martes, 23 de setembro de 2014

Os tempos nunca chegados



A nosa xeración -a de Ferreiro e a miña- amou encarnizadamente a beleza do mundo, arelou liberdades e quixo coñecer a plenitude do tempos. Estes non chegaron, non deron chegado. Os que nos chamaban “existencialistas” con desprezo non saben a razón que tiñan. Hai un amargor en todos, que en Ferreiro é acedume e desconfianza, pesimismo bestial, en suma, que percorre O minotauro de enriba a embaixo.

(Do prólogo de X. L. Méndez Ferrín)


Ten dito Xosé Fernández Ferreiro que O Minotauro (Sotelo Blanco, colección Medusa, 1989) é a novela súa da que se sente máis orgulloso, malia ter pasado máis ben desapercibida. Puido deberse isto a moitos motivos: escasa promoción, outra moda vixente no momento, ou directamente repulsión por parte do lector. Pero desde logo, se de algo pode presumir, é de forza distintiva.
A novela está ambientada no hipotético (non sei se alegórico) país de Zambomba, colonia inglesa da que os ingleses se desentenden en todo o que non sexa a explotación da súa riqueza mineira. E alí todo o que non é iso é terriblemente cruel e sanguento. Hai pasaxes da novela que, de ter sido adaptada ó cinema, ou non terían acadado o corte final ou teríanlle valido ó filme a etiqueta de pertencente ó xénero gore. Porque vexamos: Temos ó gobernante do país, un homiño ruín que gustaría de ser chamado xeneral pero debe contentarse con ser chamado xefeciño. Este xefeciño é castrador por diversión e ten unha filla de mentalidade infantil que está namorada do descoñecido que a violou un día á beira do río. Viven nun palacio que antes foi cárcere e orixinalmente mosteiro, ata que mataron a tódolos misioneiros. E disque os sotos deste palacio consisten nunha rede de túneles onde vive xustamente o minotauro ó que alude o título, un home con cabeza de boi que, segundo os rumores, é irmán do xefeciño. O da castración (na praza maior) é, por certo, costume recente: antes organizaban concursos de peidos, habilidade seica moi valorada nun home naquel lugar. A luxuria está presente, normalmente aliada coa bestialidade (algúns persoeiros gustan de mesturar sexo e canibalismo antes, durante ou despois do acto), e tamén a maxia, por moito que moitos lugares leven nome de santo. Afírmase que a raza dos seus habitantes é o produto do apareamento dunha serpe xigante cun gorila xigante. E, segundo unha lenda, o río que atravesa o país converterase un día nunha enorme anaconda que o arrasará todo. Mais, de momento, os seus nativos teñen dabondo con conter as incursións dos seus (en teoría) compatriotas da rexión da Corda Negra, os chamados “búfalos”, que periodicamente asolan e saquean o resto do territorio. O ton pesimista nivel extremo evidénciase no feito de que non se vexa que este ciclo traia xamais cambio positivo. Os zambombanos seguen adorando as diversións salvaxes malia que tamén deban padecelas; na novela explícase que isto é así porque forma parte da súa natureza, que nin forasteiros nin misioneiros lograrán mudar. Os xefeciños sucédense. Algún foi antes líder de grupo rebelde oculto na selva, e nada máis acadar o poder prometeu rematar coa barbarie, para ó final recaer nela. Todo dexenera unha vez máis.
A idea central reside nese continuo nacer-morrer-renacer, inexorable e desesperanzado. Ó comezo sinalei como unha das razóns da pouca popularidade desta novela o rexeitamento que podería provocar no lector, polo menos no que acode á literatura en busca de todo o agradable que non atopa na vida, ou non na cantidade desexada. Pois O minotauro non é nada compracente. Sen ser o que se di explícita, pon en evidencia o que nos que nos desgusta, pero co que ó tempo non podemos evitar concordar.

luns, 15 de setembro de 2014

Os vagabundos millonarios

Foto: Charles Rondeau
"A ti o que che pasa é que non tes gana de facer nada". Así me dixo un día, sen malicia, o garda xurado dunha oficina na que traballei durante un tempo. Creo lembrar que falabamos de plans de futuro e eu dixéralle que non tiña intención nin de facer as Alemañas (nin as Inglaterras) nin de preparar oposicións. O home era un madrileño descendente de andaluces, de pasado castrense e ideoloxía bastante inclinada cara a dereita; el sempre se definía, con humor, coma dereitón, de feito. Un deses á-vida-hai-que-botarlle-collóns que xamais consentiría en admitir que a sorte non se busca, senón que é ela a que nos elixe, a que nos fai. A frase é dun filme barateiro dos cincuenta, en boca da moza dun gánster, nova aínda pero de volta de todo, dirixida a un rapaz de campo emprendedor e conformista.
Tamén estes días anda moita xente a se cagar no concepto de home feito a si mesmo, a propósito dos pasamentos, moi seguidos no tempo, de dous empresarios que se axustarían a el, polo menos segundo os persoeiros interrogados ó pé dos seus cadaleitos. Á fin semellan decatarse os que maldin de algo para min obvio desde hai moito: a práctica imposibilidade de acadar un porvir pracenteiro e escaso en sustos soamente a forza de teimosía se a fortuna (ou, no caso dos falecidos, o vínculo de sangue) non acompaña. Ata agora, a mensaxe de positivismo cego caía do ceu coma un pack de botellíns de auga mineral nun deserto de condenados a unha morte lenta e dura. Bebían a auga e tiñan a sensación de que lles mataba a sede moito máis do que o facía. Agora comezan a ver que a auga que foron gardando se evaporou coa calor.
Aparte disto, é boa cousa este aparente desengano. Desde logo, moito mellor ca falsa idea anterior de que vivir arrastro dignifica ó individuo por sistema. A Luis Buñuel chamábanlle raro porque opinaba que a indixencia non embellece, senón que envilece. Os seus vagabundos de Viridiana son brutais polo costume de facer o que sexa por un cornecho de pan. Pois, segundo a moral ata agora imperante, aqueles vagabundos deberan ter rematado millonarios. Incrible? Non tanto. Moitos levan picado.

luns, 8 de setembro de 2014

Baudelaire con navalla de resorte



Chaque jour vers l'enfer nous descendons d'un pas.

Ne cherchez plus mon coeur; les bêtes l'ont mangé.



No ano 89, Sotelo Blanco tirou na súa colección Literaria a segunda colaboración entre o escritor J. A. M. e mailo ilustrador Anxo Baranga, logo de “Un pequeno favor e outros relatos de humor perverso”, aparecido na colección Medusa cinco anos antes. Esta segunda entrega titulouse O ollo pecho e outras historias desagradables. Compoñíana cinco relatos, cada un deles precedido dunha cita de Charles Baudelaire coma a de aí enriba e cada un deles coma unha ladaíña de demente, ou máis ben de enfermo social. O que dá título ó libro resulta ben actual; cito: "Dez anos atrás, un estudante constituía unha ameaza encuberta para o sistema. Hoxe é o anticipio dunha case segura futura inutilidade". Cinco relatos con sabor a sangue, a aceiro afiado, a seme e a fel. É un libro que ten o seu mérito, pois acada a distinción mesmo sen saír do rego estándar da narrativa galega dos anos 80: a prosa poética. Neste sentido, non libra dalgún lugar común propio do xénero, como é, poño por caso, a idealización da muller de poder oculto que para darse a valer precisa dobregar ó home; é o de sempre, un trasunto desa figura idolatrada por algúns deles, máis ben pouco receptivos á poesía, por certo: a nai. Mais estas eivas non chegan a resultar significativas para a intención que se persegue: un realismo ultrasucio e divagante de chutes de heroína e bragas manchadas do que non sería raro que William Burroughs tivera gustado se nacera entre Cambre e Xinzo da Limia.

N'As Pequenas Esquecidas, falo sen pretensión ningunha de transcendencia, e nin sequera de profundidade crítica, desa narrativa galega que, malia caer lonxe diso que chaman “alta literatura”, foi dalgún xeito rompedora, ousada, necesaria e inxustamente enterrada. O ollo pecho tiña que estar aquí, sen dúbida. Na súa contracapa, indican os editores que naquel tempo xa había media ducia de narradores a seguir este camiño “no panorama da narrativa galega, aínda tan pechada en si mesma, tan tímida, tan apegada á tradición”. Seis. Xa vedes que vintecinco anos, para algunhas cousas, supoñen pequeno cambio.

Dos autores, que tiñan fundado no seu día en Barcelona o grupo teatral Terceiro andar, Anxo Baranga, que aporta as dezaseis láminas de trazo violento en rigoroso branco e negro e contraste alto que ilustran os relatos, é o único que semella activo na produción artística. O autor, polo menos para min, é unha incógnita. Ignoro se ficou no barrio baixo outro nome, mais, como J. A. M., o único que podo ofrecervos é a fotografía da lapela





e toda a información que nela figura: que naceu en Peites, aldea do sur da provincia de Lugo. Tamén penso que, se este jicho de aspecto hippie ou beatnik e ollar indescifrable chegara a ler hoxe o que veño de escribir, probablemente pensaría: "Este neutro [cidadán civil, segundo o glosario de termos de slang da última páxina] non ten puta idea".

xoves, 4 de setembro de 2014

Fotos cochas

Foto: Petr Kratochvil

Puiden botar estes días un ollo a algunhas fotografías roubadas dos sistemas de almacenamento "na nube" vencellados ós smartphones de varias mulleres famosas. Non as fun buscar, que non fixo falta, supoñendo que me interesaran: as máis delas xorden por tódolos lados coma as formigas aladas nos días de bochorno. Logo de examinalas, pregunteime a santo de que tanto escándalo. De non ser polo feito (moi grave) de que a súa publicación supoñería a violación da intimidade das retratadas, atoparía frívolo que noticia tan insulsa restara oco nos medios de masas á guerra de e entre tolos en Gaza, á falcatruada da proposta de manipulación da lei electoral ou ó enredo andorrano dese preboste catalanista ó que algúns semellan considerar cunha indulxencia inexplicable.
Porque nesas fotos non vin nada de particular. Nada en absoluto. Son dunha inocuidade risible. Unha moza pousando de pé en roupa interior, ou sen ningunha, ou coas nádegas contra un cristal mentres fuma un cigarro, non vexo en que forma poida poñer en risco a seguridade internacional. A única foto un pouco distinta do resto, por ingresar xa no terreo pornográfico, foi a que representaría a certa modelo a gatas nunha cama, núa de cu ó obxectivo, separando unha cacha coa man para amosar o carreiro rasurado. A modelo, coma outras supostas vítimas do roubo, negou a autenticidade da foto. Pero supoñamos que non fora así. Que fora algo feito por unha muller para goce propio ou alleo, en todo caso privado. Digo eu: e que? Hai que entender que é caso para a psiquiatría? Ou para un exorcista? Está a facer algo en verdade impropio dun ser humano convencional?
O abraiante e patético deste asunto, e no que me dá que non se ten reparado, é o seguinte: Diríase que a sorpresa coa que moita xente terá acollido esta descuberta revela o estraño concepto do sexo feminino que terán entalado nas súas mentalidades propias de quinceaneiros coma os fundadores da páxina web que acolleu a filtración. Semellan ter a convicción de que unha muller é por defecto un ser asexual, ignorante por completo do erotismo, incapaz de tanto de sentir desexo coma de se sentir desexable. Unha especie de alieníxena ou de Virxe María. Deste xeito, claro, no momento no que a devandita modelo rebenta ese molde sen pudor ningún coa súa rachadela rotunda, é cualificada de cadela quente.
Para tanto cool guiado pola modernidade do inquisidor, aquilo do que con tanta chanza coma curiosidade (cando non naturalidade de connaiseur) se fala en conversas insustanciais pasa a ser, a nada que a distancia se acurta e se materializa en imaxe, xa non digo en acto, unha foto cocha. No tocante ó sexual, réxense polo lema de Homer Simpson: é mellor ver cousas ca facer cousas.

luns, 25 de agosto de 2014

A besta non coñece o morno

Foto: Paul Brennan
Para moitas persoas hoxe, a vida non ten sentido sen unha implicación emocional directa en case calquera fonte de conflito universal. Semellan coidar que non hai percepción axeitada da xustiza sen un sentimento agudo, ben de calor (carraxento e solidario), ben de friaxe (despectivo e condenatorio). Rexeitan a sensación morna, ou non a coñecen, non se sabe. Tal vez lles pareza inhumana.
Deste xeito, podemos ter dúas clases de sentires. Por unha banda, o reflectido, poño por caso, por Mariano Rajoy e máis Angela Merkel nesa fotografía que esperta maledicencias nas redes sociais: tocan ó santo como se toca o que segundo un pensamento estricamente pragmático é: un obxecto inanimado. Pola outra, temos individuos xustamente airados (non empregarei a palabra "indignados" por non mover a confusión, pois non falo diso aquí) por certas atrocidades que, en troques, gardan un silencio teimudo ou falan de nimiedades perante a noticia doutras atrocidades de similar magnitude con distintos perpetradores e vítimas. Pero o máis curioso deles non é ese dó selectivo, senón que, no seu ardor, pasan a considerar emblemas da loita pola liberdade e pola xustiza a máis dun "bon peixe", que dirían na miña casa, que xamais se distinguiu pola súa defensa de tales valores (antes ben ó contrario) no momento no que éste é atacado por outro bon peixe simplemente máis potente no aspecto económico e/ou no militar.
Cando o ser humano ignora, deliberadamente ou non, que a (equi)distancia é fundamental para examinar un problema e procurarlle a mellor solución, comeza a deixar de ser humano para comezar a ser besta. E a besta non coñece a zona morna. Nunca se viu ningunha que dera cura. O seu é procurar presas: ou as devora ou as abandona malferidas no deserto.

martes, 19 de agosto de 2014

1.500.000 boas intencións

Foto: Julie Gentry

Ás veces vexo, riseira de natural e acompañada de amigos, unha moza coa que teño coincidido máis veces, sobre todo na rúa da Raíña. Daquela, riseira por esixencias da profesión (coñecíaselle moi ben), era captadora para certa ONG. A última vez que me parou e intentou explicarme de que ía a cousa, respondínlle sen necesidade de forzar a cortesía que sen unha fonte estable de ingresos mal se pode axudar. Non semellou moi convencida. Engadín que ía botar unha aposta deportiva e prometín que, se gañaba (eran 44 euros de gañancia potencial, que non chegaría eu a ver), me apuntaría pola tarifa mínima, que coido que eran 3 euros mensuais. Eu pensaba facelo. Como adoita acontecerme, esta última frase estivo de máis. Coido que coidou que a coidaba parva.
Lembro todo isto cando non deixo de ver na televisión e nas redes sociais vídeos de futbolistas e actores famosos deixándose botar porriba un caldeiro de auga xeada. Seica o fan por unha causa nobre: recadar fondos para a investigación dunha enfermidade das que chaman "raras" por non chamarlles pouco rendibles para as farmacéuticas, que viría producindo unha sensación semellante en quen a padece. Non faltou quen protestou: no sitio de andar facendo babecadas diante da cámara dun smartphone, ben podían contribuir, e pouca perda sería, cun petisco dos seus elevados saldos bancarios.
Non dubido da boa intención desas celebridades, nin do seu poder de influencia sobre a masa. Hai moita xente que adopta o estilo Jersey Shore refinado que se estila en Cristianos Ronaldos varios, e para que alguén faga tal sen dúbida cómpre un grande poder de convicción e moi pouca dignidade por parte do convencido. Pero quedo co que dixo nunha entrevista o encargado de deseñar campañas promocionais para varias ONGs: faise ben máis con 1.500.000 euros ca con 1.500.000 visitas no Youtube. A miña captadora de ONG xamais o entendeu, témome.

luns, 11 de agosto de 2014

O que John Wayne e máis eu admitimos

Foto: Maliz Ong
Un coñecido felicitoume por whatsapp polo último premio literario que gañei. Tardou o seu en sabelo porque eu non adoito conceder bombo mediático a estas cousas. Para min, é un xeito máis de seguir podendo pagar uns vaqueiros baratos. Os escritores galegos non o recoñecen con demasiada frecuencia. O último ó que llo escoitei foi Roberto Vidal Bolaño, en paz estea. Alguén lle chamou o John Wayne da literatura galega. Igual mesmo lle acaía o alcume.

Ó meu coñecido expliqueille que non era o dos premios un xeito de conseguir efectivo moi diferente do das apostas deportivas. Sabemos el e máis eu, por botarmos de cando en vez unha moeda nunha máquina para selar unha combinada de sete partidos, que o azar é tan poderoso coma a morte. O éxito dunha aposta depende en grande parte de que un futbolista do equipo favorito non teña o día atravesado e se faga expulsar ós vinte minutos estilo Képler Laverán Lima Ferreira, alias Pepe. Pois nos certames literarios case ocorre outro tanto. Tamén alí hai moitos Pepes. Pode haber Pepes autores que teimen en non se cinguir ó que se agarda deles e brinquen a couces coa moda vixente; e pode haber Pepes membros de xurado resistentes a iniciar tratamento con metadona contra o academicismo ou as manías que anubran a obxectividade. É terreo minado para quen teña algo mellor (pagado) que facer na vida, desde logo. O problema é que as apostas polo método ianqui de cotas, sempre que haxa sorte, non dan máis rédito ca catro cadelas. Así que un debe xogar ó Gordo da Primitiva: pouco é o que se precisa para apostar, pero a probabilidade de premio é unha entre varios millóns. Neste aspecto, a vida dun escritor ten pouca complicación á hora de facer a escolla, polo limitado das alternativas.


martes, 5 de agosto de 2014

Negra ou policial, pero luguesa e rural

Xa saberedes que hoxe en Galicia se confunde constantemente a novela policial coa novela negra. Algúns, non sei ben por que, din “novela negra ou policial”, ben, conxecturo, por non pillar os dedos coa folla da porta, ben porque coidan que ámbalas dúas cousas son o mesmo; espero que sexa pola primeira razón. Hoxe, aquí, ata onde sei, non existe a novela negra pura no sector editorial, mas ese é outro conto.

A tres bandas, de Xosé Miranda, si podería chamarse en propiedade “novela negra ou policial”, ó posuír características das dúas. Malia que pese máis a parte policial co seu cemento estándar crime-sospeitosos-detectives para termar da estrutura, paga a pena polas súas olladas a barrios con muros de ladrillo afumado, lixo e xente de mala vida. Tamén os detectives son moi singulares: unha parella todo o crible que pode ser no xénero, e iso que son un hipertenso cataléptico case toco e un xastre comunista obeso mórbido. Mais a distinción da novela reside na súa etiqueta rotundamente luguesa e rural, dous adxectivos que aínda hoxe non din pouco xuntos. Aquí o poder é agrario, representado por un industrial leiteiro (de apelido Vence, con uve), e tamén a ameaza á estabilidade ese poder: unha esposa (ata entón) obxecto arrebatada no seu día dunha casa labrega por quen se coidaba con dereito de pernada. E un detalle maior para redondear o conxunto: no día no que se resolve a historia, a provincia fica paralizada por unha tractorada.

Só hai unha eiva importante nesta novela, polo menos segundo o meu concepto de novela negra. E é que o que os protagonistas, os bos da película, por dicilo así, procuran no fondo é o restablecemento da orde, por moito que se posicionen moralmente contra o poder. Nisto teríame gustado máis que o autor seguira o modelo Jean-Patrick Manchette e tivera convertido a ese par de detective sen gabardina por fóra mais si por dentro nun grupúsculo anarquista. Daquela (1993) aínda isto estaba permitido na literatura galega.