martes, 20 de maio de 2014

O noso home en Noia

Foto: Michael Drummond

Dúas horas longas de camiño por estradas ruíns e un cativo tramo de autovía dan para cavilar en moitas cousas. Desde antes de Guntín, ía eu cavilando en como sería facer aquela viaxe no século XI a tombos enriba dun cabalo, se aínda mil anos despois a bordo dun utilitario me resultaba un tormento estomacal, suando frío ó calor de forno dun 17 de maio típico de cambio climático. A cousa mellorou algo pouco antes de chegar a Santiago, logo de trousar os restos do xantar do día na beiravía dunha comarcal con curvas dabondo para debuxar as figuras de 2000 Beyoncés.
En Noia case tódalas rúas semellan de arrabalde: vaia por onde vaia, ten un a sensación de estar a se afastar cara o monte. Polo demais, é lugar fermoso e impoluto, unha desas vilas antes mariñeiras que parece empezar a vivir de verdade a partir desta época de terrazas e praia. Procurei unha cafetería con pantalla grande nada máis botar pé fóra do coche e mirei a segunda metade do Barcelona-Atlético de Madrid que decidía o campionato de Liga. Tampouco me daba o tempo para moito máis. Naquel sitio cobrei unha vez máis conciencia do meu lugar na literatura galega. É doado de deducir, se Antón Riveiro Coello está dúas mesas máis aló e non te recoñece.
O Liceo de Noia non parece un liceo. Eu, que sigo apegado a estereotipos para algunhas cousas, agardaba atopar un edificio da primeira metade do século pasado con salas forradas de paneis de madeira labrada. No sitio diso, vin desde a beirarrúa algo con estética de pequeno centro comercial. A entrega do premio de relato que leva o seu nome era no salón de actos. Falando cos membros do xurado, un deles o propio Antón Riveiro Coello, confirmáronme o que xa percibira nos seus ollares cansos: que o seu día fora frenético. Procurei exercer de poli bo, dándolle un pouco ó peteiro coma se de verdade fora eu un escritor deses, porque Tito Pérez, o outro gañador, exercía de poli malo: para o caso, calado e mesurado. Apreciei o detalle de que tamén el acudira sen compaña e sen roupa nova: para min, ser capaz de disociar o elemento entrega de premio do elemento Reunión Importante de familiares orgullosos indica un certo grao de madurez e lucidez.
Non entendín por que o director da coral do liceo enumeraba con aparente ton de desculpa as cancións que interpretarían, dúas antes da entrega, dúas despois, unha delas un poema de Díaz Castro musicado, por certo. A min non me aburriron nada, se ese era o problema.
Nin Tito nin eu tiñamos intención de falar nada ó recibir as nosas figuras de cerámica. Eu estiven a botarme atrás do dito, para lembrarme dos non premiados e, máis aínda, dos que adoitan perder, porque coñezo moi ben a sensación. Non o fixen, pero aí queda.
Nota final 1: A coral rematou cantando o himno galego. Escoiteino de pé canda os demais, con (creo) verdadeiro aire marcial.
Nota final 2: O único que me decepcionou da vila foi a cor cinsenta do mar. Se un é de interior e os seus hábitos viaxeiros son os un home do Medievo, agradecería polo menos unha tonalidade turquesa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario