luns, 4 de xaneiro de 2016

Neurose sen cancelas


Foto: Peter Griffin

Non sei se foi a tarde de Noiteboa ou de Noitevella cando volvín atopar na rúa unha antiga compañeira de curso. Os nosos encontros son moi especiais: cruzámonos na rúa, paramos un segundo, ela di, con présa, sen deixar de sorrir e sen traza de verdade, “Non podo falar, que chego tarde” e sigue andando a paso lixeiro. Aquel non foi distinto. Desta fun eu o primeiro en sorrir, por inercia. “Xa o sabes, verdade?”, díxome ela. E todo foi igual polo demais. Sempre me intrigou esta cortesía, bastante habitual, polo menos nesta cidade. Aínda preferíndoa á súa ausencia (que a persoa coñecida mude de acera ó me ver, que tamén acontece ás veces), atópoa bastante inútil. Para o caso, porque eu tampouco amosei intención de retela. Pensei que, se as cousas foran doutro xeito nas relacións sociais, a ela non lle importaría parar un pouco, nin a min. Uns minutos de parola na rúa non son algo tan transcendente nin penoso, por moito que nos poida aburrir, que non se poida facer a concesión á urbanidade. Esa sería a verdadeira cortesía.
Pero as cousas non son doutro xeito nas relacións sociais. Un dos meirandes (e estrañamente populares) desatinos que teño oído sobre a chamada violencia de xénero é que se trata dun complot do sexo masculino para erradicar da terra o feminino, evocando unha moi improbable alianza nacional ou mundial de varóns homicidas contra a muller non sometida, ó estilo do Daesh (organización de orixe e intereses ben dubidosos) contra todo canto sexa haram (das minisaias e o alcol para arriba). Paréceme mentira que a ninguén se lle ocorra unha razón máis obvia para todo isto: que moita xente atopa hoxe máis dificultade para aturar a outra da que poderían atopar décadas ou séculos atrás. Que a neurose a cada punto atopa as cancelas de peor calidade. Que a sensación permanente, tan deste tempiño pueril, de non ter un intre que perder ou (peor) de estar a perdelos continuamente é coma a xeada negra para calquera tipo de convivencia humana. Fai á persoa sentirse autorizada a pasar por enriba de todo con tal de conservar ese tempo para si mesma, cando o trato dun ser humano con outro con frecuencia implica a perda, ou a cesión del.

Ningún comentario:

Publicar un comentario