Interésome polo fenómeno pola razón primeira, mais non comparto en absoluto o fervor de moitos (chamémoslles) seriófilos. Eu miro series coma The Strain ou Outcast; eles só falan das que eloxia xente coma Carlos Boyero. Informándome de próximas estreas ou proxectos, ingreso en páxinas especializadas e non podo evitar ler os seus comentarios a pé de ficha técnico-artística. Cando son laudatorios, lembran no pegañento a calquera novela de Federico Moccia; cando son críticos (máis frecuentemente se a temática se afasta do xénero realista), abrolla deles o fel. E sempre, sempre, os percorre a tensión histérica. Semella que consideran unha serie televisiva (que non sexa Modern family ou similar) algo ben máis elevado do que é: basicamente, un medio de entretemento de masas.
O cúmulo deste certo fundamentalismo deuse cando algúns seriófilos nacionais, dado o panorama político institucional, chegaron case a esixir a políticos reais o estudo profundo da serie dinamarquesa Borgen, a xeito de deberes para alumnos castigados. A súa solemnidade era inequívoca. Non soaba a brincadeira, non: de verdade pretendían que gobernaran un país ou deseñaran un programa electoral en función do que se vía alí. Quizais o fixeran a falta de poder facer máis, pois non haberá tempo no que o acceso a case todo sexa teoricamente tan franco coma practicamente inalcanzable no tocante ó importante. Ou quizais porque, na súa fe, unha serie de televisión debe ser unha versión mellorada da realidade, que é coma querer que os trens cheguen á hora que sempre nos veña mellor.
E nesa carraxe coa que poñen a parir unha serie só por carecer da xenialidade precisa para merecer o gasto do seu tempo reside unha verdade esencial: entenden que todo goce ha de ser glorioso ou non ser. Nunca se achegarán, pois, a menos de 3 millóns de anos luz diso que chaman felicidade, se tal cousa existe e non é como dixo aqueloutro: "sei que na vida hai bos momentos; de aí non paso".
Ningún comentario:
Publicar un comentario