mércores, 11 de decembro de 2013

Arrenégote, escritor conselleiro

Foto: Peter Griffin
Hai pouco lin na rede unha lista de consellos de (seica) Ray Bradbury para aspirantes a escritores. Non aportaban novidade ningunha con respecto a outras listas de consellos doutros autores consagrados. Basicamente, poderían resumirse en tres puntos: divírtete co que fas, acumula moreas de coñecementos e le libros e mira filmes dos de antes.
Se acaso, unha novidade si que me aportaron: a de saber que Ray Bradbury fora tan capaz coma outros bos escritores de caer nas inxenuidades e lugares comúns asociados con demasiada frecuencia á imaxe estándar do gremio.
Non me estenderei en explicacións. Direi que calquera obra literaria, mesmo a que poida antollarse pouco inspirada, custa moito traballo, e a súa realización rara vez resulta un proceso verdadeiramente divertido: hai que botarlle moita forza de vontade, e sobre todo contar con vocación. Que, polo menos segundo a miña intuición, o necesario para a creación literaria máis profunda e transcendente (límpense estas palabras de toda connotación esnob que se lles poida atopar) non se atopa en ensaio nin libro técnico ningún; non está aí, senón en todo o demais. E que hai que andar con coidado á hora de recomendar este autor ou aquel director “clásicos” no sitio de merdas modernas; seguramente, no tempo no que estes “clásicos” publicaban e estreaban, habería máis dun experto a recomendar autores e directores anteriores, e non aquelas merdas modernas.
En fin. Remato coa miña lista de consellos para aspirantes a escritor:
Non fagades moito caso dos consellos para aspirantes a escritor. Cando se acadou o cume, faise moi tentador ver o pé da montaña demasiado preto. Cando un chegou arriba, xa ten pouco que ver co que comezou a rubir. É un contrasentido, mais coido que así é.
Máis nada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario