martes, 20 de maio de 2014

O noso home en Noia

Foto: Michael Drummond

Dúas horas longas de camiño por estradas ruíns e un cativo tramo de autovía dan para cavilar en moitas cousas. Desde antes de Guntín, ía eu cavilando en como sería facer aquela viaxe no século XI a tombos enriba dun cabalo, se aínda mil anos despois a bordo dun utilitario me resultaba un tormento estomacal, suando frío ó calor de forno dun 17 de maio típico de cambio climático. A cousa mellorou algo pouco antes de chegar a Santiago, logo de trousar os restos do xantar do día na beiravía dunha comarcal con curvas dabondo para debuxar as figuras de 2000 Beyoncés.
En Noia case tódalas rúas semellan de arrabalde: vaia por onde vaia, ten un a sensación de estar a se afastar cara o monte. Polo demais, é lugar fermoso e impoluto, unha desas vilas antes mariñeiras que parece empezar a vivir de verdade a partir desta época de terrazas e praia. Procurei unha cafetería con pantalla grande nada máis botar pé fóra do coche e mirei a segunda metade do Barcelona-Atlético de Madrid que decidía o campionato de Liga. Tampouco me daba o tempo para moito máis. Naquel sitio cobrei unha vez máis conciencia do meu lugar na literatura galega. É doado de deducir, se Antón Riveiro Coello está dúas mesas máis aló e non te recoñece.
O Liceo de Noia non parece un liceo. Eu, que sigo apegado a estereotipos para algunhas cousas, agardaba atopar un edificio da primeira metade do século pasado con salas forradas de paneis de madeira labrada. No sitio diso, vin desde a beirarrúa algo con estética de pequeno centro comercial. A entrega do premio de relato que leva o seu nome era no salón de actos. Falando cos membros do xurado, un deles o propio Antón Riveiro Coello, confirmáronme o que xa percibira nos seus ollares cansos: que o seu día fora frenético. Procurei exercer de poli bo, dándolle un pouco ó peteiro coma se de verdade fora eu un escritor deses, porque Tito Pérez, o outro gañador, exercía de poli malo: para o caso, calado e mesurado. Apreciei o detalle de que tamén el acudira sen compaña e sen roupa nova: para min, ser capaz de disociar o elemento entrega de premio do elemento Reunión Importante de familiares orgullosos indica un certo grao de madurez e lucidez.
Non entendín por que o director da coral do liceo enumeraba con aparente ton de desculpa as cancións que interpretarían, dúas antes da entrega, dúas despois, unha delas un poema de Díaz Castro musicado, por certo. A min non me aburriron nada, se ese era o problema.
Nin Tito nin eu tiñamos intención de falar nada ó recibir as nosas figuras de cerámica. Eu estiven a botarme atrás do dito, para lembrarme dos non premiados e, máis aínda, dos que adoitan perder, porque coñezo moi ben a sensación. Non o fixen, pero aí queda.
Nota final 1: A coral rematou cantando o himno galego. Escoiteino de pé canda os demais, con (creo) verdadeiro aire marcial.
Nota final 2: O único que me decepcionou da vila foi a cor cinsenta do mar. Se un é de interior e os seus hábitos viaxeiros son os un home do Medievo, agradecería polo menos unha tonalidade turquesa.

mércores, 14 de maio de 2014

Farrapos

Foto: George Hodan

Dixéronlle que así non podía aparecer. Que alí habería xente importante, e tamén fotógrafos que lle habían facer fotos que sairían na prensa. Que todo o mundo había levar gravata, e que non podía aparecer alí, á vista de todos, coa roupa raída, con aquela chaqueta tan fea brillando de tan gastada, cos pantalóns rachados pola entreperna e coas rachadelas tapadas con retallos cosidos, co coiro dos zapatos gretado... Non podía ser, non. Había que ter un pouco de vergonza e non andar dando que falar ó mundo. Que ata sería unha falta de respecto para esa xente que se vestira ben, con peiteados relucintes e cores vivas. Que pensarían eles? Que pensarían todos os que o viran?
Mais el negouse. Aínda que poidera mercar roupa nova (que non podía), non o había facer. Iría alí coa de sempre, coa de tódolos días. Non era por dar a ninguén nos nefres. Non era por ir de rebelde conformista. Era algo que podía ser unha falta de respecto, se alguén decidía interpretalo así, mais tamén un xesto de sinceridade: presentaríase diante de todos cos seus farrapos, todo o que tiña, todo o que era.

xoves, 8 de maio de 2014

A distinción vixiada

Foto: Peter Griffin

Unha tarde de verán, a 30 graos, subía eu por unha ruela curva que comunica a praza de Augas Férreas coa Avenida de Madrid. Con tempo semellante, case ninguén vestiría unha camisa de franela estilo Kurt Cobain por enriba dunha camisola negra desas sen mangas, que deixan o brazo enteiro espido. Agás eu. Por se fora pouco, viñera atravesando a cidade a pé, que viñan ser uns 45 minutos de camiñada ó sol sen máis pausa que os semáforos en vermello para o peón. Estaba coma se me lambera unha granxa enteira de vacas, coa roupa apegada á pel e os ollos a proer lixeiramente por mor do suor que superara a barreira das cellas. A falta dunha lagoa á que chimparme de cabeza, non se me ocorreu máis ca quitar a camisa. Apenas un segundo despois de telo feito, da terraza traseira da cafetería Cook chegoume un berro burlón con voz feminina e xuvenil: "Guapoooo!". Non podía referirse a ninguén máis, eu era o único na rúa. Eu era o "guapo" do que falaba aquel berro coma un tiro.
O sucedido antollóuseme un tanto fantástico. Foi coma se aquela moza, probable paiola bebedora de cócteles de garrafón e formada na universidade da MTV, estivera todo aquel tempo a agardar que eu, segundo o seu xuízo, decidira intentar pasar por rebelde conformista de ximnasio con estética de catálogo de moda xuvenil. Non me estrañou que acontecera, senón como aconteceu. Sorprendeume a inmediatez do feito. Fíxome pensar que o Grande Irmán era algo máis ca un libro de Orwell e unha merda de programa televisivo.

luns, 5 de maio de 2014

A cidade dos milagres

 
Foto: Junior Libby

Hai once ou doce anos, frecuentaba eu unha tenda de discos da Avenida da Coruña, hoxe inexistente (coma case todas as que había). Era un cubículo duns catro metros por tres ateigado do chan ó teito, de parede a parede, de cedés e algúns vinilos. Case non se daba un movido, pero mercaba alí porque podía escoitar o disco antes de decidir (apenas usaba a internet daquela) e, sobre todo, porque a dependenta me toleraba. Iso, nunha cidade coma Lugo, onde o tempo se estalica coma a goma de mascar e case non hai nunca nada que facer, é ouro. A moza era das que se levan ben con todo o mundo, tamén, cunha cordialidade crible, a diferenza desoutra de centro comercial. Alí non eras amigo, e tampouco un simple cliente. Un día, coido que me fixo algún agasallo (non sei se non me deixaría levar un disco por menos do que valía) e eu, agradecínllo cun bico na meixela. Eu era extremadamente introvertido con todo o mundo, decontado arroibaba por vergonza moitas veces inxustificada. Tal me sucedeu naquel momento. No mesmo día non pensaría moito no acontecido; si, en cambio, nos seguintes. Á vindeira vez que me deixei caer polo local, pregunteille á moza, con reparo, se non crería que aquel bico absolutamente inocente agochaba o toque do sátiro. Ela riu e negou con serenidade.
Porque iso era, unha parvada. Pois por que me tomei a precaución de comprobalo? Porque xa levaba vividos uns poucos malentendidos estúpidos naqueles meus vintepoucos anos de vida lucense. Aquí hai moitas persoas rexidas por un xeito de razoar particular, por veces a rentes do absurdo. Lembro ter ido polo Camiño Real camiñando detrás dunha muller que volvía insistentemente a cabeza, a vixiarme con mal disimulo cunha ollada de besta rebrincada, sen deixar de acelerar o paso. A min tomábame a risa: se fora violador e con medio cerebro, o último que faría sería procurar as miñas vítimas nunha rúa case céntrica, ás catro dunha tarde de verán, rodeado de ducias de testemuñas. Mais ela semellaba non estar a ben coa lóxica e practicamente corría coas súas curtas pernas. Eu tiven que valerme da longa alancada das miñas para adiantarlle pola dereita e (quixen crer) escorrentarlle así o medo.
Outra vez, unha noite, estando cunha moza que moito me intrigaba porque era a viva imaxe do ensimesmamento feisbuquiano, púxenme de brincadeira. Imitei, bastante mal por certo, a alguén tan terriblemente pechado como ela era, cun toque apoucado/indeciso. Aparte de porque ás veces son algo trasno nihilista, ou desa clase de persoas que nunca fan o que se agarda que fagan, pretendía examinar a súa reacción, por ver se sangraba cando a picaban ou ría se lle facían cóxegas. O resultado foi que ela coidou que de verdade lle estaba a facer as beiras. Custoume crelo, por mor da miña pobre actuación, e con todo disque así foi. A vindeira vez que, aínda curioso respecto ó seu illamento aparente, quixen tomar con ela un café, paroume os pés moi finamente, non coma se fora eu o tipo aquel que foi agardar a Sara Casasnovas armado cunha bésta á saída dun teatro, pero por aí.
É que esta é unha cidade especial. Moitos dos que nela viven semellan convencidos de que o máis inverosímil, os meirandes disparates, son perfectamente posibles. Xente extraordinaria, e non a do anuncio aquel do manicomio arxentino.

xoves, 1 de maio de 2014

O camiño do monte

Foto: George Hodan

En máis dunha das (para o meu gusto demasiadas, tanto polo frustrante coma polo humillante destes trámites) entrevistas laborais ás que tiven que someterme a partires dos 18 fun inquirido acerca da miña predisposición real ó traballo; é dicir, preguntóuseme se viña alí para traballar ou para rañar no carallo. Tal vez o entrevistador me atopou pasivo, falto de interese. É o risco que un corre se en tal situación se conduce con tranquilidade e fala con concisión e claridade e pregunta pouco porque a súa mediana intelixencia lle da para facerse unha idea do asunto. Se non se cae no exceso, polo menos en Lugo, un é automaticamente sospeitoso de abulia e mesmo de estupidez.
Vén isto a conto de que se ten sabido que o home da conselleira de Sanidade da Xunta, o señor Bustamante, respondeu á pregunta dun tribunal de avaliación para un ascenso de como convencería a un MIR (médico aínda inexperto) para se vir formar a Santiago da seguinte maneira: "As cuncas [supoñía o xornalista de El País que de viño] son boas". Á outra pregunta, non lembro cal, a resposta foi que collería unha ametralladora. Recibiu por ámbalas dúas réplicas 0,60 puntos máis có seu competidor, quen, deduzo por eliminación, debeu facer apoloxía do terrorismo máis grave cá de certos tuiteiros ou (o máis probable) responder con sentido e intelixencia.
Velaí o que me toca o carallo (no que non raño, por certo): se cadra todo era máis doado. Se cadra compliquei a miña vida sen razón tratando de resultar cabal, cando a resposta estaba na vía silvestre. No camiño do monte.

domingo, 27 de abril de 2014

Influencia

Foto: Виталий Смолыгин

Hai pouco, cando as revoltas en Ucraína e Venezuela estaban de moda nas redes sociais, o meu TL enchíase de tuits denunciadores, con frecuencia con imaxe. No caso de Ucraína, adoitaban retratar con ironía ós valedores da liberdade: rebeldes enloitados e encarapuchados armados de estaca e escudo. No de Venezuela, o que se reprochaba era a suposta manipulación por parte de medios afíns á oposición á hora de falar da suposta violencia coa que a policía reprimía as manifestacións contra o goberno.
Nunca coidei atopar un nexo entre ámbolos dous temas alí, pero si. Resulta que recibín un día un tuit, retuiteado varias veces, no que se amosaba a suposta captura dunha web de noticias. Informábase sobre a excesiva contundencia da policía chavista. O artigo viña ilustrado por unha fotografía de varios gardas vestidos con grosos abrigos e gorros con forro de pel. Tal vestimenta é, obviamente, moito máis propia dun país báltico ca dun caribeño. E niso se baseaba o autor do tuit para falar de manipulación informativa, naturalmente. Semellaba convencer; as respostas recibidas eran entusiastas. Polo visto, a estes internautas pasáballes desapercibido o doble detalle de que nin se achegaba URL ningunha para verificar que tal páxina existía, e de que, aínda que existira cunha fotografía verídica, esta última podería ser doadamente substituída por outra falsa logo de tomar unha captura.
Pero non é isto o que máis me interesa do asunto, non, senón a figura do "activista" responsable desta presumible argallada. Á vista daquel tuit, imaxinei alguén, un máis na rúa, estudante ou desempregado ou administrativo ou o que fora, con aspecto de hipster ou de domingueiro, fumando un chino ou rillando nunha Mars, tecendo con coidado o engano, confeccionando a falsa proba a golpe de Photoshop, accedendo á rede cunha mestura de carraxe e astucia pintada na faciana que se tornaría en alivio de urinario logo de enviar a mensaxe envelenada e detectar un indicio (ó seu entender suficiente) da súa influencia sobre o curso do mundo. Esa sería a imaxe que mellor falaría de todas.

martes, 22 de abril de 2014

O tempo da esaxeración

 
Foto: Peter Griffin


Lin hoxe no xornal un artigo acerca do defunto Gabriel García Márquez. A súa autora loaba a súa obra de vinte maneiras, algo previsible e comprensible. O que me chamou a atención foi algo que deixou caer, coma descoidadamente, ó comezo: que habería quen "se erixiría en crítico de a patacón" para sinalar defectos na súa obra que dificultarían a súa lectura. Para ser exacto, o que me deu que pensar foi o intuido ton devoto co que o dicía. É unha impresión e máis nada, pero pareceume que entendía que o escrito por tal escritor carecía de defectos. Ou que, como moito, estes se limitaban ás grallas dos manuscritos orixinais. Coma se a simple insinuación do contrario fora, se non unha maledicencia, polo menos un disparate.
É un dos moitos exemplos de desmesura que un pode atopar cada día por aquí. Non sei se cómpre aclarar que, coma lector e escritor, non lembro ter lido nin escrito nunca nada libre de defecto. Non sei que pode ser un escritor que nunca se trabuca. Un deus non porque, de atender ás mitoloxías, mesmo eles caen no erro. Por eliminación, apunto cara o descoñecido: tal vez o día que naceu ese home houbo en Aracataca un avistamento OVNI non comunicado.
Eu entendo a esaxeración coma unha forma máis de sentido do humor, e coma tal a emprego ás veces. Porque, sospeito, quen esaxera desde a solemnidade está moi preto de atarse unha bomba ó cinto.
Non, señor. Non ó tempo da esaxeración.

luns, 14 de abril de 2014

A única medida posible

Foto: George Hodan

Na mañá de verán, o home vestido de liño branco e mocasíns flexibles senta á sombra dunha parra na súa finca. Terá uns sesenta e cinco anos e todo o cabelo tan branco coma o das súas roupas folgadas; aínda o do peito. Os seus acenos denotan o máis distante da urxencia. Está de vacacións. Durante o resto do ano é “conselleiro sénior” nunha empresa do sector enerxético. Vai polo seu despacho un par de días á semana, un par de horas cada día, e mata o tempo tomando café con vellos e novos coñecidos. Non é que sexa un traballo ficticio, coidado: este home emprega como ferramenta principal unha axenda de contactos.

Mais iso será a partires de setembro. Agora almorza a bocados pausados e pequenos grolos de zume de laranxa. Non acelera o ritmo cando lle anuncian a chegada do xornalista. Dese xeito, a visita sorpréndeo remoendo con preguiza nun par de uvas tintas máis grandes ca landras. Érguese amodo, estréitalle a man cun sorriso afable e comezan a falar. Ben, falar, fala el sobre todo. Fai valer anos de clases de oratoria. Firme e ó tempo cordial, comenta que perdeu moito do seu gusto de toda a vida por facer longas viaxes en tren, que está a aproveitar este tempo gañado para darlle un repaso á súa biblioteca de filosofía e que a distancia devén imprescindible para un home a certa idade. O xornalista anda ben máis apurado cá el, que cede ó cabo. É comprensible que haxa quen non garde de min un bo recordo, pero as épocas convulsas nunca dan gobernantes admirados. Arrepentido? De que? Ó contrario: a conciencia está moi tranquila. Estou moi orgulloso do papel que tiven que xogar. A política é ben máis complexa do que á cidadanía indignada poida parecerlle; sempre implicará moitos sacrificios. Non, quiteime de opinar sobre ese tipo de actitudes populistas como me quitei do tabaco; se mo preguntara hai quince anos, pode, pero hoxe... O xornalista formula a pregunta que non podía faltar con menos sutileza da que querería, pero xa non hai volta atrás.

-Tomouse a única medida posible.

-Pero levou vostede a cabo a maior privatización da historia do país. E a clase media estivo a rentes da desaparición durante a súa etapa na presidencia.

O home amósalle as palmas das mans.

-Tiña que facerse –di, sen brusquidade, nin altivez, nin artificio-. Naquelas circunstancias, era necesario. E así se fixo.

Calan os dous un pouco. Os ladridos dun can por alí preto sobresaltan ó xornalista.

-Mastín leonés –comenta o home-. Ata hai uns meses, non me coñecía, e iso que botou aquí toda a vida. É tan vello coma min.

mércores, 9 de abril de 2014

A vía torta

 
Foto: George Hodan

Que o alcalde de Lugo fora grabado (disque) ofrecendo traballo pola vía torta é algo que non podería sorprenderme menos, como diría un anglosaxón. Ausencia de retranca no dito coma de vitaminas nun bollicao. Non se mencionou contraprestación económica polo favor. Se damos por certo o anterior, en Lugo é o método oficial para atopar un emprego, mellor, peor ou regular e para mover, se non a maquinaria enteira, polo menos a súa parte esencial: o núcleo. Tal vía será torta noutros lugares. Aquí, é a estándar.
Dito o anterior, hai algo que ó seu partido lle debera inspirar certa esperanza: a furia coa que foi atacado o home en canto se soubo. Esa carraxe, nun entorno no que tal maneira de proceder é a habitual, indica un elevado grao de estupor perante unha diferenza. Conxecturo, e igual é moito conxecturar, que se trata de algo inconsciente: moitos dos encarraxados tolerarían coma algo natural que o fixeran outros alcaldes doutros signos políticos, pero non alguén coma el co seu. A min tampouco me estraña alá moito desde que se inventou o que hoxe se chama socialdemocracia, que non se correspondente co concepto orixinal de ideoloxía de esquerda. Pero non todo o mundo é coma un.
Esta idea, como queda dito, revela un detalle esperanzador para eles, sustentado nunha evidencia atroz. Na enésima evidencia atroz.


venres, 4 de abril de 2014

Orixe personalizada

 
Foto: Alex Grichenko

Estes días andei no Google á procura de información sobre obras premiadas en edicións anteriores dun certame ó que veño de enviar algo. Fíxeno máis ca nada para ter unha idea da súa liña. O tal certame, polas súas características distintivas, préstase moito ó clasicismo. Por iso me sorprendeu agradablemente atopar na última obra gañadora unha sorte de experimento posmodernista. Dubidaba que houbera xa lugar para estas cousas cando tanto se penaliza aquí o atrevemento literario hoxe. O malo e significativo é que a única referencia medianamente completa que dei atopado estaba na web da propia editora. Nin unha triste reseña.
Digo que a sorpresa foi agradable, mais tamén observei o asunto con escepticismo. Chegamos a unha altura na que en literatura xa é imposible inventar nada, porque está todo inventado. Calquera idea que un leve ó papel xa foi hai tempo ou estará a ser levada no mesmo momento e con lixeiras variantes alí por, como mínimo, outra persoa. Coido, daquela, que a única saída posible para evitar que un escritor vocacional remate agardando polos resultados dunha proba de oposición pasa pola suma de orixinalidade máis personalización.
Orixinalidade: non no sentido no que a autora da obra á que me refiro a interpretaba, non. Orixinalidade no seu sentido literal: retorno á orixe. Deixémonos de parvadas: non hai xénero nin tema “esgotado”. Inclusive o tumba e dálle guerracivilista-posguerrista ten algo que ofrecer, se alguén se decide a falar dereito. Hai que mentalizarse dunha puta vez: se se fai a crónica dun partido de fútbol, cómpre describir o que acontece no céspede e deixarse de ollar tanto para as bancadas.
Personalización: A orixinalidade sen máis ficaría no contrario do que é no sentido máis popular da palabra de non engadir o toque persoal. Xa hai moita xente a facelo, tanto pola internet adiante coma en papel; iso si, deixando de lado a orixinalidade. Limítanse a contar a súa vida como o farían nunha declaración perante un xuíz: como moito, con algo de humor, e sen nada de distinción nin suxestión. Imaxino que os que o fan en libro venderán moitos, pero non sei, non me acaba de chistar o método.
A obra que enviei ó certame, dito sexa de paso, era ben orixinal, case canónica, mais tamén moi persoal. Saudade ó perdedor; perdedor no seu sentido literal, non no glamuroso.

mércores, 26 de marzo de 2014

Urxencia

Foto: George Hodan

Levo moito tempo en Lugo, e cada vez me estraña máis a présa endiañada de moitos lucenses. Cando o morro dun Audi frea na metade do paso de cebra da rotonda da Ronda Norte, a centímetros das miñas pernas, antóllaseme unha escena sen sentido. Non violenta: absurda. Présas nunha cidade que se atravesa a pé nunha hora. Présas por parte de quen podería evitar a estreitura de horario erguéndose cinco minutos antes. Gañar tempo para andar escaso del logo. O si para o non.
Tamén atopo un algo de esnobismo nesta urxencia gratuíta. É querer correr cara o metro, coma en Madrid, Barcelona ou Bilbao; mais aquí non hai metro. É querer bater no cláxon encabuxados por mor do atasco quilométrico; mais aquí non hai atasco, nin quilométrico nin do outro. Si, sospeito que existe ese desexo. É querer estar alí, vivir como se vive alí, non sei se sentir como se vive alí; a min polo menos, esa clase de sentimentos non me chistan. Pero resulta que vives aquí, amiguiño. Deixándonos de lemas de supermercado, que o demo os coma, igual estaría ben aproveitar o que caeu en sorte. Mirade a paisaxe mentres poidades.

martes, 18 de marzo de 2014

Poetas e anuncios de colchóns

 
Foto: George Hodan


Paco Nieto, locutor da Cadena Ser en Lugo, falaba estes días de voces de lucenses famosos. Coma sen darlle moita importancia, deixou caer que tiña un rexistro en fío de aceiro de Manuel María facendo un anuncio de colchóns. Disque o de Outeiro de Rei acudira á emisora á procura dun posto como redactor e tivera que anunciar, con escaso entusiasmo segundo o locutor, a chegada dunha nova remesa dunha marca moi coñecida de colchóns.
Se esta anécdota apareceu nalgunha reseña biográfica sobre Manuel María, é probable que non ocupara máis dunha ou dúas liñas. Limitaríanse a dicir que foi aló e que acadou o posto ou non. Se o conseguiu, é algo que semella carecer de importancia. Desde logo, non é o que máis me interesa do asunto. No que penso é nas sensacións do poeta cando se viu obrigado a procurar traballo como redactor radiofónico (imaxino que non sería o seu oficio soñado), e sobre todo nas que lle retorcerían as entrañas ó saber que tería que consentir en algo tan decididamente vulgar coma anunciar colchóns coa euforia coa que se constata que choven billetes de 50 euros. Nada diso se conta nunca nas biografías, onde case todo, o gozado e o sufrido, o doado e o complicado, se despachan na insólita brevidade de catro palabras.

mércores, 12 de marzo de 2014

Meditación e mallas de correr

 
Foto: Lisa McCarty

Crieime nun lugar onde botaba os días de bo tempo xogando ó fútbol ou ó brilé cunha botella de plástico brando entre hortas. Non era nada bucólico: unha casa vella a menos dun quilómetro da cidade. Saudade cero: meu avó mataba ratas coma melóns coa muleta de ferro coa que corrixía daquela maneira a súa coxeira. Mais era pracenteiro cando atardecía e se mesturaban o verde e o alaranxado.
Logo de case 30 anos como urbanita indiferente percorrerrúas de edificios altos e unidos (a Avenida da Coruña é un muro desolador de case 3 quilómetros de longo), volvo procurar con frecuencia un camiño silencioso entre hortas e solares. Non é doado, aínda que pareza mentira nun lugar coma Lugo. (Nin se me ocorre procurar botellas de plástico brando na terra seca: o que marchou, marchou.) Atopeino, pero hai un problema: ou lle falta lonxitude ó camiño, ou me sobran présas a min. Nunca consigo demorarme. Debera procurar maneiras de cansar. Non hai coma ficar exhausto para forzar a tranquilidade. O malo é que as alternativas que ofrece a civilización urbana nese sentido proporcionan outro tipo de cansazo, onde non é o físico o que prima. E a meditación e as mallas de correr son algo equivalente á exaltación da rebeldía nos anuncios de moda xuvenil.

mércores, 5 de marzo de 2014

Esa forza despreocupada

Foto: Piotr Siedlecki
Onte pillei empezada El río de la muerte na Paramount Channel. Esa mesma canle repón con certa frecuencia filmes dos anos 80 do propio Michael Dudikoff, Jean-Claude Van Damme ou Chuck Norris. Hai 15 anos, un detestaba este tipo de cinema, por superficial, torpe e previsible. Hoxe segue a parecerme todo o anterior, con máis convicción aínda ó ter a miña cultura cinematográfica mudado substancialmente desde entón, non cara o sublime, si cara o máis elaborado.
Porén, non podo evitar consultar as páxinas de televisión do xornal para saber se esa noite, ás oito ou ás dez, vou ter ou non unha razón para lle abrir a fiestra á TDT.
Non é só por evasión (que tamén, e non é motivo sen peso) polo que gusto de moitas desas películas. É que ningunha coñece o adxectivo “pretensioso”. Enganan como pode enganar toda manifestación artística, mais as súas intencións son nidias. Teñen claro o seu camiño e por el camiñan, coa forza despreocupada da imaxinación (chámeselle inocencia se así se desexa) que conforma a materia elemental do contador de historias.
Aparte, son moito menos vulgares cás súas equivalentes de xénero do século 21. Carecen dese cheiro sintético da HD e dos efectos recreados en computador. Son todo o contrario, porque teñen a súa fermosura.

sábado, 1 de marzo de 2014

As rastas na porta do vagón

 
Foto: Michael Butcher

O outro día atopei nun Mercadona un antigo compañeiro da EXB. Andaba el mirando unha leituga xeitosa para as hamburguesas (a carne xa a tiña na casa e sabía positivamente que era de vaca, algo fundamental) e agardando unha chamada da empresa na que traballara de repartidor. Iso, unido ó seu aspecto de proletario de arrabalde, daríalle mil voltas a todo o realismo sucio oitenteiro. Falamos, sobre todo el (eu apenas sabía que contarlle). Fomos dar ás lembranzas, en concreto ó que foi de fulano. El, coma se tal cousa, contoume que moitos dos nosos compañeiros de clase marcharan do país. Fíxoseme difícil crer que alguén dun barrio coma A Garaballa fora cruzar o mar ou o océano, mais, polo que el oíra, tal fixeran case todos. Algúns volveran, outros seguían alá vinte anos despois. Chamoume a atención en especial o relato da viaxe dun rapaz que marchou a Estados Unidos e de alí baixou ata Colombia en tren, mais sen pagar billete: tirando o fardel dentro do vagón e saltando dentro á carreira, con coidado de non pillar as rastas coa porta. Rematou secuestrado, por español, por aqueles ós que pretendera mercar unha pouca maría, ata que  se decataron de que nin el nin a súa familia tiñan un peso (deberan telo feito antes, xa que estaba a pedir na rúa) e o deixaron ir. O máis intesante foi o seu sangue frío: logo de que ordenaran pechar a porta para que non saíra, aínda tivo collóns para poñerse falangueiro con eles. "Eu teríame cagado ós dous minutos", confesoume o meu antigo compañeiro. Eu tal vez non, pero seguramente tería tirado de coitelo e rematado furado, por paspán.
Custoume poñer atención no resto do que me contou, mesmo sen saber se o que acababa de oír sería certo. Sentínme coma quen trata de recobrarse dunha enfermidade e dar os primeiros pasos fóra da cama, para caer ó terceiro.

luns, 24 de febreiro de 2014

O toque orixinal

Foto: Karen Arnold

Á vista das imaxes que chegan desde Ucraína correspondentes á residencia privada do fuxido Viktor Yanukovich, non pode un deixar de se sorprender. Cuberterías de ouro, coleccións de automóbiles de luxo, unha gasolineira propia e din algúns que un zoolóxico. Lembráronme ás obtidas logo do rexistro do chalé de Jorge Dorribo; aqueles cairos de elefante non rematan de perder o seu oco en certos meus pesadelos fugaces.
Sorpréndeme, mais non polo que poida pensarse. Sorpréndeme a irritante falta de orixinalidade no disfrute e ostentación da riqueza. Coma un rapeiro ianqui cos dentes de ouro, aborrecemento e consternación a partes iguais é o que produce esa repetición insulsa. Aborrecemento, porque manca á vista; consternación, porque di moi pouco da creatividade e capacidade de innovación dos seus autores. Moi ilustrativo, Tony Montana, cando, sentado á mesa dun restaurante de luxo, se laiaba de ter pelexado tanto para rematar naquela esterqueira.
Aparte de seguir a ser un iluso e pedir a estas billeteiras gordas coma cochos da ceba que repartan o que lles sobra, entende un que procede o consello de se esforzar na procura do toque orixinal. Se non vas ser xusto, polo menos non me manques a vista. É ou non é?

martes, 18 de febreiro de 2014

Venus + Marte = Terra

Foto: Ian L
Hai pouco, a conto dunha manifestación de mulleres en Madrid contra a Ley do Aborto, Jorge Martínez Reverte escribía na contracapa de El País un artigo eloxioso cara as manifestantes. O particular do asunto é que do panexírico pasou decontado á humillación colectiva. Indicativa desta estraña actitude é unha frase na que vén dicir que os homes (xenérico) deben facerse a un lado e aplaudirlles desde as marxes a esas mulleres garridas que marchan polo medio da calzada dispostas a facer tremer a todo un goberno. A priori, léndoo na súa literalidade, non é máis ca unha arroutada inocente; non obstante, afirmando tal cousa, semella querer situar ós homes nunha posición subordinada, secundaria. Talmente de marxe: marxinal.
Non é a primeira vez que vexo tal cousa. É algo relativamente frecuente en homes máis ou menos cultos e mediáticos cando desexan caer en gracia ó que eles deben entender polo común do sexo feminino. Lembro a un xornalista que entrevistaba nun programa de radio a unha deportista ou árbitro, non estou certo, e tanto se inflamou o ánimo do fulano no seu desexo de afagar á "minoría", que rematou por mencionarlle á entrevistada o caso dunha colega dela que, segundo el, "mataba" (literal) ós seus colegas varóns; repetiu varias veces, teimudo, enfático, mesmo unha miga asañado, o de "matar". Imaxino que o xornalista quería dicir que o facía ela moi ben en comparación con eles. Que o verbo empregado só sería unha maneira de falar.
Digo que é unha actitude estraña por excesiva. Quen a adopta parece coidar que un sexo non é verdadeiramente libre, feliz ou como queira dicirse se non se da o rebaixamento do outro. Para min, tal idea é unha enorme imbecilidade. Non vexo como habían estar mellor, como habían facer máis forza, ca estando un á par do outro, sen ninguén en segundo plano. E acho que uns e outras adoitan mellorar coa mestura (malia que en certos colexios concertados non se decaten). Pero tal vez sexa cousa miña, que son da opinión de que nin os homes son de Marte nin as mulleres de Venus, non: todos son da Terra.

xoves, 13 de febreiro de 2014

Metamorfose

 
Foto: George Hodan


Ultimamente, estou a vivir unha especie de metamorfose. Pódeseme ver en diversos establecementos de hostalería e salas de cine en compaña doutra xente máis ou menos da miña idade. Falo de parvadas (en especial de deporte, grado de coñecemento: alto), parezo cordial ou fato, segundo o momento, e fago brincadeiras tan agudas coma, chegados a un punto, repetitivas. Con certa frecuencia, mesmo me atrapallo ó falar. Será un mecanismo psicolóxico: como a interrupción semella estar de moda en case toda conversa, imaxino que o meu cerebro transmite automaticamente a orde de acelerar o discurso. Son a inquieta imaxe do que cheguei a detestar: eses individuos que se xuntan en manda na mesa do lado a evidenciar que hai existencias ben desaproveitadas.
O contraste é notable. O meu estado máis ou menos natural é falar pouco e pausado e, por se xa fora pouco, emitindo observacións que pretendían ser agradables e interesantes e remataban parecendo saídas da boca dun personaxe de policial italiano setenteiro de serie B. 
Esta metamorfose ten un sentido. O que eu ofrecía ata entón deixábame tirado no medio do deserto sen teléfono móbil. Agora, polo menos fiquei sen gasolina nun Fiat Cinquecento tan cheo de xente que as portas non pechan. É unha metamorfose temporal, sospeito. De momento, compénsame.

sábado, 8 de febreiro de 2014

Os do gremio

 
Foto: George Hodan


Ó cirurxián (xa xubilado) que se ocupou das operacións ás que me vin obrigado nos últimos anos a someter a faciana por causa dun tumor cutáneo de baixa intensidade preocupábanlle os desprazamentos ó lugar de traballo. Foi a meirande queixa que lle oín cando tivo que trasladarse ó HULA. Polo demais, era un home moi apracible. Nunca comprendía por que carallo lle viña eu sempre de mal xenio á consulta. A un hospital vai a xente tomarlle unha Estrella e escoitar monologar a cómicos, seino, pero son feble e nunca puiden evitar a fobia a estes lugares.
O caso é que un día falamos de avances médicos no tratamento do cancro (non no do meu, que en rigor mal podería chamarse así). Comentou el que, entre que se descubría un método mellor e se poñía en práctica, pasaban polo menos dez anos. Eu adiviñei, e el confirmouno, que o prazo se reduciría proporcionalmente ó aumento dos fondos para investigación. Daquela, díxenlle eu que compría facer por que chegase ese diñeiro. (Non lle dixen, supoñendo que o sabería, que o cancro é unha enfermidade en expansión, en absoluto "rara", que a maneira de tratar a meirande parte das súas variedades é, contra o que poida semellar, máis ben trapalleira e que o que se sabe dela hoxe paréceme claramente insuficiente para evitar un futuro problema sanitario grande coma un Airbus). El, acaso entendendo que me refería a el en particular, sorriu e faloume como se lle fala a eses homazos con idade mental de cinco anos que pasean pola rúa do brazo de súas avoas e saúdan ós autobuses ó pasar. "Procurarei, prométoche que procurarei". 
O meu cirurxián era un xenuino membro do gremio. O que veña, veña cando e como veña, será benvido. Máis non pedimos. Agás uns bos accesos.

luns, 3 de febreiro de 2014

Alaska/Polinesia

Foto: Axel Kuhlmann


No tempo dos extremos, para unha parte crecente da humanidade só semellan existir dous destinos posibles: Alaska ou a Polinesia.
En Alaska están os que coidan que hai que votar sempre; na Polinesia, os que coidan que non hai que votar nunca.
En Alaska, os que conducen fóra da cidade para abandonar electrodomésticos nos prados e escoitan impasibles que nos ríos os mosquitos xa mutan para se adaptaren á contaminación; na Polinesia, os que viven ou desexarían vivir en choupanas sen televisión nin internet no Cebreiro ou no Caurel (ás que acceden en todoterreo, iso si) e observan con certo desdén cariñoso a quen non cultiva as súas propias patacas.
En Alaska, mulleres mundanas que conservan un concepto do varón como deus, e que adoitan rematar por afacerse a un neno grande capaz de pagar os prazos dunha hipoteca e dun monovolume; na Polinesia, celebridades de revista estilo Concha Velasco que conceden entrevistas nas que falan dos homes coma dunha rama dos primates lixeiramente evolucionada, coma seres case enteiramente prescindibles, en todo caso.
En Alaska, os que proclaman con fervor que todo estranxeiro non millonario con papeis ou sen eles é un exemplo de heroicidade e traballo que debera facer que a todo europeo que ignore o que é viaxar nun caiuco lle caera a cara de vergonza; na Polinesia, os que entenden que todo estranxeiro non millonario con papeis ou sen eles veu rebentar caixeiros automáticos.
Etcétera.
Existe, non obstante, un territorio intermedio entre Alaska e a Polinesia. Está moi pouco poboado. Os seus habitantes son xente discreta e silenciosa. Nin desde Alaska nin desde a Polinesia lles consultan case nunca nada, porque saben que non obterán a resposta desexada. Porque en Alaska e na Polinesia só comprenden dúas respostas: si ou non, comigo ou contra min. E neste terreo intermedio, nas poucas ocasións en que lles fan algunha pregunta, a xente di: Depende. E de seguido explican por que depende. Algo inútil, por outra parte. Para cando comeza a explicación, nin os de Alaska nin os da Polinesia están xa escoitando. Cun aceno de impaciencia, xa deron media volta e marcharon por onde viñeran.

mércores, 29 de xaneiro de 2014

O furacán

 
Foto: Ian L


O escritor considera tódolos días unha mudanza de rumbo. Cando se meteu nisto de escribir, sabía ó que viña, debera dicir case todo escritor. El non exactamente. Cando se meteu nisto de escribir, non tiña idea de case nada. Aprendeu a forza de paus o (sospeita) pouco que hoxe sabe do propio acto de escribir e do mundo literario. Digo que debera dicir que sabía ó que viña porque paus ten levado máis ca un can de aldea neste tempo. Un decide o que ten que contar e trata de facelo, de que chegue á xente e de gañar un peso de paso. Hoxe as dúas últimas cousas están moi complicadas para el, seguramente tamén para moitos outros. Meterse no río ata os collóns para nunca pescar nada pode chegar a ser descorazonador.
Non lle importa, agás cando acorda no medio da noite. Despois chega o día, esquéceo e volve sentar diante do teclado para unha nova xeira. Considerou mudar de rumbo tódolos días, si, mais nunca seriamente. Malia que sabe que o seu esforzo é coma intentar darlle cor o aire. Cos seus materiais, que son a calor do animal bravo á carreira e a friaxe do vento invernal a zoar entre os piñeiros, declarados inconvenientes por risco de desequilibrio mercantil, sabe que traballa para encher o caixón. Mais continúa, porque máis nada pode nin sabe facer. Así, a calor e o frío atópanse unha e outra vez, ata colisionar. E é nese momento cando o escritor plasma un novo furacán na páxina. 

sábado, 25 de xaneiro de 2014

A Xente Con Carácter e os señores Pombos

 
Foto: Fran Hogan

O señor Pombo, profesor meu de Lingua e Literatura Galegas nos meus tempos da Formación Profesional, co seu bigote e os seus lentes sen montura e o seu ton grave, era unha desas persoas nas que o miolo se impón ás entrañas. Hoxe que está de moda a palabra zen, podemos dicir que era un individuo en aparencia cen por cen zen: o radicamente oposto a unha chamada Persoa con Carácter. Xamais lle oín erguer a voz, nin notei quentarse o seu xenio, nin o vin andar arredor de ninguén facendo o parvo para poñelo de súpeto contra a parede e pillalo en falta. Faríaseme inimaxinable calquera estridencia ou exhibición de ardor en alguén coma el. Tampouco o precisaba para deixar quedar a un coma un completo ignorante, sen pretendelo e sen necesidade de espaventos dramáticos, polo peso dos seus argumentos, pola forza que lles confire a intelixencia.
O señor Pombo non é popular. Iso queda para os seus radicalmente opostos: a Xente Con Carácter. Esas persoas das que moitas outras afirman, con admiración, case con fervor, que ese ou esa “tenos ben postos”. Adoitan reforzar a frase cun aceno consistente ben en simular sopesar dúas laranxas grandeiras, unha en cada man, ben en facer coma que turran polas rendas dunha besta. Por norma, desconfío dese tipo de xente, porque toda a Xente Con Carácter que coñecín actuaba, no esencial, dun xeito oposto a como se supoñía que deberan actuar. Por unha parte axustábanse á descrición: o seu temperamento volcánico petaba na mesa do empregado de banca que lles quería cobrar unha comisión abusiva ata que este desistía, no sitio de cagarse mentalmente na nai que o fundou e volver á casa algo máis pobres, como fariamos moitos outros. Mais, pola outra, e á hora da verdade, estas persoas procedían con nocturnidade. Moita Xente Con Carácter levo visto atacar (non fisicamente) polas costas a quen entendían que os ofendera ou lles fixera unha mala xogada, a eles ou a outros, logo de agardar o momento axeitado para sorprendelo coa garda baixa. Tal acto é claramente impropio da nobreza que se lle presupón a unha persoa que vai de fronte.
Por iso, eu non acredito na Xente Con Carácter. Aquí, en troques, a actitude xeral cara ela é a contraria. Ese camiño torto semella invisible para o resto de mortais e o que fica é o aceno puxante indicativo de liderado. De igual maneira, teño lido que eses cantantes de voz potente que atraen ás masas ata o delirio son unha reminiscencia atávica, a do homínido xefe que guía cos seus urros á tribo enteira. Así, aquí á Xente Con Carácter entregaríanlle en propiedade a Terra e mailo Ceo se non fora porque, polo que se ve, a Xente con Menos Carácter, esoutra que ten o mesmo vinagre pero moito menos sal, dispón de mellores padriños.
A min inspírame máis confianza os señores Pombo. Eses que, xa non é só que nunca gañarían unhas eleccións, senón que nin sequera encaixarían nun ambiente tabernario.

luns, 20 de xaneiro de 2014

O encanto do abuso

 
Foto: Ian L

Un día, nos meus tempos da Xeral Básica (hoxe Primaria) no colexio de Albeiros, deume por desafiar a un abusón. Era un paiolo da Garaballa, barrio con non moi boa sona daquela. Repetidor dun par de cursos polo menos, grande coma un bocoi, sempre vestía un xersei de la e os mesmos vaqueiros elásticos horribles, e levaba o cabelo peiteado cara atrás con auga. O paiolo tiña o costume de facerme burla con eses alcumes que se che cravan coma coitelos, e decidín vingarme en canto vin a ocasión. Mandárannos ó salón de actos para un exercicio de plástica. Alí as mesas estaban contadas e había que bulir a coller asento. Eu sentei na primeira cadeira libre que atopei. Os ocupantes da mesa dixéronme que estaba reservada para o mangallón. A idea materializouse en segundo e medio. Negueime a abandonar a cadeira. Cando chegou o outro, seguín coa miña. Ameazoume, quixo quitarme de alí polas malas e rematou expulsado pola profesora. Antes de marchar, aínda tivo tempo a berrar que me había converter en zorza á saída.
Botei o resto da mañá aplicando forza ó escudo mental contra ambientes hostís. A tódolos ocupantes da mesa os coidara amigos meus, mais todos estaban a favor do mangallón. Xente estraña, abofé. Nunca se inmutaran cando o paiolo me amolaba case a diario, e en cambio agora manifestábanse indignados pola miña única réplica. Nas horas seguintes, repetiríanme varias veces, a media voz, “ese vaite matar”, cunha mestura de advertencia e compracencia. Nese tempo, dei en razoar e vin clara a realidade: o paiolo tería uns vinte ou trinta quilos máis de tonelaxe cá min e andaba sempre canda outros cinco ou seis mamalóns. Se foran tres en total, aínda me defendía; contra sete, non tiña probabilidade ningunha de éxito. O meu lado cerebral ditaminou evasión para conservar os dentes.
Minutos antes de soar o timbre da última clase, xa estaba preparado e con todo recollido na carteira. Cando soou, saín a paso lixeiro da aula e corrín escaleiras abaixo coma un alustre. Xusto antes, dera oído como os meus compañeiros advertiran a berros ó mangallón que o pombo saíra voando.
Aquel día librei. Colleríanme poucos despois, de novo o mangallón e maila súa garda pretoriana. Ó final non houbo malleira. Decidiu deixalo en amoestación. Xamais souben se o fixo por coidarme pouca cousa ou porque, alá no fondo, albergaba certo sentido da xustiza. Seguramente polo primeiro.
Non sei ben que foi del; pareceume velo pola rúa, hai anos, non estou certo. O que si sei é que o mundo actual lle imita moito a aquel colexio. Sigue habendo abusóns (coa súa cohorte, se fora o caso), abusados e moita xente a darlles apoio moral. No social, é doado de comprobar mirando estatísticas de intención de voto. No demais, é cuestión de observar, escoitar e ser un pouco inadaptados.

mércores, 15 de xaneiro de 2014

Imprescindibles

Foto: Petr Kratochvil
Os numerosos republicanos que aquí viven opinan que o Rei é francamente innecesario. Como moito, pareceralles un diplomático careiro, aparte de puteiro privilexiado. Non semellan decatarse de que ese señor é, xa non necesario, direi máis: imprescindible.

Emprego ese exemplo como o máis notorio, o que sempre se oe nos bares, pero o mesmo vale para a meirande parte de políticos locais, autonómicos e nacionais corruptos. Por que son imprescindibles, ou para que? Sinxelo: para preservar o equilibrio mental de corenta e pico millóns de persoas.

Nos últimos anos, aparecen nos medios máis casos de latrocinios e inxustizas sociais xuntos dos que eu lembre. É un fenómeno masivo cun lema: eles a unha banda, ti á outra. A idea fundamental é que eles son distintos. Que non veñen do mesmo lugar cá meirande parte do resto. É ben doado de soster se se pensa na Familia Real: os máis dos seus membros sono por nacemento. “Con eses fillos de puta nunca xantei”.

Máis difícil é de aplicar esa lectura xenérica ós casos de millonarios, empresarios podentes ou políticos: máis dun ten a súa orixe no pobo chan. E sen embargo, sorprende que os pertencentes a este non semellen decatarse da semellanza. Sinalan a pantalla do televisor cando aparecen eles como poderían sinalar un OVNI. Anóxanse ó oír que outros lamberon millóns de euros poñendo a man por tras, sen lembraren cando eles mesmos tiñan a súa empresiña e levaban un cento de facturas da casa para declaralas coma IVE soportado a ver se colaba.

A cordura, se se pode chamar así, de boa parte da clase traballadora e media depende de manter o engano de crer que ese monte de ladróns son entes alleos. Unha raza aparte invasora. Se acaso, curmáns desnortados. E non irmáns que mamaron todos do mesmo leite e teñen idéntica inclinación a apedrar cans. A única diferenza de que uns, os afortunados, apédranos de pedigrí e outros deben contentarse con palleiráns.

sábado, 11 de xaneiro de 2014

Eu estiven alí

 
Foto: DanyJack Mercier

Unha tarde, hai anos xa, acudín a unha entrevista nunha nave do polígono industrial do Ceao. Ofrecíase un posto de mozo de almacén. O contrato era de "seis meses con posibilidade de indefinido", ou sexa, seis meses e a contratar a outro, fin do contrato e así sucesivamente. Baixei do bus da liña 9 e bulín para poder estar alí 15 minutos antes, polo menos. Daquela eu aínda acreditaba no aprendido na Formación Profesional sobre a preparación dunha entrevista de traballo. Daquela.
Cheguei cos 15 minutos de anticipación e vinme nunha sala de espera canda outros cinco ou seis fulanos. Logo sorprenderíame saber que algún procurara un oco no horario do seu actual traballo para optar a aquel remedo kafkiano de oferta de emprego.
Precisamente o candidato que tal fixera andaba a queixarse, como tivemos que facer todos, de levar xa máis dunha hora agardando ser recibido. O xerente chegaría hora e media despois de ter eu entrado no edificio. Seino porque eu estaba a ollar pola ventá cando o seu BMW vermello ingresou no aparcadoiro. Mirei baixar un xan con camisa de colos anchos e o cabelo brillante e peiteado cara atrás con fixador; tiña mans de apañar patacas. Crucei os dedos. Entrou desculpándose pola tardanza. Eu calei e volvínme de novo cara a ventá. O entrevistador nunca debe verlle a un cara de rillar fígados de entrevistadores.
De alí a un pouco tocoume a vez. Pasei ó seu despacho. Procurei sentarme dereito e non apoiar nunca os cóbados na mesa. Intentei amosar interese nas súas explicacións. Non sempre é doado se do que tratan é de colocar palés cunha traspaleta. Aproveitei un termo dubidoso no seu discurso para introducir esa pregunta imprescindible que faga saber ó entrevistador que está a captar a atención do entrevistado.
-Desculpe, ¿pode dicirme que entende vostede por "picar" un pedido?
O home ficou coma se lle arrearan unha labazada. Logo, lentamente, como se lle fala a unha persoa que non entende máis, respondeu:
-Pois home, cando se recibe un pedido no almacén, ábrese a caixa, cóllese o albarán e vaise comprobando que veu todo o que se pediu. Miras na caixa e vas picando co bolígrafo, miras e picas...
E engadiu, xa de mala hostia:
-Porque un albarán si que sabes o que é, ou?
Obviamente non conseguín o choio. Non obstante, saín con certo orgullo a turrar de min para endereitarme. Esa xente que se gaba de ter saído do po do camiño para rematar na cima, nunca catou o po dos camiños lucenses no século 21. Eu, en troques, estiven alí.

martes, 7 de xaneiro de 2014

Democracia, explicación abreviada

 
Foto: Junior Libby

A Cámara reuniuse para votar unha nova proposta dun dos partidos da oposición, logo dun mes de acusacións de falta de ideas e demagoxia desde a bancada do partido no poder. Os seus membros adoitaban dispoñer da liberdade de expresárense sen reparar no reloxo, ó ser o Presidente da Cámara, tamén do partido, moi laxo no cumprimento do seu deber durante a súa quenda de palabra. O conto cambiaba para os representantes da oposición, que vían os seus discursos cronometrados e remataban amoestados con só superar nun par de segundos o tempo estipulado para unha intervención.

A votación, igual que acontecera as outras veces, resolveuse decontado. O partido no poder fixo valer a súa maioría na Cámara e botou por terra a proposta da oposición. Foi todo moi rápido. Durou o tempo que tardaron os seus representantes en pulsar un botón de xeito simultáneo. Fixérono coma autómatas. Non se apreciou un mínimo brillo de intelixencia nos seus ollos, agás nos daquel que dera a orde.

Durante todo o mes seguinte, a cada acusación desde as bancadas daquel partido da oposición de autoritarismo e pésimo goberno, o partido no poder respondía que non tiñan dereito a falar se carecían dunha alternativa efectiva, e que non debían procurar escusas: esta carencia non era culpa de ninguén, agás deles mesmos. Tal opinión semellaba ser compartida polos redactores de editoriais e opinión dos máis dos medios, inclusive dos teoricamente adscritos á súa ideoloxía. Eles chamaban a isto autocrítica. Entendían que cada nova proposta da oposición (fora máis ou menos interesante ou razoable) botada por terra ó momento pola maioría no poder non o fora pola cambadela automática e interesada do partido gobernante, senón pola impotencia da propia oposición. Igual cós nenos no patio do colexio cando oito xuntos mallan nun só: os máis deles non culpan ós oito por abusaren da súa ampla superioridade, senón ó un por non ser quen de se defender.

venres, 3 de xaneiro de 2014

A vida non contemplada no plano

 
Foto: Petr Kratochvil

Na tarde deste Ano Novo, intentando baleirar unha bolsa de papel e cartón no seu contedor correspondente, unha refoleada de vento endiañado levoume o paraugas do que termaba entre a cara e o ombro e mandouno rulando rúa abaixo. Como lle tiña aprecio, aparte de que chovía, fun tras del. Aproveitei que a Avenida da Coruña estaba deserta e perseguino ata a banda oposta, caída inclusive de xeonllos por esvarón no asfalto mollado. Para cando o dei rescatado, xa era un monte de trapo e ferralla.
Algo a primeira vista tan banal coma un paraugas estragado nun día de mal tempo logo dunha carreira esperta en moita xente un estraño recelo. Dígoo porque, se un o conta, non é raro que reciba a advertencia, en ton francamente aprensivo, de que ande con coidadiño. Sempre me resultou desconcertante esta actitude. Non porque se preocupen pola saúde dun, que mal parada ficará logo de ser atropelado por calquera badanas cheo de champán e cocaína (malia que a avenida estaba deserta). O que non comprendo é o que motiva a meirande parte desa aprensión: esa especie de pánico ó descoñecido. Porque cando a un lle leva o aire o paraugas, déixao ir. Non corre tanto tras del, porque iso non estaba contemplado no plano. Porque iso é raro.
Non se decatan: quen nunca cruzou a rúa correndo atrás dun paraugas nun día de vento é capaz, nesa vida pasiva, de peores cousas.