martes, 7 de abril de 2015

Vivir ó 3,5% de xuro

Foto: Lynn Greyling

Nunha novela inédita miña que gardo no caixón máis profundo (que hoxe sería un arquivo .rar con contrasinal), ambientada nun tempo futuro máis ou menos distante, menciónase de pasada unha mudanza na educación universitaria. O Goberno, disque para facilitar a inserción laboral dos alumnos de Humanidades, introduce nestas carreiras materias obrigatorias propias doutras técnicas coma Administración de Empresas. Malia ter prometido o contrario, ó cabo estas “intrusas” rematan por “colonizar” Filosofía ou Belas Artes, reducindo a minoría en canto a horas lectivas materias específicas destas. O mercado manda, amigo. É unha novela crúa, nada sutil a propósito, redactada (por esta razón) no ton máis axeitado para o caso: o xornalístico. Dubido que vaia publicarse algún día. Coido que a poderían acusar de case tódolos -ismos considerados negativos no mundo hoxe; as feministas da fe cega absoluta habían querer ofrendar a miña cabeza á súa deusa e a crítica máis elegante procuraría facer o que o seu manual suxire perante unha obra mediocre: ignorala. En realidade, só fala dun tema moi vello: os instintos primarios. Pero ese é outro conto.Punto. Onte lin nun artigo de María do Carme García Negro que a OCDE propón a inclusión de Finanzas, e non sei se doutras materias polo estilo, como troncal na Secundaria española. Xa vedes por que lembrei a miña noveliña. Leva escrita oito ou nove anos e deu no cravo; mágoa non ter ese tino coa lotería. A señora García Negro conxectura que a idea é unha sorte de vendaxe para unha ferida por aparecer: Ata agora, ninguén precisa entender de Finanzas para xestionar, por exemplo, as propias cotizacións ó fondo público de pensións; é algo que fai o Estado. En cambio, se tal fondo desaparecera en favor de entidades privadas, supoñendo así que o Estado se desentenda do porvir da persoa, por forza esa persoa si precisaría tales coñecementos para non verse nun apuro cando lle branquee o cabelo. Gustaría de pensar que esaxera.
A outra putada é xustamente a sutileza que tal suxestión, se se lle quere chamar así, implica. É unha miseria de vida estar a mirar un cadro de Laxeiro e que o asunto central no caletre sexan as contas acerca do capital final nunha operación de compra a crédito en tres anos ó 3,5 de xuro anual. O mundo da miña novela só era amigable cando xurdían a amizade e mailo amor. Se é que non son tamén fiscalizables.

Ningún comentario:

Publicar un comentario