luns, 20 de abril de 2015

Queimade o traxe dos domingos

Foto: Lilla Frerichs

Un meu amigo comentoume un día, divertido, que cada vez que ía ver unha función teatral ó auditorio Gustavo Freire se vía rodeado de espectadores vestidos de gala. Este auditorio, para quen non o coñeza, vén sendo unha especie de nave industrial no fondo dunha grande focha cadrangular de cemento, no parque d'A Milagrosa, por tras da Biblioteca Municipal. As non moitas obras que aló se representan de cando en vez tampouco son o que se di o cúmulo da sofisticación; non sei se houbo unha ultimamente con Arturo Fernández no principal. 
Lembroume o caso un capítulo daquela serie televisiva ianqui dos anos 60, Green Acres, emitida na TVG baixo o título “Granxeiro último modelo”. O argumento xeral trataba dun avogado de Nova York que decidía cumprir o seu soño: ir vivir ó (e do) agro. Mercaba unha granxa escangallada nunha aldea dos Estados Unidos profundos e aló marchaba canda a súa dona, reticente ela a deixar as tendas de luxo en favor do típico almacén rural cos mesmos tres paisanos a xogar ás damas enriba dunha barrica. Seu home tiña tanta ilusión coma tan pouco costume no traballo agrícola: facía cousas coma estrar a corte de herba seca en pantalóns de traxe fino e chaleco de veludo. Así que un día os veciños, por rir del, deron en imitalo, e vestiron o traxe dos domingos para arranxar un valado ou mudarlle o aceite ó coche.
Ó meu amigo tenlle chiste a situación do teatro porque el adoita acudir en chándal, libre desa inquietude por amosar boa presencia nun Acto Social Importante. Comprendo e comparto tal actitude, agás o gusto pola roupa deportiva, iso si. Na cerimonia de entrega do último premio literario que levei aparecín cunha camisa de outlet de 9 euros e uns pantalóns de pana descoloridos e dados de si. A mesma indumentaria coa que fago a compra ou tomo o café nalgún dos meus currunchos estratéxicos.
Mais eu tirei do asunto outra conclusión: é moi común que algunhas persoas se vistan co traxe dos domingos cando van facer algo infrecuente na súa vida. 
Logo de que cada vez máis xente viaxe por simple razón de turismo e volva tal e como foi, sen ter aprendido nada, ou entenda que a Festa da Androlla xa conta coma “cultura” (palabra malsoante se se usa dese xeito rutineiramente pretensioso tan común) para librar de abrir un libro, se é que non decide directamente non facelo porque “non é quen de se concentrar”, converter o infrecuente no frecuente é algo ó que se lle debera dar cando menos unha xeira. E queimar o traxe dos domingos antes que feda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario