Hai algo máis de dez
anos, eu era un mozo algo inxenuo (por coidarme sabedor dunha verdade
absoluta, direi que galega no canto de universal) que deu en teclear
nunha Olympia Traveller De Luxe todo o que lle bulía no cabazo e non
comentaba con ninguén para non ser tomado por especial. Ocorrencias
sinxelas dentro do seu absurdo, eran talmente como o humor con
frecuencia é: tan hilarante coma inquietante, se se mira ben, que
non adoita ser así... O caso é que aquel mozo que eu era xuntou 72
folios e enviounos a unha editora. Aquel mozo non quería chegar a
rico; nin sequera que ninguén chámeselle importante deixara caer o
seu nome. Non, ca. Aquel mozo coidaba que sabía o que podía armar
rebumbio no poleiro.
Pois ben, para
sorpresa do autor, a editora dixo que todo ben. Mesmo lle respetou o
título do libro, A balada do nudista caviloso. Aquel mozo non
sabía que era un cretino. Hoxe eu seino, pero el non o sabía. E
menos mal. Moitas grandes cousas se teñen feito na ignorancia dos
límites, tanto dos propios coma dos impostos polo veciño.Sería
moito botar por ela dicir que aquel libro puido ser algo grande, pero
si puido ser algo importante. Non o foi, pero ese é outro conto.
Ese mozo xa non
existe. Hoxe estou eu no seu sitio. Nestes dez anos longos, dubidei,
deixei de intentalo, caín por un pozo, aganchei polas súas paredes
arriba, saín ó aire, e finalmente resolvín volver. Non sei por
canto tempo nin de que maneira, pero volvín e morra o conto.
A Pequena Novela
Galega leva unha medida de brincadeira e outra de intención firme.
Metade de brincadeira, porque non sei que carallo é iso da Grande
Novela Galega nin se existirá algún día. E metade de intención
firme, porque do deserto traio pequenas "novelas" galegas
que contar, que acho grandes á súa maneira. E pretendo narralas
aquí.
Sempre fun reacio a
ter un blog, porque nunca dei por certo que ninguén tivera
verdadeiro interese no que eu poida pensar das cousas. Así pois,
este é, por enriba de todo, un espazo con vontade de narrar
historias. Haberá algunha digresión de tempo en tempo, pero con
sentidiño, non vaiamos caer na saturación de existencialismo
blogueiro coma unha pinga de auga no mar.
Isto só é o comezo,
seguide atentos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario