martes, 1 de decembro de 2015

Soidade, materia obrigatoria


Foto: Martin Birkin

Di Elvira Lindo, sobre o libro que acaba de publicar acerca das súas experiencias ó longo de 11 anos en Nova York, que unha diferencia moi importante que percibe entre os anglosaxóns e os latinos é a visión que se ten da soidade. Para un latino, unha persoa sen moza ou amigos é unha persoa fracasada. Para un anglosaxón, unha vida solitaria é algo perfectamente común.
Non cómpre tomar ó pé da letra o que diga unha escritora que afirma que “se non xeneralizo, non escribo”. Non é prudente tomar ó pé da letra o que un escritor diga para presentar un libro, nunca, e menos hoxe. Un escritor non tira radiografías da realidade, e aparte, moitos séntense obrigados pola chamada cultura do espectáculo a dicir cousas tan dubidosas coma rechamantes: o que sexa na esperanza de competir con Netflix. E malia isto, recoñézolle tino á teoría da señora, no que atinxe á parte latina e en base á miña experiencia.
Ben sabe Lindo o latina que é España; que Galicia (a actual, polo menos) o é tamén sábeo calquera co sentidiño no seu sitio: nin ponliña irlandesa, nin carallos. Queda patente non só no abatemento de tantos lucenses nun día de orballo, senón en que, aquí, alguén sen parella nin amigos coñecidos é ese individuo rariño ó que as amas de casa e os xubilados considerados lle conceden, como moito, a súa “educación” no mellor nos casos. No peor, é o candidato número un a sacaúntos.
Por baixo destas actitudes revolve o instinto. Dado o concepto utilitarista que aquí se ten das relacións sociais, alguén desconectado da sociedade é alguén sen habilidade para subsistir.
O illamento é malo, non o vou negar. Pero teño a impresión de que algunha xente acumula amizades como un estudante de carreira técnica acumula coñecementos. Coido que non se sabe estar só, nin o importante que é saber estar só. Non sempre a soidade che bota demasiada leña na cheminea. Ten as súas vantaxes. Ás veces, na distancia e sen o rebumbio, as cousas vense moito mellor. Por outra banda, o solitario sempre se amosará máis agradecido coa compaña nos momentos nos que abandona o seu estado habitual ca quen viva todo o día pendente da multitude.
Non sei se poña un Change.org para que se inclúa a materia de Soidade no calendario lectivo. Claro que, vendo como lle vai á de Filosofía, habían tomar a proposición a chacota.

Ningún comentario:

Publicar un comentario