martes, 29 de xullo de 2014

A vida nun barrio popular

Foto: Daniele Pellati
Ultimamente vou de cando en vez pola Tinería. Supoño que algunhas guías de viaxe a definirían coma “barrio popular”, expresión sempre ambigua. Para quen non o saiba, a Tinería foi o barrio das putas da cidade de Lugo.
A razón que me leva a este lugar é visitar uns coñecidos que abriron hai pouco unha mestura de ultramarinos, tenda de produtos ecolóxicos e arte no Recanto do Miño. É raro que nun lugar semellante poida haber algo chamado La Alacena, pero así é. A casa que alberga o negocio, que tivo como últimos inquilinos a varios funcionarios da Xunta, fora no seu tempo un prostíbulo de certa sona. Cando mo dixeron, non puiden evitar unha ollada sorprendida en derredor, porque é o que se di unha caixa de mistos. Quixen imaxinar como sería unha esmorga en tan escasos metros cadrados e só puiden evocar o cheiro a suor e o tacto da carne húmida. A miña reticencia de sempre ó sexo de pago acrecentouse automaticamente.
Adoitamos conversar no baixo da casa, desde a porta espalancada. A actividade da praciña ó sol pásanos toda por diante dos ollos. Os turistas algo aqueloutrados que soben desde a Porta Miñá non teñen razón para tal actitude, pois non hai xente “problemática”, a diferenza do que poida pensarse nunha zona desprovista (quitada a tenda dos meus coñecidos e o pub Diablo, só para noctámbulos) doutro comercio que non sexa o das poucas prostitutas que fican tripando nas súas pedras. De feito, e polo que levo visto, case nunca acontece nada. Iso é o desconcertante: as vidas desa xente semellan ser, nunha alta porcentaxe, inactividade. As das mulleres non tanto: teñen que traballar co seu corpo. Os homes, todos de mediana idade mínimo, si que son pouco máis ca estatuas lenemente animadas. Se non fora porque é bastante obvio que ignoran o budismo ou lles importa un carallo, pasarían por mestres zen. Algúns, malia todo, desmenten ese aire abúlico bradándose incoherencias uns ós outros, ou ben a esas eslavas taciturnas e latinoamericanas rechamantes que de seguro supoñen a razón esencial da súa presenza desleixada nos portais. Case todos teñen o aspecto característico daqueles homes de antes de escarvadentes e camisa de manga curta que, unha vez abandonados pola muller, xa non volvían afeitarse nin vestir roupa limpa.
Faise insólita a existencia de individuos así. Desde a soleira, un pregúntase onde se meterán, que é o que farán, como vivirán cando non están aí, sentados á sombra, baduando obscenidades coma se para eles non existira máis nada.

venres, 18 de xullo de 2014

Oficio de merdáns

Foto: William Morris


Hoxe, nunha carta ó director de El Progreso, o poeta Manuel Xosé Neira lamenta o que entende coma desconsideración por parte do Concello de Lugo cara os colaboradores da revista poética Xistral. Disque os devanditos colaboradores non viron un can polos seus poemas, e que mesmo o acto de presentación foi máis ben pouco elaborado, sen sequera "un viño español e uns pinchos". No tocante ó pago das colaboracións, indica o poeta unha "cantidade simbólica" desexada de 30 euros por poema. Haberá quen estime estas demandas enunciadas con certa candidez. Se fose así, que agradeza a propia inocencia, pois significa que ignora o que supón intentar sobrevivir adicándose á escrita en galego.
Non estou ó tanto das condicións de colaboración na revista. Adiviño que non se pactara pago ningún ós participantes. Seguro que tal afirmación non vos chamou nada a atención. É o típico. Se un organismo contrata, poño por caso, un informe de viabilidade dun servizo calquera, dase por feito que haberá factura e desembolso. En cambio, dun artista o que se sobrentende é que se trata dunha persoa que normalmente exerce un oficio de encher horas mortas non ocupadas polo verdadeiro, e que ha de facer algo para os demais (non é outra cousa, publicar unha obra literaria, e digo «para» e non «por», ollo) sen pretender recibir contraprestación xusta. Desde o comezo, debe aceptar unha condición que se teclea axiña: a esixencia de total altruismo. Entende un que, xa que se lles nega un pago material, rematarán por percibilo doutro tipo, tal vez en forma de puntos extra para opositar ó Ceo. Mentres non chega esa hora, Manuel Xosé Neira definiu a situación da seguinte maneira: "queren tratarnos coma a merdáns".

luns, 14 de xullo de 2014

Só podía chamarse Frank



"Esta noveliña -se así pode chamarse- foi escrita, dun tirón, unha desas noites en que o sono non da chegado. E, para pasar o tempo, un, do mesmo xeito que pode ler, ponse a escribir sen moitas ganas. Por iso -e isto é o que quería dicirvos- se algún valor ten é a súa espontaneidade. E, quizais, quizais, o de ser a primeira obriña do Oeste que se publica en lingua galega. Nada máis."

Seguindo con Xosé Fernández Ferreiro, o que vides de ler é o prólogo d'A morte de Frank González. Levaba razón nisto último o autor: foi o primeiro western literario galego. Igual que ocorre no cinema actual, o seu xénero está moi escasamente explotado na literatura galega. Só Isidro Novo, que eu lembre, tivo a audacia de retomalo hai xa anos co seu nabowestern carallán Por unha presa de machacantes (Edicións Positivas). Poida que lle adique unha vindeira entrega d'As pequenas esquecidas.
A morte de Frank González consiste nunha ollada múltiple deitada sobre un mesmo e enigmático personaxe. Un a un, os membros dun grupo de persoas que conversan por escorrentar o tedio dunha espera van dando cadansúa versión acerca da identidade e feitos do individuo, todas ben distintas unhas das outras, como é frecuente na humanidade. Que se era rancheiro, que se era bandido, que se andaba envolto con esta, que se tivo leas con aqueloutro... Nada se sabe con certeza, mais é así como se vai compoñendo un rompecabezas, sen pretensión ningunha de transcendencia, como era típico do seu autor, e así e todo encantadoramente armado ó longo de 91 páxinas en letra Arial, como era típico da editora, a tamaño grande.
A edición primeira, das infravaloradas Ediciós do Castro, aparecida o mesmo ano da fin da ditadura franquista, é estupenda, co papel máis ben amarelo non por mor do paso do tempo e mailas ilustracións de Luis Seoane a toda páxina en rigoroso branco e negro, agás a da capa que reproduzo aí enriba co meu escáner barateiro, da cor do sol que esmorece, con esa grafía de cartel de spaguetti-western e ese Frank González bigotudo e mal afeitado, de ollada indescifrable. Porque o protagonista sempre ausente non podía ter outro nome. Nada sería igual se non se chamara Frank, e non o sería se non se chamara González.

luns, 7 de xullo de 2014

LUGO BAIXO O TERROR DOS ZOMBIS. Idea para un filme

Foto: Kim Newberg
Neste tempo de sol a cada punto máis estable, vira masivo un fenómeno frecuente entre os lucenses menores de 40 anos: o abandono a escape da cidade para pasar fóra cada fin de semana. Nas tardes de sábado ou domingo de verán é practicamente imposible tomarlle unha con ninguén aquí: andan todos a percorrer os montes en bicicleta de montaña, a facer a ruta dos pubs por Melide ou non se sabe ben o que nas súas respectivas vilas natais ou en Viveiro, Coruña, Porto ou Tegucigalpa. A hostalería local celébrao: hai quen aproveita para pechar algún dos dous días (ollo: falamos de fins de semana) ou directamente o mes enteiro, algo que, coa chegada de turistas estivais, resulta cando menos ousado. Así, Lugo vólvese cemiterio desde o venres á tarde ata o luns á mañá. Polo menos para quen non guste de museos, que son lugares onde só hai obxectos inanimados.
Nisto cavilaba eu onte á noite, mirando Nova York baixo o terror dos zombis, de Lucio Fulci, logo dunha xornada depresiva, de acidez de estómago e pensamentos escuros. E ocorréuseme que tal vez o fenómeno que aquí acontece puidera ser igualmente explotable no cinema. Velaquí a

SINOPSE: Un mozo, preferiblemente forasteiro: alemán, francés, inglés, nórdico..., chega a Lugo para un reencontro cunha amiga lucense que coñeceu no Erasmus, por poñerlle. Non a avisara antes, pois quere que sexa unha sorpresa. Si, o mozo coida que houbo algo entre eles e ven confirmalo. É un tipo de “carácter complexo”, como se di agora. Chega un sábado de xullo. E claro, a pomba voou, coma case todo o mundo. O número de teléfono que dela conserva está anticuado, e non sabe onde vive, nin lle coñece á familia, nin amigo ningún. Comezará a pescudar, e non só para dar coa amiga. Polo camiño, xa reparou no aire estrañamente desolado e poeirento dunha cidade de 90.000 habitantes e un potencial turístico nada desprezable, sobre todo histórico. Contará coa axuda dunha atractiva e inexperta axente da Policía Local, tamén de orixe forasteira, aínda que española, á que atopa ociosa no Parque Rosalía; resulta que a envían desde Sanfiz a patrullar a cidade a xornada completa, a xeito de novatada. Logo de removeren Roma con Santiago, saberán, por boca dun home excéntrico e solitario, da maldición que ameaza á cidade. E é que, se se dan unha serie de factores, abriranse as tumbas dos cemiterios e caerá sobre Lugo unha catástrofe zombi. E esa catástrofe só podería darse en sábado ou domingo. Por iso os máis dos habitantes foxen nesas datas coma a cabra foxe do coitelo. Poñamos que é preciso un Elixido para o seu desencadeamento, tal vez o propio mozo forasteiro, e que este, sen querer, chega a facelo. Os tres heroes terían que procurar, daquela, coas rúas tomadas polos mortos viventes, unha solución antes de que fora demasiado tarde.

Coido que o exposto abonda para unha serie B adorable. Coma na matanza do porco, todo se aproveitaría. Boa parte do elenco podería ser local: sequera coma extras maquillados de zombis, moitos lucenses gustarían de aparecer nunha película. Eu mesmo podería ter un papel, ben o do mozo forasteiro, ben o do solitario excéntrico; a este último acaeríalle o personaxe dun xogantín empedernido das máquinas de apostas deportivas, ou o do único home novo da cidade que senta nas mesas dos bares cun libro e non un smartphone entre as mans. E as localizacións que? Imaxinade a Avenida de Ramón Ferreiro (noutro tempo denominada Camiño do Cemiterio, por certo) a inzar de cadáveres andantes vestidos cos restos do traxe dos domingos co que foran soterrados. E ós nosos heroes cercados pola horda putrefacta na Praza de Santo Domingo. Ou combatendo a golpes (ou disparos, no caso da axente) na cabeza dos mortos entre as casas vellas de Paradai. Espectacular.
Só é un argumento, madía leva. Mais sería un desperdicio deixalo quedar sen convertelo en guión, algo ben factible para mentes hábiles. Lugo precísao. É unha cuestión elemental de aproveitamento dos recursos locais.

sábado, 28 de xuño de 2014

O impacto

Rescato este meu artigo publicado o ano pasado en Letraenobras.com; non é recheo malia que o pareza


Hai pouco, aí atrás, deume por reler Corrupción e morte de Brigitte Bardot, novela extremadamente negra de Xosé Fernández Ferreiro. Alá por 1981, valeulle unha mención no Blanco Amor “atendendo ó interese da trama e ás súas calidades como modelo dunha posible narrativa popular galega”, segundo a acta do xurado. Argumento: Moza de provincias, fermosa (disque idéntica á Bardot) e de temperamento impulsivo, que soña con ser estrela de cine malia carecer de calquera formación en arte dramático ou experiencia fílmica, e non por amor á arte senón á dolce vita, adoita escribir ás produtoras remitindo fotografías súas máis ou menos glamurosas. Nunha destas, recibe á fin unha resposta, sendo citada en Madrid capital como unha das aspirantes ó papel principal nunha coprodución hispanofrancoitaliana de próxima rodaxe dirixida por Luis Buñuel. Así que, logo de rifar co seu decentísimo mozo (aspirante el a boticario, coma seu pai e coma seu avó) e de mentir á súa sacrosanta nai (que pretende casala co decentísimo mozo para rematar por facer dela outra sacrosanta nai, na súa opinión), a moza fai a maleta e alá vai. O que atopará en destino é moi distinto ó que imaxina: irá dar a unha boca de lobo pornográfica e alucinóxena.
Se alguén a ten a man e decide darlle unha xeira, aviso: non debe esperar nada aproximado ó sublime. Eu teño, mercada de segunda man, a edición de peto (Xerais, naquela colección encantadora, Montes e Fontes) e iso é o que é, unha novela de peto. Sae case a tópico por páxina e está narrada de xeito bastante funcional; albíscase apenas unha faísca de marca propia en certos pinchacarneiros léxicos e reiteracións aparentemente fortuítas. Non é a obra favorita do seu autor (esta sería, polo que lembro terlle lido, O minotauro, crúa e demencial, igualmente insólita e esquecida hoxe). Empregando a linguaxe cinematográfica, sería unha exploitation sobre o perigoso da suma ambición máis ignorancia. Non é tampouco o que se chama unha proposta literaria revolucionaria, pois a mensaxe é máis ben conservadora. E non obstante, ten algo que lle confire un valor considerable. Un esquema en teoría tan rudimentario como é unha actualización cun extra de perversión do conto de Carapuchiña Vermella da como resultado unha novela evocadora, intensa, estimulante. Filmada naqueles anos, puidera ter dado un bo filme comercial, de culto hoxe.
O expresado con brevidade na antepenúltima e penúltima liñas di, para min, tanto coma o contido no resto. Falo do impacto. Ese impacto seguiu a aparecer na narrativa de aquí en anos posteriores, con moita frecuencia. Contra o comezo da década de 2000, comezou a escasear. Actualmente, e ata onde coñezo, é tan pouco visible coma o cuco, coa diferencia de que ó paxaro, polo menos, sempre hai quen afirma telo sentido cantar coa chegada da primavera. Por aquí, Diego Ameixeiras, aínda sen ser propiamente autor de peto, fica algo só na zona mainstream; é posible que na sombra das editoras pequenas haxa outros. No tocante ós demais, semellan inmersos noutra lonxitude de onda. O xurado do Premio Blanco Amor 1981 agoirou algo que agromou, captou unhas raiolas do sol da mañá e morreu cando lle verteron auga con sal nas raíces.
O pobriño do impacto nada fixo, penso eu, para recibir este trato. Poida que non sexa eu o avogado que máis lle conveña, pero téñase en conta que a literatura debera ser contraveleno para a vida de 9 a 2, alternativa sólida á telerrealidade, complemento do cinema con encanto, acelerador do ritmo do reloxo cando ninguén te chama para irlle tomar unha e razón para vivir cando non hai competición futbolística oficial. Que tamén o pode ser a XBox, pero non é o mesmo. A quen corresponda: mediten a cuestión con calma, pero non demasiada, que a vida é moi curta, aínda que ás veces pareza todo o contrario.

sábado, 21 de xuño de 2014

Miraxes

Foto: Michael Miloserdoff

Escrito nun pub no que está a soar pop español dos 80


Así que un abre o suplemento literario do xornal. Ou mira esta web ou aquela. Ve un cento de autores, outro de libros. Algunha reseña é máis ben piadosa, pero a meirande parte delas nomean á devandita obra e mais ó devandito autor marabillas do panorama literario recente. É curioso, ou igual non tanto, que non coñeza un nin a uns nin ás outras. Non é maledicencia. É iso: que non sei quen é esa xente, nin me soa de nada ese libro. Algúns gañaron o Pulitzer, outros regresan "logo do enorme éxito" da "aclamada" novela que sexa. Xa sabedes... Pregúntome que sería deles antes. Descarto que xurdiran da nada. Probablemente leven anos publicando en editoras desas que non son agarradas cos dereitos de autor: escritores feitos e afeitos, que non é o mesmo. E con todo, nin así. 
Tampouco é raro isto. Non xa só porque eu ande algo desleixado para estas cousas desde hai tempo. É que os mellores creadores de seres irreais adoitan ser os xornalistas, en especial os do eido da crítica literaria. Xa quixeran moitos escritores esa capacidade para tecer miraxes perfectamente cribles.
O novidoso é a sensación (demasiado intensa) de que hai moitas probabilidades de que non volva ler xamais en ningures eses nomes. Que desaparezan tal e como apareceron. Que no seu sitio aparezan outras miraxes e volvan desaparecer do mesmo xeito. Será iso ó que ás veces chaman "carencia un referente". Será.

xoves, 12 de xuño de 2014

Os corpos de plástico

Foto: Mick Lissone

Nun día de sol indeciso, uns mozos saen dunha cafetería. Indo rúa arriba devagar, dálles por falar do físico da camareira. Un deles defíneo coma "rotundo". Outro opina que se lle coñece a gordura a quilómetros. Supón que ó primeiro non lle atraería tanto se ela non levara tacóns altos e que, así e todo, notábaselle o michelín por baixo da blusa moi curta e a abondosa celulite nas nádegas a piques de rebentar uns vaqueiros cinguidos ata o extremo. Da por feito, se cadra precipitado no seu xuízo, que o outro non a imaxinou xa núa, libre deses artificios. O primeiro opina que esa gordura non a fai gorda: que lle acae. Un terceiro di con cara de estrañeza que o primeiro ten uns gustos "moi raros". Concede, iso si, que ela é riquiña de cara.
A beleza física reside na perfección das liñas do trazado anguloso dos ósos dos corpos con pretendido glamur que apenas semellan vivos, de tan labrados a golpe de sol ou UVA ou ximnasio ou dieta, para uns. E na carne curviliña (e donda, por que non?) dos corpos que, xusto pola súa evidente imperfección, non parecen de plástico, para outros.

mércores, 4 de xuño de 2014

Homes do espacio

  Homes do espacio (Edicións Castrelos, colección O Moucho, 48, 1976), de Lois Fernández Marcos, non é memorable no sentido da excelencia literaria. Non é raro nos pioneiros: foi o primeiro libro de ciencia-ficción editado en galego. Digo que non é excelente, e digo tamén que é infrecuente. Malia tratar de aventuras espaciais e mundos exóticos a anos-luz de distancia, o seu estilo conciso e eficaz lembra máis ben ó dos contos de tradición oral; este toque é moi evidente en relatos coma Li-Ching, A Belida ou A fin de Chai-Si. Tampouco cómpre esquecer as influencias fundamentais. Se coñecedes o pulp ianqui da primeira metade do século vinte, o de Weird Tales e demais, eses nomes orientais en plan perigo amarelo resultaránvos ben familiares.
Na segunda edición (titulada Galaxia lonxana, Xerais, 1995), moi ampliada, deixaron fóra tres relatos da orixinal: Kurfún, O ataque dos lobomonos e A nave. Non o comprendo. Para min, non desentoan comparados co resto, e aínda lles vexo un extra de orixinalidade. O conxunto ten o seu interese e a súa forza principal no lúdico e no evocador. Valórese con xustiza: non é pouco. Non o era daquela, e hoxe moito menos.
Do autor, pouco se sabe; segundo a Galipedia, é perito mercantil. Se aquí estivera popularizado o termo "escritor maldito", tal vez lle acaera. Non nos arriscaremos e deixarémolo en "escritor incógnita". Pouco máis publicou, que eu saiba, aparte destes relatos. Por que? A saber. Unha de dúas: ou non vía porvir, ou máis nada que contar. Fora polo que for, o seu mérito tivo, e non se pode dicir que o final non fora honesto.

sábado, 31 de maio de 2014

A táctica imposible

Foto: Lynn Greyling

No instituto onde fixen a FP había unha liga interna de fútbol sala, dividida en dúas categorías: FP1 (1º e 2º cursos) e FP2 (do 3º ó 5º). Eu adoiaba xogar coa miña clase. Ó primeiro, de porteiro, non me foi mal: subcampión da FP1. Na FP2 xa quixen facer o mesmo ca case tódolos rapaces: xogar de campo. Era malo coma a carne do pescozo. Os meus compañeiros ben se decataban, por iso facían os trocos nos que entraba eu no último minuto de cada tempo.
Dentro daquel equipo de 4º curso o meu nivel non era tampouco tan baixo. O problema era que querían xogar ó fútbol sala, cando o resto xogaba a unha especie de fútbol 11 con 5 xogadores. Os nosos partidos no pavillón d'A Piringalla sempre eran o mesmo: unha sucesión de toques ineficaces de lado a lado dun muro, catro roubos de balón dos contrarios e derrota, en progresión polo común negativa: 2-1, 5-2, 8-1... Obvio, se nin se viste manga curta nin manga longa, se nin se tira a porta nin se baixa apenas a defender.
Eu, á vista de tal panorama, optei por ser práctico: procurei exercer de dianteiro centro tipo columna de mármore. Mentres o equipo tecía a xogada, eu corría para estar desmarcado á beira da área contraria. Só lembro ter recibido dous pases, que convertín en dous disparos, un ó traveseiro, outro repelido por un defensa na raia de gol. Unha merdiña. E así e todo, os meus compañeiros precisaban 9 ou 10 ataques para obter un resultado parello.
A opción intelixente era a directa. O 90% dos gardamallas daqueles equipos érano á forza, porque alguén se tiña que poñer e máis nada: non sabían desviar un disparo sinxelo de media ou longa distancia. Moitos goles entraban en globo desde o medio da cancha ou arredores. E moitas veces llelo quixen explicar ós meus compañeiros. Nunca me escoitaron. Non miraban para min cando lles falaba, e non era raro que entretanto discutiran a media voz entre eles coma se tal cousa. 
Non era que eu lles caera mal, non. Simplemente, non lles caía. Eu era só aquel fulano que viña sen que ninguén o chamara. Se o que dicía eu o dixera outro dos do grupo, consideraríano. En Lugo, e talvez en Galicia, en xeral, é moi frecuente valorar non tanto o que se di ou aconsella coma quen o di ou aconsella. 
O meu equipo ficou dos últimos clasificados, seca ofensiva e peneira defensiva. Non direi máis. Pero enténdese, ou?

luns, 26 de maio de 2014

Onde foron tódolos Jeff Costellos?

Foto: theinvisibleagent.wordpress.com
Jeff Costello era a soidade personificada. Todo ó seu redor irradiaba esa amargura inexorable. Non foi a única manifestación cinematográfica de tal evidencia vital, mais si a que mellor lembro, malia non ser memorable no sentido máis purista da palabra.
Probablemente houbo moitos Jeff Costellos, e aínda haberá uns poucos. Mais teño a impresión de que esa actitude hoxe non é tendencia. Suponse que algunha xente está moi soa, por iso fica permanentemente conectada ó whatsapp e ás redes sociais. O que eu vexo é algo distinto: que esa xente non o está, ou non tanto, mais sente un pánico cerval a estalo, e é por iso polo que non ceiba o smartphone.
Estar sempre acompañado, malia que sexa no ciberespacio, é máis ou menos doado. Compaña que sabe a plástico tamén e compaña, igual que o camiño pedregoso tamén é camiño. O que non é tan fácil, ou cando menos non mo parece a min, é estar só e non ter medo a estalo. Non entendo a soidade coma algo co que (e no que) gozar, nin pretendo glorificala. Falo desa aceptación, fatalista se se quere. "E non preciso de ninguén / Porque aprendín a estar só". Este fragmento dunha canción de Tom Waits soa hoxe falso, ou remoto como pouco, incrible en todo caso. Tan fóra de sitio como resultaría Jeff Costello: home grande entre nenos de mandilón.

martes, 20 de maio de 2014

O noso home en Noia

Foto: Michael Drummond

Dúas horas longas de camiño por estradas ruíns e un cativo tramo de autovía dan para cavilar en moitas cousas. Desde antes de Guntín, ía eu cavilando en como sería facer aquela viaxe no século XI a tombos enriba dun cabalo, se aínda mil anos despois a bordo dun utilitario me resultaba un tormento estomacal, suando frío ó calor de forno dun 17 de maio típico de cambio climático. A cousa mellorou algo pouco antes de chegar a Santiago, logo de trousar os restos do xantar do día na beiravía dunha comarcal con curvas dabondo para debuxar as figuras de 2000 Beyoncés.
En Noia case tódalas rúas semellan de arrabalde: vaia por onde vaia, ten un a sensación de estar a se afastar cara o monte. Polo demais, é lugar fermoso e impoluto, unha desas vilas antes mariñeiras que parece empezar a vivir de verdade a partir desta época de terrazas e praia. Procurei unha cafetería con pantalla grande nada máis botar pé fóra do coche e mirei a segunda metade do Barcelona-Atlético de Madrid que decidía o campionato de Liga. Tampouco me daba o tempo para moito máis. Naquel sitio cobrei unha vez máis conciencia do meu lugar na literatura galega. É doado de deducir, se Antón Riveiro Coello está dúas mesas máis aló e non te recoñece.
O Liceo de Noia non parece un liceo. Eu, que sigo apegado a estereotipos para algunhas cousas, agardaba atopar un edificio da primeira metade do século pasado con salas forradas de paneis de madeira labrada. No sitio diso, vin desde a beirarrúa algo con estética de pequeno centro comercial. A entrega do premio de relato que leva o seu nome era no salón de actos. Falando cos membros do xurado, un deles o propio Antón Riveiro Coello, confirmáronme o que xa percibira nos seus ollares cansos: que o seu día fora frenético. Procurei exercer de poli bo, dándolle un pouco ó peteiro coma se de verdade fora eu un escritor deses, porque Tito Pérez, o outro gañador, exercía de poli malo: para o caso, calado e mesurado. Apreciei o detalle de que tamén el acudira sen compaña e sen roupa nova: para min, ser capaz de disociar o elemento entrega de premio do elemento Reunión Importante de familiares orgullosos indica un certo grao de madurez e lucidez.
Non entendín por que o director da coral do liceo enumeraba con aparente ton de desculpa as cancións que interpretarían, dúas antes da entrega, dúas despois, unha delas un poema de Díaz Castro musicado, por certo. A min non me aburriron nada, se ese era o problema.
Nin Tito nin eu tiñamos intención de falar nada ó recibir as nosas figuras de cerámica. Eu estiven a botarme atrás do dito, para lembrarme dos non premiados e, máis aínda, dos que adoitan perder, porque coñezo moi ben a sensación. Non o fixen, pero aí queda.
Nota final 1: A coral rematou cantando o himno galego. Escoiteino de pé canda os demais, con (creo) verdadeiro aire marcial.
Nota final 2: O único que me decepcionou da vila foi a cor cinsenta do mar. Se un é de interior e os seus hábitos viaxeiros son os un home do Medievo, agradecería polo menos unha tonalidade turquesa.

mércores, 14 de maio de 2014

Farrapos

Foto: George Hodan

Dixéronlle que así non podía aparecer. Que alí habería xente importante, e tamén fotógrafos que lle habían facer fotos que sairían na prensa. Que todo o mundo había levar gravata, e que non podía aparecer alí, á vista de todos, coa roupa raída, con aquela chaqueta tan fea brillando de tan gastada, cos pantalóns rachados pola entreperna e coas rachadelas tapadas con retallos cosidos, co coiro dos zapatos gretado... Non podía ser, non. Había que ter un pouco de vergonza e non andar dando que falar ó mundo. Que ata sería unha falta de respecto para esa xente que se vestira ben, con peiteados relucintes e cores vivas. Que pensarían eles? Que pensarían todos os que o viran?
Mais el negouse. Aínda que poidera mercar roupa nova (que non podía), non o había facer. Iría alí coa de sempre, coa de tódolos días. Non era por dar a ninguén nos nefres. Non era por ir de rebelde conformista. Era algo que podía ser unha falta de respecto, se alguén decidía interpretalo así, mais tamén un xesto de sinceridade: presentaríase diante de todos cos seus farrapos, todo o que tiña, todo o que era.

xoves, 8 de maio de 2014

A distinción vixiada

Foto: Peter Griffin

Unha tarde de verán, a 30 graos, subía eu por unha ruela curva que comunica a praza de Augas Férreas coa Avenida de Madrid. Con tempo semellante, case ninguén vestiría unha camisa de franela estilo Kurt Cobain por enriba dunha camisola negra desas sen mangas, que deixan o brazo enteiro espido. Agás eu. Por se fora pouco, viñera atravesando a cidade a pé, que viñan ser uns 45 minutos de camiñada ó sol sen máis pausa que os semáforos en vermello para o peón. Estaba coma se me lambera unha granxa enteira de vacas, coa roupa apegada á pel e os ollos a proer lixeiramente por mor do suor que superara a barreira das cellas. A falta dunha lagoa á que chimparme de cabeza, non se me ocorreu máis ca quitar a camisa. Apenas un segundo despois de telo feito, da terraza traseira da cafetería Cook chegoume un berro burlón con voz feminina e xuvenil: "Guapoooo!". Non podía referirse a ninguén máis, eu era o único na rúa. Eu era o "guapo" do que falaba aquel berro coma un tiro.
O sucedido antollóuseme un tanto fantástico. Foi coma se aquela moza, probable paiola bebedora de cócteles de garrafón e formada na universidade da MTV, estivera todo aquel tempo a agardar que eu, segundo o seu xuízo, decidira intentar pasar por rebelde conformista de ximnasio con estética de catálogo de moda xuvenil. Non me estrañou que acontecera, senón como aconteceu. Sorprendeume a inmediatez do feito. Fíxome pensar que o Grande Irmán era algo máis ca un libro de Orwell e unha merda de programa televisivo.

luns, 5 de maio de 2014

A cidade dos milagres

 
Foto: Junior Libby

Hai once ou doce anos, frecuentaba eu unha tenda de discos da Avenida da Coruña, hoxe inexistente (coma case todas as que había). Era un cubículo duns catro metros por tres ateigado do chan ó teito, de parede a parede, de cedés e algúns vinilos. Case non se daba un movido, pero mercaba alí porque podía escoitar o disco antes de decidir (apenas usaba a internet daquela) e, sobre todo, porque a dependenta me toleraba. Iso, nunha cidade coma Lugo, onde o tempo se estalica coma a goma de mascar e case non hai nunca nada que facer, é ouro. A moza era das que se levan ben con todo o mundo, tamén, cunha cordialidade crible, a diferenza desoutra de centro comercial. Alí non eras amigo, e tampouco un simple cliente. Un día, coido que me fixo algún agasallo (non sei se non me deixaría levar un disco por menos do que valía) e eu, agradecínllo cun bico na meixela. Eu era extremadamente introvertido con todo o mundo, decontado arroibaba por vergonza moitas veces inxustificada. Tal me sucedeu naquel momento. No mesmo día non pensaría moito no acontecido; si, en cambio, nos seguintes. Á vindeira vez que me deixei caer polo local, pregunteille á moza, con reparo, se non crería que aquel bico absolutamente inocente agochaba o toque do sátiro. Ela riu e negou con serenidade.
Porque iso era, unha parvada. Pois por que me tomei a precaución de comprobalo? Porque xa levaba vividos uns poucos malentendidos estúpidos naqueles meus vintepoucos anos de vida lucense. Aquí hai moitas persoas rexidas por un xeito de razoar particular, por veces a rentes do absurdo. Lembro ter ido polo Camiño Real camiñando detrás dunha muller que volvía insistentemente a cabeza, a vixiarme con mal disimulo cunha ollada de besta rebrincada, sen deixar de acelerar o paso. A min tomábame a risa: se fora violador e con medio cerebro, o último que faría sería procurar as miñas vítimas nunha rúa case céntrica, ás catro dunha tarde de verán, rodeado de ducias de testemuñas. Mais ela semellaba non estar a ben coa lóxica e practicamente corría coas súas curtas pernas. Eu tiven que valerme da longa alancada das miñas para adiantarlle pola dereita e (quixen crer) escorrentarlle así o medo.
Outra vez, unha noite, estando cunha moza que moito me intrigaba porque era a viva imaxe do ensimesmamento feisbuquiano, púxenme de brincadeira. Imitei, bastante mal por certo, a alguén tan terriblemente pechado como ela era, cun toque apoucado/indeciso. Aparte de porque ás veces son algo trasno nihilista, ou desa clase de persoas que nunca fan o que se agarda que fagan, pretendía examinar a súa reacción, por ver se sangraba cando a picaban ou ría se lle facían cóxegas. O resultado foi que ela coidou que de verdade lle estaba a facer as beiras. Custoume crelo, por mor da miña pobre actuación, e con todo disque así foi. A vindeira vez que, aínda curioso respecto ó seu illamento aparente, quixen tomar con ela un café, paroume os pés moi finamente, non coma se fora eu o tipo aquel que foi agardar a Sara Casasnovas armado cunha bésta á saída dun teatro, pero por aí.
É que esta é unha cidade especial. Moitos dos que nela viven semellan convencidos de que o máis inverosímil, os meirandes disparates, son perfectamente posibles. Xente extraordinaria, e non a do anuncio aquel do manicomio arxentino.

xoves, 1 de maio de 2014

O camiño do monte

Foto: George Hodan

En máis dunha das (para o meu gusto demasiadas, tanto polo frustrante coma polo humillante destes trámites) entrevistas laborais ás que tiven que someterme a partires dos 18 fun inquirido acerca da miña predisposición real ó traballo; é dicir, preguntóuseme se viña alí para traballar ou para rañar no carallo. Tal vez o entrevistador me atopou pasivo, falto de interese. É o risco que un corre se en tal situación se conduce con tranquilidade e fala con concisión e claridade e pregunta pouco porque a súa mediana intelixencia lle da para facerse unha idea do asunto. Se non se cae no exceso, polo menos en Lugo, un é automaticamente sospeitoso de abulia e mesmo de estupidez.
Vén isto a conto de que se ten sabido que o home da conselleira de Sanidade da Xunta, o señor Bustamante, respondeu á pregunta dun tribunal de avaliación para un ascenso de como convencería a un MIR (médico aínda inexperto) para se vir formar a Santiago da seguinte maneira: "As cuncas [supoñía o xornalista de El País que de viño] son boas". Á outra pregunta, non lembro cal, a resposta foi que collería unha ametralladora. Recibiu por ámbalas dúas réplicas 0,60 puntos máis có seu competidor, quen, deduzo por eliminación, debeu facer apoloxía do terrorismo máis grave cá de certos tuiteiros ou (o máis probable) responder con sentido e intelixencia.
Velaí o que me toca o carallo (no que non raño, por certo): se cadra todo era máis doado. Se cadra compliquei a miña vida sen razón tratando de resultar cabal, cando a resposta estaba na vía silvestre. No camiño do monte.

domingo, 27 de abril de 2014

Influencia

Foto: Виталий Смолыгин

Hai pouco, cando as revoltas en Ucraína e Venezuela estaban de moda nas redes sociais, o meu TL enchíase de tuits denunciadores, con frecuencia con imaxe. No caso de Ucraína, adoitaban retratar con ironía ós valedores da liberdade: rebeldes enloitados e encarapuchados armados de estaca e escudo. No de Venezuela, o que se reprochaba era a suposta manipulación por parte de medios afíns á oposición á hora de falar da suposta violencia coa que a policía reprimía as manifestacións contra o goberno.
Nunca coidei atopar un nexo entre ámbolos dous temas alí, pero si. Resulta que recibín un día un tuit, retuiteado varias veces, no que se amosaba a suposta captura dunha web de noticias. Informábase sobre a excesiva contundencia da policía chavista. O artigo viña ilustrado por unha fotografía de varios gardas vestidos con grosos abrigos e gorros con forro de pel. Tal vestimenta é, obviamente, moito máis propia dun país báltico ca dun caribeño. E niso se baseaba o autor do tuit para falar de manipulación informativa, naturalmente. Semellaba convencer; as respostas recibidas eran entusiastas. Polo visto, a estes internautas pasáballes desapercibido o doble detalle de que nin se achegaba URL ningunha para verificar que tal páxina existía, e de que, aínda que existira cunha fotografía verídica, esta última podería ser doadamente substituída por outra falsa logo de tomar unha captura.
Pero non é isto o que máis me interesa do asunto, non, senón a figura do "activista" responsable desta presumible argallada. Á vista daquel tuit, imaxinei alguén, un máis na rúa, estudante ou desempregado ou administrativo ou o que fora, con aspecto de hipster ou de domingueiro, fumando un chino ou rillando nunha Mars, tecendo con coidado o engano, confeccionando a falsa proba a golpe de Photoshop, accedendo á rede cunha mestura de carraxe e astucia pintada na faciana que se tornaría en alivio de urinario logo de enviar a mensaxe envelenada e detectar un indicio (ó seu entender suficiente) da súa influencia sobre o curso do mundo. Esa sería a imaxe que mellor falaría de todas.

martes, 22 de abril de 2014

O tempo da esaxeración

 
Foto: Peter Griffin


Lin hoxe no xornal un artigo acerca do defunto Gabriel García Márquez. A súa autora loaba a súa obra de vinte maneiras, algo previsible e comprensible. O que me chamou a atención foi algo que deixou caer, coma descoidadamente, ó comezo: que habería quen "se erixiría en crítico de a patacón" para sinalar defectos na súa obra que dificultarían a súa lectura. Para ser exacto, o que me deu que pensar foi o intuido ton devoto co que o dicía. É unha impresión e máis nada, pero pareceume que entendía que o escrito por tal escritor carecía de defectos. Ou que, como moito, estes se limitaban ás grallas dos manuscritos orixinais. Coma se a simple insinuación do contrario fora, se non unha maledicencia, polo menos un disparate.
É un dos moitos exemplos de desmesura que un pode atopar cada día por aquí. Non sei se cómpre aclarar que, coma lector e escritor, non lembro ter lido nin escrito nunca nada libre de defecto. Non sei que pode ser un escritor que nunca se trabuca. Un deus non porque, de atender ás mitoloxías, mesmo eles caen no erro. Por eliminación, apunto cara o descoñecido: tal vez o día que naceu ese home houbo en Aracataca un avistamento OVNI non comunicado.
Eu entendo a esaxeración coma unha forma máis de sentido do humor, e coma tal a emprego ás veces. Porque, sospeito, quen esaxera desde a solemnidade está moi preto de atarse unha bomba ó cinto.
Non, señor. Non ó tempo da esaxeración.