense as famosas visitas do Jordi Pujol president á Moncloa cando a ocupaba Aznar. Había quen vía aquilo na tele do bar, enviaba a copa de coñac e dicía: “Si, é un ladrón, pero que queres? Polo menos, rouba para Cataluña.” Do mesmo xeito, sempre se dixo que todo adestrador querería no seu equipo un Fernando Hierro, a saber, un defensor talentoso pero que axota atacantes non por habilidade, senón a forza de lles deixar as canelas en carne viva a couces dos que non ve o árbitro. Logo temos esa clase de persoas carismáticas que máis dunha vez rematan nas páxinas dos xornais citados en noticias sobre operacións xudiciais contra a fraude. Con elas ocorre que as almas ás que atraen co seu imán defínenas coma “boas persoas” cando queren dicir “persoas poderosas”. Perciben nelas non a bondade: a seguridade. Unha emoción orientada cara o material, non cara o espiritual.
No momento no que algo que se entende fundamental está en xogo, resulta que a persoa vota, apoia ou casa coa opción do mal, que proporciona a sensación de que todo ha rematar ben.

mércores, 15 de xullo de 2015

A escuridade vergoñenta (e supermolona)


Foto: DanyJack Mercier

O outro día, dei cunha mensaxe nas redes sociais que se me fixo intrigante. Dicía non sei que cousa de alguén e un “FAP”. O contido, polo que coido lembrar, era máis ben irrelevante. Eu quedei con aquilo de FAP. Que carallo sería? Tiven que consultar a Wikipedia. Entre a lista de posibles significados deste aparente acrónimo, deducín o último como máis probable segundo o contexto. FAP sería, no argot de certo tipo de chats en inglés, o que en cristián se chama “masturbación”, de mal nome «palla».
O autor da mensaxe confirmou a miña suposición ó non desmentir a miña resposta aclaratoria, que deixei a xeito de orientación para outros non iniciados, coma min, no idioma sen dicionario impreso deses adolescentes anglosaxóns que chatean sobre sexo en solitario desde o soto da casa de seus pais. Recomendeille con coña máis claridade en adiante, como o tiña feito con outra internauta que teimaba en tirar de espanglis malia evidenciar coñecer un español puro e saber, xa que logo, que todos aqueles palabros made in USA, infrecuentes mesmo para un falante nativo de nivel cultural medio, que eu entendía pero a xente con menos coñecemento do inglés lle soarían a cricrí de grilos, tiñan cadanseu equivalente en romance. Coido unha inutilidade sen encanto pretender resultar incomprensible á man tenta, se non é por causa de forza maior.
Dubido que ningún dos dous me vaian facer caso. O do FAP chamoume ignorante, moi cerimonioso el.
Este tipo de ocorrencias xa foron bautizadas. No absurdo de sempre aquí, o de evitar falar o idioma propio por considerar que outros dan máis mundo, chamárono “cosmopailanismo”. Tamén se lle pode chamar inquietude simplemente estética, non digo que non.
E así e todo, algo no coidado extremo que o fulano do FAP semellaba poñer en non revelar a tradución destas tres letras me suxeriu outra explicación. Hai tempo souben dun obreiro da construción que era algo puteiro. Non se privaba de contar a outros as súas incursións nos puticlubes de estrada en semana de cobro. Iso si, cando se refería ós xenitais femininos, no sitio de “vaxina” ou “cona”, baixaba un chisco a voz e dicía “iso”, con pausa pudorosa previa. Coma se coidara que pronunciar unha soa vez os nomes propios da zona o obrigara a facelo outras trescentas veces ó día en calzóns á porta dunha igrexa. Daquela, eu pensara en Maude Lebowski, o papel de Julianne Moore n' O Gran Lebowski, cando lle bota en cara ó Nota esa reticencia de moitos homes á palabra vaxina (presupoñendo que el é un deles). Tanto este obreiro coma o fulano do FAP amosaban esa aversión particular: evitaban chamarlle a unha cousa polo seu nome máis coñecido. Un tabú non resulta fóra de lugar na xeración do obreiro puteiro; mais, na do fulano do FAP, o exotismo da palabra aparece multiplicado por mil.

mércores, 8 de xullo de 2015

Domar o remuíño



Foto:  Petr Kratochvil

Nun curruncho formado pola fachada saínte dun edificio, o vento formaba un remuíño coas follas caídas deses arboriños fracos que mal dan sombra. Unha cativa xogaba a gobernar o movemento das follas coas mans, coma nun debuxo animado xaponés: coma se ela fora quen producía o vento que formaba elipses coas follas.
Resulta tenro este acto de inxenuidade nos nenos, e prefíroo, por iso me fixo sorrir. Nos adultos resulta menos compracente. Non é o mesmo cando o goberno de Tsipras se revolve contra Berlín, ou cando algúns autores menores de 50 intentan mandar mensaxes á xerontocracia que rexe o sistema literario galego, ou cando algúns desempregados de mentalidade non sometida polas circunstancias protestan contra a contratación por simpatía, tan propia de aquí. Non é igual porque á nena nada lle vai pasar por facer rotar a man no medio do vórtice de vento. En cambio, nesoutros casos, poderían mesmo perdela.
Haberá quince anos, unha miña profesora de Humanística dixo, durante unha clase, que ela xamais aceptaría formar parte dun Goberno, de ningún. Nunha reflexión pouco habitual nunha feminista das que mesmo discuten airadas por cuestións de xénero con alumnos adolescentes e pailarocos coma un que eu sei, afirmou que, se se dera tal caso, estaba segura de que remataría por caer na tentación de se corromper, coma calquera outro mortal.
Era muller que tiña bastante claro que, se acurralas unha cobra, as probabilidades de que se vire a ti e che inxecte o veleno ata o sangue son elevadas.
En cambio, a sensación hoxe é que a xente semella perigosamente inconsciente do que o poder implica. Tal vez influenciados por lemas idiotas de sociedade de consumo coma ese que di que es capaz de todo se o intentas, algúns falan de gobernar coma de aplicar unha capa nova de pintura a unha parede: deixas secar e vía. A intención pode ser boa, pero esa parede rara vez pertencerá a un único propietario. E cando todos se xunten para te poñer pingando, debes saber que non podes disparar ó aire. Que é moito máis complicado. Con todo, e se por tras dese candor houbera máis sentidiño (e esas calidades non técnicas que se teñen por intranscendentes) có dos que levan a vaca polo adival, ogallá consigan domar o remuíño.

mércores, 1 de xullo de 2015

Musaka con grelos



Foto: K Whiteford

Debe ser que iso chamado globalización era en realidade un fenómeno moi anterior á aterraxe desa palabra nos artigos de prensa. Resulta que existen curiosas semellanzas entre o proceder da xente de lugares moi distanciados entre si. Algunha vez lin que, culturalmente, un peninsular ibérico podía ter ben máis que ver cun magrebí ca cun francés ou un británico. Tampouco sería tan malo de explicar: Muza non cruzou o Guadalete de turismo.
Máis carne que rillar hai no caso do paralelismo que se revelou moi evidente desde que a Angela Merkel deu en non lle prestar a musaka. Eu vino claro entón, mais xa viña albiscando indicios desde hai ben anos. Por aí na rede, por exemplo, deixei escrita un tempo atrás a sospeita de que moitos lucenses son en realidade descendentes de mediterráneos transplantados. É o que deduzo desa súa vulnerabilidade ó clima atlántico ó que deberan estar afeitos, que os leva a se pechar na casa ou, se houbera que saír por choio ou causa de forza maior, a coller o coche non ben cae un orballiño ou chuviscada de dous minutos perante o que un nativo da Normandía ou de Preston, Inglaterra, tal vez nin se molestaría en abrir o paraugas.
Non teño noticia dunha irmandade galaico-helénica e non comprendo como é que non se deu, ó que se ve. As nosas maneiras de facer as cousas, é dicir, as nosas políticas, semellan tiradas do mesmo libro. Ignoro se por aló gustan das churrascadas e mailas verbenas co Combo Dominicano, pero estou case totalmente seguro de que eles teñen a(s) súa(s) versión(s) dun Baltar (pai), hospitais friamente espléndidos na arquitectura nos que só se pode infartar en horas de oficina, un sumidoiro enorme que enguliu axudas comunitarias como un xabarín papa cacahuetes, outro bancario que estafou aforros e traballou para a xubilación millonaria de cinco espelidos, tres aeroportos nunha comunidade de menos de tres millóns de habitantes ó servizo de disputas vilegas... E máis. E, aparte de todo, a xente, que viu durante anos como levaban as caixas do almacén de noite e encolleu os ombros en silencio cómplice, con miras a entrar no negocio a falta de algo mellor e que lle deixaran levar tamén algunha para a casa, ata decatarse de que o almacén era dela. Tarde piaches.
Galegos e gregos, gregos e galegos. No Mediterráneo non orballa.

luns, 22 de xuño de 2015

O dereito a mudar de camisa

Foto: Petr Kratochvil

A semana pasada falaba eu aquí de cargos públicos crucificados por mor de tuits de anos pasados. Centrábame non no temporal, senón  s aspectos da cuestión, secundarios a segundo que ollos, como adoita acontecer co que máis importa. Mais o temporal semella ser fundamental para moita xente, polo que se percibe no asaño co que arregañan os dentes contra Guillermo Zapata e tantos outros onte, hoxe e seguro que mañá. Dámoslle, pois, unha xeira. Aparte da droga, o alcol, o tabaco, o xogo, o sexo, a internet e xa non sei que mais, temos outro hábito destacable no século 21: o da consulta de hemerotecas. Abonda con que alguén emita unha opinión sobre calquera tema para que catro prosmeiros lle lembren, nun ton suspicaz de opereta moi propio de quen é máis lento cá vulgaridade, que hai anos non pensaba igual. Que hai anos pensaba o contrario. Cacheite na allada: la cagaste, burlancaster. É afirmación que se diría feito científico, a xulgar pola solemnidade coa que se pronuncia. Coma se as opinións viraran algo que xamais foron: sagradas e irrefutables.
E invariables por toda a eternidade. Vós non sei, eu desconfío de quen non muda xamais de opinión. Que individuo cunha intelixencia normal non examina a sucesión de acontecementos que se dan nun período de tempo e xulga en consecuencia? Que mentalidade é indiferente por enteiro a estas variacións? Non se compra unha camisa para que dure toda a vida. E cando racha e hai que ir por outra, é moi común que a talla dun xa non sexa a mesma, ou o gusto no vestir, ou ámbalas dúas cousas. É certo que hai quen vestía camisolas de Songoku ós dez anos e segue a facelo, pero xa me entendedes.
E se os xuízos máis serios se poden ir esborrallando conforme se van arrincando follas do calendario, non vexo por que as boutades que se ceiban a través dunha conta nas redes sociais teñan que pesar máis cá pluma do rabo dunha lavandeira. Polo menos as miñas.

luns, 15 de xuño de 2015

Guillermo Zapata no Misisipi

Foto: University of Wisconsin

Ó escritor e concelleiro do novo goberno do Concello de Madrid, Guillermo Zapata, da marea á fronte da cal se atopa Manuela Carmena, puxéronlle diante dos fuciños, ós dous segundos e medio do nomeamento, uns seus tuits-chanza de hai catro anos acerca da cremación de xudeus cando o Holocausto e das extremidades protésicas de Irene Villa. Aforro conxecturas sobre o por que deste retorno repentino á actualidade dun comentario nunha rede social, algo que é, polo común e como máximo, efémero coma o fume de cigarro nun día de vento. Hai unha moi obvia, pero sexa como for... El, botando man como puido ó escudo para tornar a chuvia de frechas virtuais envelenadas, afirmou que os tuits estaban descontextualizados (e seguramente así sexa), pediu polo dito unhas desculpas mecánicas que poucos afirmaron crer e argumentou o seu acto de entón dicindo que gusta moito do “humor negro”.
O que máis me interesa é isto último, polo que ten de contraditorio. A falta de saber se a Zapata lle sigue tendo chiste o chiste, entendo en sentido literal o tempo presente da afirmación sobre o seu gusto polo humor negro. O que fixo Zapata ó referirse a unha morea de xudeus reducidos a cinza e sobre as limitacións físicas da vítima dun atentado terrorista, á marxe do contexto, foi chancear sobre o mal de outro. Zapata é un español clásico. O español clásico adora rir, e é quen de rir do que e de quen sexa, agás do que lle afecte directamente. Iso si que non: considérao complexo de inferioridade ou faltarse ó respecto. En troques, calquera humorista de ben vos dirá que, para rir doutros, antes cómpre rir dun mesmo. E Zapata non me parece da clase de persoas, a cada punto máis escasas entre Bergondo e Mazarrón, que conten con tal calidade. Polo contrario, da impresión de tomar case todo demasiado en serio.
No tocante a análise política institucional, por se forades tan morbosos, velaí vai. Aínda que Zapata mal deu feito no medio das coiteladas, tampouco faltou, nas redes en particular, quen lle botou azucre ó cagallón co argumento multiusos de toda a vida: noutros partidos téñenas piado máis gordas e ninguén deu fala de escándalo, así que esta ringleira torta tampouco vai contar. A ver: En Na calor da noite, o filme que adapta a novela de John Ball, un detective negro de Filadelfia, Virgil Tibbs (Sidney Poitier), vese obrigado a investigar un caso de asasinato nunha viliña do Sur canda o sheriff Gillespie (Rod Steiger), un policía branco e racista, no setembro asfixiante de 1966. Nunha escena, Tibbs, convencido de que o asasino é un terratenente algodoneiro aínda máis retrógrado ca Gillespie, esixe a este que lle permita actuar contra el. “Estou a piques de tirar a ese fantasmón do seu tobo!”, exáltase no medio da rifa, apertando o puño con carraxe. Tal vez aínda lle doian os desaires que a súa cor de pel lle trae na vila ou o lapote que o cacique lle ceibou cando quixo interrogalo, indignado pola acusación dun potencial braceiro dos seus campos vestido de executivo. O sheriff deixa quieto na boca o escarvadentes no que remoe, olla para el en silencio, coa cabeza ladeada, a través dos seus lentes amarelos, e replica, amodo: “Vaites, mozo... es igual ca todos nós, verdade?”. Aí o deixo.

luns, 8 de xuño de 2015

A pretensión exhibicionista

Foto: Karen Arnold


Igual xa vos teño falado deste tipo outras veces. Paso por diante del a diario e aí sigue, verán ou inverno, primavera ou outono, coma un náufrago na rúa, case sempre farrapento aínda que non mal mantido en aparencia, calzado se lle cadra ter o día apracible, descalzo se vén de chimpar lonxe (ás veces ós coches que rúan pola avenida coa présa lucense estándar), coa carraxe, as deportivas tampouco máis limpas cós pés. Non sei moito del. Comentáronme na zona que non é ben da cabeza, algo bastante obvio, e aparte un marxinado: non o aceptan nin os paios, nin tampouco os da súa propia raza; seica moitos xitanos teñen por tabú a enfermidade mental, ou iso cre quen mo dixo. O típico é ver a súa man estendida diante miña e a súa faciana engurrada nun sorriso infantil a agromar entre unha barba de chapapote, mesta e tupida coma unha xungla vista desde o ceo. A miña resposta invariable é que non me sobra nada: a verdade. El semella conceder divertido, coma dicindo “Tiña que intentalo”, e afástase coma se nada, coa man apuntando xa a unha ama de casa que o tratará coma a un meniño de poucos anos. Non hai xeito de saber o que pensa. Non descartaría eu que algo de cinismo haxa nese sorriso, e o desexo mental dunha maldición sobre a miña estirpe por tras. Eu fago o que podo: respondo á súa petición. Nunca torzo o aceno, nin cruzo á outra banda cos beizos xuntos, nin o axoto coma a un animal. Tal vez lle valla de ben pouco, mais fágolle saber que o considero, sequera, digno dunha atención digna. Malia que sexa dunha negativa. Non percibo que a miña actitude sexa moi común. É contraditorio que, nunha época na que tanto se manifesta a posición de apertura ó diálogo, se dialogue máis ben pouco na práctica. E non cómpre ir a Parlamento ningún para comprobalo. Semella xeneralizada a pretensión exhibicionista: moitos usan de atril (ou de televisor de plasma) unha mesa de bar. Non se expón unha idea: dáse un discurso. Réplicas só se admiten se son concordantes ou laudatorias. Se pretenden afondar na teoría, rematan por facer iso, afondar, pero coma as pedras no río. O orador, nun silencio impaciente, virarase no asento cara outra parte da concorrencia e recuncará no dito, coma se, ben unha evidencia que o curioso fora tan parvo de non ver, ben un misterio de raíces encerelladas, lle conferira unha razón irrefutable. Aínda que o máis probable é que desista simplemente de razoar por un concepto fundamentalista da brevidade da vida humana, que non afecta a outras perdas de tempo máis populares, iso si. Só engadirei que o silencio teimudo adoita producir en quen inquire resposta un sentimento de frustración que xa tivo confsecuencias indesexadas a niveis social, político ou económico. Así que, podendo, coido que o mellor é apearse do atril e dicir algo, aínda que sexa “non”. Mais, con certo esforzo, tamén pode ser un si.

luns, 1 de xuño de 2015

Os que non valen de compañeiros de copas

Foto: Michal Spisak


Contou o escritor Patricio Pron, por boca dun estudoso da biografía de Thomas Bernhard que este tiña por costume botar pestes de case todo o imaxinable. Queixábase de que o Goberno austríaco era (“coma todo goberno”) o peor do mundo, de que os críticos literarios eran unha panda de pallasos (entendemos que no sentido pexorativo) cun gusto pésimo, do burocratizado que estaba o teatro público ou de que os funcionarios foran uns individuos horribles.
Non sei na época na que isto acontecía, pero hoxe case ninguén mencionaría a Bernhard respondendo a esa pregunta de entrevista lixeira a famoso: “Con quen gustarías de saír tomarlle unhas cervexas?”. Arrenégote demo. Da o perfil de Don Vinagre redactor compulsivo de cartas ó director sobre o mal estado do empedrado dunha praza onde hai tránsito de farlopa e xogan nenos. Alguén que che lembra con insistencia un problema que nunca podes resolver pola túa propia man nese mesmo momento.
Ese recuncar no inútil e triste é responsable de que moita xente cruce á outra banda da rúa cando albisca a determinados coñecidos ou, se non repara neles a tempo, de moitos “déixote, que levo présa” atrapallados, sen paciencia para o disimulo. E todo iso malia que a actitude común non sexa esa, senón a de afirmarse preocupados polos problemas que teñen fodidos a moitos cando alguén insinúa o contrario, pero non facer nada ou facer pouco na práctica por arranxalos.
E así e todo, como apunta Pron en concordancia co estudoso, ningunha sociedade intelectualmente viva se arriscaría a renunciar a esta consciencia crítica, esaxerada, aceda, pesadiña, o que se queira, pero (auto)crítica polo si ou polo non. Malia que nunha mesa de café o efecto dela sexa o de deixar ós presentes a ollar en silencio os cus dos seus vasos.

martes, 26 de maio de 2015

O post electoral do ano

Foto: Mark Yang
Non é frecuente que fale eu aquí de política institucional (que da outra falamos tódolos días, decatémonos ou non), pero como o máis común é que só haxa eleccións unha vez nun ano, e como queira que este artigo tira máis por outros camiños partindo dese tema, paga a pena e non é que dea moito traballo. Nin vai arruinar a miña reputación, caso de tela positiva, improbable isto. E sempre será preferible a falar do outro acontecemento desta pasada fin de semana, tamén. En fin. 
Unha das cousas que máis me chama a atención nos luns pos-electorais é a proliferación de esixencias de dimisión de líderes de partidos políticos. Adoita suceder cando o esixente cualifica como decepcionante o número de votos recibidos por ese partido. Culpa decontado ó seu líder, e é comprensible: se no deporte de equipo cae adestrador e nunca xogadores en caso de incumprimento de obxectivos, a política non había ser menos cabrona. E máis aínda cando o líder-candidato repite na cabeza da lista logo dunha acumulación de (así se entende) fracasos electorais. Aí bótanselle en cara a súa teimosía, egolatría, falta de autocrítica, irresponsabilidade e un gusto desfasado á hora de escoller a montura das gafas. Se fora candidata, reprocharíanlle ademais que aparecera en público sen ter pasado pola peiteadora. 
Este tipo de esixencias semellan todas calcadas do mesmo modelo, fotocopiadas. Automáticas. E esa palabra di moito. Os que reclaman semellan dar por feito que o candidato puidera perfectamente ter convencido ós votantes, pero por torpe ou lacazán ou imbécil propiciou que outros lles comeran a merenda. Eu penso que isto é moito supoñer: a habilidade mercadotécnica nun grao tan elevado é algo reservado a unha elite. E cando as peticións de dimisión se dan fóra de Galicia, pregúntome se alí saberán o que é o votante automático autóctono: Ese individuo que sempre comeu as filloas no Entroido, baixou á feira o catro e votou por un mesmo partido nas eleccións, tanto ós 37 anos, coma ós 58 coma ós 81. E por el votará ós 85, se aló chega. E sempre o fixo sen mirar moito para a foto do cartel electoral, e menos para as dos carteis dos demais partidos. Nin escoitou verdadeiramente as prédicas desde o atril, malia (tal vez) estar alí. Nin leu a propaganda. Non entende moito desas cousas; tampouco se fía. O seu candidato puido ser unha galiña de Mos e os folletos puido telos escrito un lagarto co rabo mollado en tinta. Irrelevante. Os costumes sacros, enraizados con firmeza nunha rutina adormecedora, non entenden destas nimiedades. O temor fatalista a crebalos, a que veña algo peor, é superior a todo razoamento. As filloas en setembro, a feira a destempo e a novidade, todo sumado, pode equivaler á catástrofe.

martes, 19 de maio de 2015

A vía directa (malia que doia)

Foto: Dawn Hudson


A tarde é como seguramente serán moitas deste vindeiro verán lucense: soleada e ventosa a partes iguais, de chapeu e cazadora abotoada. Á hora da saída dos colexios, baixando polo tramo en teoría peonil da Ronda da Muralla, entre Campo Castelo e Aguirre, por entre os bancos colocados de xeito que non impidan en absoluto a circulación normal de todo tipo de turismos polo empedrado, vexo pasar correndo un par de cativos duns dez ou once anos, rapaz e rapaza, con cadansúa carteira ó lombo. Ás miñas costas, soa unha voz anoxada: “¡Gallego de mierda! ¿Te lo repito en vasco?” O rapaz da a volta e di algo que non entendo. Decontado bota a correr de novo. Desta vez, o que pasa á miña beira é un fulano con aspecto de matar o tempo á entrada da estación de autobuses: gorra sucia, mouro de pel, barba de cañotos, xa sabedes, se sodes de por aquí. “¡Gallego de mierda! ¡Como te pille solo te rajo!”, bérralle ó rapaz, que ri cara el e sigue andando. A rapaza e mais unha muller van reprendendo nel pola súa temeridade. Non entenden por que lle seguiu a corrente, por que non calou. O rapaz non parece oír. Non deixa de rir, provocador. Perdín de vista ó vasco susceptible. Semellou optar polo máis convencional e deixalo todo en ameaza. Debeu quedar atrás, ou volver pola praciña de area da fonte das ras, hábitat máis axeitado para el, a xulgar pola clase de vida litroneira que por alí pulula. 
Chegando á altura dos rapaces, véxome tentado a poñer pose bogartiana e advertirlle a el, con entoación acorde: “Rapaz, non che convén andar pola vida a contestarlle á xente, e menos a tipos coma ese”. Case o fixen, pero non. O rapaz aparentara devecer por que a cousa fora a máis, por causa dun sentido común en cueiros, propio da súa idade, que é a de cruzar tódolos semáforos en vermello, que non precisa maior explicación. Eu alegreime de non ter que intervir na súa defensa. Demasiados problemas en pago por un pouco de acción.
Nesta cidade, a ofensa adoita lanzarse a distancia, rara vez cara a cara. Cando menos, tal me di a miña experiencia. En tódalas ocasións nas que alguén me agrediu verbalmente, ou había terra entremedias ou o agresor foi silandeiro. En voz alta, téñenme insultado desde o movemento de coches en marcha ou entre a multitude en terrazas de bares. Se non había escapatoria, disimulo: en voz baixa, por tras, para que non me decatara. Dixo o outro día Héctor Del Mar comentando a loita libre que se falan de ti ás túas costas significa que vas por diante de quen o fai. Pola peculiar maneira local de entender as relacións sociais, supoño que ós meus ofensores lles daba reparo. E iso resulta tan tranquilizador coma, en ocasións, aburrido, mesmo enervante.
Hai males que se evitaban coa proximidade e a limpeza da mensaxe. Sería bo para o destinatario, que incluso podería darlle menos importancia da que lle daría se aquela fora menos directa, e bo para o emisor: ou gañaba un amigo ou aprendía a forza de que lle partiran os nefres.
O dito ten múltiples aplicacións, mesmo en política, institucional ou non.

luns, 11 de maio de 2015

A alternativa ó cheiro ó peixe

Foto: houselogic.com

Aquí en Lugo, extramuros, hai unha rúa un pouco escondida pola que paso de cando en vez. Ten a peculiaridade, na banda esquerda, dun edificio baixo de ladrillo visto que alberga unha tenda de barrio. Na fachada dese edificio, a media altura, ábrese un oco para un ventilador que expulsa constantemente un aire quente con cheiro ó peixe. É unha incomodidade pasar por diante deste edificio. O fedor antóllase algo sólido, que se apega á roupa, á cara e ó cabelo e (a impresión é que) tarda en abandonalos. 
Nas moitas veces que teño ido por esa rúa, teño intentado case tódalas maneiras imaxinables de eludir o obstáculo. Ó primeiro, pasaba por diante do ventilador inclinado, coma se fora apañar do chan unha moeda. Non era boa solución: a xente ficaba a mirar para min coma se me tivera visto o demo. Logo probei a dar un arrodeo pola calzada, pero non tiña xeito: ámbalas marxes adoitan estar ocupadas por coches estacionados, polo que é difícil ver se no momento do arrodeo vén algún. Subir as lapelas do abrigo ou volver a faciana foi coma querer tornar a chuvia cun paraugas sen tea. Pensei en mudar de ruta, a desgusto: o lugar é ben máis agradable ca unha avenida de tres carrís.
Ó cabo, un día sen nada de excepcional, tiven que cruzar a rúa para baixar a outra por alí preto. De volta, pasei por diante do edificio do ventilador, pero pola marxe oposta. Hai alí unha casa de paredes brancas e un só andar, rodeada de hortas encaixadas nunha parcela ata non hai moito valada con somieres vellos, rodeada polos catro lados por reas de bloques de pisos de sete ou oito andares. Nunca ata aquel día se me ocorrera mudar de marxe.
Facendo isto, optei por un comportamento que aquí resulta sospeitoso, e inclusive un síntoma de debilidade de carácter. O socialmente admitido é aturar ata que os da tenda teñan a ben retirar o ventilador.

luns, 4 de maio de 2015

Vida substancial sen se unir ó Estado Islámico

Foto: Cynthia Tveit


Un domingo coma outro oio na radio que promocionan un libro baseado na vida dun tenista famoso.  É careiro, preto de 18€; de momento foi nomeado “libro oficial” dun torneo, máis adiante sairá á venda. Predigo que, como sucedeu con outros produtos deste tipo (lembranzas de futbolistas ó pouco de seren campións do mundo e cousas polo estilo, formas de subsistencia para negros literarios ou redactores do Marca ou o Sport á procura de ingresos extra), se venderá coma as napolitanas de chocolate a carón dun colexio á hora do recreo.
Ese mesmo domingo, pola mañá, leo que a oferta estrela dun dominical de prensa é unha reportaxe sobre o Estado Islámico, esa alianza de loitadores abnegados contra o imperialismo do mundo chamado desenvolvido cun concepto cru da orixinalidade: o medievo sanguento como era desexada. Deles chama tamén a atención a súa capacidade para captar fieis de continentes e (en teoría) afinidades moi diferentes. A opinión doada é entender que a causa desa atracción reside na violencia existente no xeito de vida do chamado Occidente. Eu discrepo: o grao de violencia explícita das sociedades europeas tende a cero. Acho máis axeitado pensar que a minimización dos riscos máis primarios na estrutura social presente pode producir un enorme aburrimento en persoas que non dean liberado ben a súa enerxía, aburrimento que vira en desesperación se se engade a marxinación, ben frecuente do que se cre en graos diversos e evidente só para o marxinado. A proposta do EI evoca o animal na xungla, razón dabondo a ollos do aventureiro frustrado para consideralo seriamente, malia que se ignore case todo da fe que é requisito imprescindible e se supoña que abonda con recitar unha serie de lemas como a estrela de rock repite que ama a cidade na que nese momento está actuando. O problema solucionaríase cunha dose de videoxogo de última xeración con carnicerías de calibre groso en tres dimensións, sen necesidade de sacar billetes para Siria. Digo eu. Antes funcionaba.
Mergullarse na parte revelada das vivencias dun deportista venerado por millóns de persoas ou coller un fusil a xeito de adianto do premio final en caso de morte (un harén celestial exclusivo con ducias de mozas virxes, disque) ou desoutro en caso de vida (un retorno ó ano oitocentos e pico, máis ou menos coma un filme de Mad Max sen porco nin alcol) son dúas maneiras de tratar de lle procurar substancia á vida. Este mundo non é tan violento como moitos afirman que é, mais, a verdade sexa dita, réxese por unha mentalidade extrema: uns a voltas coas emocións de Sergio Ramos ou Carles Puyol nun vestiario fedorento, outros procurando en internet o manual de uso dun AK47. Igual ca naqueles disturbios de Londres, que uns foron afanar en tendas de moda e outros de electrodomésticos, mais ninguén se debeu lembrar de levar, xa de paso, algo de Arthur Machen ou John Fante. Os únicos locais comerciais que libraron do saqueo foron as librarías; ou polo menos a parte da súa mercadoría que non trataba de futbolistas.

luns, 27 de abril de 2015

Esa descoñecida Entidade Superior

Foto: Paul Brennan

Na década pasada, a frase de moda de pais a fillos ou consello típico a un desempregado era “Ti que tés boa cabeza, como non preparas unhas oposicións?”. E falo dos anos da burbulla inmobiliaria a toda máquina, cando se supón que había contratos laborais pendurados das paradas do bus e o que non atopaba onde gañar un peso era un inadaptado sen remedio ou a versión galaica do Nota de El Gran Lebowski. Mesmo nos cursos do Servizo Galego de Colocación que impartían en sitios coma a sección formativa da Confederación de Empresarios de Lugo, o lema era “ti faino, que é moi útil porque dá puntos para opositar”. Hoxe as cousas non cambiaron moito, polo menos non por aquí. A insinuación da convocatoria de novas prazas do que sexa é un acontecemento que fai tremer o piso dos bares desde Fontiñas a Paradai.
A min nunca me seduciu a idea, malia a necesidade, e dubido que fora capaz de levar adiante algo así. Para todo é raro un, tamén, porque a inclinación cara o funcionarial está por tódolos sitios. No seu momento, o “non nos representan” foi respondido desde algúns medios co argumento de que os políticos dos partidos máis visibles si que representaban á sociedade, pois procedían dela. Argumento peregrino de moito nabo; un pouco coma dicir que Sito Miñanco representa ás Rías Baixas. En fin. Mais o caso é que igual o anterior non é tan disparatado. Hoxe case todo o mundo de clase media e baixa desexa ser funcionario. E a actitude máis común nese colectivo a nada que o asunto a tratar sexa máis complexo ca indicar un enderezo é a de rexeitar calquera responsabilidade, atribuíndoa sempre a unha entidade superior inaccesible para o interesado e disque tamén para o seu intermediario co cidadán. Vin eu na Policía Local que unha funcionaria á que lle protestaban polas demoras nos prazos de tramitación da Tarxeta Cidadá (daquela facíase alí) mandaba riseira á xente falar co alcalde (!). 
A actitude dos políticos de partidos que exercen ou exerceron o poder é polo común semellante. Xamais teñen culpa dos seus actos e o problema sempre é de outros. No seu proceder, a acción resolutiva é substituída por un soliloquio tan oco coma conciliador,  que egar a existencia do mal é a clave, para someter por canseira. Parqueadoxalmente, unha vez que teñen aquilo que desexaban, polo que se ve son incapaces de exercelo, a certa semellanza deses funcionarios que foron postos aí e pagados por un Goberno pero que, á hora de tomar unha decisión, de súpeto resultan estar «incomunicados» con ese Goberno, coma náufragos abandonados polo capitán do barco nun illote cun cántaro de auga e eunha presa de galletas. O que en verdade falta por saber enunca eses políticos aclaran é cal é a Entidade Superior que constitúe o pretexto para a súa inacción.
Por iso, non sei vós, eu NON quero preparar oposicións. Never.

luns, 20 de abril de 2015

Queimade o traxe dos domingos

Foto: Lilla Frerichs

Un meu amigo comentoume un día, divertido, que cada vez que ía ver unha función teatral ó auditorio Gustavo Freire se vía rodeado de espectadores vestidos de gala. Este auditorio, para quen non o coñeza, vén sendo unha especie de nave industrial no fondo dunha grande focha cadrangular de cemento, no parque d'A Milagrosa, por tras da Biblioteca Municipal. As non moitas obras que aló se representan de cando en vez tampouco son o que se di o cúmulo da sofisticación; non sei se houbo unha ultimamente con Arturo Fernández no principal. 
Lembroume o caso un capítulo daquela serie televisiva ianqui dos anos 60, Green Acres, emitida na TVG baixo o título “Granxeiro último modelo”. O argumento xeral trataba dun avogado de Nova York que decidía cumprir o seu soño: ir vivir ó (e do) agro. Mercaba unha granxa escangallada nunha aldea dos Estados Unidos profundos e aló marchaba canda a súa dona, reticente ela a deixar as tendas de luxo en favor do típico almacén rural cos mesmos tres paisanos a xogar ás damas enriba dunha barrica. Seu home tiña tanta ilusión coma tan pouco costume no traballo agrícola: facía cousas coma estrar a corte de herba seca en pantalóns de traxe fino e chaleco de veludo. Así que un día os veciños, por rir del, deron en imitalo, e vestiron o traxe dos domingos para arranxar un valado ou mudarlle o aceite ó coche.
Ó meu amigo tenlle chiste a situación do teatro porque el adoita acudir en chándal, libre desa inquietude por amosar boa presencia nun Acto Social Importante. Comprendo e comparto tal actitude, agás o gusto pola roupa deportiva, iso si. Na cerimonia de entrega do último premio literario que levei aparecín cunha camisa de outlet de 9 euros e uns pantalóns de pana descoloridos e dados de si. A mesma indumentaria coa que fago a compra ou tomo o café nalgún dos meus currunchos estratéxicos.
Mais eu tirei do asunto outra conclusión: é moi común que algunhas persoas se vistan co traxe dos domingos cando van facer algo infrecuente na súa vida. 
Logo de que cada vez máis xente viaxe por simple razón de turismo e volva tal e como foi, sen ter aprendido nada, ou entenda que a Festa da Androlla xa conta coma “cultura” (palabra malsoante se se usa dese xeito rutineiramente pretensioso tan común) para librar de abrir un libro, se é que non decide directamente non facelo porque “non é quen de se concentrar”, converter o infrecuente no frecuente é algo ó que se lle debera dar cando menos unha xeira. E queimar o traxe dos domingos antes que feda.