sábado, 31 de maio de 2014

A táctica imposible

Foto: Lynn Greyling

No instituto onde fixen a FP había unha liga interna de fútbol sala, dividida en dúas categorías: FP1 (1º e 2º cursos) e FP2 (do 3º ó 5º). Eu adoiaba xogar coa miña clase. Ó primeiro, de porteiro, non me foi mal: subcampión da FP1. Na FP2 xa quixen facer o mesmo ca case tódolos rapaces: xogar de campo. Era malo coma a carne do pescozo. Os meus compañeiros ben se decataban, por iso facían os trocos nos que entraba eu no último minuto de cada tempo.
Dentro daquel equipo de 4º curso o meu nivel non era tampouco tan baixo. O problema era que querían xogar ó fútbol sala, cando o resto xogaba a unha especie de fútbol 11 con 5 xogadores. Os nosos partidos no pavillón d'A Piringalla sempre eran o mesmo: unha sucesión de toques ineficaces de lado a lado dun muro, catro roubos de balón dos contrarios e derrota, en progresión polo común negativa: 2-1, 5-2, 8-1... Obvio, se nin se viste manga curta nin manga longa, se nin se tira a porta nin se baixa apenas a defender.
Eu, á vista de tal panorama, optei por ser práctico: procurei exercer de dianteiro centro tipo columna de mármore. Mentres o equipo tecía a xogada, eu corría para estar desmarcado á beira da área contraria. Só lembro ter recibido dous pases, que convertín en dous disparos, un ó traveseiro, outro repelido por un defensa na raia de gol. Unha merdiña. E así e todo, os meus compañeiros precisaban 9 ou 10 ataques para obter un resultado parello.
A opción intelixente era a directa. O 90% dos gardamallas daqueles equipos érano á forza, porque alguén se tiña que poñer e máis nada: non sabían desviar un disparo sinxelo de media ou longa distancia. Moitos goles entraban en globo desde o medio da cancha ou arredores. E moitas veces llelo quixen explicar ós meus compañeiros. Nunca me escoitaron. Non miraban para min cando lles falaba, e non era raro que entretanto discutiran a media voz entre eles coma se tal cousa. 
Non era que eu lles caera mal, non. Simplemente, non lles caía. Eu era só aquel fulano que viña sen que ninguén o chamara. Se o que dicía eu o dixera outro dos do grupo, consideraríano. En Lugo, e talvez en Galicia, en xeral, é moi frecuente valorar non tanto o que se di ou aconsella coma quen o di ou aconsella. 
O meu equipo ficou dos últimos clasificados, seca ofensiva e peneira defensiva. Non direi máis. Pero enténdese, ou?

luns, 26 de maio de 2014

Onde foron tódolos Jeff Costellos?

Foto: theinvisibleagent.wordpress.com
Jeff Costello era a soidade personificada. Todo ó seu redor irradiaba esa amargura inexorable. Non foi a única manifestación cinematográfica de tal evidencia vital, mais si a que mellor lembro, malia non ser memorable no sentido máis purista da palabra.
Probablemente houbo moitos Jeff Costellos, e aínda haberá uns poucos. Mais teño a impresión de que esa actitude hoxe non é tendencia. Suponse que algunha xente está moi soa, por iso fica permanentemente conectada ó whatsapp e ás redes sociais. O que eu vexo é algo distinto: que esa xente non o está, ou non tanto, mais sente un pánico cerval a estalo, e é por iso polo que non ceiba o smartphone.
Estar sempre acompañado, malia que sexa no ciberespacio, é máis ou menos doado. Compaña que sabe a plástico tamén e compaña, igual que o camiño pedregoso tamén é camiño. O que non é tan fácil, ou cando menos non mo parece a min, é estar só e non ter medo a estalo. Non entendo a soidade coma algo co que (e no que) gozar, nin pretendo glorificala. Falo desa aceptación, fatalista se se quere. "E non preciso de ninguén / Porque aprendín a estar só". Este fragmento dunha canción de Tom Waits soa hoxe falso, ou remoto como pouco, incrible en todo caso. Tan fóra de sitio como resultaría Jeff Costello: home grande entre nenos de mandilón.

martes, 20 de maio de 2014

O noso home en Noia

Foto: Michael Drummond

Dúas horas longas de camiño por estradas ruíns e un cativo tramo de autovía dan para cavilar en moitas cousas. Desde antes de Guntín, ía eu cavilando en como sería facer aquela viaxe no século XI a tombos enriba dun cabalo, se aínda mil anos despois a bordo dun utilitario me resultaba un tormento estomacal, suando frío ó calor de forno dun 17 de maio típico de cambio climático. A cousa mellorou algo pouco antes de chegar a Santiago, logo de trousar os restos do xantar do día na beiravía dunha comarcal con curvas dabondo para debuxar as figuras de 2000 Beyoncés.
En Noia case tódalas rúas semellan de arrabalde: vaia por onde vaia, ten un a sensación de estar a se afastar cara o monte. Polo demais, é lugar fermoso e impoluto, unha desas vilas antes mariñeiras que parece empezar a vivir de verdade a partir desta época de terrazas e praia. Procurei unha cafetería con pantalla grande nada máis botar pé fóra do coche e mirei a segunda metade do Barcelona-Atlético de Madrid que decidía o campionato de Liga. Tampouco me daba o tempo para moito máis. Naquel sitio cobrei unha vez máis conciencia do meu lugar na literatura galega. É doado de deducir, se Antón Riveiro Coello está dúas mesas máis aló e non te recoñece.
O Liceo de Noia non parece un liceo. Eu, que sigo apegado a estereotipos para algunhas cousas, agardaba atopar un edificio da primeira metade do século pasado con salas forradas de paneis de madeira labrada. No sitio diso, vin desde a beirarrúa algo con estética de pequeno centro comercial. A entrega do premio de relato que leva o seu nome era no salón de actos. Falando cos membros do xurado, un deles o propio Antón Riveiro Coello, confirmáronme o que xa percibira nos seus ollares cansos: que o seu día fora frenético. Procurei exercer de poli bo, dándolle un pouco ó peteiro coma se de verdade fora eu un escritor deses, porque Tito Pérez, o outro gañador, exercía de poli malo: para o caso, calado e mesurado. Apreciei o detalle de que tamén el acudira sen compaña e sen roupa nova: para min, ser capaz de disociar o elemento entrega de premio do elemento Reunión Importante de familiares orgullosos indica un certo grao de madurez e lucidez.
Non entendín por que o director da coral do liceo enumeraba con aparente ton de desculpa as cancións que interpretarían, dúas antes da entrega, dúas despois, unha delas un poema de Díaz Castro musicado, por certo. A min non me aburriron nada, se ese era o problema.
Nin Tito nin eu tiñamos intención de falar nada ó recibir as nosas figuras de cerámica. Eu estiven a botarme atrás do dito, para lembrarme dos non premiados e, máis aínda, dos que adoitan perder, porque coñezo moi ben a sensación. Non o fixen, pero aí queda.
Nota final 1: A coral rematou cantando o himno galego. Escoiteino de pé canda os demais, con (creo) verdadeiro aire marcial.
Nota final 2: O único que me decepcionou da vila foi a cor cinsenta do mar. Se un é de interior e os seus hábitos viaxeiros son os un home do Medievo, agradecería polo menos unha tonalidade turquesa.

mércores, 14 de maio de 2014

Farrapos

Foto: George Hodan

Dixéronlle que así non podía aparecer. Que alí habería xente importante, e tamén fotógrafos que lle habían facer fotos que sairían na prensa. Que todo o mundo había levar gravata, e que non podía aparecer alí, á vista de todos, coa roupa raída, con aquela chaqueta tan fea brillando de tan gastada, cos pantalóns rachados pola entreperna e coas rachadelas tapadas con retallos cosidos, co coiro dos zapatos gretado... Non podía ser, non. Había que ter un pouco de vergonza e non andar dando que falar ó mundo. Que ata sería unha falta de respecto para esa xente que se vestira ben, con peiteados relucintes e cores vivas. Que pensarían eles? Que pensarían todos os que o viran?
Mais el negouse. Aínda que poidera mercar roupa nova (que non podía), non o había facer. Iría alí coa de sempre, coa de tódolos días. Non era por dar a ninguén nos nefres. Non era por ir de rebelde conformista. Era algo que podía ser unha falta de respecto, se alguén decidía interpretalo así, mais tamén un xesto de sinceridade: presentaríase diante de todos cos seus farrapos, todo o que tiña, todo o que era.

xoves, 8 de maio de 2014

A distinción vixiada

Foto: Peter Griffin

Unha tarde de verán, a 30 graos, subía eu por unha ruela curva que comunica a praza de Augas Férreas coa Avenida de Madrid. Con tempo semellante, case ninguén vestiría unha camisa de franela estilo Kurt Cobain por enriba dunha camisola negra desas sen mangas, que deixan o brazo enteiro espido. Agás eu. Por se fora pouco, viñera atravesando a cidade a pé, que viñan ser uns 45 minutos de camiñada ó sol sen máis pausa que os semáforos en vermello para o peón. Estaba coma se me lambera unha granxa enteira de vacas, coa roupa apegada á pel e os ollos a proer lixeiramente por mor do suor que superara a barreira das cellas. A falta dunha lagoa á que chimparme de cabeza, non se me ocorreu máis ca quitar a camisa. Apenas un segundo despois de telo feito, da terraza traseira da cafetería Cook chegoume un berro burlón con voz feminina e xuvenil: "Guapoooo!". Non podía referirse a ninguén máis, eu era o único na rúa. Eu era o "guapo" do que falaba aquel berro coma un tiro.
O sucedido antollóuseme un tanto fantástico. Foi coma se aquela moza, probable paiola bebedora de cócteles de garrafón e formada na universidade da MTV, estivera todo aquel tempo a agardar que eu, segundo o seu xuízo, decidira intentar pasar por rebelde conformista de ximnasio con estética de catálogo de moda xuvenil. Non me estrañou que acontecera, senón como aconteceu. Sorprendeume a inmediatez do feito. Fíxome pensar que o Grande Irmán era algo máis ca un libro de Orwell e unha merda de programa televisivo.

luns, 5 de maio de 2014

A cidade dos milagres

 
Foto: Junior Libby

Hai once ou doce anos, frecuentaba eu unha tenda de discos da Avenida da Coruña, hoxe inexistente (coma case todas as que había). Era un cubículo duns catro metros por tres ateigado do chan ó teito, de parede a parede, de cedés e algúns vinilos. Case non se daba un movido, pero mercaba alí porque podía escoitar o disco antes de decidir (apenas usaba a internet daquela) e, sobre todo, porque a dependenta me toleraba. Iso, nunha cidade coma Lugo, onde o tempo se estalica coma a goma de mascar e case non hai nunca nada que facer, é ouro. A moza era das que se levan ben con todo o mundo, tamén, cunha cordialidade crible, a diferenza desoutra de centro comercial. Alí non eras amigo, e tampouco un simple cliente. Un día, coido que me fixo algún agasallo (non sei se non me deixaría levar un disco por menos do que valía) e eu, agradecínllo cun bico na meixela. Eu era extremadamente introvertido con todo o mundo, decontado arroibaba por vergonza moitas veces inxustificada. Tal me sucedeu naquel momento. No mesmo día non pensaría moito no acontecido; si, en cambio, nos seguintes. Á vindeira vez que me deixei caer polo local, pregunteille á moza, con reparo, se non crería que aquel bico absolutamente inocente agochaba o toque do sátiro. Ela riu e negou con serenidade.
Porque iso era, unha parvada. Pois por que me tomei a precaución de comprobalo? Porque xa levaba vividos uns poucos malentendidos estúpidos naqueles meus vintepoucos anos de vida lucense. Aquí hai moitas persoas rexidas por un xeito de razoar particular, por veces a rentes do absurdo. Lembro ter ido polo Camiño Real camiñando detrás dunha muller que volvía insistentemente a cabeza, a vixiarme con mal disimulo cunha ollada de besta rebrincada, sen deixar de acelerar o paso. A min tomábame a risa: se fora violador e con medio cerebro, o último que faría sería procurar as miñas vítimas nunha rúa case céntrica, ás catro dunha tarde de verán, rodeado de ducias de testemuñas. Mais ela semellaba non estar a ben coa lóxica e practicamente corría coas súas curtas pernas. Eu tiven que valerme da longa alancada das miñas para adiantarlle pola dereita e (quixen crer) escorrentarlle así o medo.
Outra vez, unha noite, estando cunha moza que moito me intrigaba porque era a viva imaxe do ensimesmamento feisbuquiano, púxenme de brincadeira. Imitei, bastante mal por certo, a alguén tan terriblemente pechado como ela era, cun toque apoucado/indeciso. Aparte de porque ás veces son algo trasno nihilista, ou desa clase de persoas que nunca fan o que se agarda que fagan, pretendía examinar a súa reacción, por ver se sangraba cando a picaban ou ría se lle facían cóxegas. O resultado foi que ela coidou que de verdade lle estaba a facer as beiras. Custoume crelo, por mor da miña pobre actuación, e con todo disque así foi. A vindeira vez que, aínda curioso respecto ó seu illamento aparente, quixen tomar con ela un café, paroume os pés moi finamente, non coma se fora eu o tipo aquel que foi agardar a Sara Casasnovas armado cunha bésta á saída dun teatro, pero por aí.
É que esta é unha cidade especial. Moitos dos que nela viven semellan convencidos de que o máis inverosímil, os meirandes disparates, son perfectamente posibles. Xente extraordinaria, e non a do anuncio aquel do manicomio arxentino.

xoves, 1 de maio de 2014

O camiño do monte

Foto: George Hodan

En máis dunha das (para o meu gusto demasiadas, tanto polo frustrante coma polo humillante destes trámites) entrevistas laborais ás que tiven que someterme a partires dos 18 fun inquirido acerca da miña predisposición real ó traballo; é dicir, preguntóuseme se viña alí para traballar ou para rañar no carallo. Tal vez o entrevistador me atopou pasivo, falto de interese. É o risco que un corre se en tal situación se conduce con tranquilidade e fala con concisión e claridade e pregunta pouco porque a súa mediana intelixencia lle da para facerse unha idea do asunto. Se non se cae no exceso, polo menos en Lugo, un é automaticamente sospeitoso de abulia e mesmo de estupidez.
Vén isto a conto de que se ten sabido que o home da conselleira de Sanidade da Xunta, o señor Bustamante, respondeu á pregunta dun tribunal de avaliación para un ascenso de como convencería a un MIR (médico aínda inexperto) para se vir formar a Santiago da seguinte maneira: "As cuncas [supoñía o xornalista de El País que de viño] son boas". Á outra pregunta, non lembro cal, a resposta foi que collería unha ametralladora. Recibiu por ámbalas dúas réplicas 0,60 puntos máis có seu competidor, quen, deduzo por eliminación, debeu facer apoloxía do terrorismo máis grave cá de certos tuiteiros ou (o máis probable) responder con sentido e intelixencia.
Velaí o que me toca o carallo (no que non raño, por certo): se cadra todo era máis doado. Se cadra compliquei a miña vida sen razón tratando de resultar cabal, cando a resposta estaba na vía silvestre. No camiño do monte.

domingo, 27 de abril de 2014

Influencia

Foto: Виталий Смолыгин

Hai pouco, cando as revoltas en Ucraína e Venezuela estaban de moda nas redes sociais, o meu TL enchíase de tuits denunciadores, con frecuencia con imaxe. No caso de Ucraína, adoitaban retratar con ironía ós valedores da liberdade: rebeldes enloitados e encarapuchados armados de estaca e escudo. No de Venezuela, o que se reprochaba era a suposta manipulación por parte de medios afíns á oposición á hora de falar da suposta violencia coa que a policía reprimía as manifestacións contra o goberno.
Nunca coidei atopar un nexo entre ámbolos dous temas alí, pero si. Resulta que recibín un día un tuit, retuiteado varias veces, no que se amosaba a suposta captura dunha web de noticias. Informábase sobre a excesiva contundencia da policía chavista. O artigo viña ilustrado por unha fotografía de varios gardas vestidos con grosos abrigos e gorros con forro de pel. Tal vestimenta é, obviamente, moito máis propia dun país báltico ca dun caribeño. E niso se baseaba o autor do tuit para falar de manipulación informativa, naturalmente. Semellaba convencer; as respostas recibidas eran entusiastas. Polo visto, a estes internautas pasáballes desapercibido o doble detalle de que nin se achegaba URL ningunha para verificar que tal páxina existía, e de que, aínda que existira cunha fotografía verídica, esta última podería ser doadamente substituída por outra falsa logo de tomar unha captura.
Pero non é isto o que máis me interesa do asunto, non, senón a figura do "activista" responsable desta presumible argallada. Á vista daquel tuit, imaxinei alguén, un máis na rúa, estudante ou desempregado ou administrativo ou o que fora, con aspecto de hipster ou de domingueiro, fumando un chino ou rillando nunha Mars, tecendo con coidado o engano, confeccionando a falsa proba a golpe de Photoshop, accedendo á rede cunha mestura de carraxe e astucia pintada na faciana que se tornaría en alivio de urinario logo de enviar a mensaxe envelenada e detectar un indicio (ó seu entender suficiente) da súa influencia sobre o curso do mundo. Esa sería a imaxe que mellor falaría de todas.

martes, 22 de abril de 2014

O tempo da esaxeración

 
Foto: Peter Griffin


Lin hoxe no xornal un artigo acerca do defunto Gabriel García Márquez. A súa autora loaba a súa obra de vinte maneiras, algo previsible e comprensible. O que me chamou a atención foi algo que deixou caer, coma descoidadamente, ó comezo: que habería quen "se erixiría en crítico de a patacón" para sinalar defectos na súa obra que dificultarían a súa lectura. Para ser exacto, o que me deu que pensar foi o intuido ton devoto co que o dicía. É unha impresión e máis nada, pero pareceume que entendía que o escrito por tal escritor carecía de defectos. Ou que, como moito, estes se limitaban ás grallas dos manuscritos orixinais. Coma se a simple insinuación do contrario fora, se non unha maledicencia, polo menos un disparate.
É un dos moitos exemplos de desmesura que un pode atopar cada día por aquí. Non sei se cómpre aclarar que, coma lector e escritor, non lembro ter lido nin escrito nunca nada libre de defecto. Non sei que pode ser un escritor que nunca se trabuca. Un deus non porque, de atender ás mitoloxías, mesmo eles caen no erro. Por eliminación, apunto cara o descoñecido: tal vez o día que naceu ese home houbo en Aracataca un avistamento OVNI non comunicado.
Eu entendo a esaxeración coma unha forma máis de sentido do humor, e coma tal a emprego ás veces. Porque, sospeito, quen esaxera desde a solemnidade está moi preto de atarse unha bomba ó cinto.
Non, señor. Non ó tempo da esaxeración.

luns, 14 de abril de 2014

A única medida posible

Foto: George Hodan

Na mañá de verán, o home vestido de liño branco e mocasíns flexibles senta á sombra dunha parra na súa finca. Terá uns sesenta e cinco anos e todo o cabelo tan branco coma o das súas roupas folgadas; aínda o do peito. Os seus acenos denotan o máis distante da urxencia. Está de vacacións. Durante o resto do ano é “conselleiro sénior” nunha empresa do sector enerxético. Vai polo seu despacho un par de días á semana, un par de horas cada día, e mata o tempo tomando café con vellos e novos coñecidos. Non é que sexa un traballo ficticio, coidado: este home emprega como ferramenta principal unha axenda de contactos.

Mais iso será a partires de setembro. Agora almorza a bocados pausados e pequenos grolos de zume de laranxa. Non acelera o ritmo cando lle anuncian a chegada do xornalista. Dese xeito, a visita sorpréndeo remoendo con preguiza nun par de uvas tintas máis grandes ca landras. Érguese amodo, estréitalle a man cun sorriso afable e comezan a falar. Ben, falar, fala el sobre todo. Fai valer anos de clases de oratoria. Firme e ó tempo cordial, comenta que perdeu moito do seu gusto de toda a vida por facer longas viaxes en tren, que está a aproveitar este tempo gañado para darlle un repaso á súa biblioteca de filosofía e que a distancia devén imprescindible para un home a certa idade. O xornalista anda ben máis apurado cá el, que cede ó cabo. É comprensible que haxa quen non garde de min un bo recordo, pero as épocas convulsas nunca dan gobernantes admirados. Arrepentido? De que? Ó contrario: a conciencia está moi tranquila. Estou moi orgulloso do papel que tiven que xogar. A política é ben máis complexa do que á cidadanía indignada poida parecerlle; sempre implicará moitos sacrificios. Non, quiteime de opinar sobre ese tipo de actitudes populistas como me quitei do tabaco; se mo preguntara hai quince anos, pode, pero hoxe... O xornalista formula a pregunta que non podía faltar con menos sutileza da que querería, pero xa non hai volta atrás.

-Tomouse a única medida posible.

-Pero levou vostede a cabo a maior privatización da historia do país. E a clase media estivo a rentes da desaparición durante a súa etapa na presidencia.

O home amósalle as palmas das mans.

-Tiña que facerse –di, sen brusquidade, nin altivez, nin artificio-. Naquelas circunstancias, era necesario. E así se fixo.

Calan os dous un pouco. Os ladridos dun can por alí preto sobresaltan ó xornalista.

-Mastín leonés –comenta o home-. Ata hai uns meses, non me coñecía, e iso que botou aquí toda a vida. É tan vello coma min.

mércores, 9 de abril de 2014

A vía torta

 
Foto: George Hodan

Que o alcalde de Lugo fora grabado (disque) ofrecendo traballo pola vía torta é algo que non podería sorprenderme menos, como diría un anglosaxón. Ausencia de retranca no dito coma de vitaminas nun bollicao. Non se mencionou contraprestación económica polo favor. Se damos por certo o anterior, en Lugo é o método oficial para atopar un emprego, mellor, peor ou regular e para mover, se non a maquinaria enteira, polo menos a súa parte esencial: o núcleo. Tal vía será torta noutros lugares. Aquí, é a estándar.
Dito o anterior, hai algo que ó seu partido lle debera inspirar certa esperanza: a furia coa que foi atacado o home en canto se soubo. Esa carraxe, nun entorno no que tal maneira de proceder é a habitual, indica un elevado grao de estupor perante unha diferenza. Conxecturo, e igual é moito conxecturar, que se trata de algo inconsciente: moitos dos encarraxados tolerarían coma algo natural que o fixeran outros alcaldes doutros signos políticos, pero non alguén coma el co seu. A min tampouco me estraña alá moito desde que se inventou o que hoxe se chama socialdemocracia, que non se correspondente co concepto orixinal de ideoloxía de esquerda. Pero non todo o mundo é coma un.
Esta idea, como queda dito, revela un detalle esperanzador para eles, sustentado nunha evidencia atroz. Na enésima evidencia atroz.


venres, 4 de abril de 2014

Orixe personalizada

 
Foto: Alex Grichenko

Estes días andei no Google á procura de información sobre obras premiadas en edicións anteriores dun certame ó que veño de enviar algo. Fíxeno máis ca nada para ter unha idea da súa liña. O tal certame, polas súas características distintivas, préstase moito ó clasicismo. Por iso me sorprendeu agradablemente atopar na última obra gañadora unha sorte de experimento posmodernista. Dubidaba que houbera xa lugar para estas cousas cando tanto se penaliza aquí o atrevemento literario hoxe. O malo e significativo é que a única referencia medianamente completa que dei atopado estaba na web da propia editora. Nin unha triste reseña.
Digo que a sorpresa foi agradable, mais tamén observei o asunto con escepticismo. Chegamos a unha altura na que en literatura xa é imposible inventar nada, porque está todo inventado. Calquera idea que un leve ó papel xa foi hai tempo ou estará a ser levada no mesmo momento e con lixeiras variantes alí por, como mínimo, outra persoa. Coido, daquela, que a única saída posible para evitar que un escritor vocacional remate agardando polos resultados dunha proba de oposición pasa pola suma de orixinalidade máis personalización.
Orixinalidade: non no sentido no que a autora da obra á que me refiro a interpretaba, non. Orixinalidade no seu sentido literal: retorno á orixe. Deixémonos de parvadas: non hai xénero nin tema “esgotado”. Inclusive o tumba e dálle guerracivilista-posguerrista ten algo que ofrecer, se alguén se decide a falar dereito. Hai que mentalizarse dunha puta vez: se se fai a crónica dun partido de fútbol, cómpre describir o que acontece no céspede e deixarse de ollar tanto para as bancadas.
Personalización: A orixinalidade sen máis ficaría no contrario do que é no sentido máis popular da palabra de non engadir o toque persoal. Xa hai moita xente a facelo, tanto pola internet adiante coma en papel; iso si, deixando de lado a orixinalidade. Limítanse a contar a súa vida como o farían nunha declaración perante un xuíz: como moito, con algo de humor, e sen nada de distinción nin suxestión. Imaxino que os que o fan en libro venderán moitos, pero non sei, non me acaba de chistar o método.
A obra que enviei ó certame, dito sexa de paso, era ben orixinal, case canónica, mais tamén moi persoal. Saudade ó perdedor; perdedor no seu sentido literal, non no glamuroso.

mércores, 26 de marzo de 2014

Urxencia

Foto: George Hodan

Levo moito tempo en Lugo, e cada vez me estraña máis a présa endiañada de moitos lucenses. Cando o morro dun Audi frea na metade do paso de cebra da rotonda da Ronda Norte, a centímetros das miñas pernas, antóllaseme unha escena sen sentido. Non violenta: absurda. Présas nunha cidade que se atravesa a pé nunha hora. Présas por parte de quen podería evitar a estreitura de horario erguéndose cinco minutos antes. Gañar tempo para andar escaso del logo. O si para o non.
Tamén atopo un algo de esnobismo nesta urxencia gratuíta. É querer correr cara o metro, coma en Madrid, Barcelona ou Bilbao; mais aquí non hai metro. É querer bater no cláxon encabuxados por mor do atasco quilométrico; mais aquí non hai atasco, nin quilométrico nin do outro. Si, sospeito que existe ese desexo. É querer estar alí, vivir como se vive alí, non sei se sentir como se vive alí; a min polo menos, esa clase de sentimentos non me chistan. Pero resulta que vives aquí, amiguiño. Deixándonos de lemas de supermercado, que o demo os coma, igual estaría ben aproveitar o que caeu en sorte. Mirade a paisaxe mentres poidades.

martes, 18 de marzo de 2014

Poetas e anuncios de colchóns

 
Foto: George Hodan


Paco Nieto, locutor da Cadena Ser en Lugo, falaba estes días de voces de lucenses famosos. Coma sen darlle moita importancia, deixou caer que tiña un rexistro en fío de aceiro de Manuel María facendo un anuncio de colchóns. Disque o de Outeiro de Rei acudira á emisora á procura dun posto como redactor e tivera que anunciar, con escaso entusiasmo segundo o locutor, a chegada dunha nova remesa dunha marca moi coñecida de colchóns.
Se esta anécdota apareceu nalgunha reseña biográfica sobre Manuel María, é probable que non ocupara máis dunha ou dúas liñas. Limitaríanse a dicir que foi aló e que acadou o posto ou non. Se o conseguiu, é algo que semella carecer de importancia. Desde logo, non é o que máis me interesa do asunto. No que penso é nas sensacións do poeta cando se viu obrigado a procurar traballo como redactor radiofónico (imaxino que non sería o seu oficio soñado), e sobre todo nas que lle retorcerían as entrañas ó saber que tería que consentir en algo tan decididamente vulgar coma anunciar colchóns coa euforia coa que se constata que choven billetes de 50 euros. Nada diso se conta nunca nas biografías, onde case todo, o gozado e o sufrido, o doado e o complicado, se despachan na insólita brevidade de catro palabras.

mércores, 12 de marzo de 2014

Meditación e mallas de correr

 
Foto: Lisa McCarty

Crieime nun lugar onde botaba os días de bo tempo xogando ó fútbol ou ó brilé cunha botella de plástico brando entre hortas. Non era nada bucólico: unha casa vella a menos dun quilómetro da cidade. Saudade cero: meu avó mataba ratas coma melóns coa muleta de ferro coa que corrixía daquela maneira a súa coxeira. Mais era pracenteiro cando atardecía e se mesturaban o verde e o alaranxado.
Logo de case 30 anos como urbanita indiferente percorrerrúas de edificios altos e unidos (a Avenida da Coruña é un muro desolador de case 3 quilómetros de longo), volvo procurar con frecuencia un camiño silencioso entre hortas e solares. Non é doado, aínda que pareza mentira nun lugar coma Lugo. (Nin se me ocorre procurar botellas de plástico brando na terra seca: o que marchou, marchou.) Atopeino, pero hai un problema: ou lle falta lonxitude ó camiño, ou me sobran présas a min. Nunca consigo demorarme. Debera procurar maneiras de cansar. Non hai coma ficar exhausto para forzar a tranquilidade. O malo é que as alternativas que ofrece a civilización urbana nese sentido proporcionan outro tipo de cansazo, onde non é o físico o que prima. E a meditación e as mallas de correr son algo equivalente á exaltación da rebeldía nos anuncios de moda xuvenil.

mércores, 5 de marzo de 2014

Esa forza despreocupada

Foto: Piotr Siedlecki
Onte pillei empezada El río de la muerte na Paramount Channel. Esa mesma canle repón con certa frecuencia filmes dos anos 80 do propio Michael Dudikoff, Jean-Claude Van Damme ou Chuck Norris. Hai 15 anos, un detestaba este tipo de cinema, por superficial, torpe e previsible. Hoxe segue a parecerme todo o anterior, con máis convicción aínda ó ter a miña cultura cinematográfica mudado substancialmente desde entón, non cara o sublime, si cara o máis elaborado.
Porén, non podo evitar consultar as páxinas de televisión do xornal para saber se esa noite, ás oito ou ás dez, vou ter ou non unha razón para lle abrir a fiestra á TDT.
Non é só por evasión (que tamén, e non é motivo sen peso) polo que gusto de moitas desas películas. É que ningunha coñece o adxectivo “pretensioso”. Enganan como pode enganar toda manifestación artística, mais as súas intencións son nidias. Teñen claro o seu camiño e por el camiñan, coa forza despreocupada da imaxinación (chámeselle inocencia se así se desexa) que conforma a materia elemental do contador de historias.
Aparte, son moito menos vulgares cás súas equivalentes de xénero do século 21. Carecen dese cheiro sintético da HD e dos efectos recreados en computador. Son todo o contrario, porque teñen a súa fermosura.

sábado, 1 de marzo de 2014

As rastas na porta do vagón

 
Foto: Michael Butcher

O outro día atopei nun Mercadona un antigo compañeiro da EXB. Andaba el mirando unha leituga xeitosa para as hamburguesas (a carne xa a tiña na casa e sabía positivamente que era de vaca, algo fundamental) e agardando unha chamada da empresa na que traballara de repartidor. Iso, unido ó seu aspecto de proletario de arrabalde, daríalle mil voltas a todo o realismo sucio oitenteiro. Falamos, sobre todo el (eu apenas sabía que contarlle). Fomos dar ás lembranzas, en concreto ó que foi de fulano. El, coma se tal cousa, contoume que moitos dos nosos compañeiros de clase marcharan do país. Fíxoseme difícil crer que alguén dun barrio coma A Garaballa fora cruzar o mar ou o océano, mais, polo que el oíra, tal fixeran case todos. Algúns volveran, outros seguían alá vinte anos despois. Chamoume a atención en especial o relato da viaxe dun rapaz que marchou a Estados Unidos e de alí baixou ata Colombia en tren, mais sen pagar billete: tirando o fardel dentro do vagón e saltando dentro á carreira, con coidado de non pillar as rastas coa porta. Rematou secuestrado, por español, por aqueles ós que pretendera mercar unha pouca maría, ata que  se decataron de que nin el nin a súa familia tiñan un peso (deberan telo feito antes, xa que estaba a pedir na rúa) e o deixaron ir. O máis intesante foi o seu sangue frío: logo de que ordenaran pechar a porta para que non saíra, aínda tivo collóns para poñerse falangueiro con eles. "Eu teríame cagado ós dous minutos", confesoume o meu antigo compañeiro. Eu tal vez non, pero seguramente tería tirado de coitelo e rematado furado, por paspán.
Custoume poñer atención no resto do que me contou, mesmo sen saber se o que acababa de oír sería certo. Sentínme coma quen trata de recobrarse dunha enfermidade e dar os primeiros pasos fóra da cama, para caer ó terceiro.

luns, 24 de febreiro de 2014

O toque orixinal

Foto: Karen Arnold

Á vista das imaxes que chegan desde Ucraína correspondentes á residencia privada do fuxido Viktor Yanukovich, non pode un deixar de se sorprender. Cuberterías de ouro, coleccións de automóbiles de luxo, unha gasolineira propia e din algúns que un zoolóxico. Lembráronme ás obtidas logo do rexistro do chalé de Jorge Dorribo; aqueles cairos de elefante non rematan de perder o seu oco en certos meus pesadelos fugaces.
Sorpréndeme, mais non polo que poida pensarse. Sorpréndeme a irritante falta de orixinalidade no disfrute e ostentación da riqueza. Coma un rapeiro ianqui cos dentes de ouro, aborrecemento e consternación a partes iguais é o que produce esa repetición insulsa. Aborrecemento, porque manca á vista; consternación, porque di moi pouco da creatividade e capacidade de innovación dos seus autores. Moi ilustrativo, Tony Montana, cando, sentado á mesa dun restaurante de luxo, se laiaba de ter pelexado tanto para rematar naquela esterqueira.
Aparte de seguir a ser un iluso e pedir a estas billeteiras gordas coma cochos da ceba que repartan o que lles sobra, entende un que procede o consello de se esforzar na procura do toque orixinal. Se non vas ser xusto, polo menos non me manques a vista. É ou non é?

martes, 18 de febreiro de 2014

Venus + Marte = Terra

Foto: Ian L
Hai pouco, a conto dunha manifestación de mulleres en Madrid contra a Ley do Aborto, Jorge Martínez Reverte escribía na contracapa de El País un artigo eloxioso cara as manifestantes. O particular do asunto é que do panexírico pasou decontado á humillación colectiva. Indicativa desta estraña actitude é unha frase na que vén dicir que os homes (xenérico) deben facerse a un lado e aplaudirlles desde as marxes a esas mulleres garridas que marchan polo medio da calzada dispostas a facer tremer a todo un goberno. A priori, léndoo na súa literalidade, non é máis ca unha arroutada inocente; non obstante, afirmando tal cousa, semella querer situar ós homes nunha posición subordinada, secundaria. Talmente de marxe: marxinal.
Non é a primeira vez que vexo tal cousa. É algo relativamente frecuente en homes máis ou menos cultos e mediáticos cando desexan caer en gracia ó que eles deben entender polo común do sexo feminino. Lembro a un xornalista que entrevistaba nun programa de radio a unha deportista ou árbitro, non estou certo, e tanto se inflamou o ánimo do fulano no seu desexo de afagar á "minoría", que rematou por mencionarlle á entrevistada o caso dunha colega dela que, segundo el, "mataba" (literal) ós seus colegas varóns; repetiu varias veces, teimudo, enfático, mesmo unha miga asañado, o de "matar". Imaxino que o xornalista quería dicir que o facía ela moi ben en comparación con eles. Que o verbo empregado só sería unha maneira de falar.
Digo que é unha actitude estraña por excesiva. Quen a adopta parece coidar que un sexo non é verdadeiramente libre, feliz ou como queira dicirse se non se da o rebaixamento do outro. Para min, tal idea é unha enorme imbecilidade. Non vexo como habían estar mellor, como habían facer máis forza, ca estando un á par do outro, sen ninguén en segundo plano. E acho que uns e outras adoitan mellorar coa mestura (malia que en certos colexios concertados non se decaten). Pero tal vez sexa cousa miña, que son da opinión de que nin os homes son de Marte nin as mulleres de Venus, non: todos son da Terra.

xoves, 13 de febreiro de 2014

Metamorfose

 
Foto: George Hodan


Ultimamente, estou a vivir unha especie de metamorfose. Pódeseme ver en diversos establecementos de hostalería e salas de cine en compaña doutra xente máis ou menos da miña idade. Falo de parvadas (en especial de deporte, grado de coñecemento: alto), parezo cordial ou fato, segundo o momento, e fago brincadeiras tan agudas coma, chegados a un punto, repetitivas. Con certa frecuencia, mesmo me atrapallo ó falar. Será un mecanismo psicolóxico: como a interrupción semella estar de moda en case toda conversa, imaxino que o meu cerebro transmite automaticamente a orde de acelerar o discurso. Son a inquieta imaxe do que cheguei a detestar: eses individuos que se xuntan en manda na mesa do lado a evidenciar que hai existencias ben desaproveitadas.
O contraste é notable. O meu estado máis ou menos natural é falar pouco e pausado e, por se xa fora pouco, emitindo observacións que pretendían ser agradables e interesantes e remataban parecendo saídas da boca dun personaxe de policial italiano setenteiro de serie B. 
Esta metamorfose ten un sentido. O que eu ofrecía ata entón deixábame tirado no medio do deserto sen teléfono móbil. Agora, polo menos fiquei sen gasolina nun Fiat Cinquecento tan cheo de xente que as portas non pechan. É unha metamorfose temporal, sospeito. De momento, compénsame.