martes, 29 de xullo de 2014

A vida nun barrio popular

Foto: Daniele Pellati
Ultimamente vou de cando en vez pola Tinería. Supoño que algunhas guías de viaxe a definirían coma “barrio popular”, expresión sempre ambigua. Para quen non o saiba, a Tinería foi o barrio das putas da cidade de Lugo.
A razón que me leva a este lugar é visitar uns coñecidos que abriron hai pouco unha mestura de ultramarinos, tenda de produtos ecolóxicos e arte no Recanto do Miño. É raro que nun lugar semellante poida haber algo chamado La Alacena, pero así é. A casa que alberga o negocio, que tivo como últimos inquilinos a varios funcionarios da Xunta, fora no seu tempo un prostíbulo de certa sona. Cando mo dixeron, non puiden evitar unha ollada sorprendida en derredor, porque é o que se di unha caixa de mistos. Quixen imaxinar como sería unha esmorga en tan escasos metros cadrados e só puiden evocar o cheiro a suor e o tacto da carne húmida. A miña reticencia de sempre ó sexo de pago acrecentouse automaticamente.
Adoitamos conversar no baixo da casa, desde a porta espalancada. A actividade da praciña ó sol pásanos toda por diante dos ollos. Os turistas algo aqueloutrados que soben desde a Porta Miñá non teñen razón para tal actitude, pois non hai xente “problemática”, a diferenza do que poida pensarse nunha zona desprovista (quitada a tenda dos meus coñecidos e o pub Diablo, só para noctámbulos) doutro comercio que non sexa o das poucas prostitutas que fican tripando nas súas pedras. De feito, e polo que levo visto, case nunca acontece nada. Iso é o desconcertante: as vidas desa xente semellan ser, nunha alta porcentaxe, inactividade. As das mulleres non tanto: teñen que traballar co seu corpo. Os homes, todos de mediana idade mínimo, si que son pouco máis ca estatuas lenemente animadas. Se non fora porque é bastante obvio que ignoran o budismo ou lles importa un carallo, pasarían por mestres zen. Algúns, malia todo, desmenten ese aire abúlico bradándose incoherencias uns ós outros, ou ben a esas eslavas taciturnas e latinoamericanas rechamantes que de seguro supoñen a razón esencial da súa presenza desleixada nos portais. Case todos teñen o aspecto característico daqueles homes de antes de escarvadentes e camisa de manga curta que, unha vez abandonados pola muller, xa non volvían afeitarse nin vestir roupa limpa.
Faise insólita a existencia de individuos así. Desde a soleira, un pregúntase onde se meterán, que é o que farán, como vivirán cando non están aí, sentados á sombra, baduando obscenidades coma se para eles non existira máis nada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario