luns, 12 de outubro de 2015
Se a Baltasar lle morrera o camelo
Foto: Peter Griffin
A Jonathan Franzen déronlle unha pouca estopa crítica a conto da publicación da súa última novela, Pureza. Obxectáronlle, desde unha páxina do Guardian e outra do Harper's, a suposta negatividade da imaxe das súas personaxes femininas. Non lles importou, polo que se ve, que estas sexan centrais na trama. Franzen obrou aquí de neno ben educado na corrección política, sen recoñecemento.
O pero consiste en que as mulleres desta novela non se conducen de xeito moi admirable nin intelixente. Nelas abundan inseguridades, frustracións, decepcións e manías. Nada que non sexa do máis común neste mundo hoxe, onte e aventuro que desde hai milleiros de anos. A única noticia que se coñece de mulleres carentes destes lastres descualificantes chamados defectos humanos figura na Biblia; a virtude milagrosa desta Señora é ben dubidosa desde o punto de vista racional.
Franzen defendeuse co argumento de que cómpre saber diferenciar ficción de realidade. Coma se o retratado na súa novela non fora perfectamente realista. Paréceme un movemento temeroso de contrariar, coma dicirlle a un neno caprichoso de familia mileurista/subsidiada en Reis que o regalo carísimo que pedira non chegou porque tiña que traelo Baltasar e morreulle o camelo dunha hernia polo camiño.
Lin en algures un retrato doutro escritor, Roald Dahl, moi coñecido pola súa obra para nenos e rapaces (e menos polo resto, igualmente relevante). Dicíase alí que morrera “tramando canda os nenos unha conspiracións contra os adultos” ou algo polo estilo. Pois motivo hai para pensar que o logrou, post mortem e de xeito máis sutil ca unha revolución “física”. Ese lado infantil, irracional e intransixente, está a impoñerse en moitos humanos que xa non precisan amosar o carné de identidade para mercar unha botella de alcol destilado e poden guiar un coche, dirixir unha empresa ou entrar nunha lista electoral. O que lle ronca o nabo é que non fican nas súas casas coas persianas baixadas, como sería comprensible en alguén que coida ter nacido nun mundo que non lle corresponde. Polo contrario, poden e con frecuencia queren tomar parte nese mundo que, ó tempo, rexeitan cunha perrencha de calibre 30 se non se axusta á idea exacta que del teñen, algo que moi raramente ocorre.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario