luns, 11 de xaneiro de 2016

Con Valle-Inclán viviamos mellor


Foto: Lynn Greyling

Lamentaba a semana pasada Carmen Peña que a súa única parente viva que coñecera a Ramón María del Valle-Inclán fora xa incapaz de conservar na memoria moitas das anécdotas que sabía del. A Carmen, das coñecidas, chamábanlle a atención sobre todo as “trasnadas” desta personaxe. Non se referiu en ningún momento a iso que chaman “bohemia”: punto ó seu favor.
Alguén coma Valle Inclán, se algo tiña dereito a se permitir, eran trasnadas. A vida de quen apenas sabe facer máis nada ca escribir debera levar aparellada unha licencia para a brincadeira de cando menos seis horas diarias, porque se non só resta o suicidio. Tamén digo que, por moito que a supervivencia sempre fora cousa complicada para xente tan pouco pragmática, teño a impresión de que esta especie atopaba noutro tempo máis probabilidade de chegar á vellez sen sufrir de inanición ca hoxe. Non sei precisar cando a letra foi perdendo atractivo en favor do ratio de rendibilidade. Tal vez, en España, fora nos anos oitenta, cando tantos mozos co título universitario a estrear daban en se peitear coma Mario Conde. O caso é que desconfío da aparente fascinación por ese mundo idealizado de lapelas de libros supervendas con foto sorrinte que enche talleres de “creación literaria”. Ningún escritor espertará tanto interese pola súa simple condición de tal na clase media-alta que se lle permita durmir nun sofá alleo canto tempo queira ou se lle enchufe de articulista de xeito que poida pagar o alugueiro sen ter que manchar as mans nun polígono industrial. Paréceme que a profesión hoxe considerada máis “cool” vén sendo a de economista. Coma se entre a parte da poboación coa vida máis ou menos resolta tivera sucedido un despertar brusco, deses de acordar boca abaixo na friaxe do piso que é a realidade. Tal vez porque a certeza de que esa vida estea resolta sexa moito menor do que sería noutro tempo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario