mércores, 11 de setembro de 2013

A morte en coiro

Foto: Petr Kratochvil
Están este fulano e máis súa nai falando na cociña. Díxome-díxomes familiares. O fulano ten corenta e moitos e case nunca sae da casa. Non se fía dos bancos nin da xente. Desde que perdeu o emprego, engordou 15 ou 20 quilos lambetada vai e lambetada vén, só mira faladoiros de política das canles privadas (encántalle Intereconomía) e, cando o chama por teléfono algún coñecido, finxe non estar. Pois o caso é que semella facerlle moita gracia algo que dixeron sobre un antigo compañeiro da construción hai pouco.
“Xa oíches”, dille á nai, que atende sen dicir nada, talmente un obxecto decorativo de 70 anos. “Disque Xan de Tal está aborrecido da vida. Así me dixo o outro día Paco de Cal que lle dixera cando se atoparon nun bar: 'Eu o que quero é morrer dunha vez. Vou canso de vivir'.” Repite todo isto remedando unha voz bruta e queixosa a un tempo. E escarállase coa risa outra vez.
Volve repetir a frase, máis ou menos coas mesmas palabras e ton, e volta a escarallarse. Así leva varios minutos, veña e dálle. O bandullo bríncalle coma un saco de plástico cheo de unto. Debe resultarlle ridículo que alguén tan real diga algo tan de melodrama. Por moito que Xan de Tal leve anos a tratamento con antidepresivos, desde que a muller pedira a separación, segundo ela por ir “farta dun burro que só vale para traballar”. E este fulano, nada. Coma se estivera a imaxinar á morte en coiro.
Hai moito que eu aquí non paso de convidado, así que me limito a observalo cun moderado aire crítico. El non semella decatarse. Ou si, pero fai burla da miña expresión severa. Non se lle remata a corda. Segue e segue, repetindo palabras e risadas. “Eu o que quero é morrer dunha vez. Vou canso de vivir”. Palabras e risadas, palabras e risadas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario