luns, 27 de outubro de 2014

O votante automático

Foto: George Hodan
Ramón Vázquez, representante de AGE e EU en Lugo, afirma ter sido testemuña dun carreteo impúdico de votantes desde un asilo de anciáns cun sobre pechado na man ata un colexio electoral nunhas recentes eleccións. Seica algúns dos carrexados eran octo ou nonaxenarios con lagoas de memoria do tamaño de cen lagos Victoria; unha mesmo evidenciou a súa perplexidade diante da urna: "Que estou a facer aquí?". Os acompañantes serían varios membros do PP lucense, entre eles o seu líder, e varias monxas que rexentan o propio asilo. Soa berlanguiano, con olor mestura de fixador e sacristía.
Este tipo de cousas son carnaza para a prensa; é o típico artigo da sección Galicia de El País. Sen embargo, e para quen non sexa lucense, advirto que o carreteo de votos ten sona de práctica moi habitual aquí desde que hai eleccións. Xa saberán o chiste: Un autobús cheo de anciáns camiño do colexio electoral, un deles intenta abrir o sobre para saber a quen vai votar e resulta increpado polo condutor: "Home, que o voto é segredo!". Aquí dánse tantas infamias así que a indignación resulta freada pola preguiza.
Mais no que eu andaba a pensar é no seguinte. Esta actividade é criticable pola falta de vontade do votante, mais o certo é que moitos votantes non carrexados son igualmente votantes automáticos. O seu voto non procede dun xuízo crítico. Votan por costume e/ou por desconfianza cara os demais. Non é nada o que coñecen do partido ó que votan, realmente, pero está ese acto tan enraizado na súa vida que non a entenden sen el, ou con el noutra dirección. Móvense non saben moi ben cara onde nin para que, pero se deixaran de facelo morrerían. "Un tolo é quen non sabe onde ir". Non lembro agora a quen llo lin, pero a frase é certeira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario