martes, 28 de xullo de 2015
A tenacidade das formigas con ás
Foto: Vera Kratochvil
Por moitas flores que lles boten a Eduardo Punset e máis a Lucía Extebarría por proclamar cun ton de loa palpable que o ser humano é por enriba de todo emocional, e só potencialmente cerebral, non me darían convencido, se fora eu o destinatario da mensaxe. Penso nisto a estas alturas de mes, estrañado porque no respiradoiro da fachada que da á terraza correspondente ó piso superior non se formou o niño de formigas con ás de tódolos veráns, sen falta, cunha puntualidade inquietante, cando aperta o bochorno. E é que os proselitistas do emocional son coma esas formigas aladas: teimudos e perseverantes, semellan ter desaparecido, pero ca! No buraco que deixou un xorden outros corenta. Coma elas, saes tomar o fresco e cáenche de súpeto entre os cabelos e escorregan pescozo abaixo.
Esta ideoloxía medra conforme se suceden os cambios tecnolóxicos. Segundo o concepto de futuro predominante hai décadas, é coma dicir que máis vizosas medran as patacas canto máis areosa a terra. Pero así é: a maior interacción (“interacción”) coas máquinas, maior involución da persoa; nas redes sociais isto é MOI evidente, por certo.
Porque vindicar o emocional como emblema da humanidade, asociando o cerebral á frialdade da máquina, é un paradoxo. O que diferencia ó humano do animal é xustamente o uso que fai do seu cerebro. No momento no que deixou (deixa) de facelo, déronse (danse) sucesos tan chistosos coma o Terceiro Reich, a segregación racial, terrorismos, inxustizas varias, a negación do efect invernadoiro ou a queima de mendigos en habitáculos de caixeiros automáticos ou que un condutor entre nun túnel eevidentemente máis baixo có autobús que guía só porque o GPS llo indique. Ningunha desas iniciativas se apoiou en argumento lóxico, senón en arroutadas máis ou menos prolongadas no tempo. Se os seus autores fixeran prevalecer o miolo, xamais o farían. Non habería razón: verían que eran tolemias, atropelos dos dereitos humanos, bestialidade, en suma. Os animais non teñen leis (si xerarquías, que non é o mesmo) nin dó.
Aínda poden vir as formigas aladas este ano, malia que o dubido. Son menos tenaces ca Punset, menos ca Exteberría. Menos ca vós? Espero que non. Nesas cabeciñas minúsculas, todo o que pode caber é iso: tenacidade.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario