luns, 15 de xuño de 2015

Guillermo Zapata no Misisipi

Foto: University of Wisconsin

Ó escritor e concelleiro do novo goberno do Concello de Madrid, Guillermo Zapata, da marea á fronte da cal se atopa Manuela Carmena, puxéronlle diante dos fuciños, ós dous segundos e medio do nomeamento, uns seus tuits-chanza de hai catro anos acerca da cremación de xudeus cando o Holocausto e das extremidades protésicas de Irene Villa. Aforro conxecturas sobre o por que deste retorno repentino á actualidade dun comentario nunha rede social, algo que é, polo común e como máximo, efémero coma o fume de cigarro nun día de vento. Hai unha moi obvia, pero sexa como for... El, botando man como puido ó escudo para tornar a chuvia de frechas virtuais envelenadas, afirmou que os tuits estaban descontextualizados (e seguramente así sexa), pediu polo dito unhas desculpas mecánicas que poucos afirmaron crer e argumentou o seu acto de entón dicindo que gusta moito do “humor negro”.
O que máis me interesa é isto último, polo que ten de contraditorio. A falta de saber se a Zapata lle sigue tendo chiste o chiste, entendo en sentido literal o tempo presente da afirmación sobre o seu gusto polo humor negro. O que fixo Zapata ó referirse a unha morea de xudeus reducidos a cinza e sobre as limitacións físicas da vítima dun atentado terrorista, á marxe do contexto, foi chancear sobre o mal de outro. Zapata é un español clásico. O español clásico adora rir, e é quen de rir do que e de quen sexa, agás do que lle afecte directamente. Iso si que non: considérao complexo de inferioridade ou faltarse ó respecto. En troques, calquera humorista de ben vos dirá que, para rir doutros, antes cómpre rir dun mesmo. E Zapata non me parece da clase de persoas, a cada punto máis escasas entre Bergondo e Mazarrón, que conten con tal calidade. Polo contrario, da impresión de tomar case todo demasiado en serio.
No tocante a análise política institucional, por se forades tan morbosos, velaí vai. Aínda que Zapata mal deu feito no medio das coiteladas, tampouco faltou, nas redes en particular, quen lle botou azucre ó cagallón co argumento multiusos de toda a vida: noutros partidos téñenas piado máis gordas e ninguén deu fala de escándalo, así que esta ringleira torta tampouco vai contar. A ver: En Na calor da noite, o filme que adapta a novela de John Ball, un detective negro de Filadelfia, Virgil Tibbs (Sidney Poitier), vese obrigado a investigar un caso de asasinato nunha viliña do Sur canda o sheriff Gillespie (Rod Steiger), un policía branco e racista, no setembro asfixiante de 1966. Nunha escena, Tibbs, convencido de que o asasino é un terratenente algodoneiro aínda máis retrógrado ca Gillespie, esixe a este que lle permita actuar contra el. “Estou a piques de tirar a ese fantasmón do seu tobo!”, exáltase no medio da rifa, apertando o puño con carraxe. Tal vez aínda lle doian os desaires que a súa cor de pel lle trae na vila ou o lapote que o cacique lle ceibou cando quixo interrogalo, indignado pola acusación dun potencial braceiro dos seus campos vestido de executivo. O sheriff deixa quieto na boca o escarvadentes no que remoe, olla para el en silencio, coa cabeza ladeada, a través dos seus lentes amarelos, e replica, amodo: “Vaites, mozo... es igual ca todos nós, verdade?”. Aí o deixo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario