luns, 12 de setembro de 2016
O vídeo non mataría á estrela da radio
Algún xornal xa fala da posibilidade seria da implantación dunha renda mínima universal no futuro. Estes anuncios son coma os dos avances médicos revolucionarios: como pouco, chegarán ó hospital da cidade dun ó cabo de 10 anos. Neste caso particular, non podo evitar o escepticismo. Basean a necesiade de tal salario no argumento de que, tarde ou cedo, as máquinas substituirán ós humanos en case todo traballo. Idea tan vella coma as noveliñas de ciencia-ficción de Edhasa que aínda aparecen, coa capa engurrada e descolorida, nalgunha feira do libro de ocasión. Domane, sempre domane.
Mais non me desagradaría, tampouco. Falaba hoxe no Twitter con Denís Méndez sobre as maneiras de gañar a vida da xente do sector chamado "cultural". Algúns vense obrigados a saír de copas para atopar choio, di que oíu. Como sempre foi: nunca vin ofertas de emprego de guionista de cinema. Nin de novelista. O guionista éo daqueles cos que toma as copas. O novelista, nos máis dos casos, dá o seu traballo de agasallo. Denís, neste asunto, pensa neoliberal: que se deixen de caralladas e busquen un emprego normal. Eu, por contra, creo na honestidade: fai o que mellor fas. Non sexas escritor polo que lle vexas a A. Pérez Reverte, iso é unha mentira: se o que fas mellor é curar, adícate á medicina. Centos, milleiros ou millóns de persoas agradecerán tal decisión.
Agora ben, se o teu único acomodo na vida é a insensatez da arte, dos filmes, de armar historias, e estás ben seguro diso, unha vida de 9 a 2 será unha eterna prenda tres tallas máis pequena: un erro vitalicio a todos os niveis. Aparte, e malia que rara vez se valore, afastarse desa "normalidade" tería un enorme mérito.
De todos os xeitos, tamén o medo é libre. Sobre todo o medo á inanición. Se se concretara esa idea da consecuencia da invasión das máquinas, daríase o sorprendente paradoxo de que á fin o artista con vocación de dedicación exclusiva deixaría de pasar (tanta fame). O futuro sería, raramente, benvido.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario