luns, 8 de setembro de 2014

Baudelaire con navalla de resorte



Chaque jour vers l'enfer nous descendons d'un pas.

Ne cherchez plus mon coeur; les bêtes l'ont mangé.



No ano 89, Sotelo Blanco tirou na súa colección Literaria a segunda colaboración entre o escritor J. A. M. e mailo ilustrador Anxo Baranga, logo de “Un pequeno favor e outros relatos de humor perverso”, aparecido na colección Medusa cinco anos antes. Esta segunda entrega titulouse O ollo pecho e outras historias desagradables. Compoñíana cinco relatos, cada un deles precedido dunha cita de Charles Baudelaire coma a de aí enriba e cada un deles coma unha ladaíña de demente, ou máis ben de enfermo social. O que dá título ó libro resulta ben actual; cito: "Dez anos atrás, un estudante constituía unha ameaza encuberta para o sistema. Hoxe é o anticipio dunha case segura futura inutilidade". Cinco relatos con sabor a sangue, a aceiro afiado, a seme e a fel. É un libro que ten o seu mérito, pois acada a distinción mesmo sen saír do rego estándar da narrativa galega dos anos 80: a prosa poética. Neste sentido, non libra dalgún lugar común propio do xénero, como é, poño por caso, a idealización da muller de poder oculto que para darse a valer precisa dobregar ó home; é o de sempre, un trasunto desa figura idolatrada por algúns deles, máis ben pouco receptivos á poesía, por certo: a nai. Mais estas eivas non chegan a resultar significativas para a intención que se persegue: un realismo ultrasucio e divagante de chutes de heroína e bragas manchadas do que non sería raro que William Burroughs tivera gustado se nacera entre Cambre e Xinzo da Limia.

N'As Pequenas Esquecidas, falo sen pretensión ningunha de transcendencia, e nin sequera de profundidade crítica, desa narrativa galega que, malia caer lonxe diso que chaman “alta literatura”, foi dalgún xeito rompedora, ousada, necesaria e inxustamente enterrada. O ollo pecho tiña que estar aquí, sen dúbida. Na súa contracapa, indican os editores que naquel tempo xa había media ducia de narradores a seguir este camiño “no panorama da narrativa galega, aínda tan pechada en si mesma, tan tímida, tan apegada á tradición”. Seis. Xa vedes que vintecinco anos, para algunhas cousas, supoñen pequeno cambio.

Dos autores, que tiñan fundado no seu día en Barcelona o grupo teatral Terceiro andar, Anxo Baranga, que aporta as dezaseis láminas de trazo violento en rigoroso branco e negro e contraste alto que ilustran os relatos, é o único que semella activo na produción artística. O autor, polo menos para min, é unha incógnita. Ignoro se ficou no barrio baixo outro nome, mais, como J. A. M., o único que podo ofrecervos é a fotografía da lapela





e toda a información que nela figura: que naceu en Peites, aldea do sur da provincia de Lugo. Tamén penso que, se este jicho de aspecto hippie ou beatnik e ollar indescifrable chegara a ler hoxe o que veño de escribir, probablemente pensaría: "Este neutro [cidadán civil, segundo o glosario de termos de slang da última páxina] non ten puta idea".

xoves, 4 de setembro de 2014

Fotos cochas

Foto: Petr Kratochvil

Puiden botar estes días un ollo a algunhas fotografías roubadas dos sistemas de almacenamento "na nube" vencellados ós smartphones de varias mulleres famosas. Non as fun buscar, que non fixo falta, supoñendo que me interesaran: as máis delas xorden por tódolos lados coma as formigas aladas nos días de bochorno. Logo de examinalas, pregunteime a santo de que tanto escándalo. De non ser polo feito (moi grave) de que a súa publicación supoñería a violación da intimidade das retratadas, atoparía frívolo que noticia tan insulsa restara oco nos medios de masas á guerra de e entre tolos en Gaza, á falcatruada da proposta de manipulación da lei electoral ou ó enredo andorrano dese preboste catalanista ó que algúns semellan considerar cunha indulxencia inexplicable.
Porque nesas fotos non vin nada de particular. Nada en absoluto. Son dunha inocuidade risible. Unha moza pousando de pé en roupa interior, ou sen ningunha, ou coas nádegas contra un cristal mentres fuma un cigarro, non vexo en que forma poida poñer en risco a seguridade internacional. A única foto un pouco distinta do resto, por ingresar xa no terreo pornográfico, foi a que representaría a certa modelo a gatas nunha cama, núa de cu ó obxectivo, separando unha cacha coa man para amosar o carreiro rasurado. A modelo, coma outras supostas vítimas do roubo, negou a autenticidade da foto. Pero supoñamos que non fora así. Que fora algo feito por unha muller para goce propio ou alleo, en todo caso privado. Digo eu: e que? Hai que entender que é caso para a psiquiatría? Ou para un exorcista? Está a facer algo en verdade impropio dun ser humano convencional?
O abraiante e patético deste asunto, e no que me dá que non se ten reparado, é o seguinte: Diríase que a sorpresa coa que moita xente terá acollido esta descuberta revela o estraño concepto do sexo feminino que terán entalado nas súas mentalidades propias de quinceaneiros coma os fundadores da páxina web que acolleu a filtración. Semellan ter a convicción de que unha muller é por defecto un ser asexual, ignorante por completo do erotismo, incapaz de tanto de sentir desexo coma de se sentir desexable. Unha especie de alieníxena ou de Virxe María. Deste xeito, claro, no momento no que a devandita modelo rebenta ese molde sen pudor ningún coa súa rachadela rotunda, é cualificada de cadela quente.
Para tanto cool guiado pola modernidade do inquisidor, aquilo do que con tanta chanza coma curiosidade (cando non naturalidade de connaiseur) se fala en conversas insustanciais pasa a ser, a nada que a distancia se acurta e se materializa en imaxe, xa non digo en acto, unha foto cocha. No tocante ó sexual, réxense polo lema de Homer Simpson: é mellor ver cousas ca facer cousas.

luns, 25 de agosto de 2014

A besta non coñece o morno

Foto: Paul Brennan
Para moitas persoas hoxe, a vida non ten sentido sen unha implicación emocional directa en case calquera fonte de conflito universal. Semellan coidar que non hai percepción axeitada da xustiza sen un sentimento agudo, ben de calor (carraxento e solidario), ben de friaxe (despectivo e condenatorio). Rexeitan a sensación morna, ou non a coñecen, non se sabe. Tal vez lles pareza inhumana.
Deste xeito, podemos ter dúas clases de sentires. Por unha banda, o reflectido, poño por caso, por Mariano Rajoy e máis Angela Merkel nesa fotografía que esperta maledicencias nas redes sociais: tocan ó santo como se toca o que segundo un pensamento estricamente pragmático é: un obxecto inanimado. Pola outra, temos individuos xustamente airados (non empregarei a palabra "indignados" por non mover a confusión, pois non falo diso aquí) por certas atrocidades que, en troques, gardan un silencio teimudo ou falan de nimiedades perante a noticia doutras atrocidades de similar magnitude con distintos perpetradores e vítimas. Pero o máis curioso deles non é ese dó selectivo, senón que, no seu ardor, pasan a considerar emblemas da loita pola liberdade e pola xustiza a máis dun "bon peixe", que dirían na miña casa, que xamais se distinguiu pola súa defensa de tales valores (antes ben ó contrario) no momento no que éste é atacado por outro bon peixe simplemente máis potente no aspecto económico e/ou no militar.
Cando o ser humano ignora, deliberadamente ou non, que a (equi)distancia é fundamental para examinar un problema e procurarlle a mellor solución, comeza a deixar de ser humano para comezar a ser besta. E a besta non coñece a zona morna. Nunca se viu ningunha que dera cura. O seu é procurar presas: ou as devora ou as abandona malferidas no deserto.

martes, 19 de agosto de 2014

1.500.000 boas intencións

Foto: Julie Gentry

Ás veces vexo, riseira de natural e acompañada de amigos, unha moza coa que teño coincidido máis veces, sobre todo na rúa da Raíña. Daquela, riseira por esixencias da profesión (coñecíaselle moi ben), era captadora para certa ONG. A última vez que me parou e intentou explicarme de que ía a cousa, respondínlle sen necesidade de forzar a cortesía que sen unha fonte estable de ingresos mal se pode axudar. Non semellou moi convencida. Engadín que ía botar unha aposta deportiva e prometín que, se gañaba (eran 44 euros de gañancia potencial, que non chegaría eu a ver), me apuntaría pola tarifa mínima, que coido que eran 3 euros mensuais. Eu pensaba facelo. Como adoita acontecerme, esta última frase estivo de máis. Coido que coidou que a coidaba parva.
Lembro todo isto cando non deixo de ver na televisión e nas redes sociais vídeos de futbolistas e actores famosos deixándose botar porriba un caldeiro de auga xeada. Seica o fan por unha causa nobre: recadar fondos para a investigación dunha enfermidade das que chaman "raras" por non chamarlles pouco rendibles para as farmacéuticas, que viría producindo unha sensación semellante en quen a padece. Non faltou quen protestou: no sitio de andar facendo babecadas diante da cámara dun smartphone, ben podían contribuir, e pouca perda sería, cun petisco dos seus elevados saldos bancarios.
Non dubido da boa intención desas celebridades, nin do seu poder de influencia sobre a masa. Hai moita xente que adopta o estilo Jersey Shore refinado que se estila en Cristianos Ronaldos varios, e para que alguén faga tal sen dúbida cómpre un grande poder de convicción e moi pouca dignidade por parte do convencido. Pero quedo co que dixo nunha entrevista o encargado de deseñar campañas promocionais para varias ONGs: faise ben máis con 1.500.000 euros ca con 1.500.000 visitas no Youtube. A miña captadora de ONG xamais o entendeu, témome.

luns, 11 de agosto de 2014

O que John Wayne e máis eu admitimos

Foto: Maliz Ong
Un coñecido felicitoume por whatsapp polo último premio literario que gañei. Tardou o seu en sabelo porque eu non adoito conceder bombo mediático a estas cousas. Para min, é un xeito máis de seguir podendo pagar uns vaqueiros baratos. Os escritores galegos non o recoñecen con demasiada frecuencia. O último ó que llo escoitei foi Roberto Vidal Bolaño, en paz estea. Alguén lle chamou o John Wayne da literatura galega. Igual mesmo lle acaía o alcume.

Ó meu coñecido expliqueille que non era o dos premios un xeito de conseguir efectivo moi diferente do das apostas deportivas. Sabemos el e máis eu, por botarmos de cando en vez unha moeda nunha máquina para selar unha combinada de sete partidos, que o azar é tan poderoso coma a morte. O éxito dunha aposta depende en grande parte de que un futbolista do equipo favorito non teña o día atravesado e se faga expulsar ós vinte minutos estilo Képler Laverán Lima Ferreira, alias Pepe. Pois nos certames literarios case ocorre outro tanto. Tamén alí hai moitos Pepes. Pode haber Pepes autores que teimen en non se cinguir ó que se agarda deles e brinquen a couces coa moda vixente; e pode haber Pepes membros de xurado resistentes a iniciar tratamento con metadona contra o academicismo ou as manías que anubran a obxectividade. É terreo minado para quen teña algo mellor (pagado) que facer na vida, desde logo. O problema é que as apostas polo método ianqui de cotas, sempre que haxa sorte, non dan máis rédito ca catro cadelas. Así que un debe xogar ó Gordo da Primitiva: pouco é o que se precisa para apostar, pero a probabilidade de premio é unha entre varios millóns. Neste aspecto, a vida dun escritor ten pouca complicación á hora de facer a escolla, polo limitado das alternativas.


martes, 5 de agosto de 2014

Negra ou policial, pero luguesa e rural

Xa saberedes que hoxe en Galicia se confunde constantemente a novela policial coa novela negra. Algúns, non sei ben por que, din “novela negra ou policial”, ben, conxecturo, por non pillar os dedos coa folla da porta, ben porque coidan que ámbalas dúas cousas son o mesmo; espero que sexa pola primeira razón. Hoxe, aquí, ata onde sei, non existe a novela negra pura no sector editorial, mas ese é outro conto.

A tres bandas, de Xosé Miranda, si podería chamarse en propiedade “novela negra ou policial”, ó posuír características das dúas. Malia que pese máis a parte policial co seu cemento estándar crime-sospeitosos-detectives para termar da estrutura, paga a pena polas súas olladas a barrios con muros de ladrillo afumado, lixo e xente de mala vida. Tamén os detectives son moi singulares: unha parella todo o crible que pode ser no xénero, e iso que son un hipertenso cataléptico case toco e un xastre comunista obeso mórbido. Mais a distinción da novela reside na súa etiqueta rotundamente luguesa e rural, dous adxectivos que aínda hoxe non din pouco xuntos. Aquí o poder é agrario, representado por un industrial leiteiro (de apelido Vence, con uve), e tamén a ameaza á estabilidade ese poder: unha esposa (ata entón) obxecto arrebatada no seu día dunha casa labrega por quen se coidaba con dereito de pernada. E un detalle maior para redondear o conxunto: no día no que se resolve a historia, a provincia fica paralizada por unha tractorada.

Só hai unha eiva importante nesta novela, polo menos segundo o meu concepto de novela negra. E é que o que os protagonistas, os bos da película, por dicilo así, procuran no fondo é o restablecemento da orde, por moito que se posicionen moralmente contra o poder. Nisto teríame gustado máis que o autor seguira o modelo Jean-Patrick Manchette e tivera convertido a ese par de detective sen gabardina por fóra mais si por dentro nun grupúsculo anarquista. Daquela (1993) aínda isto estaba permitido na literatura galega.

martes, 29 de xullo de 2014

A vida nun barrio popular

Foto: Daniele Pellati
Ultimamente vou de cando en vez pola Tinería. Supoño que algunhas guías de viaxe a definirían coma “barrio popular”, expresión sempre ambigua. Para quen non o saiba, a Tinería foi o barrio das putas da cidade de Lugo.
A razón que me leva a este lugar é visitar uns coñecidos que abriron hai pouco unha mestura de ultramarinos, tenda de produtos ecolóxicos e arte no Recanto do Miño. É raro que nun lugar semellante poida haber algo chamado La Alacena, pero así é. A casa que alberga o negocio, que tivo como últimos inquilinos a varios funcionarios da Xunta, fora no seu tempo un prostíbulo de certa sona. Cando mo dixeron, non puiden evitar unha ollada sorprendida en derredor, porque é o que se di unha caixa de mistos. Quixen imaxinar como sería unha esmorga en tan escasos metros cadrados e só puiden evocar o cheiro a suor e o tacto da carne húmida. A miña reticencia de sempre ó sexo de pago acrecentouse automaticamente.
Adoitamos conversar no baixo da casa, desde a porta espalancada. A actividade da praciña ó sol pásanos toda por diante dos ollos. Os turistas algo aqueloutrados que soben desde a Porta Miñá non teñen razón para tal actitude, pois non hai xente “problemática”, a diferenza do que poida pensarse nunha zona desprovista (quitada a tenda dos meus coñecidos e o pub Diablo, só para noctámbulos) doutro comercio que non sexa o das poucas prostitutas que fican tripando nas súas pedras. De feito, e polo que levo visto, case nunca acontece nada. Iso é o desconcertante: as vidas desa xente semellan ser, nunha alta porcentaxe, inactividade. As das mulleres non tanto: teñen que traballar co seu corpo. Os homes, todos de mediana idade mínimo, si que son pouco máis ca estatuas lenemente animadas. Se non fora porque é bastante obvio que ignoran o budismo ou lles importa un carallo, pasarían por mestres zen. Algúns, malia todo, desmenten ese aire abúlico bradándose incoherencias uns ós outros, ou ben a esas eslavas taciturnas e latinoamericanas rechamantes que de seguro supoñen a razón esencial da súa presenza desleixada nos portais. Case todos teñen o aspecto característico daqueles homes de antes de escarvadentes e camisa de manga curta que, unha vez abandonados pola muller, xa non volvían afeitarse nin vestir roupa limpa.
Faise insólita a existencia de individuos así. Desde a soleira, un pregúntase onde se meterán, que é o que farán, como vivirán cando non están aí, sentados á sombra, baduando obscenidades coma se para eles non existira máis nada.

venres, 18 de xullo de 2014

Oficio de merdáns

Foto: William Morris


Hoxe, nunha carta ó director de El Progreso, o poeta Manuel Xosé Neira lamenta o que entende coma desconsideración por parte do Concello de Lugo cara os colaboradores da revista poética Xistral. Disque os devanditos colaboradores non viron un can polos seus poemas, e que mesmo o acto de presentación foi máis ben pouco elaborado, sen sequera "un viño español e uns pinchos". No tocante ó pago das colaboracións, indica o poeta unha "cantidade simbólica" desexada de 30 euros por poema. Haberá quen estime estas demandas enunciadas con certa candidez. Se fose así, que agradeza a propia inocencia, pois significa que ignora o que supón intentar sobrevivir adicándose á escrita en galego.
Non estou ó tanto das condicións de colaboración na revista. Adiviño que non se pactara pago ningún ós participantes. Seguro que tal afirmación non vos chamou nada a atención. É o típico. Se un organismo contrata, poño por caso, un informe de viabilidade dun servizo calquera, dase por feito que haberá factura e desembolso. En cambio, dun artista o que se sobrentende é que se trata dunha persoa que normalmente exerce un oficio de encher horas mortas non ocupadas polo verdadeiro, e que ha de facer algo para os demais (non é outra cousa, publicar unha obra literaria, e digo «para» e non «por», ollo) sen pretender recibir contraprestación xusta. Desde o comezo, debe aceptar unha condición que se teclea axiña: a esixencia de total altruismo. Entende un que, xa que se lles nega un pago material, rematarán por percibilo doutro tipo, tal vez en forma de puntos extra para opositar ó Ceo. Mentres non chega esa hora, Manuel Xosé Neira definiu a situación da seguinte maneira: "queren tratarnos coma a merdáns".

luns, 14 de xullo de 2014

Só podía chamarse Frank



"Esta noveliña -se así pode chamarse- foi escrita, dun tirón, unha desas noites en que o sono non da chegado. E, para pasar o tempo, un, do mesmo xeito que pode ler, ponse a escribir sen moitas ganas. Por iso -e isto é o que quería dicirvos- se algún valor ten é a súa espontaneidade. E, quizais, quizais, o de ser a primeira obriña do Oeste que se publica en lingua galega. Nada máis."

Seguindo con Xosé Fernández Ferreiro, o que vides de ler é o prólogo d'A morte de Frank González. Levaba razón nisto último o autor: foi o primeiro western literario galego. Igual que ocorre no cinema actual, o seu xénero está moi escasamente explotado na literatura galega. Só Isidro Novo, que eu lembre, tivo a audacia de retomalo hai xa anos co seu nabowestern carallán Por unha presa de machacantes (Edicións Positivas). Poida que lle adique unha vindeira entrega d'As pequenas esquecidas.
A morte de Frank González consiste nunha ollada múltiple deitada sobre un mesmo e enigmático personaxe. Un a un, os membros dun grupo de persoas que conversan por escorrentar o tedio dunha espera van dando cadansúa versión acerca da identidade e feitos do individuo, todas ben distintas unhas das outras, como é frecuente na humanidade. Que se era rancheiro, que se era bandido, que se andaba envolto con esta, que se tivo leas con aqueloutro... Nada se sabe con certeza, mais é así como se vai compoñendo un rompecabezas, sen pretensión ningunha de transcendencia, como era típico do seu autor, e así e todo encantadoramente armado ó longo de 91 páxinas en letra Arial, como era típico da editora, a tamaño grande.
A edición primeira, das infravaloradas Ediciós do Castro, aparecida o mesmo ano da fin da ditadura franquista, é estupenda, co papel máis ben amarelo non por mor do paso do tempo e mailas ilustracións de Luis Seoane a toda páxina en rigoroso branco e negro, agás a da capa que reproduzo aí enriba co meu escáner barateiro, da cor do sol que esmorece, con esa grafía de cartel de spaguetti-western e ese Frank González bigotudo e mal afeitado, de ollada indescifrable. Porque o protagonista sempre ausente non podía ter outro nome. Nada sería igual se non se chamara Frank, e non o sería se non se chamara González.

luns, 7 de xullo de 2014

LUGO BAIXO O TERROR DOS ZOMBIS. Idea para un filme

Foto: Kim Newberg
Neste tempo de sol a cada punto máis estable, vira masivo un fenómeno frecuente entre os lucenses menores de 40 anos: o abandono a escape da cidade para pasar fóra cada fin de semana. Nas tardes de sábado ou domingo de verán é practicamente imposible tomarlle unha con ninguén aquí: andan todos a percorrer os montes en bicicleta de montaña, a facer a ruta dos pubs por Melide ou non se sabe ben o que nas súas respectivas vilas natais ou en Viveiro, Coruña, Porto ou Tegucigalpa. A hostalería local celébrao: hai quen aproveita para pechar algún dos dous días (ollo: falamos de fins de semana) ou directamente o mes enteiro, algo que, coa chegada de turistas estivais, resulta cando menos ousado. Así, Lugo vólvese cemiterio desde o venres á tarde ata o luns á mañá. Polo menos para quen non guste de museos, que son lugares onde só hai obxectos inanimados.
Nisto cavilaba eu onte á noite, mirando Nova York baixo o terror dos zombis, de Lucio Fulci, logo dunha xornada depresiva, de acidez de estómago e pensamentos escuros. E ocorréuseme que tal vez o fenómeno que aquí acontece puidera ser igualmente explotable no cinema. Velaquí a

SINOPSE: Un mozo, preferiblemente forasteiro: alemán, francés, inglés, nórdico..., chega a Lugo para un reencontro cunha amiga lucense que coñeceu no Erasmus, por poñerlle. Non a avisara antes, pois quere que sexa unha sorpresa. Si, o mozo coida que houbo algo entre eles e ven confirmalo. É un tipo de “carácter complexo”, como se di agora. Chega un sábado de xullo. E claro, a pomba voou, coma case todo o mundo. O número de teléfono que dela conserva está anticuado, e non sabe onde vive, nin lle coñece á familia, nin amigo ningún. Comezará a pescudar, e non só para dar coa amiga. Polo camiño, xa reparou no aire estrañamente desolado e poeirento dunha cidade de 90.000 habitantes e un potencial turístico nada desprezable, sobre todo histórico. Contará coa axuda dunha atractiva e inexperta axente da Policía Local, tamén de orixe forasteira, aínda que española, á que atopa ociosa no Parque Rosalía; resulta que a envían desde Sanfiz a patrullar a cidade a xornada completa, a xeito de novatada. Logo de removeren Roma con Santiago, saberán, por boca dun home excéntrico e solitario, da maldición que ameaza á cidade. E é que, se se dan unha serie de factores, abriranse as tumbas dos cemiterios e caerá sobre Lugo unha catástrofe zombi. E esa catástrofe só podería darse en sábado ou domingo. Por iso os máis dos habitantes foxen nesas datas coma a cabra foxe do coitelo. Poñamos que é preciso un Elixido para o seu desencadeamento, tal vez o propio mozo forasteiro, e que este, sen querer, chega a facelo. Os tres heroes terían que procurar, daquela, coas rúas tomadas polos mortos viventes, unha solución antes de que fora demasiado tarde.

Coido que o exposto abonda para unha serie B adorable. Coma na matanza do porco, todo se aproveitaría. Boa parte do elenco podería ser local: sequera coma extras maquillados de zombis, moitos lucenses gustarían de aparecer nunha película. Eu mesmo podería ter un papel, ben o do mozo forasteiro, ben o do solitario excéntrico; a este último acaeríalle o personaxe dun xogantín empedernido das máquinas de apostas deportivas, ou o do único home novo da cidade que senta nas mesas dos bares cun libro e non un smartphone entre as mans. E as localizacións que? Imaxinade a Avenida de Ramón Ferreiro (noutro tempo denominada Camiño do Cemiterio, por certo) a inzar de cadáveres andantes vestidos cos restos do traxe dos domingos co que foran soterrados. E ós nosos heroes cercados pola horda putrefacta na Praza de Santo Domingo. Ou combatendo a golpes (ou disparos, no caso da axente) na cabeza dos mortos entre as casas vellas de Paradai. Espectacular.
Só é un argumento, madía leva. Mais sería un desperdicio deixalo quedar sen convertelo en guión, algo ben factible para mentes hábiles. Lugo precísao. É unha cuestión elemental de aproveitamento dos recursos locais.