luns, 2 de novembro de 2015
As deficientes resistencias galegas
Foto: Виталий Смолыгин
Un amigo acode griposo a unha cita. Seica lla pegaron os seus sobriños, nenos de 5 ou 6 anos. Como se supón que teñen menos defensas no corpo, o virus saíu deles coma un amante dos chourizos ceboleiros sairía da feira de Santos de Monterroso. A semana anterior xa topara eu na Milagrosa cun ex compañeiro de clase con febre alta que me chamou o seu “anxo da garda” antes de pedirme un monllo de panos de papel; a el pegárallo súa avoa pola mesma razón de resistencia insuficiente. Eu, polo que se ve, non teño duda, que así din por aquí. Enfermo en tempada, como ten que ser. No resto deste sitio, vese que as resistencias andan baixas.
E falando de resistencia, marabíllame ou dáme pena, segundo teña o día, como os temas máis inanes, que non deberan sobrevivir moito tempo, semellan morrer e resucitar sen pausa aquí. Resistencia Galega nunca se deu conta, ou non o parece, de que nada sería sen as mesmas almas de cántaro que os tiran do limbo unha vez e outra, a cada detención de calquera mozo con barba e chándal, a cada orde de proscrición de calquera moza con gafas grandes capaz de falar galego normativo nunha panadería de barrio. O outro día, a nai do mozo detido aquí en Lugo, aí preto da Avenida da Coruña, se non lin mal, insistía en que o rapaz podía ser “independentista, pero non terrorista”. Témome que o matiz sexa inexistente para os ideólogos da operación. Hai veces que os nosos inimigos son os que nos manteñen con vida: unhas, porque lles convén; outra, por propia estulticia deles.
Tema distinto é ese remedo de debate sobre a existencia da propia Resistencia Galega. Tampouco o teño claro. Unha pota chea de cravos e explosivos digo eu que non é cousa que se leve no maleteiro do coche para ir matar os ratos do faiado da casa da aldea. Pero a saber; calquera explicación, sobre todo canto máis inconcibible, é hoxe altamente probable. Algo descorazonador que intúo nas actitudes dos que a negan, e o que me da máis que pensar, é unha percepción alterada do asunto por trabucar conceptos elementais. O cariño compasivo co que falan da suposta organización (defensa que eu acharía ofensiva se militara nela) suxire que non a consideran terrorista como non se considera asasino a quen quixo acoitelar costas alleas e viu como a folla do coitelo tronzaba antes de poder causar dano. Hai xa moitos anos, nun programa de televisión ríanse do grupo terrorista Terra Lliure porque a policía lles descubrira o “arsenal” oculto nun campo de fútbol: o máis daniño eran un par de bombonas de gas, das dos cámpings, coido que baleiras.
Do mesmo xeito, o meu amigo e o meu ex compañeiro non irían pensar que uns de cativiños e unha vella foran quen de facerlles pasar un par de malas noites e máis días nos que todo sabe a nada. Mesmo o chourizo ceboleiro.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario